Vasoira de pole
A vasoira de pole, tamén chamada cepillo de pole, ou scopa na bibliografía internacional, é unha estrutura, presente na maioría das abellas, que serve para carrexar o pole.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo scopa da terminoloxía internacional, e do que son adapatacións os nomes galegos aquí expresados, deriva do termo latino scōpae, scopārum, "vasoira".[1]
Estrutura e función
[editar | editar a fonte]Esta vasoira ou cepillo é o nome de calquera das diferentes modificacións no corpo dunha abella non parasitaria que forman un aparello portador de pole. Na maioría das especies de abellas, a scopa é simplemente unha masa densa de pelos (ou setas) alongados, a miúdo ramificados, nas patas traseiras.[2] Cando están presentes nestas patas, os pelos modificados están case sempre na tibia, pero algunhas abellas, como as das familias dos halíctidos e dos andrénidos, presentan estas serdas tamén no fémur e/ou no trocánter, ou na parte terminal do tórax.[3][4]. Algunhas abellas teñen, ademais dos pelos das patas, moitos pelos modificados na superficie ventral do abdome que tamén se usan no transporte do pole. As especies dunha familia de abellas, a dos megaquílidos, carecen de pelos modificados nas patas, pero teñen unha extensa scopa na parte inferior do abdome.
As abellas e os abesouros teñen unha estrutura máis desenvolvida que a scopa: a corbícula ou cesta do pole, pero esta é máis especializada e é característica das abellas da familia dos ápidos. Varias especies de abellas teñen outros tipos de pelos modificados que recollen o pole, aceites florais ou outros produtos químicos das plantas; estes pelos poden levar estas substancias á cara, ás pezas bucais ou ás patas dianteiras ou medias, pero non se denominan vasoiras. O termo "vasoira" está restrinxido aos pelos adaptados para o transporte de pole.
Cando unha abella visita unha flor, o pole aséntase por todo o seu corpo. Para transferilo á vasoira, debe recollelo cunha especie de pincel feito con serdas máis duras, situado no tarso basal de todas as patas, especialmente das patas traseiras.[3]
Algunas especies de abellas transportan o pole internamente, no aparello dixestivo, e despois regurxítano no niño e, polo tanto, carecen de vasoira, ao igual que as abellas cleptoparasitas, que non recolectan pole.[3][4][5][6]
Só as abellas obreiras posúen esta estrutura.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ scopa no Merriam-Webater Dictionary.
- ↑ escova de pólena, en Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. Alemám, Inglês, Espanhol, Galego-Português. A Coruña: AGAL. ISBN 84-8730-512-1, p. 131.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Quaranta 2004.
- ↑ 4,0 4,1 Cane 2008.
- ↑ Hodges 1952.
- ↑ Proctor, Yeo & Lack 1996.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cane, James H. (2008): "Bees (Hymenoptera: Apoidea: Apiformes)" en Capinera, John L. (Ed.) Encyclopedia of Entomology Vol. 2. Berlín: Springer Verlag. ISBN 978-1-4020-6360-2, pp. 419–434.
- Hodges, Dorothy (1952): The Pollen Loads of the Honeybee: A Guide to Their Identification by Colour and Form. Congresbury, Somerset, UK: International Bee Research Association.
- Proctor, M., Yeo, P. & Lack, A. (1996). The Natural History of Pollination. Portland, Oregón: Timber Press. ISBN 978-0-8819-2352-0.
- Quaranta, Marino (2004): "Le api del parco scientifico-didattico di Isola Polvese".