Normativa oficial do galego

Este artigo trata sobre as normas para a escrita do galego da Real Academia Galega, quen ostenta a autoridade legal en materia de normativización. Ao seren estas normas as usadas e promovidas polas institucións oficiais, os medios de comunicación públicos e o ensino público, son consideradas de maneira amplamente maioritaria como a normativa oficial do galego. No entanto, este concepto de oficialidade ten xerado controversia, con sectores que defenden que non existe ningunha normativa oficial.[1]

O Estatuto de autonomía de Galicia dotou os poderes públicos galegos da competencia con respecto á lingua galega. O 17 de novembro de 1982 a Xunta de Galicia estableceu que existiría unha norma de uso oficial[Cómpre referencia] para o ensino e que excluiría das axudas económicas os textos non publicados na normativa oficial. Esta medida supuña a marxinalización da normativa reintegracionista do galego, usada polo sector partidario do reintegracionismo.

Coa publicación da Lei de normalización lingüística o 15 de xuño de 1983, estableceuse que o criterio de autoridade para a normativización do galego sería o da Real Academia Galega (RAG), relegando o Instituto da Lingua Galega (ILG), como referencia legal.[2]

A variedade estándar ou padrón, fixada a medias entre o ILG e a RAG, inicialmente constaba só de indicacións morfolóxicas e ortográficas, as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG), publicadas en 1983 e aplicadas no dicionario da RAG de 1997 (unhas trinta mil palabras) e reformadas en 2003, pero coa publicación do Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG) en 2004 definíronse de facto tamén coma normas léxicas. Isto non implica que o que non apareza no VOLG non sexa normativo, posto que non é amplo dabondo para recoller todo o léxico galego.

As normas non foron publicadas nunca no Diario Oficial de Galicia; en 2007 unha proposición non de lei do BNG, defendida por Bieito Lobeira, para a súa publicación non foi aprobada pola Comisión de Xustiza do Parlamento de Galicia ao votar en contra o PPdeG e se abster o PSdeG.[3]

A primeira normativa oficial

editar

O 3 de xullo de 1982, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega aprobaron en sesión conxunta as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, seguindo como criterio principal a procura da pureza do idioma, eliminando castelanismos innecesarios e evitando a hiperidentificación, rexenerándoo con préstamos internos o que supuxo unha aproximación ao portugués[4]. En abril de 1983, a Xunta publicou o Decreto de Normativización da Lingua Galega (coñecido como "Decreto Filgueira"), que consagraba estas normas como modelo para a escrita da lingua galega.

En 1990 a RAG e o ILG publicaron o Diccionario da Lingua Galega, con 12.000 entradas, que constituía así a normativa sobre o léxico (as Normas só tratan da ortografía e a morfoloxía).

En 1995 modificáronse parcialmente as NOMIG: a proposta do Consello Científico do ILG (11 de novembro de 1994), o Plenario da RAG ratificou estas lixeiras modificacións o 25 de febreiro de 1995. O novo texto publicouse en maio, e tivo valor inmediato, sen precisar de aprobación por parte do goberno galego, que foi simplemente informado.

A nova edición do Diccionario da RAG de 1997 contiña 25.000 entradas.

A reforma de 2003

editar

En 2001 iniciouse un proceso de negociación entre os departamentos de galego das tres universidades galegas, o Instituto da Lingua Galega e diferentes asociacións. O obxectivo era a unificación de dúas das tres diferentes normativas –e posturas– sobre o galego existentes: a normativa “oficial”, aprobada polo Instituto da Lingua Galega, o reintegracionismo –partidario da unificación ortográfica co portugués–, e o reintegracionismo de mínimos, unha fórmula intermedia entre as dúas defendida por varias outras asociacións. Este grupo de entidades presentoulle unha proposta á Academia.

A Academia discutiuna en novembro do 2001, aínda baixo a presidencia de Francisco Fernández del Riego. Foi un debate difícil que rematou cunha votación con resultado de once votos en contra da mudanza, dúas abstencións e sete votos a favor, aínda que ninguén nese momento deu o asunto por pechado. A decisión foi polémica no seu momento e transcendeu ao ámbito dos investigadores e filólogos. O 30 de setembro do 2002, a Real Academia decidiu reabrir o debate, aínda que desde o interior da institución. O novo presidente era Xosé Ramón Barreiro, que se comprometera a conducir a reforma ao ocupar o cargo. A proposta finalmente aprobada pola RAG non coincide ao cento por cento coa presentada dous anos antes, xa que algúns dos puntos non se aceptaron na súa integridade, baixo a acusación máis ou menos velada dunha certa deriva lusista.[Cómpre referencia]

Criterios

editar

Os principais criterios para a escolla das alternativas que entran dentro da normativa foron:

  1. etimoloxía;
  2. difusión na lingua común (tanto territorial coma demograficamente), por un achegamento á lingua oral;
  3. pragmatismo que permita ó usuario distinguir o que é preciso distinguir;
  4. coherencia dentro do sistema das linguas románicas, especialmente co do portugués;
  5. tradición na escrita literaria galega dende os séculos escuros ou na época medieval;
  6. evolución esperable dentro do galego segundo as leis fónicas da historia da lingua galega, mesmo con (pseudo)regularizacións de sistemas analóxicos;
  1. "Não existe normativa "oficial" do Galego" Vieiros, 3 de febreiro de 2010
  2. Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística (D.O.G. nº 84 Arquivado 30 de decembro de 2009 en Wayback Machine., do 14 de xullo de 1983)
  3. "El PSOE frena una propuesta del BNG para publicar en el DOG las normas del idioma gallego". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de outubro de 2007. 
  4. Antón Santamarina Norma e estándar en Henrique Monteagudo (ed). Estudios de sociolingüística galega. Sobre a norma do galego culto. Galaxia, 1995, páxina 78

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Freixeiro Mato, X. R. (2018). "As primeiras normas da Academia e a perda da súa auctoritas na codificación do galego". Verba (45): 299–340. 

Outros artigos

editar