Igrexa de San Salvador de Vilar de Donas
A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas é a igrexa parroquial de Vilar de Donas, parroquia do concello lugués de Palas de Rei, polo que transita o Camiño Francés a Santiago. Foi declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1931.[1]
Igrexa de San Salvador de Vilar de Donas | |
---|---|
Igrexa de Vilar de Donas | |
País | España |
Localización | Vilar de Donas (Palas de Rei) |
Coordenadas | 42°53′33″N 7°48′34″O / 42.8925, -7.80944444 |
Diocese | diocese de Lugo |
[ editar datos en Wikidata ] |
Orixinariamente foi unha igrexa monástica. A fundación do mosteiro atribúeo a tradición a unhas donas (representadas nas pinturas góticas da capela maior), co que se explicaría o topónimo. En realidade, o seu fundador foi Arias Pérez de Monterroso, a mediados do século XII. Na segunda metade do século XII, os fillos das fundadoras doárono á Orde de Santiago, que era a orde que protexía aos peregrinos que se dirixían cara Santiago de Compostela.
A parte de ser un lugar de culto e enterramento, crese que a igrexa e o seu mosteiro anexo actuaban como hospital para os peregrinos que seguían o Camiño de Santiago. Este uso hospitalario é unha característica común de moitos mosteiros e conventos no Camiño, que ofrecían refuxio e atención aos peregrinos na súa viaxe cara a Compostela. É curioso que está apartado do camiño a pesar de ter uso hospitalario, pero isto é debido a que como nas súas orixes era un mosteiro de monxas, estas querían estar apartadas do habitual tránsito .
Tras a desamortización de Mendizábal na cuarta década do século XIX, pasou, como en tantos outros casos, a servir de Iglesia parroquial, que é como segue a día de hoxe.
Descrición
editarExterior
editarÉ de planta de cruz latina, e na cabeceira tres ábsidas semicirculares. A portada principal adórnase con arcos de medio punto con axadrezados (datados cara ao ano 1230). A portada enmárcase entre contrafortes e un beirado con arquiños sostidos por canzorros. Na cornixa consérvanse tres imaxes: unha Virxe gótica co Neno, un San Miguel e un San Bartolomeu. A portada, de finais do románico, lembra ao carácter do taller do Mestre Mateo, o autor do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago.
Chama a atención as ferraxes románicas orixinais, que levan centos de anos adornando e reforzando esta porta. É unha das poucas igrexas que os conserva. Todos os extremos das ferraxes ábrense en forma de follas de palmeira e remátanse con puntas de frechas.
Interior
editarSe accedemos ao interior do templo, o máis rechamante son dous elementos: por unha banda, as pinturas góticas que forman parte do altar maior, e polo outro as diferentes lápidas medievais en honra aos Cabaleiros da Orde de Santiago que foron soterrados alí no século XII.
A nave principal cóbrese con tellado de madeira a dúas augas, igual que o brazo norte do cruceiro, o brazo sur cóbrese con bóveda de canón rebaixado e o cruceiro cóbrese con bóveda de crucería cuadripartita.
Accédese á capela maior a través dun triplo arco. Esta decórase con pinturas góticas de tempos do rei Xoán II. No brazo norte do cruceiro destaca un baldaquino en pedra e un retablo tamén en pedra que representa a Misa de San Gregorio. As pinturas da parte central representan o momento da Anunciación, co arcanxo San Gabriel á esquerda e a Virxe María á dereita. Encima deles está o rei David e o profeta Jeremías. De feito pódese ler un texto que di: “YO PROFETIZE DE x [?] VOS VIRGEN MARIA COME EL SALVADOR DE VOS NACERIA”. Na parte inferior hai un anxo durmido e outro esperto que fan referencia ao Antigo e ao Novo Testamento.
No interior atópanse os sepulcros de Fernán Ares Noguerol, de 1378, o de Santiago Pérez de Ulloa, cabaleiro da Orde de Santiago falecido no ano 1410
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes da igrexa de Vilar de Donas.
Notas
editar- ↑ Decreto de 3 de xuño de 1931. Gaceta de Madrid, do 4.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Igrexa de San Salvador de Vilar de Donas |