Ceca de Ticinum
Ceca de Ticinum | |
---|---|
En primeiro termo, busto de Constantino laureado e acoirazado cara á esquerda, portando lanza no ombreiro dereito e escudo decorado no brazo esquerdo. Detrás busto do Sol radiado.
INVICTVS CONSTANTINVS MAX AVG |
Vitoria alada e drapeada, avanzando cara á esquerda, con coroa na man dereita e palma na esquerda. Detrás Constantino laureado, drapeado e acoirazado, cabalgando cara á esquerda, con hasta pura na man esquerda. Detrás soldado con casco, portando estandarte e lanza transversal.
FELIX - ADVENTVS AVGG - NN |
Múltiplo do sólido. Au. Ceca de Ticinum (marca SMT). Ano 313. Peso: 39,78 g (Gabinete de Medallas de París). [1][2] |
A ceca de Ticinum foi unha casa de moeda do Imperio Romano instituída na cidade de Ticinum (a actual Pavia), a partir da reforma monetaria de Aureliano de 274 d.C., en detrimento da existente ata o momento en Mediolanum (Milán).
A ceca permaneceu en actividade ata a súa clausura por Constantino en 326 como ceca imperial. Os ostrogodos instalaron na mesma cidade unha nova ceca, que estendeu a súa existencia ata o século XV, coñecida xa como ceca de Pavia.
Marcas de ceca
editarA ceca de Ticinum tivo unha cantidade variable de obradoiros ou oficinas monetais, e en tempos de Probo (276-282) chegou a contar con ata seis.[3] Algunhas das súas marcas de ceca son as seguintes:[4][5]
- T (Ticinum).
- BT (secunda ticinensis).
- PT (prima ticinensis).
- ST (secunda ticinensis).
- TT(tertia ticiniensis).
- QT (quarta ticinensis).
- SMT (na moeda de ouro).
Historia
editarDerradeiro período de anarquía militar: emperadores ilirios (274-285)
editarCoa morte de Galieno (253-268), elixiuse o primeiro dos chamados emperadores ilirios, Claudio II o Gótico (268-270), que procedía das zonas ilirias. Claudio dedicouse a frear as incursións godas e finou en Sirmium en 270, no centro da fronte iliria, por causa da peste que asolou Iliria naquela época. Sucedeuno outro militar desta rexión, Aureliano (270-275), cuxo primeiro obxectivo foi repeler unha nova incursión de alamanos, marcomanos e xutungos, que invadiran Italia en 270-271. Xurdiu daquela a necesidade de manter un obradoiro de moeda imperial no centro do val do Po, a ceca de Mediolanum, que se establecera xa na época de Galieno. Logo Aureliano concentrouse na reunificación do Imperio, primeiro reconquistándolle o reino de Palmira a Zenobia entre 271 e 273, e despois o Imperio das Galias, gobernado por Tétrico (271-274). A fazaña foi tan exitosa que lle foi concedido o título de Restitutor orbis. A partir destes acontecementos, levouse a cabo unha reforma monetaria en 274, que supuxo o pechamento da ceca de Mediolanum e o traslado dos seus equipamentos e do seu persoal a Ticinum, onde se estableceu a nova ceca.[6]
As cuñaxes nesta nova ceca mantivéronse con continuidade baixo Marco Claudio Tácito (275-276), o seu irmán Floriano (276), Marco Aurelio Probo (276-282),[7] Marco Aurelio Caro (282-283) e este cos seus fillos Numeriano e Carino (283-285).[8]
De Diocleciano á segunda tetrarquía (285-306)
editarA importancia estratéxica da nova ceca de Ticinum convenceu a Diocleciano (284-305) da conveniencia de mantela en funcionamento dentro da nova organización monetaria do imperio, e despois durante todo o período tetrárquico.[9] Na época de Diocleciano, a ceca contaba con dúas oficinas ou obradoiros —das seis que chegara a ter—. A partir do ano 300 pasou a ter tres, e desde 322 catro obradoiros, ata o seu pechamento definitivo en 326.[3][6][10]
-
Follis de Maximiano
(305).
Emisións da Guerra Civil (306-324)
editarCoa morte de Constancio I Cloro (305-306),[11][12] o sistema tetrárquico entrou en crise e o fillo ilexítimo do defunto emperador, Constantino, foi proclamado emperador (306-337) polas tropas,[13][14] en competencia co lexítimo herdeiro, Severo. Poucos meses despois, Maxencio (306-312), fillo do antigo augusto Maximiano (286-305), fíxose aclamar pola Garda Pretoriana, restablecendo o principio dinástico.[15]
As guerras civís romanas que seguiu duraron case dúas décadas, de 306 a 324, e provocou o estoupido dun longo conflito entre numerosas faccións de pretendentes ao trono imperial en diferentes partes do Imperio, do que Constantino saíu triunfante. Deste xeito logrouse reunir o poder imperial en mans dun único monarca, logo da época da Tetrarquía.
Neste período a ceca de Ticinum permaneceu en actividade, e na década de 310 Constantino fixo cuñar nela, á parte das moedas circulantes, moedas de prestixio ("medallóns") de gran tamaño en prata e en ouro en conmemoración das súas vitorias militares, que probablemente se entregasen aos mandos militares simpatizantes do cristianismo.[16][17] Mais ao finalizar a guerra, Constantino determinou a súa clausura en 326.[3] O motivo do seu pechamento foi similar ao que provocou a súa apertura: o traslado cara a oriente do seu persoal e do seu equipamento, co obxecto de conformar a nova ceca de Constantinopla.[6]
Emisións ostrogodas
editar- Artigo principal: Ceca de Pavia.
Durante a guerra gótica e coa caída de Roma (536) e de Rávena e Milán (539- 540) e as súas respectivas cecas en mans bizantinas, a ceca de Ticinum ou Pavia cobnverteuse no principal centro de cuñaxe dos ostrogodos a partir do reinado de Tótila (542-552).[18] A primeira moeda cuñada con certeza na cidade foi, de feito, unha siliqua co monograma do rei Hildibaldo (540-541) e é probable que os tremissis emitidos por Tótila,[19][20] coa efixie do emperador Xustiniano (527-565), se adscriban tamén ceca de Pavia, en tanto que, coa reconquista temporal de Roma polos ostrogodos (549-552), se retomou a cuñaxe de ouro na ceca de Roma, aínda que é difícil distinguir os sólidos e os tremissis —esta vez co busto do emperador Anastasio— producidos en Roma dos cuñados en Pavia.[21]
Xunto á cuñaxe de ouro, a ceca de Pavia produciu tamén siliquas e medias siliquas de prata, co nome —ou monograma— de Tótila no reverso, xeralmente enmarcado por unha grilanda, e moedas de bronce. As moedas de bronce cuñadas en Pavia caracterízanse polo adxectivo FELIX combinado coa imaxe da cidade, o que indica que Pavia era a residencia do rei e a sede das estruturas administrativas e militares centrais do reino, de xeito diferente ás cuñadas en Roma, onde o título que fai referencia á cidade é INVICTA.[19]
Tras a caída de Roma en mans bizantinas, Pavia seguiu a ser a única ceca baixo o control dos ostrogodos. Desta época datan algunhas siliquas de prata cuñadas na ceca polo derradeiro soberano ostrogodo, Teia, finado en 552.[19]
Notas
editar- ↑ "Monnaie: multiple d'or de Constantin Ier, Ticinum, 313". Bibliothèque nationale de France. Département Monnaies, médailles et antiques.
- ↑ "RIC VI Ticinum 111". OCRE. American Numismatic Society.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Chiaravalle, M. (1990). Páxina 47.
- ↑ "Ticinum". Forum Ancient Coins.
- ↑ "Ceca de Ticinum". Tesorillo.com
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "Knowing the Roman imperial mints: Ticinum". Aeternitas-numismatics.com
- ↑ Estiot, S. (2006).
- ↑ Estiot, S. (2017).
- ↑ Hostein, A. (2012).
- ↑ Zosimo. Storia nuova, II, 9, 1.
- ↑ Eutropio. Breviarium ab Urbe condita, X, 1.
- ↑ Zosimo. Storia nuova, II, 9, 1.
- ↑ Eutropio. Breviarium ab Urbe condita, X, 2.
- ↑ Zosimo. Storia nuova, II, 9, 1.
- ↑ Zosimo. Storia nuova, II, 9, 3.
- ↑ Bleckmann, B. (2014).
- ↑ Silva, D. P (2009). "Ticinum: um estudo da propaganda política de Constantino I". En Revista Eletrônica NEARCO. Vol. 4. Páxinas 57-67. Xaneiro.
- ↑ "Ticinium ostrogota". En Bolis, A. (2007).
- ↑ 19,0 19,1 19,2 Brandolini, F. (2014).
- ↑ Arslan, E. A. (2004).
- ↑ Arslan, E. A. (2011).
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ceca de Ticinum |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Arslan, E. A. (2004). "Dalla classicità al medioevo. La moneta degli Ostrogoti". En Quaderni Ticinesi, Numismatica e Antichità Classiche. XXXIII. Páxinas 429-462.
- Arslan, E. A. (2011). "La produzione della moneta nell’Italia Ostrogota e Longobarda". En Travaini, L. (2011). Páxinas 367-413.
- Bleckmann, B. (2014). "Costantino dopo la battaglia presso il ponte Milvio: Note sul medaglione di Ticinum". En Dal Covolo, E. et al. (eds.). Costantino il Grande alle radici dell' Europa. Libreria Editrize Vaticana.Páxinas 197-220. ISBN 978-88-209-95140
- Bolis, A. (2007). "Ticinum Papia. Tra incudine e martello". En Ticinum. Notizie Numismatiche. VIII, 1. Xuño. Páxians 3-26.
- Brandolini, F. (2014). "Il denaro di Pavia, Civitas Gloriosa. La monetizacione di Pavia, capitale altomedievale (sec.VI-XI d.C.)". En Corso di Numismatica. Università degli Studi di Milano (Academia.edu).
- Chiaravalle, M. (1990). "La produzione delle zecche di Milano e di Ticinum". En Sena Chiesa, G. Milano capitale dell'Impero romano (286-402 d.C.). Silvana Editoriale. Milán.
- Cohen, Henry. Description historique des monnaies frappées sous l'Empire romain. MM. Rollin & Feuardent. 2ª edición. París, 1880-1892 (Tomo I: 1880. Tomo II: 1882. Tomo III: 1883. Tomo IV: 1884. Tomo V: 1885. Tomo VI: 1886. Tomo VII: 1888. Tomo VIII: 1892 (mais táboa de emperadores).
- Depeyrot, G. (1987). Le Bas Empire romain, économie et numismatique (284-491). Errance, París. ISBN 2903442401
- Estiot, S. (2006). "Une campagne germanique de l’empereur Probus: l’atelier de Ticinum en 277-278". En Demougin, S. et al. (eds). H.-G. Pflaum, un historien du XXe siècle. Droz, Xenebra.
- Estiot, S. (2017). "L' Atelier de Ticinum sous le règne de Carus et de ses fils". En Revue Numismatique. Vol. 174. Páxinas 75-118.
- Hostein, A. (2012). "Un quinaire inédit de Dioclétien frappé à Ticinum-Pavie en 285". En Bulletin de la Société Française de Numismatique. Ano 67. Nº8. Páxinas 238-247.
- Mattingly, H. (ed); Carson, R. A. G. (1923). Coins of the Roman Empire in the British Museum. Vol. 1: Augustus to Vitellius. British Museum, Londres.
- RIC: Roman Imperial Coinage. 10 volumes. Londres 1926-1994:
- RIC VI: The Diocletian Reform-Maximinus II (294-313). Sutherland, C. H. V. 1967.
- RIC VII: Constantine I-Licinius (313-337). Bruun, P. M. 1966.