Xigantismo insular
Aparencia
O xigantismo insular é unha forma de evolución biolóxica oposta ó ananismo insular. Ó igual que este último proceso de especiación alopátrica, o xigantismo insular dáse en animais que colonizan illas afastadas, pero neste caso as especies afectadas medran co tempo en lugar de encoller. Dado que o tamaño é unha característica altamente variable, o crecemento pode darse con rapidez, obténdose resultados sorprendentes en menos dun millón de anos. As causas deste proceso son fundamentalmente as seguintes:
- Ausencia de depredadores: Moitos roedores e outros animais son pequenos e lixeiros porque iso permítelles fuxir axiña dos seus inimigos e agocharse. Se eses depredadores son inexistentes nunha illa e os recursos son abondosos, esa vantaxe desaparece, e os animais pequenos resultan vulnerables ós animais máis grandes da súa propia especie (que noutras condicións serían eliminados pola selección natural exercida pola depredación).
- Ausencia de competidores: A falta de animais que ofrezan algún tope ó tamaño que unha nova especie pode conseguir por ocupar o nicho ecolóxico correspondente pode levar a adaptacións de roles doutras especies. Así, en Nova Zelandia poden encontrarse grilos ápteros xigantes de tamaño e hábitos similares ós dos roedores (ausentes orixinalmente das illas), mentres que en Madagascar (illa carente de primates superiores) houbo un lémure (Megaladapis) similar ó indri que chegou a ter o tamaño dun orangután.
- Presenza de presas grandes: Aínda que é moi raro que un carnívoro de certo tamaño consiga cruzar un ancho brazo de mar para colonizar unha illa (o crocodilo mariño sería unha das poucas excepcións), non o é tanto que pequenos depredadores o consigan sobre pólas e troncos á deriva, en especial os de hábitos insectívoros que poden alimentarse dos propios insectos da madeira mentres dura a travesía. Unha vez na illa colonizada, poden encontrarse con toda unha gama de presas novas e unha ausencia de depredadores ou competidores que as cacen. En consecuencia, os carnívoros colonizadores diversifícanse co tempo ocupando todos os nichos posibles, e moitas das especies que xeran medran ata especializarse na captura de animais de tamaño medio-grande.