Saltar ao contido

Viño de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Viñas galegas

O viño de Galicia inclúe o viño que se elabora nas provincias da Coruña, Ourense, Pontevedra e Lugo. Dentro de Galicia distínguense cinco denominacións de orixe: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras.[1] En anos recentes, o país viu rexurdir a súa industria vinícola guiada polo aplauso internacional da rexión das Rías Baixas e dos seus viños albariño.[2]

Clima e xeografía

[editar | editar a fonte]

Situada ao longo da costa Atlántica, Galicia ten un clima moi húmido cunha pluviosidade media de máis de 1.300 mm ao ano. As máis de 2.000 horas de insolación que recibe a rexión axuda á alta humidade da zona. A cadea montañosa serra dos Ancares forma o límite con Castela e León ao leste e o río Miño forma parte da fronteira con Portugal ao sur. A proximidade da rexión con Portugal e o seu illamento co resto de España marcou a influencia no estilo de viños de Galicia, sendo moitos deles máis próximos aos viños portugueses que ao resto de viños españois.[2]

Viñedos na Ribeira Sacra, Ourense

A primeira evidencia escrita de viticultura en Galicia procede de Estrabón, quen relatou que a vide foi plantada en Galicia polos romanos cando conquistaron a rexión.[3] Os musulmáns que desembarcaron en España no século VIII non puideron ocupar o norte de España. O illamento de Galicia fixo que só experimentase incursións episódicas e o estamento musulmán foi moi débil, e toda a ocupación rematou arredor do 760 d.C. Os monxes cristiáns lideraron a recuperación dos viñedos de Galicia a partir do século VIII. Durante a época medieval, o cultivo estendeuse ata que boa parte de Galicia estivo viña, con plantacións no val do río Miño e no do seu afluente, o Sil; as Rías Baixas, as rías da Coruña e a costa norte.[3]

Nese mesmo período, os viños producidos na actual comarca vitivinícola do Ribeiro cobraron fama por toda Galicia e foron exportados por toda España e Europa, chegando a Francia, Portugal, Italia e especialmente a Gran Bretaña. Desde as cidades portuarias de Pontevedra, Vigo, Baiona e A Coruña, o viño do Ribeiro foi transportado á Bretaña, Flandres e Inglaterra. Cando o comercio con Inglaterra decaeu no século XVIII, o Ribeiro viviu unha vaga de emigración. Moitos galegos dirixíronse ao sur, a Portugal, onde formaban boa parte da man de obra que desenvolveu os viñedos en terrazas da comarca do Douro.

No século XIX, Galicia viuse afectada polas sucesivas crises de mildeu, oídio e filoxera. O custo de compra de equipamentos como pulverizadores para botar xofre e caldo Bordelés era prohibitivo para moitos pequenos viticultores e provocou o abandono xeneralizado dos viñedos e a emigración ás rexións costeiras de Galicia e ás Américas. Despois da filoxera, comezaron a plantarse amplamente uvas novas como a Mencía e tamén se substituíron moitas variedades tradicionais por outras como o Palomino e a Garnacha Tintoreira.[4]

Ao longo do século XX, os viños galegos producíanse principalmente en pequenas cantidades para o autoconsumo ou transportábanse a granel a cidades como Santiago de Compostela ou A Coruña. O Estatuto do Viño de 1932 concedeu a Denominación de Orixe a Ribeiro e Valdeorras entre outras rexións de España, nun intento de recuperar o prestixio dos mellores viños españois no mercado exterior.[5] Despois da guerra civil española, o goberno franquista avogou pola creación de cooperativas. A primeira adega cooperativa foi fundada en Leiro, na comarca vitivinícola do Ribeiro, en 1953.[4]

Coa entrada de España na Comunidade Económica Europea en 1986, as subvencións europeas foron utilizadas para modernizar moitas adegas con novas tecnoloxías como depósitos de aceiro inoxidable e permitiron un maior control da produción e da calidade. Desde principios dos anos 80, Galicia gañou unha reputación mundial polos viños brancos aromáticos e nítidos, moitos dos cales son elaborados a partir da uva Albariño.[6] Moitos grandes grupos de adegas de fóra de Galicia tamén compraron adegas e viñedos en comarcas como Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Estas adegas máis grandes conviven con adegas cooperativas e adegas familiares máis pequenas.

Denominacións

[editar | editar a fonte]
Denominacións de orixe de Galicia

Ribeiro

Artigo principal: Denominación de Orixe Ribeiro.

A denominación de orixe Ribeiro sitúase ao longo do río Miño e os seus afluentes. Por Orde do 2 de febreiro de 1976 aprobouse o regulamento da denominación de orixe Ribeiro e o seu consello regulador. Nos séculos XVI e XVII, o viño de Ribeiro a miúdo exportábase a Inglaterra e Italia, mais sufriu os mesmos danos cás Rías Baixas durante a praga de filoxera. Porén, os cultivadores foron máis rápidos á hora de quitar os híbridos de baixa calidade plantados e recuperar as nativas tarrantés e lado. Estas variedades producen viños brancos frescos e aromáticos. A produción de tinto da zona céntrase na garnacha tintoreira que produce viños de cor escura pero corpo lixeiro.[7]

O ribeiro é un viño con carácter menos aristocrático có albariño, e combina mellor coa cociña galega máis popular; adóitase tomar en cuncas de louza branca ou barro. É un viño novo, lixeiro, con aromas afroitados e florais; un viño que agrada ao padal e aos sentidos, e que se consome case sen decatarse, coma se de auga se tratase.

Valdeorras

Foi recoñecida como denominación de orixe en 1977. Esta denominación de orixe é a que está máis ao leste das de Galicia, e está dominada pola tinta garnacha tintoreira e a branca palomino. Antes da epidemia de filoxera do século XIX, a vide godello local estaba moi plantada e só recentemente comezou a regresar á rexión. A uva mencía está tamén gañando terreo debido ao carácter afroitado e doado de beber dos tintos que produce.[7]

Rías Baixas

A rexión das Rías Baixas é a máis coñecida de Galicia e produce algúns dos viños brancos secos españois máis buscados, baseados na uva albariño. Aínda que o viño elaborábase xa antes nesta rexión, non se exportou a outras rexións de Europa até o século XVI e mantívose nun ritmo continuo ata que a praga de filoxera esnaquizou os viñedos da rexión. A comezos do século XX moitos dos viñedos da rexión replantáronse con vides híbridas e algunhas das plantacións da uva xerezana palomino que non era tan produtiva no clima máis frío das Rías Baixas. Nos anos 1970, os cultivadores volveron replantar variedades nativas como o albariño. Ao longo da rexión están permitidas doce variedades, incluíndo as uvas tintas mencía e espadeiro, pero albariño é responsable do 90% da produción rexional.[7] Obtivo o recoñecemento como denominación de orixe en 1988.

Os chans de viñedo da rexión baséanse no granito e idealmente están situados no clima marítimo húmido. Malia a reputación de altas colleitas doutras partes de Galicia, Rías Baixas mantén a produción das súas plantacións de albariño baixas, para producir un viño fragante e afroitado. Os viños teñen a miúdo un mínimo de contido de alcol de 12% e de cando en cando prodúcense nun estilo distinto ao seco.[7]

O albariño úsase especialmente para acompañar o marisco. A denominación de orixe Rías Baixas tamén engloba dentro do seu territorio cinco subzonas: Terra do Condado, O Rosal, Salnés, Soutomaior e a setentrional Ribeira do Ulla.

Monterrei

A denominación de orixe Monterrei atópase no límite meridional de Galicia na fronteira con Portugal. Constituíuse en 1996. A industria do viño alí está dominada actualmente pola produción de viño en masa.[8]

Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra obtivo o recoñecemento como denominación de orixe en 1996 e é a única rexión vinícola de Galicia dominada pola produción de viño tinto. A maior parte do viño producido alí faise con uva mencía cunha produción limitada de viño branco feita con godello e albariño.[9]

É un viño de marcado corpo e carácter, propio das Ribeiras do Sil e do Miño, zona coñecida como Ribeira Sacra. Os viñedos sitúanse nas escarpadas ladeiras dos canóns. É moi apreciado o Amandi, orixinario da parroquia de Santa María de Amandi (Sober), do que circula a lenda de que era apreciado polos césares e exportado a Roma para o seu consumo.

Indicacións xeográficas: os "Viños da Terra"

[editar | editar a fonte]

Ademais das cinco denominacións de orixe recoñecidas en Galicia, a comunidade conta con tres indicacións xeográficas, o que lles outorga para a promoción turística a denominación Viño da Terra, que son: Betanzos, Val do Miño-Ourense, Barbanza e Iria e Ribeiras do Morrazo.[10][11]

Viticultura e viños

[editar | editar a fonte]

A rexión de Galicia demostrou un grande éxito na vendima de uvas e regularmente produce algunhas das maiores colleitas en Europa cunha media de 100 hectolitros por hectárea. A maioría dos viñedos da rexión atópanse na parte sur, nas provincias de Ourense e Pontevedra, aínda que hai algunhas significativas plantacións en Lugo, ao leste. As rexións máis próximas ao río Miño a miúdo producen viños de mestura de albariño, loureira e caíño branco. Máis cara ao interior, os viños brancos son unha mestura de tarrantés e treixadura. Tamén hai viños brancos dominados pola uva godello. Os lixeiros viños tintos están producidos principalmente con uva mencía.[2]

A correspondencia das producións[12] e diferentes castes de uva coas producións protexidas oficialmente en Galicia son as seguintes (cando se dá unha referencia é porque a outra non contempla a variedade vinífera para o seu uso na produción; é dicir, as que non teñen nota é porque están corroboradas en tódalas fontes):

Abreviacións:

  1. "Produtos de calidade: Viños". Consellaría de Medio Rural, Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 09 de setembro de 2017. Consultado o 8 de setembro de 2017. 
  2. 2,0 2,1 2,2 J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" 3.ª edición pg 295-296 Oxford University Press 2006 ISBN 0-19-860990-6
  3. 3,0 3,1 Huetz de Lemps, Alain (2018). Viñedos e Viños de Galicia en Vignobles et Vins du Nord-Ouest de L'Espagne (Primeira ed.). Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural. 
  4. 4,0 4,1 "Historia - Museo do Viño de Galicia". Museo do Viño de Galicia. Consultado o 1 de xullo, 2024. 
  5. Santos Solla, Jose Manuel (1992). Geografía de la vid y el vino en Galicia. Diputación Provincial de Pontevedra. ISBN 84-86845-95-5. 
  6. "Galicia | JancisRobinson.com". www.jancisrobinson.com. Consultado o 2024-07-01. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" 3.ª edición pg 575 Oxford University Press 2006 ISBN 0-19-860990-6
  8. J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" 3.ª edición pg 451 Oxford University Press 2006 ISBN 0-19-860990-6
  9. J. Robinson (ed) "The Oxford Companion to Wine" 3.ª edición pg 723 Oxford University Press 2006 ISBN 0-19-860990-6
  10. Consellería do Medio Rural, Xunta de Galicia (eds.). "Viños da Terra". Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2017. Consultado o 8 de setembro de 2017. 
  11. "Viños, augardentes e licores tradicionais | Portal da Consellería do Medio Rural". mediorural.xunta.gal. Consultado o 2021-11-05. 
  12. Datos de 2015 de: "Os viños da nosa terra", separata de Faro de Vigo, 12/7/2015.
    Datos do Ribeiro 2016: Datos da vendima de 2016 da DO Ribeiro en ribeiro.es Arquivado 24 de setembro de 2019 en Wayback Machine. (en castelán)
    Datos do Ribeiro 2017: Datos da DO Ribeiro en ribeiro.wine (en galego)
  13. Denominacións normalizadas segundo o Dicionario de alimentación e restauración Arquivado 11 de abril de 2016 en Wayback Machine. ou polo nome do artigo na Galipedia
  14. Funcións e composición do CR da DO Ribeira Sacra
  15. Salvo especificación, segundo consta nos artigos de cadansúa denominación
  16. "Historia da DO Monterrei". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2017. Consultado o 22 de setembro de 2017. 
  17. 17,0 17,1 Nesta mesma páxina
  18. No artigo da denominación, discutido.
  19. No artigo da denominación: Consello Regulador
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 20,5 "Web da D. O. Monterrei". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2017. Consultado o 15 de setembro de 2017. 
  21. Web da D. O. Ribeiro
  22. ou moza fresca (mozafresca), segundo a web da Consellería de Medio Rural para a D. O. Valdeorras Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.
  23. ou verdello, segundo a web da Consellería de Medio Rural para a D. O. Monterrei Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.
  24. ou loureiro branco, segundo a web da Consellería de Medio Rural para os Viños da Terra Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.
  25. "Web da Consellería de Medio Rural para a D. O. Ribeiro". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2017. Consultado o 15 de setembro de 2017. 
  26. "Web da Consellería de Medio Rural para a D. O. Monterrei". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2017. Consultado o 15 de setembro de 2017. 
  27. ou palomino fino
  28. ou xerez, segundo a web da Consellería de Medio Rural para os Viños da Terra Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.
  29. 29,0 29,1 29,2 Web da D. O. Ribeira Sacra
  30. ou garnacha, segundo a web da Consellería de Medio Rural para a D. O. Ribeiro Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.
  31. ou garnacha tintureira, segundo a web da Consellería de Medio Rural para os Viños da Terra Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.
  32. ou alicante, segundo a web da Consellería de Medio Rural para os Viños da Terra Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.
  33. ou loureiro tinto, segundo a web da Consellería de Medio Rural para os Viños da Terra Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.
  34. ou María Ardoña ou Bastardo, segundo a web da Consellería de Medio Rural para a D. O. Valdeorras Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.
  35. Web da D. O. Valdeorras
  36. ou mouratón, segundo a web da Consellería de Medio Rural para a D. O. Ribeira Sacra Arquivado 16 de setembro de 2017 en Wayback Machine.
  37. "Web da D. O. Rías Baixas". Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2017. Consultado o 15 de setembro de 2017. 
  38. ou araúxa, segundo a web da Consellería de Medio Rural para a D. O. Monterrei Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]