Océano Pacífico

maior masa marítima da Terra

O océano Pacífico é o corpo de auga maior e máis profundo das divisóns do océano global terrestre. Esténdese desde o océano Ártico no norte ata o océano Austral (ou, segundo a definición, ata a Antártida) no sur e está limitado polos continentes de Asia e Australia no oeste e América no leste. Esténdese uns 15.500  km desde o mar de Bering, o norte do Ártico, ata as marxes xeadas da Antártida (o mar de Ross ) no sur, alcanzado a súa máxima amplitude E-O aproximadamente a 5 graos de latitude norte, onde se estende por uns 19.800 km, desde Indonesia ata a costa de Colombia. O límite occidental do océano sitúase a miúdo no estreito de Malaca. Cunha área de 179,7 millóns de km² este océano cobre unha terceira parte da superficie terrestre que corresponde a case a metade da superficie e do volume oceánico.[1] O punto de maior profundidade da superficie terrestre, a foxa das Marianas, está situado no Pacífico.

Modelo:Xeografía físicaOcéano Pacífico
Imaxe
Tipoocéano Editar o valor en Wikidata
Parte deOcéano mundial Editar o valor en Wikidata
Situado na entidade xeográficaTerra Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativamar a fóra Editar o valor en Wikidata
Mapa
 0°N 160°O / 0, -160
Composto por
33
Características
Altitude0 m Editar o valor en Wikidata
Profundidademáximo: 11.034 m
Media: 4.280 m Editar o valor en Wikidata
Dimensións19.800 (ancho) km
Punto máis baixoabismo Challenger Editar o valor en Wikidata  (−11.022 m Editar o valor en Wikidata )
Superficie161.760.000 km² Editar o valor en Wikidata
Medicións
Volume físico660.000.000 km³ Editar o valor en Wikidata
BNE: XX450845

Ten 707,5 km de fosas, e o 87,8% da súa área presenta profundidades superiores a 3.000 m; é o océano con maior profundidade media (-4.282 m) e onde se localizan as maiores fosas submarinas (foxa das Marianas, con -10,912 m).[2]

Delimitación

editar
 
Praia en San Francisco, situada no Pacífico Norte

Na 3ª edición (1953) de Límites de océanos e mares da Organización Hidrográfica Internacional, máxima autoridade internacional en materia de delimitación de mares, o Pacífico áchase dividido en Pacífico Norte e Pacífico Sur e delimitado da forma seguinte:[3]

Pacífico Norte
Pacífico Sur

Esta definición exclúe todos os mares marxinais que son definidos separadamente pola OHI (como o golfo de Alasca ou o mar do Coral), aínda que estes adoitan considerarse usualmente parte do océano Pacífico.

No ano 2000 a OHI redefiniu o Pacífico, situando entón, o seu límite meridional ao paralelo 60 sur, de forma que as augas ao sur da liña quedan definidas como océano Antártico. Esta nova definición non foi aínda ratificada (pois unha reserva foi presentada por Australia[4]) a pesar diso está en uso pola OHI e outros. Cando sexa adoptada, a definición do 2000 será publicada na 4ª edición de Límites dos océanos e os mares e restaurará o océano Antártico como era orixinalmente definido na segunda edición e posteriormente omitido na terceira edición.

Características

editar

A súa forma circular está delimitada por marxes continentais activas (que corresponde ao circo de fogo do Pacífico) baixo as cales se afunde unha codia oceánica en rápida expansión.

Descuberto[5] polos europeos no 1513 (Vasco Núñez de Balboa) e transposto pola primeira vez en 1520 (Fernão de Magalhães), o Pacífico asistiu a un crecemento da súa importancia como vía de ligazón entre algunhas das rexións de maior dinamismo económico da actualidade (Extremo Oriente e costa occidental da América do Norte).

Fondo oceánico

editar
 
Imaxe do fondo do océano Pacífico. As características máis notables son as fosas situadas no lado occidental e as grandes chairas que se estenden polo lado oriental.

O fondo do océano á conca do Pacífico é relativamente uniforme, cunha profundidade media duns 4270 metros. As irregularidades maiores da área son picos submarinos de pendentes moi pronunciadas e cimas planas, coñecidas en inglés como seamounts. A parte oeste do chan consiste en arcos montañosos que se alzan sobre o mar como grupos de illas, como as Illas Salomón e Nova Zelandia, e fosas profundas, como a das Marianas, ou de Filipinas, e a de Tonga. A maioría das fosas profundas son adxacentes ás marxes exteriores da ampla plataforma continental occidental.

Ao longo do límite leste da cunca Pacífica está a cordilleira Pacífica leste, que é unha parte da cordilleira oceánica central. Cunha anchura duns 3000 km, ten unha altura duns 3 km sobre o chan mariño adxacente.

Debido a que unha área relativamente pequena drena ao Pacífico, e debido ao tamaño inmenso do océano, a maioría dos sedimentos son autixénicos ou peláxicos na súa orixe. Os sedimentos autixénicos inclúen montmorillonita e filipsita. En cambio os sedimentos peláxicos derivados da auga do mar inclúen arxilas vermellas peláxicas e restos calcarios de vida mariña. Os sedimentos terríxenos están confinados en marxes estreitas marxinais preto de terra.

Morfoestrutura do fondo oceánico

editar

Flanqueado por cadeas montañosas recentes, con intensa actividade volcánica, o Pacífico está percorrido por un vasto sistema de dorsais. A dorsal Sueste-Pacífica constitúe un prolongamento, a través da dorsal Pacífico-Antártica, das dorsais do océano Índico (dorsal Antártico-Autraliana). Na súa porción setentrional atinxe as latitudes do litoral mexicano, desaparecendo ao penetrar no golfo de California. Trátase dunha dorsal en rápida expansión (entre 8,8 e 16,1 cm por ano), sen fosa axial. As zonas de fracturas que a segmentan son numerosas, con desprazamento pronunciado. Esa dorsal emerxe na latitude da illa de Pascua, uníndose á dorsal de Chile, que enlaza coa costa meridional de América, e na latitude das illas Galápagos, uníndose á dorsal de Illas Cocos ou das Galápagos. Esas dorsais dividen o Pacífico en tres conxuntos. Os fondos oceánicos situados ao leste da dorsal Sueste-Pacífica pertence a placa litosférica da Antártida (que corresponde á bacía Pacífico-Antártica e á planicie abisal de Bellingshausen), á placa de Nazca (bacías Peruana e Chilena, separadas pola dorsal de Nazca) e á placa de Cocos (limitada pola dorsal de Cocos).

Todo o inmenso conxunto de fondos oceánicos situados ao oeste da dorsal sueste-pacífica están sustentados pola placa litosférica Pacífica, que no oeste de América do Norte presenta grandes zonas de fracturas, con relevos monumentais, aliñados por millares de quilómetros ao longo de antigas fallas de transformación. Máis ao oeste, o centro do océano Pacífico é entrecortado por cadeas submarinas e grandes edificios volcánicos, ora emerxendo en forma de illas (Hawai, Marquesas, Marshall, Carolinas), frecuentemente coroadas por formacións coralíneas (atois). As bacías oceanicas que as rodean (Medio-Pacífica, Melanesia, Nordés, Noroeste) teñen unha fina cobertura sedimentaria sobre a codia basáltica. A presenza das fosas oceánicas periféricas, ao longo dos arcos insulares (Aleutas, Kuriles, o Xapón, Marianas, Filipinas, Salomón, Tonga, Kermadec) e da costa occidental de América (Chile, o Perú, América Central) explícase por corresponder a zonas de subdución da costa oceánica, en que está mergulla baixo as placas litosféricas Americana, ao leste, e Eurasiática e Indo-Australiana, ao Oeste. Son áreas de intensa actividade sísmica e volcánica, suxeitas á ocorrencia de maremotos.

Características da auga

editar
 
 

A conformación das cuncas do Pacífico explica a relativa simplicidade das correntes mariñas que aí inciden. As temperaturas das augas de superficie no Pacífico dispóñense en zonas, aumentando dos polos cara aos trópicos, estas varían desde o punto de conxelación preto dos polos a uns 29º Celsius preto do ecuador. A circulación superficial das augas do Pacífico é xeralmente no sentido dos punteiros do reloxo no hemisferio norte e no contrario no sur. As correntes norte-ecuatorial e sur-ecuatorial móvense de leste para oeste, determinando a existencia de correntes quentes ao longo das fachadas orientais dos continentes, compensadas por correntes frías que descenden para o ecuador ao longo das fachadas occidentais. Nas latitudes medias, as correntes quentes atópanse coas augas frías provenientes das rexións polares. Tal fenómeno é particularmente claro no hemisferio norte occidental, onde a corrente ecuatorial do norte, circula cara ao oeste na latitude de 15º N polos ventos alisios, xira cara ao norte preto de Filipinas para converterse na cálida corrente de Kuroshio, quente, que se encóntra coa corrente de Oyashio, fría, ao longo da costa oriental do Xapón formando a corrente do Pacífico Norte. Virando cara ao leste a uns 45º N, a corrente do Pacífico Norte divídese e algunhas augas móvense cara ao norte como a corrente das Aleutianas, mentres que o resto móvense cara ao sur para reunirse co corrente ecuatorial do norte. A corrente das Aleutianas divídese ao aproximarse a Norteamérica e forma a base dun xiro en contra dos punteiros do reloxo no mar de Bering. O seu brazo sur convértese na lenta corrente de California, que flúe para o sur.

A corrente ecuatorial do sur, que flúe cara ao oeste ao longo do ecuador, xira cara á o sur, ao leste de Nova Guinea, despois vira ao leste a uns 50 graos de latitude sur, e únese á corrente de circulación principal cara ao oeste do Pacífico Sur, que inclúe a corrente circumpolar antártica que dá a volta á Terra. Ao aproximarse á costa de Chile, a corrente ecuatorial do sur divídese; unha rama flúe ao redor do Cabo de Fornos e a outra xira ao norte para formar a corrente de Humboldt.

A calor das augas da zona intertropical permite a proliferación dos corais, que forman illas (atois) ou barreiras (arrecifes) nas beiras continentais.As augas máis ricas en pesca sitúanse nas latitudes temperadas, onde o revolver das correntes garante unha excelente osixenación.

Salinidade das augas

editar

De xeito xeral, a salinidade das augas é pouco elevada, pois os valores máximos xamais superaron 365 por mil. A salinidade tamén varía coa latitude. A auga que se atopa preto do ecuador é menos salina que a das latitudes medias debido á precipitación ecuatorial abundante ao longo do ano. Cara aos polos, a salinidade, o igual que a temperatura, tamén é baixa, xa que existe pouca evaporación de auga do mar nestas áreas.

A cunca do Pacífico

editar

O Pacífico é a cunca oceánica máis antiga de todas as existentes. As súas rochas sedimentarias son as máis antigas teñen unha idade aproximada de 200 millóns de anos. As principais características da cunca oceánica están relacionadas coa tectónica de placas e o vulcanismo. Aínda que o fondo oceánico na zona central do Pacífico é moi regular, os denominados "guyots", unhas elevacións submarinas coa cima plana e forma de columna, si constitúen irregularidades destacadas. Na parte occidental do océano Pacífico, emerxen arcos de illas por encima do nivel do mar, con profundos sistemas de fosas nos seus bordos, así como ao longo da costa asiática. A zona oriental do Pacífico caracterízase pola presenza da dorsal do Pacífico oriental, unha parte do sistema de dorsais oceánicas que rodea o planeta. Os depósitos sedimentarios do océano Pacífico compóñense maioritariamente de partículas de orixe local (depósitos organóxenos), por exemplo, os esqueletos de pequenos animais mariños. Só se atopan depósitos minerais de partículas procedentes os continentes circundantes nas zonas costeiras e nas estreitas plataformas continentais.

Países e territorios costeiros

editar
 
Zonas económicas exclusivas dos países costeiros do Pacífico e do sueste Asiático.
Aprécianse as extensas zonas económicas que proporcionan a EE. UU., Francia, Nova Zelandia e Australia, as aínda numerosas colonias en Oceanía.

Status disputado

editar
 
Nubes de treboada cumulonimbus incus sucando un atardecer visto desde a Estación Espacial Internacional

Tan só os interiores das grandes masas de Australia, Nova Guinea, e Nova Zelandia escapan da influencia climática do Pacífico. Na área do Pacífico, existen cinco zonas ou rexións climáticas diferenciadas: as latitudes medias, os trópicos, a rexión do monzón, a dos furacáns, e o ecuador (zona de calma). Os ventos contra-alisios teñen lugar nas latitudes medias, ao norte e ao sur do ecuador, e levan cambios estacionais marcados nas latitudes norte e sur. Máis cerca do ecuador, onde están a maioría das illas, os ventos constantes alisios portan temperaturas relativamente constantes ao longo de todo o ano de 21-27 graos Celsius.

A rexión do monzón está lonxe, no Pacífico oeste, entre o Xapón e Australia. As características desta rexión climática son ventos que sopran desde o interior continental cara ao océano no inverno e na dirección oposta no verán. En consecuencia, ten lugar unha marcada estación de nubes e choiva. Os furacáns causan a miúdo danos extensos ao oeste e ao suroeste do Pacífico. A maior frecuencia de furacáns dáse nun triángulo que vai do sur do Xapón ata as Filipinas centrais, na Micronesia oriental.

Xeoloxía

editar
 
Volcán en erupción en Papúa Nova Guinea. O océano Pacífico é o de maior actividade volcánica do mundo, e son moi coñecidos os seus terremotos nas súas costas. As súas beiras son chamadas o Anel de lume.

A liña de Andesita é a distinción rexional máis significativa do Pacífico. Separa a parte máis profunda, de rochas ígneas básicas, das áreas continentais parcialmente mergulladas de rochas ígneas ácidas das marxes. A liña de andesita segue o límite oeste das illas de California e pasa ao sur das illas Aleutianas, ao longo do límite leste da península de Kamchatka, as illas Kuriles, Xapón, as Marianas, as Salomón e Nova Zelandia.

A descontinuidade segue cara ao nordeste ao longo do extremo oeste da cordilleira Albatros ao longo de Suramérica cara a México, volvendo ás illas de California. Indonesia, as Filipinas, Xapón, Nova Guinea, e Nova Zelandia son extensións cara ao leste dos bloques continentais de Australia e Asia e están fóra da liña de Andesita. No círculo pechado da liña de Andesita están a maioría de fosas profundas, montañas volcánicas mergulladas, e illas volcánicas oceánicas que caracterizan a cunca Pacífica Central. Aquí é onde as lavas basálticas flúen lentamente para formar grandes montañas volcánicas en forma de cúpula, as cimas erosionadas das cales forman arcos de illas, cadeas, e arquipélagos. Fóra da liña de Andesita, o vulcanismo é do tipo explosivo, e o chamado anel de lume do Pacífico que é a zona máis volcánica do planeta.

Masas de terra

editar
 
Imaxe satelital de Oceanía

A masa maior do océano Pacífico é o país de Australia, situado no continente de Oceanía. A uns 3200 km ao sueste atópase o gran grupo de illas de Nova Zelandia. Case todas as illas menores do Pacífico están entre os 30ºN e 30ºS, estendéndose do sueste asiático á illa de Pascua; o resto da cunca Pacífica non ten practicamente illas. O gran triángulo da Polinesia, que conecta Hawai, a illa de Pascua, e Nova Zelandia, inclúe os arquipélagos das illas Cook, illas Marquesas, illas Samoa, illas da Sociedade, Tokelau, Tonga, e Tuamotu. Ao norte do ecuador e ao oeste da liña internacional de cambio de data hai numerosas illas pequenas da Micronesia, incluíndo as illas Carolinas, as illas Marshall e as Marianas.

Historia e economía

editar
 
Maris Pacifici de Ortelius (1589). Un dos primeiros mapas impresos que mostran o océano Pacífico; ver tamén o Universalis Cosmographia, o mapa de Waldseemüller (1507[6])

Migracións humanas importantes teverón lugar no Pacífico en tempos prehistóricos, notablemente na Polinesia desde Tahití ata Hawai e Nova Zelandia.

O océano foi por primeira vez divisado por europeos a principios do século XVI, primeiro por Vasco Núñez de Balboa (1513) quen o chamou mar do Sur porque desde o istmo de Panamá o mar atopábase ao sur. Ao norte estaba o océano Atlántico ao que tamén se lle chamou "mar do Norte" (ata principios do século XIX). O océano Pacífico foi sucado por Fernando de Magallanes, descubridor do estreito que leva o seu nome, e que chegou a Filipinas en 1521, e por Juan Sebastián Elcano que completou a primeira circunnavegación do mundo en 1522. Ese mesmo ano, Gil González Dávila realizou a primeira expedición polo mar do Sur desde Terra Firme, alcanzando territorios nicaraguanos e costarriquenses, en procura de ouro.

Durante o resto do século XVI e principios do XIX, a influencia española foi absoluta. O Pacífico chegou a denominarse o "lago español" por tantas expedicións españolas que o cruzaron e exploraron. Galeóns españois sucaron as augas do Pacífico entre América e Filipinas con escala en Guam nas Illas Marianas durante séculos e diferentes expedicións chegaron ás Carolinas e Palau, que tamén formaron parte da Capitanía xeneral de Filipinas. En 1545 a expedición de Iñigo Ortiz de Retez chegou a Nova Guinea e bautizouna con ese nome pola semellanza do aspecto dos seus nativos cos de Guinea en África. Unha vez descubertos novos territorios, os esforzos hispanos de cristianización e colonización déronse por primeira vez en Guam seguido polas Marianas, Palau e Yap, para intentalo finalmente nas illas Carolinas Orientais.

A ruta española do Galeón de Manila operou durante dous séculos e medio a través do Pacífico, unindo os portos de Acapulco e Manila entre 1565 e 1815. En 1568 o navegante Álvaro de Mendaña descubriu as Illas Tuvalu e as Illas Salomón, e nunha segunda expedición en 1595 descubriu as illas Marquesas. En 1606, a expedición española de Quirós descubriu as Illas Pitcairn, as Novas Hébridas (hoxe Vanuatu) e visitou as Salomón. Quirós desembarcou na illa principal das Novas Hébridas bautizándoa La Austrialia do Espírito Santo, crendo que chegara á Terra Australis, o continente australiano. Malia atoparse nas Novas Hébridas, o nome Australia acabou substituíndo o de Terra Australis, e perdurou ata os nosos días. Durante o século XVII os holandeses, navegando desde Europa polo sur de África tamén chegaron ao Pacífico Sur, comerciando e descubrindo novos territorios. Abel Janszoon Tasman descubriu Tasmania en 1642 e Nova Zelandia. No século XVIII os rusos exploraron parte de Alasca e as illas Aleutianas. Varias expedicións españolas intentaron reafirmar a soberanía española no extremo norte de Norteamérica o final do século XVIII, tamén alcanzando o Canadá e Alasca. Entre elas, a expedición de Juan Francisco da Bodega y Quadra estableceu un asentamento español en Nutka, na illa de Vancouver (orixinalmente Quadra e Vancouver) e chegou ata a illa de Kodiak en Alasca. Os franceses á súa vez exploraron a Polinesia, e os británicos nos tres viaxes de James Cook: ao Pacífico Sur e Australia, Hawai, e o noroeste americano do Pacífico.

As numerosas chegadas de españois ás illas da Micronesia non supuxo un cambio drástico na cultura e os seus costumes. O que non significa que os habitantes deses lugares se visen dalgún xeito, ameazados e impresionados, polos novos inventos que os españois trouxeron consigo, como eran os enormes barcos, enxeños de guerra ou ata as súas roupas. Ademais diso, a confusión roldaba as súas cabezas debido a que tal como explicaba o cronista oficial Antonio de Pigafetta, estas civilizacións crían ser as únicas que habitaban a Terra.

O imperialismo do século XIX deu como resultado a ocupación do Pacífico polas potencias occidentais. Fixéronse contribucións significativas ao coñecemento oceanográfico nas viaxes do HMS Beagle nos anos 1830, con Charles Darwin a bordo; na do H.M.S. Challenger durante a década de 1870; na do O.S.S. Tuscarora (1873-76); e no alemán Gazelle (1874-76). Aínda que os Estados Unidos tomaron as Filipinas en 1898, o Xapón controlaba o Pacífico oeste en 1914, e ocupou moitas outras illas durante a segunda guerra mundial. No final desta guerra, a frota do Pacífico americana era o amo virtual do océano.

Hai dezasete estados independentes no Pacífico: Australia, Fidxi, o Xapón, Kiribati, Illas Marshall, Estados Federados de Micronesia, Nauru, Nova Zelandia, Palau, Papúa Nova Guinea, Filipinas, Samoa, Illas Salomón, República da China (Taiwán), Tonga, Tuvalu, e Vanuatu. Once destas nacións lograron a súa total independencia a partir dos anos 1960. As Illas Marianas do Norte autogobérnanse, sendo a política exterior xestionada polos Estados Unidos; as Illas Cook e Niue teñen en relacións similares con Nova Zelandia. Tamén no Pacífico está o estado americano de Hawai e diversos territorios e posesións de Australia, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, Francia, o Xapón, México, Nova Zelandia, do Reino Unido e dos Estados Unidos.

A explotación da riqueza mineral do Pacífico está temperada polas grandes profundidades oceánicas. En augas pouco profundas lonxe das costas de Australia e Nova Zelandia, extráese petróleo e gas natural e cultívanse perlas nas costas de Australia, o Xapón, Papúa Nova Guinea, Nicaragua, Panamá e en Filipinas, aínda que cada vez menos. A maior riqueza do Pacífico é a pesca. As augas costeiras dos continentes e as illas máis temperadas crían bacallau, salmón, sardiña, peixe espada, e atún.

En 1986, as nacións membro do Fórum Pacífico Sur declararon a área como zona libre nuclear nun esforzo de parar as probas nucleares e previr a vertedura de residuos nucleares.

  1. Pacific Ocean". Britannica Concise. 2006. Chicago: Encyclopædia Britannica, Inc.
  2. Tana Oshima. El mundo .es, ed. "Un robot alcanza el punto más profundo del océano" (en castelán). Consultado o 8 de abril do 2017. 
  3. 3,0 3,1 International Hydrographic Organization (1953). "Limits of Oceans and Seas, 3rd edition" (PDF). Monte Carlo, Monaco: International Hydrographic Organization. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de outubro de 2010. Consultado o 12 de xuño de 2010. 
  4. Darby, Andrew (22 de decembro de 2003). "Canberra all at sea over position of Southern Ocean". The Age. Consultado o 21 de decembro de 2009. 
  5. Aínda que por suposto os europeos non foron os primeiros descubridores dese océano, de feito case todos as illas estaban habitadas, si foron os primeiros en rexistrar as súas exploracións dun xeito perdurable. Oskar Hermann Khristian Spate, El lago español. Casa Asia, 2006, páxina 34.
  6. "Library Acquires Copy of 1507 Waldseemüller World Map - The Library Today (Library of Congress)". 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
Os cinco océanos
 
Atlántico
 
Ártico
 
Índico
 
Pacífico
 
Antártico