Cuzco[1] (en quechua: Qusqu ou Qosqo) é unha cidade do Perú, sita no sur do país, cunha poboación de 358.052 habitantes (censo de 2007). Despois de ter sido a capital do Imperio Inca na época precolombiana, durante a época colonial española foi unha das cidades máis importantes do Vicerreinado do Perú. Actualmente está declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e segundo a propia constitución peruana, é a capital histórica do país.

Modelo:Xeografía políticaCuzco
Qusqu (qu) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 13°31′20″S 71°59′00″O / -13.522222, -71.983333
EstadoPerú
DepartamentoDepartamento de Cuzco
ProvinciaProvíncia de Cusco (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Capital de
Poboación
Poboación428.450 (2017) Editar o valor en Wikidata (1.112,86 hab./km²)
Xeografía
Superficie385 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude3.399 m Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Cronoloxía
século XIII
23 de marzo de 1534Statement with potentially incorrect Julian date (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Evento clave
6 de maio de 1536Cerco de Cusco (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Xefe do gobernoLuis Pantoja Calvo (en) Traducir (2023–) Editar o valor en Wikidata
Membro de
Identificador descritivo
Código postal08000 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico84 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con
A Paz (1984–)
Baguio (1984–)
Samarcanda (1986–) Editar o valor en Wikidata../... 21+
Patrimonio da Humanidade  
TipoPatrimonio cultural  → América Latina-Caribe
Data1983 (7ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (iii) e (iv) Editar o valor en Wikidata
Identificador273

BNE: XX452177

Historia

editar

Fundación e época inca

editar

Dúas lendas incas atribúen a fundación de Cuzco ó seu primeiro xefe de estado, unha personaxe chamada Manco Cápac, xunto á súa irmá e consorte Mama Ocllo. Nas dúas lendas dise que o lugar foille revelado polo deus sol (Inti) ós fundadores despois dunha peregrinación iniciada ó sur do Val Sagrado dos Incas.

 
Ruínas incaicas na cidade.

Segundo os datos arqueolóxicos e antropolóxicos que foron estudando o verdadeiro proceso de ocupación de Cuzco, sinálase que, por mor da caída do reino de Tiahuanaco, houbo unha migración dese pobo. Ese grupo duns 500 individuos teríase establecido no val do río Huatanay, o cal levaría á fundación de Cuzco. A data exacta é descoñecida, mais os vestixios atopados polos investigadores indican que a cidade xa estaba habitada hai uns 3000 anos, o cal sinalaría que Cuzco é a cidade habitada mais antiga de toda América.

Algunhas crónicas antigas, como a de Pedro Sarmiento de Gamboa, afirman a existencia de grupos étnicos no val de Cuzco antes do xurdimento do Imperio Inca. Dito autor menciona ós Guallas, ós Sahuasiray e ós Antasayas como os poboadores mais antigos; en tanto que os Alcavizas, Copalimaytas e Culunchimas son considerados moradores mais recentes. Tamén sabemos que os Ayarmacas habitaban na rexión, sendo os únicos que non foron dobregados polos Incas, converténdose nos seus principais rivais no dominio da comarca.

Cuzco foi a capital e sede do goberno do Reino dos Incas e tamén despois cando comezou a época imperial, converténdose na cidade mais importante dos Andes e de Suramérica. Este centralismo deulle pulo á cidade e converteuse no principal centro cultural e relixioso.

Atribúeselle ó gobernante Pachacútec o ter feito de Cuzco un centro espiritual e político. Pachacútec chegou ó poder en 1438. El e mais o seu fillo Túpac Yupanqui adicaron cinco décadas á organización e conciliación dos diversos grupos tribais baixo o seu dominio, entre eles os Lupaca e os Colla. Durante o período de Pachacútec e Túpac Yupanqui, o dominio de Cuzco chegou ata Quito ó norte, e ata o río Maule ó sur, integrando culturalmente ós habitantes de 4.500 km de cadeas montañosas.

Créese tamén que o deseño orixinal da cidade foi obra de Pachacútec. A forma do Cuzco antigo ten forma de puma, coa praza central Haucaypata no lugar que ocuparía o peito do animal. A cabeza do felino estaría no outeiro onde está a fortaleza de Sacsayhuamán.

Os incas artellaron a súa división administrativa de xeito que os límites das catro rexións do imperio coincidisen na praza principal de Cuzco.

Fundación española e época virreiral

editar
 
Primeira imaxe de Cuzco en Europa, de 1553.

Os conquistadores españois souberon dende a súa chegada a terras do actual Perú que o seu obxectivo tiña que ser a cidade de Cuzco, capital do Imperio.

Despois de apresar a Atahualpa en Cajamarca, comezaron o seu movemento cara a Cuzco. Polo camiño fundaron algunha cidade como ligazón entre a capital do Imperio e a pioneira cidade de San Miguel de Tangarará. O 23 de marzo de 1534, Francisco Pizarro fundou para España a cidade de Cuzco, establecendo como Praza de Armas a antiga praza principal, que estaba rodeada de pazos dos antigos gobernantes incas. Alí comezou a construción da catedral.

Parte da nobreza inca mantivo unha loita durante os primeiros anos da colonia. En 1536 Manco Inca comezou os seus enfrontamentos e creou a dinastía dos Incas de Vilcabamba. Esta dinastía chegou ó seu final en 1572 cando o derradeiro inca, Tupac Amaru I, foi derrotado e executado.

A cidade converteuse nun importante centro comercial e cultural dos Andes centrais xa que se atopaba nas rutas entre Lima e Buenos Aires. Non obstante, a administración do Vicerreinado situouse en Lima (fundada dous anos despois de Cuzco, en 1535), pola súa proximidade co porto natural do que nun futuro sería Callao para establecer a cabeceira dos seus dominios en Suramérica.

Cuzco foi tomada como cabeceira da administración virreinal no sur do país, sendo nos seus comezos a localización máis importante, por diante das recentemente fundadas Arequipa ou Moquegua. A súa poboación era principalmente de indíxenas pertencentes á aristocracia incaica, ós que se lles respectaran algúns dos seus privilexios, pero tamén se instalaron alí un bo número de españois. Nese tempo comezou o proceso de mestizaxe cultural que actualmente caracteríza á cidade.

O desenvolvemento urbano viuse detido por varios sismos, que en mais dunha ocasión desfixeron a cidade. En 1650 un gran terremoto esnaquizou a maioría dos edificios coloniais.

En 1780 a cidade de Cuzco viuse convulsionada polo movemento iniciado polo cacique José Gabriel Condorcanqui, e Túpac Amaru II levantouse contra a administración española. Ese levantamento foi sufocado despois de varios meses de loita nos que puxo en perigo ás autoridades virreinais da cidade. Túpac Amaru foi vencido e executado coa súa familia na Praza de Armas. Non obstante, o seu movemento estendeuse polo Andes comezando o proceso emancipador suramericano.

En 1814, tivo lugar en Cuzco outro levantamento contra a administración do Vicerreinado. O brigadier Mateo Pumacahua, mestizo de Cuzco que tivera loitado fronte a Túpac Amaru, comezou a chamada Rebelión de Cuzco cos irmáns Angulo para acadar a independencia do Perú. Este levantamente tamén fracasou.

Época republicana

editar

O Perú declarou a súa independencia en 1821 e a cidade de Cuzco mantivo a súa importancia dentro da organización político-administrativa do país. Creouse o Departamento de Cuzco, que abranguía mesmo territorios amazónicos ata o límite co Brasil. A cidade foi declarada capital dese departamento e a cidade mais importante do sueste andino.

A partir do século XX a cidade comezou un desenvolvemento urbano máis rápido do que houbera ata entón, chegando a estenderse polos distritos veciños de Santiago e Wanchaq. En 1911 partiu da cidade a expedición de Hiram Bingham que o levou a explorar as ruínas de Machu Picchu.

En 1933 a cidade foi declarada "Capital Arqueolóxica de América" polo Congreso de Americanistas realizado en La Plata, Arxentina. Un sismo destruíu un terzo dos edificios da cidade en 1950, o cal provocou unha nova reconstrución da cidade con intereses turísticos. En 1978, a Convención de Alcaldes das Grandes Cidades Mundiais declarou a Cuzco "Herdanza Cultural do Mundo". Finalmente a Unesco, o 9 de decembro de 1983, declarou á cidade "Patrimonio Cultural da Humanidade". O estado peruano declarou entón a Cuzco "Capital Turística do País" e "Patrimonio Cultural da Nación". Mais recente foi a inclusión de Cuzco na constitución peruana de 1993 como "Capital Histórica do Perú". En 2007 Machu Picchu foi elixida como "unha das novas sete marabillas do mundo".

Na actualidade Cuzco é o principal destino turístico do Perú, é unha cidade en crecemento, e está nun proceso de recoñecemento dos antigos nomes quechuas en rúas e prazas.

 
Vista panorámica da cidade de Cuzco dende o sur.

Lugares turísticos

editar
 
Fachada principal da Catedral.
 
Pedra dos doce ángulos na rúa Hatun Rumiyuq.
 
Coricancha.

Pola súa antigüidade e importancia, o centro da cidade conserva moitos edificios, prazas e rúas de tempos precolombinos, así como diversos edificios coloniais.[2]

Praza de Armas

editar

O lugar foi antigamente un pantano que os incas secaron e transformaron nun centro admistrativo, relixioso e cultural. Chamada Praza do Guerreiro en tempos incaicos, estaba rodeada de templos e pazos. Coa chegada dos españois foi rebautizada como Praza de Armas, e nela construíronse mansións coloniais e templos católicos como a Catedral e a Igrexa da Compañía de Xesús. Na actualidade acolle hoteis turísticos, xoierías e locais de franquías como McDonald's, KFC ou Starbucks.

Catedral

editar

A primeira catedral de Cuzco foi a chamada Igrexa do Triunfo, construída en 1539 sobre o terreo do antigo palacio de Viracocha Inca. Nos nosos días esa igrexa é unha capela auxiliar da actual Catedral Basílica da Virxe da Asunción. Esta foi construída entre os anos 1560 e 1664 con pedra das canteiras próximas e da fortaleza de Sacsayhuamán, cunha fachada de estilo renacentista e interiores barrocos, tardo-góticos e platerescos. Está situada no sector nordeste da Praza de Armas, ocupando unha superficie de 3.956 m².

Igrexa da Compañía de Xesús

editar

A súa construción por parte dos xesuítas comezou en 1576 sobre as ruínas do palacio do inca Huayna Cápac, nun estilo barroco colonial.

Rúa Hatun Rumiyuq

editar

É a rúa mais visitada polos turistas. Nela atopábase o palacio de Inca Roca, que hoxe pertence ó Palacio Arzobispal. Nesta rúa que comeza na Praza de Armas e leva ata o Barrio de San Blas, pódese atopar a famosa Pedra dos Doce Ángulos.

Barrio de San Blas

editar

Considerado un dos lugares mais pintoresco da cidade, nel concéntranse os artesáns. As súas rúas son íngremes e estreitas, con antigas casonas coloniais.

Coricancha

editar

O Coricancha (Quri Kancha) foi o santiario mais importante adicado ó deus Sol no tempo do Imperio Inca. Este templo era chamado o "sitio do ouro" xa que tódolos seus muros estaban recubertos con follas de ouro polos incas. Tendo a antiga estrutura como base, na súa localización construíuse o Convento de Santo Domingo, de estilo renacentista. A edificación, dunha soa torre barroca, supera en altura ás outras edificaciones da cidade. No seu interior pódese atopar unha importante colección de pinturas da Escola Cuzqueña.

Sacsayhuamán

editar

Sacsayhuamán é unha gran fortaleza sita nun outeiro do norte da cidade, cuxa construción comezou Pachacútec no século XV. Está considerada a maior obra arquitectónica dos incas no seu apoxeo.

 
Vista dos muros exteriores de Sacsayhuamán.

Poboación

editar

Até finais do século XVIII, Cuzco foi a cidade mais poboada do continente, mesmo por diante de Lima. Porén, coa revolta de Túpac Amaru en 1780, moita da poboación branca marchou cara cidades como Arequipa, consideradas mais seguras. Desde xeito, no século XX a poboación da cidade de Cuzco era maioritariamente mestiza ou indíxena.

Na actualidade está a crecer a porcentaxe de poboación branca, chegando xa ó 30%.

Tralo censo feito no Perú no ano 2007, a cidade de Cuzco ocupaba a sétima posición polo número de habitantes, con 358.052.

Principais localidades do Perú por poboación (2007)

 
Lima
 
Arequipa

Trujillo
 
Chiclayo

Cidade Departamento Hab. (2007)

 
Piura
 
Iquitos
 
Cuzco

Chimbote

1 Lima Metropolitana Lima 8 472 935
2 Arequipa Arequipa 749 291
3 Trujillo La Libertad 682 834
4 Chiclayo Lambayeque 524 442
5 Piura Piura 377 496
6 Iquitos Loreto 370 962
7 Cuzco Cuzco 358 052
8 Chimbote Ancash 334 568
9 Huancayo Junín 323 054
10 Tacna Cuzco 242 451
11 Ica Ica 219 856
12 Juliaca Puno 216 716
Instituto Nacional de Estatística e Informática
Evolución da poboación da metrópole de Cuzco
Ano Poboación
1614 5000
1761 6600
1812 6900
1820 9000
1827 15 000
1850 16 000
1861 15 000
1877 17 000
1890 18 900
1896 20 000
1900 25 000
1908 33 900
1920 30 500
1925 32 000
1927 33 000
1931 35 900
1940 40 600
1945 45 600
1951 50 000
1953 54 000
1961 80 100
1969 115 300
1981 180 227
1993 250 270
1997 275 318
2000 295 530
2005 320 900
2006 338 965
2007 390 000
2014 427 000
2017 437 538

Educación

editar
 
Universidade Nacional San Antonio Abad.
 
Museo de Arte Sacra do Arcebispado.

Universidades:

  • Universidade Nacional San Antonio Abad. Segunda universidade mais antiga do Perú e quinta de Suramérica.
  • Universidade Andina de Cuzco.
  • Universidade Alas Peruanas.
  • Universidade Peruana Austral de Cuzco.
  • Universidade Tecnolóxica dos Andes.
  • Universidade San Ignacio de Loyola .
  • Universidade César Vallejo.
  • Escola Nacional Superior Autónoma de Belas Artes do Perú.

Saúde

editar

As institucións de saúde pública que están presentes na cidade son as seguintes:

  • Hospital Rexional de Cuzco
  • Hospital Antonio Loreno
  • Hospital Nivel IV Anselmo Guevara Velazco
  • Policlínico Metropolitano
  • Policlínico San Sebastián
  • Policlínico Santiago
  • Policlínico La Recoleta

Transportes e comunicacións

editar
 
Pista do aeroporto de Cuzco.

Aeroporto

editar

A principal porta de entrada para a cidade de Cuzco é o Aeroporto Internacional Alejandro Velasco Astete, que ten 1'3 millóns de usuarios por ano. Esa cantidade de pasaxeiros fai del o segundo aeroporto mais usado do Perú tralo Aeroporto Internacional Jorge Chávez de Lima. O carácter monumental e cultural da cidade e a súa proximidade xeográfica con Machu Picchu fai que o aeroporto sexa de vital importancia para o turismo local. O nome da terminal aérea homenaxea ó aviador cuzqueño Alejandro Velasco, quen cruzou os Andes voando en 1925, sendo a primeira persoa en facelo.

Ferrocarril

editar

Cuzco está comunicado por vía férrea coas cidades de Puno e Arequipa. Outra liña de trens transporta ós turistas directamente dende Cuzco ata a ciudadela incaica de Machu Picchu.

Estradas

editar

Finalmente, por estrada, a cidade está comunicada coas cidades de Puerto Maldonado, Arequipa, Abancay e Puno. A estrada de Abancay é a máis rápida para viaxar a Lima, nun percorrido que leva un tempo aproximado de 20 horas.

Deportes

editar
 
Estadio Inca Garcilaso de la Vega.

Fútbol

editar

En Cuzco destaca a práctica do fútbol. Dous equipos da cidade competirán na máxima categoría profesional do fútbol peruano, o Campionato Descentralizado, na tempada 2012. Son o CS Cienciano e o AC Real Garcilaso. Ningún dos dous ten acadado ningún título de liga, no entanto o CS Cienciano ten unha traxectoria moito máis salientable, con 31 tempadas en primeira división, acadando 1 Torneo Apertura, 2 Torneos Clausura, 1 Copa Suramericana e 1 Recopa Suramericana; que o converten no único equipo do Perú que gañou algunha competición continental oficial ó longo da historia. Pola súa banda, o Real Garcilaso, fundado en 2009, ascendeu en 2011 por vez primeira á primeira división peruana.

Tanto o CS Cienciano como o Real Garcilaso xogan os seus encontros como locais no Estadio Inca Garcilaso de la Vega, un recinto descuberto, propiedade do Instituto Peruano dos Deportes, cuxas bancadas teñen capacidade para acoller a máis de 42.000 seareiros. Nel disputáronse varios encontros da Copa América que organizou o Perú en 2004.

Cada ano dispútase no Perú a carreira automobilística "Caminos del Inca", a máis importante e tradicional dentro do mundo do motor no Perú, nun formato de etapas semellante ó ciclismo, na cal percórrese durante unha semana boa parte do territorio nacional, saíndo cada día dunha cidade e chegando a outra a centos de quilómetros para facer noite, e na cal Cuzco é unha parada tradicional dende 1966, sendo a meta da terceira etapa (a máis longa) e a saída da cuarta (a máis veloz).

  1. Capelán, Antón (2003). "Da saudade revertida: a realidade americana na obra de Avilés de Taramancos". Boletín da Real Academia Galega (364): 130. 
  2. Lugares turísticos de Cuzco Arquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine., na páxina web da Municipalidad Provincial de Cuzco. (en castelán)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar