Chlorella
Chlorella | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||
Chlorella é un xénero de algas verdes unicelulares do grupo Chlorophyta. Ten forma esférica, cun diámetro entre 2 e 10 μm, e carece de flaxelos. Chlorella contén os pigmentos verdes fotosintéticos clorofila a e b no seu cloroplasto. É un organismo fotosintético que se multiplica rapidamente, requirindo só dióxido de carbono, auga, luz solar e pequenas cantidades de sales minerais. O nome procede do grego chloros: verde; e do sufixo diminutivo latino -ela: "pequeno".
O bioquímico alemán Otto Heinrich Warburg recibiu o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina de 1931 polo seu estudo da fotosíntese en Chlorella. En 1961 Melvin Calvin da Universidade de California recibiu o Premio Nobel de Química polo seu estudo sobre as vías de asimilación do CO2 en plantas usando Chlorella. En anos recentes diminuíu o seu uso como organismo experimental debido a que a súa reprodución asexual non permite aproveitar os avances da xenética.
Chorella pode funcionar como endosimbionte doutros organismos, concretamente do protozoo Paramecium bursaria.[1]
Fonte de alimentación
editarNoutras épocas creuse que Chlorella podería servir como fonte de alimento e de enerxía debido á súa eficiencia fotosintética, que pode chegar teoricamente ao 8%,[2][3] (comparable con outros cultivos altamente eficientes como a cana de azucre). Como posible fonte de alimento era tamén (en principio) atractiva pola súa alta proporción de proteínas e outros nutrientes esenciais para o ser humano; en seco contén preto dun 45% de proteína, 20% de lípidos, 20% de carbohidratos, 5% de fibra, 10% de minerais e vitaminas. Porén, por ser unha alga unicelular, a súa colleita a grande escala presenta enormes dificultades. Están empezando a usarse métodos de produción en masa para o seu cultivo en grandes depósitos artificiais.
Historia
editarNas décadas de 1940 e 1950 creceu a preocupación por unha posible explosión demográfica, e nese contexto Chlorella foi vista como unha nova e promisoria fonte primaria de alimento e como posible solución á crise mundial de alimentos.[4]
Moitas institucións intensificaron os seus estudos sobre esta alga, incluíndo a Institución Carnegie, a Fundación Rockefeller, os National Institutes of Health, a Universidade de California, a Comisión de Enerxía Atómica dos Estados Unidos, e a Universidade Stanford. Despois da segunda guerra mundial, moitos europeos pasaban fame, e os partidarios do malthusianismo atribuíano non só á guerra senón tamén á incapacidade do planeta de producir alimento dabondo para unha poboación en rápido crecemento. Segundo un informe da FAO de 1946, o mundo tería que producir dun 25 a un 35% máis de alimentos en 1960 que en 1939 para manter o ritmo do crecemento demográfico, mentres que a mellora da saúde requiriría un incremento do 90 ao 100%. Dado que a carne era custosa de producir en termos de diñeiro e de enerxía, a escaseza de proteínas tamén era un problema. Incrementar a área cultivada non parecía que sería suficiente. As únicas esperanzas que quedaban eran as novas técnicas e tecnoloxías de cultivo.
Estudos iniciais sobre Chlorella
editarProbas iniciais feitas polo Stanford Research Institute demostraron que Chlorella (se crecía en lugares soleados, tépedos e pouco profundos) podía converter o 20% da enerxía solar en biomasa, que ao secarse contiña un 50% de proteínas.[4] Ademais, Chlorella contiña lípidos e vitaminas. A súa eficiencia fotosintética permitía máis rendemento proteico por unidade de área que calquera outra planta; predíxose que con 20 traballadores, en 400 ha (4 km²) de granxa, poderían producirse 10.000 t de proteínas ao ano de Chlorella.[4] As investigacións e producións piloto desenvolvidas en Stanford e outras universidades tiveron gran repercusión na prensa, pero non se chegou a producir algas en masa.[4]
Inviabilidade como fonte masiva de alimentos
editarFinalmente, demostrouse Chorella presenta moitas máis dificultades para a súa produción do que previamente se pensaba. Os estudos experimentais fixéranse en laboratorios, e non no campo. A eficiencia fotosintética máxima desta alga só podía conseguirse cultivándoa á sombra e con iluminación artificial; a luz solar directa diminúe a eficiencia ata niveis non moi superiores aos dos cultivos convencionais (aproximadamente un 2,5%).
Ademais, para que Chlorella fose realmente produtiva debería cultivarse en auga carbonatada, o que engadiría millóns ao custo de produción. Cómpren tamén complexos procesos adicionais para colleitala e facela unha fonte viable de alimento; entre outras cousas, as súas paredes celulares de celulosa deberían pulverizarse, xa que son indixeribles para o ser humano. A planta podería só alcanzar o seu potencial nutricional en situacións altamente modificadas artificialmente.
O problema da necesidade de máis alimentos para un mundo esfameado resolveuse, finalmente, con mellores eficiencias nos cultivos e non cun "superalimento" do tipo de Chlorella.
Actualmente
editarActualmente, Chlorella comercialízana empresas que promoven os seus efectos como superalimento ou como suplemento dietario, e téñenselle atribuíndo propiedades beneficiosas para o control do peso, prevención do cancro ou axuda ao sistema inmunolóxico, entre outras.[4] En ocasións estes efectos non están debidamente probados. Por exemplo, en 2005, nos Estados Unidos a FDA enviou unha notificación a Joseph Mercola, un distribuidor líder de "produtos naturais de saúde", conminándoo a absterse de realizar afirmacións no seu sitio web sobre supostas propiedades medicinais de Chlorella (normalizar o nivel de azucre en sangue e a presión arterial e combater o cancro).[5] Segundo a American Cancer Society, "os estudos científicos dispoñibles non apoian a súa efectividade para previr ou tratar o cancro ou calquera outra doenza en humanos".[6] Na actualidade Mercola e moitos outros vendedores de suplementos dietarios e medicina alternativa comercializan Chlorella como axente quelante (destinado a eliminar os metais pesados que se acumulan no corpo).[7]
Efectos medicinais en animais
editarAlgúns estudos realizados demostraron que a administración de Chlorella podería ter efectos antitumorais e de control da hipertensión arterial, pero foron realizados en animais.[8] [9] [10] [11] Ditos estudos non foron replicados polo momento en seres humanos.
Como biocombustible
editarSegundo un estudo publicado en 2006, existe potencial para a produción industrial de biocombustible líquido a partir da especie Chlorella protothecoides. Investigadores da Universidade Tsinghua de Pequín extraeron unha gran cantidade de aceite de cultivos de C. protothecoides en fermentadores, que foi transformado por transesterificación nun biodiésel de alto poder calorífico.[12]
Redución do CO2 e produución de O2
editarEn 1965, o experimento ruso BIOS-3 determinou que 8 m2 de Chlorella exposta podía eliminar o dióxido de carbono e repoñer oxíxeno nun contorno selado suficiente para a vida dunha soa persoa. A alga cultivouse en tanques baixo luz artificial.[13]
En acuarios
editarChlorella pode crecer excesivamente en acuarios, facendo que a auga se volva verde e opaca. Isto ocorre se hai altos niveis de nitratos e fosfatos ou se recibe luz solar directa. Diminuír eses contidos de fosfatos e nitratos, cambiar a auga parcialmente e colocalo á sombra pode resolver o problema.
Notas
editar- ↑ Yuuki Kodama, Haruo Suzuki, Hideo Dohra, Manabu Sugii, Tatsuya Kitazume, Katsushi Yamaguchi, Shuji Shigenobu e Masahiro Fujishima. Comparison of gene expression of Paramecium bursaria with and without Chlorella variabilis symbionts. BMC Genomics [1]
- ↑ Zelitch, Israel (1971). "Photosynthesis, Photorespiration and Plant Productivity". Academic Press: 275.
- ↑ Zelitch, Israel (febreiro 1973). "Plant Productivity and the Control of Photorespiration" (PDF). Proceedings of the National Academy of Sciences, USA 70 (2): 579–584.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Belasco, Warren (xullo de 1997). "Algae Burgers for a Hungry World? The Rise and Fall of Chlorella Cuisine". Technology and Culture 38 (3): 608–634.
- ↑ Food and Drug Administration, Department of Health and Human Services (16 de febreiro de 2005). "Nota de la FDA a Joseph Mercola" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 27 de abril de 2015.
- ↑ "Chlorella". American Cancer Society. 29 de abril de 2011. Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2013. Consultado o 13 de setembro de 2013.
- ↑ Mercola.com. "Chlorella - The Natural Wonder Supplement" (en inglés). Consultado o 10 de outubro de 2011.[Ligazón morta]
- ↑ Tanaka K, Tomita Y, Tsuruta M, Konishi F, Okuda M, Himeno K, Nomoto K (1990). "Oral administration of Chlorella vulgaris augments concomitant antitumor immunity". Immunopharmacology and Immunotoxicology 12 (2): 277–291.
- ↑ Miyazawa Y, Murayama T, Ooya N, Wang LF, Tung YC, Yamaguchi N (1988). "Immunomodulation by a unicellular green algae (Chlorella pyrenoidosa) in tumor-bearing mice". Journal of Ethnopharmacology 24 (2–3): 135–146.
- ↑ Konishi F, Tanaka K, Himeno K, Taniguchi K, Nomoto K (1985). "Antitumor effect induced by a hot water extract of Chlorella vulgaris (CE): resistance to Meth-A tumor growth mediated by CE-induced polymorphonuclear leukocytes". Cancer inmunology, inmunotherapy 19 (2): 73–78.
- ↑ Sansawa H, Takahashi M, Tsuchikura S, Endo H (2006). "Effect of chlorella and its fractions on blood pressure, cerebral stroke lesions, and life-span in stroke-prone spontaneously hypertensive rats". Journal of nutritional science and vitaminology 52 (6): 457–466.
- ↑ Han Xu, Xiaoling Miao, Qingyu Wu (2009). "High quality biodiesel production from a microalga Chlorella protothecoides by heterotrophic growth in fermenters". Journal of Biotechnology 126 (4): 499–507. doi:10.1016/j.jbiotec.2006.05.002.
- ↑ "Russian CELSS Studies". Space Colonies. Permanent. Consultado o 3 de novembro de 2012.