Haliaeetus

xénero de aves

Haliaeetus
Rango fósil: 16 Ma-0 Ma[1]
Mioceno medio–Recente

Haliaeetus leucocephalus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Accipitriformes
Familia: Accipitridae
Subfamilia: Haliaeetinae
Xénero: Haliaeetus
Savigny, 1809
Especie tipo
Haliaeetus albicilla
Linnaeus (1753)
Especies

Ver texto

Sinonimia

Ichthyophaga Lesson,1843

Haliaeetus é un xénero de aves de presa da familia dos accipítridos ao que pertencen os pigargos.

Etimoloxía

editar

O nome do xénero é un nome neolatino procedente do grego antigo [1] Arquivado 08 de decembro de 2021 en Wayback Machine. ἁλιάετος (haliaetos) ou ἁλιαίετος (haliaietos, variante poética usada por exemplo por Homero), que significa 'aguia mariña' (de hali, 'no mar' (en caso dativo), + aetos, 'aguia'). As dúas variantes gregas explican as diferentes latinizacións, igualmente correctas, atopadas en taxonomía: haliaeetus (neste caso) e haliaetus (como en Pandion haliaetus, a aguia peixeira).

Taxonomía e evolución

editar

O xénero Haliaeetus introduciuno en 1809 o naturalista francés Marie Jules César Savigny no capítulo sobre aves da súa obra Description de l'Égypte.[2][3] As dúas aguias peixeiras do xénero Ichthyophaga comprobouse que debían estar tamén dentro de Haliaeetus segundo un estudo xenético de 2005,[4] polo que foron trasladadas en consecuencia. Son moi similares ás especies tropicais de Haliaeetus. Unha forma extinguida antes de 1500 de Maui, Hawai pode representar unha especie ou subespecie deste xénero.

As relacións con outros xéneros da familia están menos claras; durante moito tempo foi considerado máis próximo ao xénero Milvus que ao das verdadeiras aguias (xénero Aquila) baseándose na súa morfoloxía e comportamento de exhibición;[5][6] e evidencias xenéticas máis recentes concordan con isto, pero apuntan a que está relacionado tamén co xénero Buteo, unha relación que previamente non se pensaba que fose tan próxima.[7]

Un estudo molecular de 2005 atopou que o xénero é parafilético e incorpora Ichthyophaga, que comprende as especies que diverxeron no grupo de climas temperados e tropicais.[8]

Evolución

editar

Haliaeetus é posiblemente un dos xéneros máis antigos de aves vivas. Un tarsometatarso esquerdo distal (DPC 1652) atopado nos depósitos de inicios do Oligoceno de El Fayyum, Exipto na formación Jebel Qatrani, de hai uns 33 millóns de anos é similar no seu padrón xeral a algúns detalles do dos modernos pigargos.[9] O xénero estaba presente co certeza no Mioceno medio (12-16 millóns de anos).[10]

A orixe dos pigargos é probablemente a área xeral do golfo de Bengala. Durante o Eoceno/Oligoceno, como o subcontinente indio colidía lentamente con Eurasia, esta área era unha vasta extensión de océano pouco profundo; a diverxencia inicial dos pigargos parece que orixinou as catro especies tropicais (e do hemisferio sur subtropical) que viven hoxe arredor do océano Índico. As relacións de Haliaeetus leucoryphus de Asia central con outros taxons é máis escura; parece máis próxima ás tres especies holárticas que evolucionaron máis tarde e pode ser unha rama temperán da súa expansión cara ao norte; non ten o robusto peteiro amarelo das formas do norte, senón que conserva un peteiro máis escuro e pequeno como as especies tropicais.[7]

A taxa de evolución molecular en Haliaeetus é bastante lenta, como se espera en aves de vida longa que tardan anos en reproducirse con éxito. No xene do ADNmt do citocromo b, atopouse unha taxa de mutación de 0,5–0,7 % por millón de anos (se asumimos unha diverxencia no Mioceno temperán) ou quizais de só 0,25–0,3 % por millón de anos (para unha diverxencia no Eoceno tardío).[7]

Especies

editar

As dez especies existentes son:[5]

Imaxe Nome científico Nome común Distribución
  Haliaeetus leucocephalus Todos os Estados Unidos continentais, Canadá e norte de México
  Haliaeetus leucogaster India e Sri Lanka seguindo polo sueste asiático ata Australia
Haliaeetus sanfordi Illas Salomón
  Haliaeetus vocifer África subsahariana
  Haliaeetus vociferoides Madagascar
  Haliaeetus leucoryphus Asia central, entre o mar Caspio e o mar Amarelo, desde Casaquistán e Mongolia aos Himalaias, Bangladesh e norte da India.
  Haliaeetus albicilla pigargo Groenlandia occidental, a maior parte de Eurasia (incluída Galicia) chegando polo sur ata ao sueste da China e o Xapón.
  Haliaeetus pelagicus Nordeste de Asia continental
  Haliaeetus humilis Caxemira ata o sueste da India, Nepal e Myanmar cara a Indochina.
  Haliaeetus ichthyaetus Sueste asiático.

Descrición

editar

Os pigargos varían en tamaño, desde H. snafordi, que como media pesa 2-2,7 kg, ata H. pelagicus, que pesa 9 kg.[5] En Europa a maior é H. albicilla, de 6,9 kg. En Norteamérica a maior é a H. leucocephalus, que pode pesar ata 6,3 kg. Hai marcas excepcionais de individuos aínda máis pesados de H. albicilla e H. leucocephalus, aínda que non superan ás maiores H. pelagicus. A H. leucogaster pode pesar ata 4,5 kg.[5] Son en xeral principalmente marróns (desde castaño a marrón cincento apagado), con frecuencia con cabeza, cola e partes inferiores brancas. Algunhas das especies teñen un peteiro todo amarelo de adultos, o cal é pouco común en aguias.[5]

A súa dieta consiste principalmente en peixe, aves acuáticas e pequenos mamíferos. Os niños son normalmente moi grandes e situados en árbores, pero ás veces nun cantil.[5]

A cola é completamente branca nos adultos da maioía das especies do xénero, excepto en H. sanfordi, H. leucogaster e H. pelagicus. Existen tres pares de especies: por un lado H. albicilla e H. leucocephalus, por outro H. sandfordi e H. leucogaster, e por outro as especies africanas H. vocifer e H. vociferoides,[7] cada un dos cales consta dunha especie de cabeza branca e outra de cabeza parda.

editar
 
Un pigargo na bandeira do Batallón de Recoñecemento Naval da Mariña Finesa
  1. "Mindat.org". www.mindat.org. Consultado o 2021-05-28. 
  2. Savigny, Marie Jules César (1809). Description de l'Égypte: Histoire naturelle Volume 1 (en francés). Paris: Imprimerie impériale. pp. 68, 85. 
  3. Mayr, Ernst; Cottrell, G. William, eds. (1979). Check-list of Birds of the World. Volume 1 1 (2ª ed.). Cambridge, Massachusetts: Museum of Comparative Zoology. p. 299. 
  4. Lerner, Heather R.L.; Mindell, David P. (2005). "Phylogeny of eagles, Old World vultures, and other Accipitridae based on nuclear and mitochondrial DNA" (PDF). Molecular Phylogenetics and Evolution 37 (2): 327–46. PMID 15925523. doi:10.1016/j.ympev.2005.04.010. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de xuño de 2011. Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 del Hoyo, Elliott & Sargatal 1994.
  6. Brown, L. H, & Amadon, D. (1968). Eagles, Hawks and Falcons of the World. Country Life Books, Feltham.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Wink, Heidrich & Fentzloff 1996.
  8. "LM2005.pdf" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de xuño de 2011. Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  9. Rasmussen, D., Tab, O., Storrs, L., & Simons, E. L. (1987). Fossil Birds from the Oligocene Jebel Qatrani Formation, Fayum Province, Egypt. Smithsonian Contributions to Paleobiology 62: 1–20. PDF Texto completo (tamaño do ficheiro 8,1 MB)
  10. Lambrecht, K. (1933). Handbuch der Palaeornithologie. Gebrüder Bornträger, Berlin.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar