Castelo da Rocha Forte

O castelo da Rocha Forte é un sitio arqueolóxico en proceso de escavación do castelo medieval máis emblemático da mitra compostelá, que tivo un período de ocupación desde, aproximadamente, o ano 1240 ao 1467, ano no que foi destruído ata os seus alicerces polos irmandiños. Nel tiveron lugar feitos moi sinalados da historia de Compostela.

Castelo da Rocha Forte
ben de interese cultural
ConcelloSantiago de Compostela
ProvinciaA Coruña
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°51′39″N 8°34′23″O / 42.86083333, -8.57305556
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalgótico? (século XIII)
Estilo actualgótico? (En ruínas)
Estado actualEn proceso de escavación arqueolóxica
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Situación

editar

A Fortaleza da Rocha Forte, tamén coñecida como Castelo dos Churruchaos, sitúase na parroquia de Conxo no lugar da Rocha Vella, pertencente ao concello de Santiago de Compostela.

Atópase, a unha altitude de 185 metros, no lugar coñecido como a Rocha Vella, a carón da vía do ferrocarril, que o cruza ocultando gran parte do sitio, e preto da actual saída da cidade cara a Pontevedra. Os terreos sobre os que se asenta son propiedade do Arcebispado de Santiago, que cedeu o seu uso por 50 anos ao concello. Calcúlase que o recinto ocupa uns 4.000 metros cadrados.

Moi preto desta localización atópase o Castriño de Conxo.

Descrición

editar
Vídeo cunha vista aérea do castelo.

Trátase dun sitio arqueolóxico, catalogado como Ben de Interese Cultural[Cómpre referencia] e cunha adscrición cronolóxica de ocupación definida entre o século XIII e o XV.

Na actualidade atópase en estado ruinoso, e está a ser estudado mediante escavacións arqueolóxicas levadas a cabo dende o ano 2001.

Conformada por distintas cercas, consérvase a exterior nunha lonxitude de 40 metros na área sueste, da interior consérvase todo o perímetro amais doutras estruturas na zona central onde se podería situar a torre da homenaxe, así como os restos dos torreóns nos seus ángulos e flanqueando o acceso principal (malia que só se conservan os seus baseamentos). Conta ademais con dependencias subterráneas en relación coas que ata de agora só foron documentados os accesos escalonados.

Amais do seu valor defensivo, xa que era o refuxio dos arcebispos de Compostela -o lugar onde refuxiarse cando había problemas cos levantiscos composteláns-, era un enclave perfecto para controlar a entrada e saída da cidade de xentes e mercadorías, xa que se atopa nas proximidades do antigo camiño que unía Santiago con Noia e co camiño de Padrón, ao Camiño portugués, que seguían os peregrinos a Santiago dende o sur de Galicia. Este foi o motivo principal de que o castelo, ao contrario do habitual, se colocara ao carón do río, no fondo dun val, e non nunha posición predominante en altura (posición dos denominados castelos rochosos).

O castelo funcionaba como punto de control do camiño cara ao mar, como primeiro posto de defensa ante previsibles invasións que puideran entrar, a través da ría de Arousa e o río Ulla, contra a cidade.

Esta importancia estratéxica xa foi recollida no Preito Tabera - Fonseca.[1] Foi unha arbitraxe ou concordia que tivo lugar no segundo cuarto do século XVI entre o arcebispo de Compostela e despois de Toledo Alonso III de Fonseca e o seu sucesor no cargo Juan Pardo de Tavera. Na pregunta nº 13 do representante de Tavera, Pedro de Cisneros destaca a importancia estratéxica do enclave:

Si saben que la dicha Rocha Fuerte era muy nesçesaria e importante a la dicha dignidad arçobispal de santiago, ansi para poder sojuzgar a dicha çiudad de Santiago quando tubo resabios con los arçobispos como para asegurar los caminos de Portogal e Pontebedra y Padron, Muros, Noya, Finisterra y otras muchas partes y para resistir a las fortalezas de Altamira que se llebanto despues de derribada la dicha Rocha y para sojuzgar a los vasallos feudatarios de alderredor y defender las jurisdiçiones y vasallos de la Iglesia questan en la comarca. Digan e declaren lo que saben de la dicha pregunta.[2]

Descrición baseada en fontes documentais

editar
 
Posible reconstrución do castelo.

Tomando como referencia as fontes documentais podémonos facer unha idea do conxunto cando aínda permanecía en pé.

Existen diversas posibles representacións gráficas do castelo entre as que destaca a que abre o Tombo B do arquivo capitular da igrexa de Santiago, cunha representación do Apóstolo Santiago a cabalo e coa espada desenvaiñada, e no fondo un castelo. Esta obra foi feita en tempos de Berenguel de Landoira e a fortificación máis próxima para tomar como modelo era o castelo da Rocha Forte, incluso algúns autores interprétano como xustificación dos acontecementos ocorridos o día da Ira. Ademais o debuxo coincide, pese ao seu esquematismo, con outras testemuñas documentais. Outra representación posible neste documento aparece como anotación marxinal na Bula do papa Alexandre III na que confirma os privilexios da sé compostelá.

Unha última posible representación aparece no coñecido como Tumbillo de Concordias, no que, tamén como acoutación marxinal, aparece xunto ao texto no que Fernando III de Castela confirma os privilexios dos arcebispos santiagueses sobre as fortalezas.

Datos máis esclarecedores son as testemuñas chamadas a declarar no Preito Tabera - Fonseca, principalmente polos chamados polo Arcebispo de Santiago Juan de Tabera. Xa o representante de Tabera, Pedro de Cisneros, preséntaa no interrogatorio a través da pregunta nº 11:

Si saven que la fortaleza de la Rocha Fuerte de a par de la çiudad de Santiago al tienpo y saçon quel dicho señor Patriarca ubo el dicho arçobispado e mucho tiempo antes estaba llebantada e muy bien edificada todo de cantaría de piedra de grano con su mezcla de cal y argamasa la qual hera la mas grande y mas fuerte fortaleza de todo el Reino de Galizia e que abia en ella una bara de casa torre de menaxe de quatro bobedas e mui gruesa pared con tres çercas y ençintos alderredor en que abia nuebe torre alliende de la bara de casa todas ensobradas con sus bobedas e almenadas y coronada con sus guirnaldas y en ellas sus cubos todos cubiertos e texadas de las quales una se dezia la torre nueba y otra de Santa Ofemia, en que estaba la iglesia de la adbocación de la dicha sancta y habia sus cabas y barbacanas, puertas, conpuertas e baluartes e una mina que benia debaso de tierra desde la fortaleza hasta el rio y abia caballerizas donde cabian mas de dozientos caballos y palaçios y hedefiçios de serbiçio y aposento para mas de dozientos onbres e muchos pertrechos e muniçiones y que tal bino la dicha fortaleza a poder del dicho señor Patriarca y la poseio e tubo en ella sus alcaldes e merinos por mas de diez o doze alois asta que la tomaron e derribaron. Digan e declaren que otros edefiçios abia y quien le derribo y la causa porque la derribaron y lo mas que saben de la dicha pregunta.[3]

Dos testemuños presentados, aínda que deben ser interpretados como parciais pola propia natureza do preito ou concordia e de provir de datas posteriores a súa ruína, pódese extraer unha descrición do castelo, que se está a confirmar coas intervencións arqueolóxicas.

Estaría conformada por tres cintos amurallados ao redor dunha estrutura organizativa básica que ten como eixo central a torre da homenaxe cos seus catro sobrados. Xunto a esta, unha capela gótica (abovedada) coa advocación a Santa Eufemia. Todo o conxunto "...moi bien edificada todo de cantaria de piedra de grano con si mestura de cal y argamasa..." disposto en tres niveis ou alturas. A cerca máis interior que rodearía a torre da homenaxe estaría conformada por nove torreóns circulares (todos eles ameados e dun sobrado), catro nos extremos, tres de reforzo nos medio dos muros sueste, nordeste e suroeste, e dúas torres máis flanqueando a porta principal do último recinto. Segundo as testemuñas do citado preito unha destas torres tería a denominación de Santa Eufemia e outra a de Torre nova, descoñecéndose o nome das outras. Entre os diversos recintos, polo menos un ou dous foxos (un deles sempre cuberto por auga). Portas, poternas, pontes levadizas e barbacás completarían un conxunto que en palabras dunha das testemuñas nas que coinciden varias delas "... e que hera alderredor cercada que paresçía una ciudad"

Historia

editar
 
Muro noroeste

O castelo foi construído polo arcebispo Xoán Arias cara ao ano 1240 e, dende entón, serviu como residencia arcebispal e do cabido, sendo testemuña de gran parte da historia medieval de Santiago. No ano 1255 aparece a primeira mención documental da fortaleza en relación coas constitucións capitulares de Xoán Arias.

Tamén se rexistrou a reconstrución realizada por Berenguel de Landoira despois dos estragos causados polos cidadáns de Compostela no 1320, no que foi o primeiro enfrontamento documentado de moitos que tiveron lugar entre o concello e o bispado estando á fronte da sublevación Afonso Suárez de Deza, personaxe da familia dos Deza-Churruchaos e mordomo do fillo de Sancho IV de Castela, o infante Felipe. Estas loitas recolléronse no documento "Hechos de Don Berenguel de Landoira" no que se narra que no día da Purificación os cidadáns de Compostela atacaron e incendiaron o castelo, tendo que volver a ser levantado polo arcebispo.

Modificacións substantivas tamén foron as feitas polo sureño arcebispo Lope de Mendoza.

O día da Ira

editar
 
Base dun dos torreóns

Algúns dos momentos máis intensos da súa historia vivíronse durante o convulso século XIV. O Papa Xoán XXII nomeou o dominico francés Berenguel de Landoria arcebispo da rica e influente sé de Santiago de Compostela. Cando Berenguel chegou a Santiago no 1318, atopa as portas pechadas. A cidade estaba levantada en armas contra o Arcebispo. Os burgueses composteláns querían conseguir que o Concello pasara a depender da Coroa no canto da Igrexa, coa intención de obter as vantaxes de ter a fonte de poder señorial máis afastada. Esta condición perdérana no ano 1309, xa que Fernando IV lle concedeu o señorío ao Arcebispo Rodrigo de Padrón en agradecemento á axuda prestada na toma de Alxeciras.

Berenguel de Landoria refúxiase no Castelo da Rocha e dende alí acomete as negociacións cos burgueses. Refuxiouse tamén en Noia (onde en agradecemento ao apoio ordenou construír as murallas da vila e a Igrexa de Santa María a Nova) e Padrón, na desaparecida Fortaleza da Rocha Branca. Despois de meses de enfrontamentos, unha embaixada de burgueses en representación do Concello de Santiago acode á Rocha para negociar. Os soldados do arcebispo, bruscamente, pechan tódalas portas do Castelo e asasinan os representantes da cidade. Era o 16 de setembro do ano 1320, o día da Ira. Once representantes composteláns caen mortos acoitelados no patio do Castelo, entre eles, o autor dos "Hechos de Don Berenguel de Landoira" dá os nomes do propio Suárez de Deza, ao que denomina "Satélite de Satanás", os seus parentes os irmáns Andrade, Martín Martínez (cóengo), Juan Varela (infanzón), Juan García de Mesía e o notario Gonzálo Yáñez.

A cabeza de Alonso Suárez de Deza roda sobre o patio do castelo. O 27 de setembro asinouse a paz entre as partes no adro da Igrexa de Santa Susana (lugar onde se reunía tradicionalmente o concello de Santiago) por medio da cal o arcebispo recuperou o control da cidade. A continuación procederá a fortificación da catedral, incluíndo a famosa Torre da Berenguela.

A lenda dos Churruchaos

editar
 
Muros de construcións dentro do recinto principal

A tradición popular transmitiu estes feitos recollidos na actualidade en diversas formas:

"Hai moito tempo houbo un capitán que tiña unha filla moi fermosa e desexada por moitos homes. O capitán tivo que partir a guerrear a África, ocasión que aproveita o arcebispo compostelán para raptala, pechándoa no Castelo da Rocha. Nesta fortaleza habitaban os Churruchaos, unha morea de asasinos e ladróns que asaltaban e roubaban en toda a rexión protexidos polo arcebispo.

Tras ter coñecemento de todo isto, o capitán regresa a Santiago o día da festa do Corpus, durante a celebración da procesión pola cidade; ao chegar a Rúa da Balconada o capitán no seu cabalo, e coa armadura posta, arremete contra o arcebispo coa súa espada dándolle morte alí mesmo, feitos que recolle unha copla popular:

"Preto da rúa do Villar,
na rúa da Balconada,
mataron al arcebispo
por celos de una madama".
 
Escaleiras a habitáculos subterráneos non escavados

A tradición di que, tralo crime, a rúa foi purificada con sal e pechada.

A continuación dirixiuse cara ao Castelo da Rocha, cercouno e derrotouno, deixando nel a tódolos churruchaos mortos entre as ruínas do castelo. Complemento desta lenda é o dito de que neste lugar se ve, ás veces, unha galiña con pitos de ouro, chamada pita dos Churruchaos e que só se deixa ver un intre e nunca se lle volve a aparecer á mesma persoa".

Os feitos reais que están detrás desta lenda ocorreron en 1366, tendo como escenario o das loitas sucesorias entre Henrique II de Trastámara e Pedro I O Cruel. Naquel entón rexía a sé compostelá Suero Gómez de Toledo. O rei visita Compostela e o arcebispo recíbeo nas súas portas retirándose despois a Rocha Forte. Os receos pola simpatía que profesaba a Henrique fai que decidan asasinalo, citando ao bispo despois da sesta. Entrando ao Obradoiro foi acoitelado por Fernán Pérez Churruchao e Alfonso Gómez Gallinato, en presenza do rei, espectador privilexiado dende as torres da catedral. Tratouse dun crime, en definitiva, motivado máis por intereses políticos que sentimentais.

Os recordos que recolle a tradición dos desmáns das xentes do castelo ocorreron previsiblemente desde a súa construción pero especialmente son recordados os sucedidos na primeira metade do século XV e que tamén recordan as testemuñas máis vellas do Preito Tabera-Fonseca. Cómpre por último resaltar que os churruchaos non foron os donos e autores dos desmáns senón inimigos do poder arcebispal e polo tanto do castelo e os seus moradores.

O sitio do Castelo

editar

No tempo do goberno do arcebispo Rodrigo de Luna, concretamente no ano 1458, constituíuse unha Irmandade en Santiago formada por un grupo de nobres e mandatarios de Santiago, Noia e Muros. As figuras principais foron Juana de Castro,[4] viúva de Rodrigo de Moscoso y Limia, o seu fillo Bernal Eanes. O seu obxectivo foi o de defender as "liberdades públicas" fronte as accións dos homes do arcebispo.

 
Proxectís de catapulta do Castelo da Rocha

Como primeira medida buscan o amparo do rei Henrique IV para que manteña ao seu lado ao arcebispo na campaña da Guerra de Granada e proceden coa axuda de Pedro Álvarez Osorio, conde de Trastámara, Sueiro Gómez de Soutomaior, señor de Rianxo, Lopo Pérez de Moscoso e Fernando de Castro a sitiar o castelo. Na defensa do castelo atopábase o seu tenente e casteleiro (desde o ano 1456) Álvaro Sánchez de Ávila. Grazas ás súas boas defensas o castelo resiste o cerco e Rodrigo de Luna pide ao rei que interceda. Henrique IV chegou a ditar ata tres provisións esixindo o levantamento do cerco, en maio do 1458, o 12 de xuño de 1459 dirixida ao conde de Trastámara e o mesmo día outra dirixida a Juán de Padilla, Adiantado Maior de Castela para que ante o previsible incumprimento dos seus mandatos levante o cerco pola forza. Finalmente, movidos pola insistencia do rei e a dificultade de vencer as defensas do castelo, o 3 de setembro do ano 1459 no campo de Mazarelos os levantiscos asinan unha concordia cos representantes do arcebispo pola que aceptan levantar o cerco.

No tempo das Irmandades

editar

No século XV, a Rocha convertérase nun edificio odiado e temido polos labregos da zona. Durante as décadas de 1450 e 1460, os soldados do arcebispo agrupados no destacamento da Rocha rouban o gando, secuestran labregos para esixirlles rescate e violan mulleres. As denuncias quedaron rexistradas para o futuro no Libro do Concello de Santiago e máis no Preito Tavera-Fonseca.

 
Vista parcial do muro do sueste

No ano 1467 destrúese definitivamente con ocasión da Gran revolta irmandiña iniciada no ano 1466. Algúns dos protagonistas en Santiago foron Alonso II de Fonseca que estivo un tempo cativo no castelo de Vimianzo e de novo Bernal Eanes de Moscoso que morreu dun disparo de seta cando cercaba a catedral de Santiago. Un dos primeiros obxectivos da Irmandade en Compostela foi o Castelo da Rocha Forte, xa que simbolizaba máis que calquera fortificación o poder do arcebispado de Santiago e símbolo da opresión feudal, polo que foi atacado por gran cantidade de xentes (sobre 11.000 persoas, baseándonos de novo nas testemuñas do Preito Tabera-Fonseca) e derribado.

Foi unha das primeiras fortalezas en seren derrubadas polas Irmandades durante a Segunda Guerra Irmandiña e, ao contrario doutros moitos, nunca foi reconstruído. No ano 1469, Afonso II de Fonseca venceu aos sublevados na Batalla da Almáciga, coa axuda de Pedro Madruga, aínda que tivo que pactar o retorno ao señorío e á cidade, debido a que o resto dos aliados na devandita batalla cando esta foi rematada esparexéronse polas diferentes localidades do arcebispado a recuperar as súas prazas, quedando só Fonseca para tentar recobrar o señorío da cidade tentando un cerco imposible na zona do actual mosteiro de San Francisco.

Grazas a que se atoparon restos de munición de catapulta no interior do recinto, sábese que os Irmandiños utilizaron este tipo de artillaría nas Guerra Irmandiñas.

Logo do conflito, parte do pacto de Fonseca cos irmandiños foi non reconstruír os castelos derrocados por eles e por tal motivo non foi nunca reconstruído. Só de maneira anecdótica unhas xentes ás ordes de Lopo Sánchez de Moscoso, conde de Altamira e antigo capitán irmandiño, ocuparon o lugar do derruído castelo con cen escudeiros e peóns e vinte canteiros e ergueron na noite defensas para comezar a reconstrución. Cando soubo isto Fonseca saíu el mesmo coas súas armas e os seus homes desde Santiago para expulsalos. Parece ser que o conflito se resolveu co compromiso de Fonseca de derribar o castelo de Alcobre e dos condes de Altamira de abandonar o predio do castelo da Rocha Vella.

Das ruínas do castelo colleuse pedra para construír unha torre no alto do Pico Sacro.

Escavacións arqueolóxicas

editar
 
Vista parcial do muro do sueste
 
Cimentos da porta principal de aceso a fortaleza.

Estanse a desenvolver unha serie de campañas de escavación dende o ano 2001, grazas a un convenio entre o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela, co obxecto de recuperar as ruínas para consolidalas por medio da creación dun Parque Arqueolóxico.

Campaña inicial

editar

No ano 2001 elaborouse un estudo preliminar a cargo de Iván Álvarez Merayo. A continuación realizáronse as campañas de escavacións a cargo dun equipo dirixido por Raquel Casal García e Fernando Acuña Castroviejo da Universidade de Santiago de Compostela. A primeira fase realizouse no ano 2002 consistindo na limpeza da follaxe que cubría os restos da fortaleza e unha prospección intensiva da zona arqueolóxica, topografiándose o conxunto do sitio e realizándose unha prospección extensiva dos arredores da fortaleza. No ano 2003 iniciouse a segunda fase de actuación, consistente en catro aspectos:

  • Sondaxes arqueolóxicas no lenzo murario do noroeste dando unha primeira mostra estratigráfica do sitio.
  • Limpeza e desescombro da estrutura subterránea do castelo que segundo os relatos dos que alí entraron son dúas cámaras abovedadas.
  • Estudo das estruturas emerxentes existentes na zona suroeste, moi arrasadas e cubertas por numerosos cascallos, levándose a cabo a súa limpeza e rexistro mediante debuxo e fotografía arqueolóxica.
  • Recollida exhaustiva de tódalas referencias bibliográficas referidas á fortaleza da Rocha Forte.

Nesta campaña atopáronse restos cerámicos medievais (cerámica sevillana e de Manises), así como numismáticos (unha branca de billón da época de Henrique III de Castela, (1390-1404)) e restos pétreos diversos.

 
Basamentos do torreón do sur.

Campaña de 2004

editar

Na campaña de 2004 atopáronse diversas armas, abundantes puntas de seta (de tipo Bodkin, algunhas de agulla baleira) así como dúas posibles espadas en proceso de estudo. Os numismas atopados nesta campaña forman un conxunto de 39 moedas de gran variedade tipolóxica, entre elas trece brancas de billón de Henrique III; dous óbolos, un de Afonso XI e outro probable de Afonso X; dous noven de billón, un de Henrique III e outro probablemente de Henrique II; e seis cornados de billón de Xoán I. O 90 % do total foron atopadas na mesma unidade estratigráfica.

A multitude de bolaños (proxectís) aparecidos son probas fiables do asedio que sufriu a fortaleza. Hainos de diversos tamaños; dende 50 ata 18 cm de diámetro, e aínda meirandes, presentan un diverso nivel de traballado da pedra, hainos toscamente labrados (a bisel) procurando a forma esférica, empregados por enxeños de asedio cun mecanismo de contrapeso (fundíbulos ou trabucos).

Tamén se atoparon diversos elementos arquitectónicos líticos, como molduras cinceladas e puídas, un capitel gótico, un conxunto de celosías e fustes.

Campaña de 2005

editar
 
Foxo que rodea o recinto principal

Dende a campaña de 2005, traballouse sobre a hipótese de que o castelo puido ser unha fortaleza gótica típica, moi novidosa na arquitectura española, pois no século XII non hai nada semellante na Península Ibérica. É unha hipótese de traballo ata o de agora apoiada por expertos lusos. Teñen a intención de confirmar a sospeita de que Xoán Arias, quen mandou facer o castelo, debeu ter un enxeñeiro arquitecto francés, xa que é o lugar onde se deron as innovacións para este tipo de castelos.

Destaca a importancia do sistema de canalizacións de auga exteriores atopados na campaña do 2005, e mesmo apareceu un pozo de 3,7 metros de profundidade, feito en cachotaría e que aínda se atopou con auga.

Tamén se atoparon importantes fragmentos de muralla no sur do recinto, un deles con restos de cal. Entre o resto de materiais encontrados destacan cerámicas, brocais, ferraduras de cabalo, ósos de animais, pezas de bronce de vestimentas e mobles.

Campaña de 2006

editar

Nesta campaña, levada a cabo entre os meses de xullo e agosto, procedeuse á realización dun novo levantamento topográfico do sitio. Tamén se marcaron como obxectivos a finalización do estudo de sectores parcialmente escavados en anteriores campañas e a escavación e estudo do lenzo oeste da cerca principal, o tramo entre a entrada e o torreón do extremo suroeste, así como diversos labores de consolidación de estruturas escavadas. Tamén se procedeu a descubrir o sector leste da barbacá, escavación na que se atoparon gran cantidade de perpiaños con marca de canteiro,[5] pezas de canles e pezas de elementos arquitectónicos, así como un bastión de forma trapezoidal que se apoia na roca en bo estado de conservación.[6]

Escaváronse un total de 152,76 m² nesta campaña. O tramo da barbacá descuberto e que vai desde o torreón sueste ata o noiro da vía férrea ten unha lonxitude de 35,95 metros e unha altura que oscila entre os 3 metros e medio aos 4 e medio. En relación aos achados materiais, recuperáronse un total de 732 pezas: anacos cerámicos, líticos, metálicos e restos óseos. Entre eles 2 moedas. Entre os materiais cerámicos predominan os de produción local para uso doméstico (predominando o tipo de ola globular) pero tamén se recuperou un pequeno conxunto de cerámicas de importación, fundamentalmente de procedencia levantina.[7] Como novidoso sinalar o achado dun anaco dun bordo dun cántaro de tradición musulmá.

Bastantes pezas metálicas foron recuperadas, principalmente cravos (74) de diferentes tipoloxías, así como alcaiatas, bisagras, elos, unha ferradura e escoura e restos de fundición. Un último grupo é o conformado polas agullas de bronce para toucador. Recuperáronse 2 moedas en mal estado de conservación que están a ser obxecto de estudo.

Entre a gran cantidade de obxectos líticos recuperados cabe mencionar un conxunto de fustes con motivos decorativos vexetais, bases de columnas, capiteis góticos, anacos de celosía e diversos tipos de proxectís. Outros elementos atopados foron pequenos anacos de vidro así como mostras do estuco que revestía as paredes.

Tras esta campaña quedou definida a planta do castelo en tres dos seus catro lados, a excepción do lado norte no que a vía do tren impide a súa definición.

Campaña 2013

editar

No verán de 2013 seguiuse traballando no terreo. Valouse o perímetro e instaláronse tres paneis explicativos de cara ao público.

Galería de imaxes

editar

 

Vista panorámica dende a entrada ao castelo


  1. Fonte documental fundamental para o coñecemento do patrimonio do arcebispado de Santiago de Compostela nos séculos XV e XVI, dos feitos relacionados coas revoltas irmandiñas e os conflitos señoriais do convulso século XV galego.
  2. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Ángel. Las fortalezas de la mitra compostelana y los "irmandiños". (1984). Colección Galicia Histórica. Fundación Pedro Barrié de La Maza Conde de Fenosa. ISBN 84-85728-39-X (Transcrición do Preito Tabera - Fonseca. Páxina 25.(folio 33).
  3. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Ángel. Las fortalezas de la mitra compostelana y los "irmandiños". (1984). Colección Galicia Histórica. Fundación Pedro Barrié de La Maza Conde de Fenosa. ISBN 84-85728-39-X (Transcrición do Preito Tabera - Fonseca. Páxinas 24 e 25.(folios 31 vº e 32.
  4. Filla de Alonso de Castro, Señor de Castroverde, e de dona María de Guzmán.
  5. Sendo os máis representados o O, o + e un con forma de morro.
  6. Os traballos foron realizados polo equipo de investigación Arqueopat GI-1533, dirixido por Raquel Casal García e Fernando Acuña Castroviejo.
  7. E que se caracterizan por ter un tratamento superficial a base de esmaltes e vidrados.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Libros

editar
  • SÁNCHEZ, José Manuel, PALLARES, Mª Carmen, PORTELA, Ermelindo. Rocha Forte. El castillo y su historia (2004). Xunta de Galicia. ISBN 84-456-3788-2.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Ángel. Las fortalezas de la mitra compostelana y los "irmandiños". (1984). Colección Galicia Histórica. Fundación Pedro Barrié de La Maza Conde de Fenosa. ISBN 84-85728-39-X (Transcrición do Preito Tabera - Fonseca)
  • GARCÍA ALÉN, Luciano. O Castelo da Rocha Vella (2004). Asociación Cultural Rocha Forte. ISBN 978-84-607-8886-7

Artigos en publicacións

editar
  • AMADO REINO, X. & MAÑANA BORRAZÁS, P. & BALLESTEROS ARIAS, P. (2001): "La Arqueología en la Gasificación de Galicia 14: Corrección de Impacto de las redes y ramales de A Coruña". TAp (Traballos en Arqueoloxía da Paisaxe) Nº 21. Páxinas 49, 56, 63,174. Grupo de Investigación en Arqueología del Paisaje. Santiago de Compostela.
  • CASAL GARCÍA, Raquel & ACUÑA CASTROVIEJO, Fernando & VIDAL CAEIRO, Lorena & RODRÍGUEZ, A. & NODAR, Cristóbal (2004): "A fortaleza de Rocha Forte (Santiago). Campañas de intervención 2002-2003". Gallaecia Nº 23. Páxinas 195-204. Santiago de Compostela.
  • ACUÑA CASTROVIEJO, Fernando & ALLES LEÓN, María José & VIDAL CAEIRO, Lorena & CASAL GARCÍA, Raquel & NODAR, Cristóbal. (2005): "La Fortaleza de A Rocha Forte (Santiago de Compostela) : Campaña de 2004." Gallaecia Nº 24. Santiago de Compostela.
  • ACUÑA CASTROVIEJO, Fernando & VIDAL CAEIRO, Lorena & NODAR, Cristóbal & GARCÍA CASAL, Raquel & GONZÁLEZ VILA, Goretti. (2006): "Fortaleza medieval de A Rocha Forte (Santiago de Compostela): Campaña de 2006". Gallaecia Nº 25. Santiago de Compostela.
  • BUCETA BRUNETI, Gonzalo. "Diagnóstico sobre los agentes de alteración en el yacimiento medieval de La Rocha Forte (Santiago de Compostela, A Coruña)". (2006): Gallaecia Nº 25. Santiago de Compostela.
  • MARTÍNEZ CASAL, José Ramón. (2006): "A cerámica medieval da fortaleza de A Rocha Forte : contribución ao seu estudo." Gallaecia Nº 25. Santiago de Compostela.
  • GONZÁLEZ VILA, Goretti. (2006): "Achádegos numismáticos na fortaleza de A Rocha Forte (Santiago de Compostela)." Gallaecia Nº 25. Santiago de Compostela.
  • PRESEDO GARAZO, Antonio (2003): "A lenda do Castelo dos Churruchaos". O Galo Nº 1. Páxinas 5-11. Revista da Agrupación Cultural O Galo. Santiago de Compostela.
  • SÁNCHEZ SÁNCHEZ, Xosé M., "La fortaleza de Rocha Forte: un castillo concéntrico en las corrientes constructivas europeas del siglo XIV", Compostellanum, vol. LII, nº 3-4 (2007) [Santiago de Compostela], pp. 603–632.
  • SÁNCHEZ SÁNCHEZ, Xosé M., "The fortress of Rocha Forte and European military building trends. A concentric castle (14th century)", British Archaeological Reports International Series, Oxford, 2009, pp. 53–65.
  • SÁNCHEZ SÁNCHEZ, Xosé M., “Don Álvaro Sánchez de Ávila, tenente de Rocha Forte, o la nobleza gallega bajomedieval en la transición hacia la modernidad”, Cuadernos de Estudios Gallegos, nº 123 (2010), pp. 91–193.
  • SÁNCHEZ SÁNCHEZ, Xosé M., "La fortaleza de A Rocha Forte como símbolo del poder político del arzobispado de Santiago de Compostela en la Galicia medieval (siglos XIII-XV)", Castillos de España, nº 164-165-166 (2011), pp. 68–76.

Informes e artigos inéditos

editar
  • ÁLVAREZ MERAYO, Iván A. (2003): Informe preliminar. Sondaxes valorativas no entorno do xacemento do "Castelo da Rocha" (Santiago de Compostela, A Coruña). Depositado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (Xunta de Galicia). Inédito.
  • CASAL GARCÍA, Raquel & ACUÑA CASTROVIEJO, Fernando (2004): Informe valorativo. Proyecto arqueológico de la Fortaleza de Rocha Forte. 3ª fase de actuación. Depositado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (Xunta de Galicia). Santiago de Compostela. Inédito.
  • CRIADO BOADO, Felipe & AMADO REINO, Xesús (2001): "Evaluación del Impacto Arqueológico del Proyecto de Duplicación de la línea férrea Eje Atlántico entre los PP KK 81/820 y 92/000. Tramo Osebe-Santiago". Estudio de Impacto Arqueológico. Informe Final. Páxinas 15, 42, 43, 45, 46. Laboratorio de Arqueología e Formas Culturais. Instituto de Investigacións Tecnolóxicas. Universidade de Santiago de Compostela. Inédito.
  • VV.AA. (2002): Estudio Histórico y Arqueológico da la Fortaleza de A Rocha Forte. Informe Final. Convenio de Colaboración Concello de Santiago de Compostela e Universidade de Santiago de Compostela. (contén escolma bibliográfica). Inédito.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar