Siniestro Total

grupo de música punk-rock galego

Siniestro Total é un grupo de música punk-rock galego, formado en Vigo en 1981 por Germán Coppini, Miguel Costas, Alberto Torrado e Julián Hernández,[1]. Tras pasar por varias formacións, a actual ficou con Julián Hernández, Javier Soto, Óscar G. Avedaño, Ángel González e Jorge Beltrán.

Siniestro Total
OrixeVigo, Galicia Galiza
Período1981 - actualidade
Xénero(s)punk rock, hard rock, blues-rock
Selo(s) discográfico(s)DRO, BMG/Ariola, Virgin, el Diablo
MembrosJulián Hernández
Javier Soto
Óscar Avendaño
Ángel González
Jorge Beltrán
Antigos membrosGermán Coppini
Miguel Costas
Alberto Torrado
Segundo Grandío
Na rede
siniestro.com
IMDB: nm2851765 Twitter: Siniestro_Total Spotify: 3baxdZ69449O6BMd7yuYXv iTunes: 14759114 Last fm: Siniestro+Total Musicbrainz: d320be5e-ba25-4113-8b22-5c64ab87fcd2 Songkick: 457584 Discogs: 784864 Allmusic: mn0000757464 Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Circunstancias previas

editar

A finais da década de 1970 a Antón Reixa regaláronlle unha batería. Porén, este, vendo que non a utilizaría, regaloulla á súa vez a Julián Hernández coa condición de que formara un grupo de música. En 1979, Hernández coñeceu no instituto a Miguel Costas e a Alberto Torrado, e nese mesmo ano contactou con eles Javier Soto. No verán formaría con eles e dúas persoas máis, para cumprir a súa promesa con Reixa, un sexteto que levaba por nome El Sexteto del Blues, que realizou un único concerto o 26 de agosto de 1979 en Vigo, para se disolver despois. Neste grupo, Miguel Costas e Javier Soto tocaban a guitarra, Alberto Torrado o baixo e Julián Hernández a batería.

Pouco despois Javier Soto comezou o servizo militar, mentres que Miguel Costas, Alberto Torrado e Julián Hernández formaron o grupo afeccionado Coco y el de los Mil Quinientos. Xa en 1980, o grupo, tras varios cambios de nome, adoptou o que parecía ser o definitivo: Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano.

O nome actual de Siniestro Total xurdiu o 20 de agosto de 1981. Javier Soto recibiu un dos seus primeiros permisos para saír un tempo tras entrar na mili, e aproveitou para volver cos seus antigos compañeiros e saír con eles unha noite por Vigo. Ao regresar a casa, o Renault 12 Familiar no que viaxaban sufriu un serio accidente na avenida de Beiramar, en Bouzas. Todos os que ían no vehículo (Miguel Costas, Javier Soto, Alberto Torrado, Julián Hernández, Manolo Romón e José Manuel Barros) foron trasladados ao Hospital Xeral de Vigo e atendidos polo persoal de urxencias. O accidente non implicou secuelas para ningún dos seis ocupantes, mais a compañía na que estaba asegurado o vehículo declarou o seu estado como siniestro total, de onde tomaron o nome que quedaría como definitivo.[2]

Comezos da banda

editar

No outono de 1981 a banda comezou a ensaiar, a gravar temas e a promocionarse, pero faltáballes un vocalista. Atoparon a Germán Coppini, quen aceptou ocupar o posto do cantante en Siniestro Total. A finais de ano o grupo tiña catorce temas e empezou a publicitarse como "un grupo vigués cunha concepción iconoclasta e neo-dadaísta nos textos: punk-rock galego contra o aburrimento xeral", ou, tal como os definiría Antón Reixa nunha das primeiras gravacións das que se ten constancia, como un grupo de "esquizorock celta", e distribuíu a maqueta que tiñan gravada. Jesús Ordovás, que daquela dirixía o programa radiofónico Esto No Es Hawaii en Radio 3, interesouse por ela. Ordovás comezou a pinchar os seus temas e a promocionar a Siniestro Total dende o seu espazo radiofónico. Deste xeito, a banda acadou unha enorme sona entre os oíntes, quen comezaron a pedir máis material do grupo.

Xa na primavera de 1982, a casa discográfica DRO (Discos Radioactivos Organizados), de recente creación, decidiu fichalos ao observar a certa fama que xa posuían, amais dos contactos que tiña Julián Hernández en Madrid. Así, permitiulles gravar un EP, que saíu en xuño dese mesmo ano co título de Ayudando a los enfermos. Esta gravación contiña catro temas: "Ayatolah!", "Matar jipis en las Cíes", "Mario (Encima del armario)" e "Purdey". O EP resultou ser un éxito de vendas alternativas, polo que a discográfica lles permitiu gravar un primeiro álbum completo. En outono pecháronse no estudio durante apenas tres días para gravar quince cancións, publicadas en novembro de 1982 co título de ¿Cuándo se come aquí? e que supuxeron un éxito de vendas inda maior ao do EP. Deste último, tan só apareceron no LP as cancións "Ayatolah!" e "Matar jipis en as Cíes", xunto con éxitos como "Ponte en mi lugar", "Fuera las manos chinas del Vietnam socialista", "Las tetas de mi novia" ou a versión "Hoy voy a asesinarte (The life and soul of the party)", de Petula Clark. A carátula representaba os membros do grupo caracterizados coma os Irmáns Dalton de Lucky Luke.

Xa a comezos de 1983, Siniestro mantén certa fama, o que lle permite organizar concertos cunha boa cantidade de público. O 10 de xaneiro dese ano ten lugar un dos eventos que máis dá a coñecer a banda: a Primeira Festa de Radio Pop, na que Julián Hernández proclama: «Chegamos á gloria máis alta á que poderíamos chegar catro desgraciados coma nos». O concerto comeza co berro de Miguel Costas de: «¡Hala, chavalada...!, ¡a divertirse!», e a continuación o mesmo Costas presenta o primeiro tema da súa actuación como unha canción «heavy-metal Total»; é xusto nese intre cando o público comeza a cuspir contra o persoal da banda, incluído Coppini, que saíra ao escenario cun polo de goma colgado da súa cazadora, que remata, xunto coas dos seus compañeiros, absolutamente enchoupada.

Esta actuación resultou ser un éxito absoluto; gañaron un dos premios que se outorgaban en dita festa e tiveron a oportunidade de actuar na Sala RockOla de Madrid. Carlos Tena e Diego A. Manrique, directores do programa Caja de Ritmos de TVE, pedíronlles un par de temas inéditos para unha actuación no programa. En apenas cinco minutos, Julián Hernández compuxo "Me pica un huevo" e Miguel Costas escribiu "Sexo chungo". Finalmente non poden interpretar estes dous temas para a televisión, xa que o día anterior ao que está programada a actuación, Las Vulpes ofreceran a canción "Me gusta ser una zorra". A raíz dese feito, produciuse un escándalo inmediato e o programa foi censurado, o que tivo como consecuencia a dimisión de Carlos Tena de TVE. Con todo, as dúas cancións preséntanse como un dobre single que fai exclamar a Miguel Ríos:[3]

Onde chegou a parar o rock español cando se cantan cousas como «Me pica un huevo?»

A pesar do fracaso antes de tempo da súa actuación en TVE, Siniestro Total trátase xa dun grupo moi coñecido e promocionado sobre todo polos seus concertos, onde a diversión —e o caos— está asegurada. É precisamente nun destes concertos, pouco despois da Primera Fiesta de Diario Pop, cando nunha actuación na Sala Zeleste de Barcelona, dende a primeira fila guíndanlle un botellazo na perna a Germán. Debido a este suceso, o grupo ten que saír actuar sen cantante uns días máis tarde, o 4 de febreiro, na discoteca La Mandrágora en León. Tamén durante ese concerto unha das espectadoras, chamada Cuca, botou unha botella ao escenario, que lle deu na cara a Miguel, provocándolle diversos cortes no rostro. Esta é a razón pola que Alberto e Julián permaneceron o resto da noite, mentres Miguel foi atendido na casa de socorro por diversos cortes e contusións, repetindo: «Non volvemos actuar» aos presentes.[Cómpre referencia]

Mentres ocorre todo isto, Germán estivo repensando seriamente a súa continuidade no grupo. Tras saír do hospital e poder volver actuar, contacta co multiinstrumentista Teo Cardalda, co que forma un dúo. En principio trátase dun pequeno proxecto paralelo a Siniestro Total, co nome de Golpes Bajos. Dese xeito, compaxina a súa actividade nos dous grupos: de luns a venres en Siniestro e as fins de semana en Golpes.

Pero o momento decisivo chega cando, con este último grupo, envía algunhas cancións ao Concurso de Maquetas da revista Rock Espezial (actualmente chamada Rock Deluxe) e, xunto con Teo Cardalda, gaña o primeiro premio. Pouco despois, debido a este éxito, Golpes aparece nun programa de TVE presentado por Paloma Chamorro. Porén, Germán non comenta que tamén pertence a Siniestro Total, feito que ofende ao resto dos compoñentes do grupo.

Así, Germán e Teo buscan dous instrumentistas máis para Golpes Bajos. Finalmente, atopan a Pablo Novoa e Luis García, e en abril de 1983 Germán abandona definitivamente Siniestro Total.

Abandono do vocalista

editar

Ante a perda do seu carismático vocalista, o grupo comeza a ser rexeitado nalgúns lugares á hora de actuar, xa que era el quen tiña mellor fama dentro da banda, e todo o mundo pensa que están acabados. Con todo, é entón cando se lles presenta Paco Trinidad, que lles propón a volta de Miguel á voz e a gravación dunha vintena de cancións que el está disposto a producir. Os mozos consideran que este será de todos os xeitos o seu último álbum, así que deciden non limitarse a gravar un disco de punk e optan por introducir toda clase de instrumentos nas súas gravacións, á parte da guitarra, o baixo e a batería.

Regravan e maquetan en Vigo algúns temas que xa estiveron ensaiando con Germán, como "La caca de colores", pero engadíndolle un toque de swing, e "Opera tu fimosis", e compoñen dezanove máis, que gravan no estudo Trak en Madrid; as letras seguen sendo tan surrealistas e grotescas como as do primeiro álbum, mentres que a música ábrese en diversos estilos: new age, rock, rock and roll, música tradicional galega... Posteriormente, van a Madrid para gravar as cancións na súa versión definitiva, contando cos coros de Juanma e o Chicarrón de Los Elegantes e Pepo Fuentes entre moita outra xente.

Antes da publicación do segundo LP, o 20 de outubro, a banda aparece no programa La Edad de Oro de Paloma Chamorro, no cal tocan dúas cancións inéditas que aparecerían máis tarde no novo traballo: "Opera tu fimosis" e "O tren" (versión do tema de Andrés Dobarro).

En novembro de 1983 sae á rúa publicado de novo por DRO o segundo disco do grupo, que se titula simplemente Siniestro Total II: El Regreso, sorprendendo a todos os seguidores da banda, posto que todo o mundo está xa convencido de que sen Coppini xa se disolvera; o novo LP acompáñase do single "No somos de Monforte", que inclúe como cara B unha canción non contida no álbum.

Este segundo disco non se vende tan ben como o seu predecesor, aínda que a portada, na cal figura Bob Hope cun vaso de leite, funciona ben respecto das vendas. Nada máis saír o LP, o grupo organiza unha festa na que Antón Reixa exerce de presentador e aparecen Pepo Fuentes, Juanma e Gerardo disfrazados de gorilas, co que se lle chama «Día Mundial do Disfrace de Gorila».

Por aquel entón Javier Soto xa terminara a mili, de modo que volve ao mundo musical, formando, xunto con Alberto Torrado (que segue sendo baixo de Siniestro), Nicolás Pastoriza e Vicente Alberte o grupo Los Buzos. Poucos meses logo disto Soto abandona o grupo e forma, xunto co propio Torrado, Antón Reixa e Rubén Losada, Os Resentidos.

Miguel Costas, pola súa banda, acaba de formar naqueles momentos o grupo Aerolíneas Federales, co que o 8 de xaneiro de 1984 gana un concurso celebrado na Coruña e pouco despois grava con eles o seu primeiro LP homónimo. Tamén Julián Hernández formara o seu grupo paralelo a Siniestro, un pequeno proxecto que non durou moito co nome de Mili y sus Muermos.

Pero o propio Siniestro tamén publica material novo nese tempo: un maxi compartido cos Resentidos co título de Surfin´ CCCP, que está dedicado aos líderes soviéticos mortos por aquela época, e pouco despois aparece con algo de atraso o single "Más vale ser punkie que maricón de playas", correspondente ao Regreso.

Ademais Julián comeza a escribir cancións a un ritmo bastante rápido, de modo que sobre febreiro ou marzo de 1984 xa ten escrita case na súa totalidade Quienes somos? De donde venimos? a donde vamos?, e mentres o grupo está de xira por toda España compón en ao redor de media hora nun hotel da Coruña "Miña terra galega", tomando prestada a música de "Sweet home Alabama" de Lynyrd Skynyrd e adaptando a letra a Galicia. Miguel, á súa vez, escribe unha canción sobre «una chica muy mona que vivía en Barcelona», e entre todos deciden chamala "Assumpta", en honra á actriz catalá Assumpta Serna, dado que este é o nome máis catalán que se lles ocorre.

No outono de 1984 teñan xa escritas catorce cancións, polo que deciden continuar co grupo xa de forma definitiva e gravalas esta vez todas en Trak, e deixar que sexan producidas de novo por Paco Trinidad. En novembro dese mesmo ano aparece o terceiro disco, titulado Menos mal que nos queda Portugal e editado por DRO, no que as letras vólvense algo máis simpáticas que grotescas e a música convértese nun rock máis clásico, que en ocasións se suaviza ata o power-pop, e do que saen moitos dos himnos da banda, nalgúns dos cales Julián empeza a prestar a súa voz. O LP sae acompañado de dous singles: "Tipi, dulce tipi" e "Te quiero", con cancións non contidas no disco como caras B, e algúns meses máis tarde aparece unha nova edición do álbum cunha portada algo distinta na que pode lerse: «Edición Internacional».

A xira de promoción do disco realízase xa nos primeiros meses de 1985, e esténdese ata a primavera; e é precisamente durante esa xira, concretamente no mes de maio, cando Javier Soto finalmente abandona Os Resentidos e únese a Siniestro Total. En principio toca os teclados, pero non tarda moito en pasarse á guitarra, sendo esta a súa especialidade, co que o grupo pode xa interpretar temas que requiren un maior virtuosismo.[4]

No mes de decembro de 1985 Siniestro publica o seu cuarto álbum de estudio, Bailaré sobre tu tumba, novamente a través de DRO. As oito primeiras canción do disco graváronse nos estudios Trak, mentres que os sete seguintes graváronse ao vivo durante a xira de verán dese anos, en concertos celebrados en Alcázar de San Juan, Santiago de Compostela, Vigo e Valladolid.[5]

No mes de marzo de 1986 editouse o recompilatorio Grandes éxitos, formado por rarezas, caras b e temas inéditos.[6] Ese mesmo mes a banda iniciou unha xira por toda España.

O 29 de xullo de 1990 foron abreconcertos de Madonna, que actuou no Estadio de Balaídos de Vigo ante 20 000 persoas, como parte da súa xira Blond Ambition Tour[7].

Estilo

editar

O primeiro álbum, ¿Cuándo se come aquí?, é dun estilo marcadamente punk, con letras alporizadas e cancións de tres acordes como máximo que apenas rozan os dous minutos nos casos máis afortunados. No segundo, Siniestro Total II: El Regreso, continúa a esencia punk, inda que aparecen máis instrumentos á parte dos característicos neste estilo, e atopámonos con teclados, seccións de vento etc. No terceiro, Menos mal que nos queda Portugal, o punk evoluciona a un rock máis clásico, inda que mantén unhas letras xenuinamente punk, pero algo máis simpáticas e menos grotescas. No cuarto, Bailaré sobre tu tumba, continúa o rock clásico, pero as letras vólvense tornar algo máis grotescas, inda que non tanto coma ó principio. No quinto e no sexto, De hoy no pasa e Me gusta cómo andas respectivamente, o rock suavízase, dando paso ó power-pop e mantendo as letras características do punk, inda que de novo un tanto máis simpáticas. No sétimo, En beneficio de todos, dan un paso atrás e volven ó rock clásico, pero as letras evolucionan e tórnanse algo máis complexas. No oitavo e no noveno, Made in Japan e Policlínico miserable respectivamente, o rock faise máis duro, case rozando o heavy metal nalgúns casos, e as letras viran a máis escuras e críticas, especialmente no segundo. No décimo, Sesión vermú, o rock suavizase un chisco, inda que segue a ser duro, e engádense instrumentos coma o órgano e a sección de ventos, mentres que as letras, aínda complexas, volven a tratar sobre temas mundanos. No undécimo, La historia del blues, dan un xiro inesperado e o seu estilo pásase ó blues, coma o seu propio título indica, e as letras baséanse nos textos doutro autor de blues, Jack Griffin, co que tratan sobre temas mundanos pero non propios. No duodécimo, Popular, democrático e científico, volven ó rock, nesta ocasión próximo ó grunge, e as letras tratan de novo temas cotiáns.

Compoñentes

editar

Formación orixinal (1981-1982)

editar

Con esta formación a banda gravou unicamente o seu álbum de estrea, ¿Cuándo se come aquí?.[1]

Segunda formación (1983-1985)

editar

Con esta formación publicarían os álbums Siniestro Total II: El Regreso e Menos mal que nos queda Portugal.[8]

  • Miguel Costas - guitarra eléctrica e voz
  • Alberto Torrado - baixo e coros
  • Julián Hernández - batería e coros

Terceira formación (1985-1987)

editar

Formación dos discos Bailaré sobre tu tumba e De hoy no pasa.[9]

  • Miguel Costas - guitarra eléctrica, voz e coros
  • Javier Soto - guitarra eléctrica e coros
  • Alberto Torrado - baixo, voz e coros
  • Julián Hernández - batería, voz e coros

Cuarta formación (1988-1989)

editar

Como este trío publicaron Me gusta como andas.[10]

  • Miguel Costas - guitarra eléctrica, voz e coros
  • Julián Hernández - guitarra eléctrica, voz e coros
  • Javier Soto - guitarra eléctrica, voz e coros

Quinta formación (1988-1994)

editar
  • Miguel Costas - guitarra eléctrica, voz e coros
  • Julián Hernández - guitarra eléctrica, voz e coros
  • Javier Soto - guitarra eléctrica e coros
  • Segundo Grandío - baixo e coros
  • Ángel González - batería

Sexta formación (1994-1996)

editar
  • Julián Hernández - guitarra eléctrica, voz e coros
  • Javier Soto - guitarra eléctrica e coros
  • Segundo Grandío - baixo e coros
  • Ángel González - batería

Sétima formación (1996-2001)

editar
  • Julián Hernández - guitarra eléctrica, voz e coros
  • Javier Soto - guitarra eléctrica e coros
  • Segundo Grandío - baixo e coros
  • Ángel González - batería
  • Jorge Beltrán - saxofón e coros

Formación actual (2001-)

editar
  • Julián Hernández - guitarra eléctrica, voz e coros
  • Javier Soto - guitarra eléctrica e coros
  • Óscar G. Avendaño - baixo e coros
  • Ángel González - batería
  • Jorge Beltrán - saxofón e coros

Cronoloxía dos compoñentes da banda

editar
  1981 82 83 84 85 86 87 88 89 90 91 92 93 94 95 96 97 98 99 00 01 02 03 04 05 06 07 08 09 10 11 12 13 14 15 16 17
Cantante Germán Coppini -    
Baixo, coros Alberto Torrado - Segundo Grandío Óscar G. Avendaño    
Guitarra, coros Miguel Costas -    
Guitarra, coros - Javier Soto    
Guitarra, coros - Julián Hernández    
Batería Julián Hernández - Ángel González    
Saxofón, coros - Jorge Beltrán    

Discografía

editar

Álbums de estudio

editar
Álbum Ano Selo
¿Cuándo se come aquí? 1982 DRO
Siniestro Total II: El Regreso 1983 DRO
Menos mal que nos queda Portugal 1984 DRO
Bailaré sobre tu tumba 1985 DRO
De hoy no pasa 1987 DRO
Me gusta cómo andas 1987 DRO
En beneficio de todos 1990 DRO
Made in Japan 1993 BMG-Ariola
Policlínico miserable 1995 BMG-Ariola
Sesión vermú 1997 Virgin Records
La historia del blues 2000 Virgin Records
Popular, democrático y científico 2005 Loquilandia/El Diablo
Country & Western 2010 Sony
El mundo da vueltas 2016 Trilobite Records

Recompilatorios

editar

Álbums ao vivo

editar

Recoñecementos

editar

En 2023 recibiu a Medalla Castelao.[11]

  1. 1,0 1,1 Siniestro Total (ed.). "Formación 1981-1982". Consultado o 30 de maio de 2017. 
  2. Faro de Vigo (ed.). "Treinta años de siniestro". Consultado o 30 de maio de 2017. 
  3. "LaFonoteca, Disco: ¿Cuándo Se Come Aquí?". lafonoteca.net (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2020. Consultado o 2020-08-23. 
  4. "Siniestro Total - Javier Soto". www.siniestro.com. Consultado o 2020-08-23. 
  5. "Siniestro Total - Bailaré sobre tu tumba". www.siniestro.com. Consultado o 2020-08-23. 
  6. "LaFonoteca, Disco: Grandes Éxitos". lafonoteca.net (en castelán). Consultado o 2020-08-23. 
  7. Veinte años de la "Revolución Rubia" de Vigo", artigo no Faro de Vigo, 30 de xullo de 2010 (en castelán).
  8. Siniestro Total (ed.). "Formación 1983-1985". Consultado o 30 de maio de 2017. 
  9. Siniestro Total (ed.). "Formación 1985-1987". Consultado o 30 de maio de 2017. 
  10. Siniestro Total (ed.). "Formación 1988-1989". Consultado o 2 de xuño de 2017. 
  11. "Rueda avanza as Medallas Castelao 2023: estas son as persoas premiadas". Nós Diario. 22 de xuño de 2023. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Jesús Ordovás (1994). Guía de Música-Ediciones, ed. Siniestro Total: Apocalipsis con Grelos. 9788488857002.  (en castelán)
  • Kike Turrón e Kike Babas (2002). Zona de Obras/SGAE, ed. Tremendo delirio. Conversaciones con Julián Hernández y biografía de Siniestro Total. ISBN 84-931607-8-4.  (en castelán)

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar