Voo 38 de British Airways
Voo 38 de British Airways | |
---|---|
O avión tras o accidente
| |
Resumo | |
Data | 17 de xaneiro de 2008 |
Causa | falta de combustible causada por xeo |
Lugar | aeroporto de Londres-Heathrow |
Coordenadas | |
Orixe | aeroporto de Pequín-Capital |
Destino | aeroporto de Londres-Heathrow |
Feridos | 47 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 777-236ER |
Operador | British Airways |
Rexistro | G-YMMM |
Pasaxeiros | 136 |
Tripulación | 16 |
Superviventes | 152 (todos) |
O voo 38 de British Airways era un servizo entre o aeroporto de Pequín-Capital e o aeroporto de Londres-Heathrow. O día 17 de xaneiro de 2008 o Boeing 777-236ER que operaba a ruta esnafrouse ao principio da pista de Heathrow.[1][2][3] Non houbo vítimas mortais. Das 152 persoas a bordo, 47 tiveron feridas considerables, unha delas graves.[4] Foi a primeira vez que se daba de baixa un Boeing 777-200ER,[5][6] e a primeira perda dun Boeing 777.
Cristais de xeo no combustible supostamente foron os causantes do accidente, obstruíndo o intercambiador de calor de aceite-combustible (FOHE) de cada motor. Este feito restrinxiu o fluxo de combustible aos motores que se demandou pulo durante a aproximación final a Heathrow.[7] O Air Accidents Investigation Branch (AAIB) identificou o problema como específico dos intercambiadores de calor do motor Rolls-Royce, e Rolls-Royce posteriormente desenvolveu unha modificación paea os seus FOHE; a Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA) obrigou a que todos os avións afectados fosen equipados coa modificación antes do 1 de xaneiro de 2011.[4][8]
Accidente
[editar | editar a fonte]O voo 38 de British Airways é un servizo regular de pasaxeiros dende o aeroporto internacional de Pequín-Capital e o aeroporto de Londres-Heathrow, unha ruta de 8 100 quilómetros. O avión implicado no accidente era un Boeing 777-236ER de 150 toneladas, con rexistro G-YMMM, equipado con dous motores Rolls-Royce Trent 895-17.[9] O aparello voara por vez primeira o 18 de maio de 2001 e fora entregado a British Airways o 31 de maio dese ano. Tiña capacidade para 233 pasaxeiros.[4]
A ruta do voo 38 pasaba sobre Mongolia, Siberia e Escandinavia, a unha altitude que variaba entre os 34 800 e os 40 000 pés, e con temperaturas entre -65 e -74 °C.[4] Consciente das condicións de frío fóra, a tripulación monitorizou a temperatura do combustible, coa intención de descender a un nivel máis quente se había perigo de conxelación do combustible.[4] Isto non se revelou necesario, xa que a temperatura do combustible nunca caeu por baixo de -34 °C, aínda moi por riba do seu punto de conxelación.
Aínda que o propio combustible non se conxelou, pequenas cantidades de auga no combustible si o fixeron. O xeo pegouse no interior das liñas de combustible, probablemente a través dos puntais que unían os motores ás ás.[4] Esta acumulación de xeo non tivo efecto ningún ata as últimas etapas da aproximación a Heathrow, cando se incrementou o fluxo de combustible e as temperaturas máis altas liberaron o xeo.[4] Isto formou unha capa de xeo suave que fluíu ata chegar aos intercambiadores de calor onde se conxelou novamente, causando unha restrición no fluxo do combustible cara aos motores.[4]
O primeiro síntoma da restrición de fluxo de combustible foi notado pola tripulación a 220 m de altura a 3,2 km de distancia da pista, cando os motores fallaron repetidamente ao responder ás demandas de máis potencia do acelerador automático. Nun intento de manter a senda de planeo ILS, o piloto automático sacrificou velocidade, que se reduciu a 200 km/h aos 61 m.[1] O piloto automático desconectouse aos 46 m, cando o copiloto fíxose co control manual do avión.[4] Mentres tanto o capitán baixou a configuración dos flaps de 30 a 25 graos para baixar a resistencia do avión e alongar a distancia de planeo.[4][10]
O avión pasou sobre o tráfico da A30 e sobre a estrada perimetral do sur do aeroporto e aterrou na herba a uns 270 metros do principio da pista 27L.[4] O capitán declarou unha emerxencia ao control de tráfico aéreo segundos antes de tocar terra.[4]
Durante o impacto e a curta carreira en terra o tren dianteiro colapsou, o tren principal dereito separouse do avión, penetrando o tanque de combustible central e o espazo da cabina, e o esquerdo foi empurrado cara a arriba a través da á. O avión parou no limiar da pista. Unha cantidade significativa de combustible saíu, pero non houbo ningún incendio.[1] Catro tripulantes e oito pasaxeiros tiveron feridas leves, e un pasaxeiro recibiu feridas graves.[1][2][3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "AAIB Bulletin S1/2008" (PDF). AAIB. Consultado o 2016-12-16.
- ↑ 2,0 2,1 "Airliner crash-lands at Heathrow" (en inglés). 2008-01-17. Consultado o 2018-12-16.
- ↑ 3,0 3,1 "Heathrow plane crash pilot 'lost all power' - Telegraph". web.archive.org. 2008-04-22. Archived from the original on 22 de abril de 2008. Consultado o 2018-12-16.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 "Informe do accidente" (PDF). AAIB. Consultado o 2018-12-16.
- ↑ "Profile: Boeing 777" (en inglés). 2008-01-17. Consultado o 2018-12-16.
- ↑ Branch, Air Accidents Investigation (2008-02-18). "Accident to Boeing 777-236, G-YMMM, at Heathrow Airport on 17 January 2008 - Initial Report Update". webarchive.nationalarchives.gov.uk (en inglés). Archived from the original on 04 de novembro de 2014. Consultado o 2018-12-16.
- ↑ "Safety Recommendation" (PDF). NTSB. Archived from the original on 23 de outubro de 2011. Consultado o 2018-12-16.
- ↑ "Boeing links Heathrow, Atlanta Trent 895 engine rollbacks". web.archive.org. 2009-02-07. Archived from the original on 07/02/2009. Consultado o 2018-12-16.
- ↑ Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Boeing 777-236ER G-YMMM London-Heathrow Airport (LHR)". aviation-safety.net. Consultado o 2019-01-05.
- ↑ "BA crash inquiry reveals heroics" (en inglés). 2008-05-20. Consultado o 2019-01-05.