Arante, Ribadeo
San Pedro de Arante é unha parroquia do concello lugués de Ribadeo e eclesiasticamente ó arciprestado da Ría de Abres. Segundo o censo en 2004 tiña 271 habitantes, agrupados en 8 entidades e 5 lugares, cunha densidade media 19,2 hab/km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 204 habitantes, sendo 86 homes e 118 mulleres.
Arante | |
---|---|
Igrexa das Virtudes na Ponte. | |
Concello | Ribadeo[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 43°29′26″N 7°10′48″O / 43.4904782, -7.18007264 |
Área | 14,09 km² |
Poboación | 183 hab. (2020) |
Densidade | 12,99 hab./km² |
Entidades de poboación | 8[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xentilicio
editarO seu xentilicio é arantego[2].
Toponimia
editarO topónimo Arante aparece como ecclesia Santi Petri de Alanti nun documento do ano 935, e coa forma Arante en diplomas posteriores con data de 1305, 1351 e 1371, entre outros. Edelmiro Bascuas descarta que se trate do descendente do xenitivo do antropónimo galo alantius (orixe do francés Alençon), que encaixaría coa variante máis antiga atestada mais que careceu de difusión na Península Ibérica, e entende Alanti como erro paleográfico ou alteración fonética de difícil explicación, reconstruíndo a etimoloxía do topónimo a partir da variante máis abundante, Arante.[3] Podería ser un hidrotopónimo baseado no indoeuropeo *er- ‘fluír, moverse’ a través dunha variante *ar- á que se lle engade o coñecido sufixo -nt- conforme a un esquema morfolóxico frecuente en topónimos de orixe antigo-europea. Bascuas (2002: 169), considera unha secuencia sufixal -ante presente tamén en topónimos como Amarante, Serantes e similares. De todos os xeitos, o mesmo tema *arant- témolo tamén en topónimos galegos como Arantón, Arantei e similares, de fasquía prerromana.
Xeografía
editarLimita coas parroquias de Covelas, Cedofeita, Vidal e A Fórnea (Trabada) e Vilamartín Pequeno (Barreiros); tamén limita cara ao norte cos montes de Penalonga e o Monte Mondigo. Entre os seus regatos e río destacan o Lexoso (cara ao nordeste) e o Arante (que fai de entronque co anterior e que, dirixíndose o sur, pasará a chamarse río Grande).
Aínda que é unha das parroquias máis montañosas de Ribadeo cunha altitude media de 440 m, ten dous vales: o sector central, regado polo río Arante e o sector norte, regado polo río Lexoso (que é onde vive a meirande parte da poboación).
As entidades de poboación son O Barredal (27), Os Bestilleiros (23), Cei (44), Cima de Vila (17), Fondo de Vila (23), A Ponte (14), Remourelle (98) e Vilamariz (25). Os lugares (que adoitan formar parte dalgunhas das entidades) son Os Fornos, A Madanela, As Pereiriñas, Portobragán e Rego de Mel.
Evolución da poboación
editarArante presenta unha tendencia ó despoboamento a comezos do século XXI:[4]
Total | homes | mulleres | |
2018 | 195 | 84 | 111 |
2017 | 194 | 83 | 111 |
2016 | 196 | 85 | 111 |
2015 | 195 | 84 | 111 |
2014 | 204 | 86 | 118 |
2013 | 203 | 88 | 115 |
2012 | 216 | 96 | 120 |
2011 | 225 | 101 | 124 |
2010 | 239 | 110 | 129 |
2009 | 244 | 108 | 136 |
2008 | 243 | 104 | 139 |
2007 | 246 | 105 | 141 |
2006 | 256 | 114 | 142 |
2005 | 265 | 120 | 145 |
2004 | 271 | 124 | 147 |
2003 | 278 | 126 | 152 |
2002 | 289 | 132 | 157 |
2001 | 297 | 135 | 162 |
2000 | 313 | 142 | 171 |
Historia
editarA parroquia de Arante aparece citada en varias ocasións no libro de Francisco Lanza Ribadeo Antigo, referíndose a existencia dun castro levantado sobre un montículo natural. A parroquia recibe o seu nome do río Arante que flúe ó pé do seu val.[5] Este nome está formado pola raíz indoeuropea Ar (correr, fluír), e polo sufixo 'ante', co sufixo -nt- moi frecuente en formacións prerromanas de raíces hidronímicas (hidronimia paeloeuropea)[6], como Serantes, Amarante etc. A parroquia está documentada como Alanti.
Patrimonio
editarA igrexa parroquial de San Pedro de Arante é do século XVIII. Dispón dunha nave central cuberta por bóveda de canón e arcos de medio punto que remata noutra bóveda de pavillón sobre tres arcos de pedra, tamén de medio punto. No seu interior, tres retablos: dous deles barrocos e o outro clásico.
Na aldea da Ponte está o santuario da Nosa Señora das Virtudes. No barrio de Remourelle está a capela de Santa María Madalena.
En Arante consérvase o Castro da Aira da Croa,[7]
Festas
editarA festa patronal, na honra de San Pedro, é o 29 de xuño, celebrándose cunha pequena procesión. A romaría das Cruces ten lugar sete semanas despois da Semana Santa. É unha pequena romaría e procesión na que se levan sete cruces de sete parroquias distintas, (que simbolizan as sete parroquias orixinarias do concello). O 21 de agosto celébrase a Festa da Magdalena.
Galería de imaxes
editar-
Detalle no interior da igrexa das Virtudes
-
Detalle do interior da igrexa das Virtudes, escenificando un milagre
-
O Pozo Mouro, en Remourelle
Lugares e parroquias
editarLugares de Arante
editarLugares da parroquia de Arante no concello de Ribadeo (Lugo) | |
---|---|
O Barredal | Os Bestilleiros | Cei | Cima de Vila | Fondo de Vila | Os Fornos | A Madanela | As Pereiriñas | A Ponte | Portobragán | Rego de Mel | Remourelle | Vilamariz |
Parroquias de Ribadeo
editarNotas
editar- ↑ 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
- ↑ Varela Aenlle, C. X. (2021). Dicionario do Galego de Asturias. Universidade de Vigo. p. 72. ISBN 978-84-8158-897-2.
- ↑ Bascuas López, E. (2002). Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega. Universidade de Santiago de Compostela. p. 30. ISBN 9788497500265.
- ↑ "INEbase / Demografía y población /Padrón. Población por municipios /Nomenclátor: Población del Padrón Continuo por unidad poblacional / Resultados". www.ine.es. Consultado o 2019-01-23.
- ↑ Rodríguez Díaz, José María (2007). Estudio sobre la toponimia de Ribadeo.
- ↑ Calendario toponímico 2019 do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, accesible en http://www.edu.xunta.gal/centros/iesribadeo/?q=system/files/calendario%20toponimico%20ies%20dionisio.pdf
- ↑ Rodríguez Díaz, José María ([2009]). Sobre os castros de Ribadeo. [Lugo]: O Tesón. ISBN 9788461296446. OCLC 733842086.