Saltar ao contido

Tax lease

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Campaña a prol do Tax Lease de PYMAR.

O tax lease (en inglés, tax significa "imposto" e lease, "alugueiro") é un procedemento financeiro empregado no sector naval para investir na construción de buques en troques de bonificacións fiscais[1].

Descrición

[editar | editar a fonte]
Plano do buque Don Inda (UT 722 L).

O tax lease é un acordo de financiamento a varias bandas:

  • O armador que contrata o buque e o opera.
  • O estaleiro que constrúe o buque e xestiona a súa construción.

Entre eles, para o financiamento do buque están:

  • As AIE (Agrupacións de Interese Económico). Son asociacións de empresas que se xuntan durante a construción do buque para o seu financiamento polas vantaxes fiscais. Están reguladas pola Lei 12/1991 para agrupacións de interese económico[2].
  • As entidades financeiras, bancos, que fan de intermediarios na operación de leasing.
  • A Administración que crea o marco xurídico.

Funcionamento

[editar | editar a fonte]

Cando un armador está interesado na construción dun buque acorda co estaleiro a construción. O estaleiro busca o financiamento, un grupo de empresas interesadas en investir no sector polas bonificacións fiscais que ofrece a administración. O estaleiro vende a un banco o buque aínda sen iniciar a construción. O banco fai un contrato de leasing a un prazo moi curto, uns tres ou catro anos. O tempo de amortización dun buque pode ser de dez, vinte ou máis anos. Este contrato de leasing faise con empresas en moitos casos alleas ao sector naval: as Agrupacións de Interese Económico (AIE). Estas AIE alugan ao armador o buque durante o tempo que dura o contrato despois do cal o armador merca o buque. Este uso de grandes cantidades de capital en pouco tempo xera bases impoñibles negativas que supoñen desgravacións fiscais e aforros de impostos, o que permite baixar o prezo do buque que paga o armador entre un 20 e un 30 % ao tempo que permite a estes investidores rebaixar os impostos que pagan en porcentaxes semellantes.

O sistema beneficia ao estaleiro, que consegue financiar os buques e baixar o prezo de venda. O armador ten financiamento durante a construción do buque e os primeiros anos, e tamén unha rebaixa do prezo do buque. Os investidores conseguen rebaixas fiscais. Os bancos cobran comisións polas operacións. A Administración perde unha parte dos ingresos por impostos pero, por outra banda, permite financiar un sector de alto valor engadido como o naval moi centrado na exportación, creando emprego e un sector auxiliar. Tamén o sector naval do propio país sale beneficiado permitindo que os armadores modernicen as frotas.

Nos anos 1980 e 1990, a reconversión naval fixo que os estaleiros máis grandes tivesen que ser primeiro nacionalizados, no caso de España polo INE (Instituto Nacional de Industria) xa que a crise do petróleo e a competencia asiática os levaron a grandes perdas polo que estaban en risco de desaparecer por creba. A entrada na CEE obrigou á creación de grandes grupos públicos e á redución da capacidade de produción. Os estaleiros máis grandes quedaron en mans do estado divididos en dúas. Por unha banda, o sector civil baixo o nome de Astilleros Españoles e, por outra, o militar en mans de Bazán. O dumping (venda por debaixo do prezo) dos estaleiros asiáticos e a imposibilidade de seguir dando axudas públicas aos estaleiros na UE fixo que se buscase outro sistema de financiamento. Deste xeito, fíxose que o sector privado alleo á construción naval asumise investir no sector mediante o que denominaron tax lease. O sistema emprégase en tódolos países da CE que teñen construción naval.

O tax lease por países

[editar | editar a fonte]

A principios dos anos 2000 a CE declarou ilegais as axudas aos estaleiros públicos. Astilleros Españoles desapareceu como empresa fusionada co sector militar pasando a formar un novo grupo chamado Navantia; destes acordos coa CE para evitar o peche do sector Astano tivo que abandonar o sector da construción naval civil, no que só podía operar no sector off-shore e adicarse só ao sector militar en compensación pola redución de capacidade produtiva esixida por Bruxelas. Entre xaneiro de 2002 e xullo de 2010 o tax lease utilizouse en 273 buques, 272 dos construídos en estaleiros de España[3] cun custe de 9.000 millóns de euros[4].

En 2005, a CE iniciou unha investigación polo tax lease de Francia. Desta investigación a CE obrigou a modificar o tax lease francés pero mantendo as deducións fiscais e o IVE reducido ata 2010; deste modo, non tiveron que devolver os cartos. En novembro de 2009, Neelie Kroes, entón comisaria europea da competencia, asinou unha carta a instancias do goberno de Noruega na que dicía que a Comisión Europea tiña investigado o tax lease de España e que a normativa era correcta. A xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea nunha sentenza emitida no 2010 avalou a validez xurídica dunha carta asinada por un director da Dirección Xeral da Competencia[5]. O 13 de xullo de 2010, asociacións de construción naval de varios países europeos (Noruega, Francia, Países Baixos, Portugal e Finlandia) asinaron unha petición contra o tax lease de España no Tribunal da Competencia Europeo dirixido por Joaquín Almunia. A denuncia, segundo CC.OO., viña por unha agresiva oferta da armadora Boluda para dar servizo de remolcadores no porto de Anveres con buques construídos no seu estaleiro de Valencia e tamén pola entrada de estaleiros españois no negocio das dragas do estaleiro neerlandés Damen[6]. En agosto de 2010, o deputado finlandés Ville Heimo Antero Itälä fixo unha pregunta sobre o tax lease de España no Parlamento Europeo:

"O sistema de arrendamento financeiro (tax lease) úsase en tres países diferentes: Gran Bretaña, Francia e España. ¿Podería a Comisión definir os diferentes sistemas de arrendamento financeiro de diferentes países da Unión, así como as súas posibles aplicacións discriminatorias? En caso necesario, ¿podería intervir? Segundo a industria da construción naval finlandesa, especialmente en España o modelo de arrendamento financeiro permite que a construción naval española saque unhas vantaxes de prezos dun 20 ou 25%, polo que a súa aplicación é discriminatoria".

En novembro de 2012, a CE e España aprobaban un novo tax lease en España agora aplicable a todo o sector industrial, Lei 16/2012, de 27 de decembro. En decembro de 2012 PYMAR (Pequeños y Medianos Astilleros en Reconversión) presentou unha denuncia contra o tax lease neerlandés na dirección xeral da competencia da Comunidade Europea[7]. A entrada en funcionamento do novo tax lease en España iniciouse o 1 de xaneiro de 2013. O 25 de xuño de 2013 a CE esixía a devolución do tax lease a España dende o 2005 ata 2011, uns 2.800 milllóns de euros. Cartos que deben devolver as AIE[8]. O 17 de xullo de 2013 a CE ratificaba a decisión sobre o tax lease limitando as datas dende 2007 a 2011[9]. O 22 de xullo de 2013 o goberno español, xunto cos gobernos de Galiza, Euskadi e Asturias, Pymar e os sindicatos UGT e CC.OO. acordaror recorrer a devolución do tax lease[10].

En decembro de 2014 o Tribunal Xeral da Unión Europea deu por bo o sistema de bonificacións fiscais aprobado en novembro de 2012 e que fora denunciado pola asociación de estaleiros neerlandeses Netherlands Maritime Technology Association[11]. O 25 de xullo de 2018 o Tribunal de Xustiza da UE anulou a sentenza de 2016 do Tribunal Xeral que avalou o esquema fiscal e ordenou reexaminar o caso.[12]

O Tax Lease en Francia era moi similar ao de España e tamén era empregado noutros sectores de bens de equipamento. En 2005 a Comunidade Europea o anulou aínda que non houbo que devolver bonificacións xa que segundo a CE as compañías tiveran actuado con “confianza lexítima”[13].

En 2017 o ministerio noruegués de finanzas aprobou axudas de 1900 millóns de euros ata 2026 para o sector naval, ata o 70 % de bonificacións fiscais para competir con Turquía e España[14].

Países Baixos

[editar | editar a fonte]

Catro estaleiros neerlandeses -Damen, Merwede, Bodewes e Volharding- recibiron do goberno do seu país unha axuda de 20 millóns de euros para a construción dun barco arrastreiro, dúas dragas e dez buques mercantes. A CE ditaminou en xullo de 2004 que eran axudas ilegais[15].

O Tax Lease neerlandés supón bonificacións nos prezos dos buques de entre o 33 e o 38%[16]. Foi denunciado por España diante dos servizos da competencia da Comunidade Europea. En setembro de 2013 a Comunidade Europea confirmou a apertura dunha investigación sobre o Tax Lease neerlandés e que o goberno dese país estaba a enviar información[17]. Nunha información datada o 19 de marzo de 2015 sóbouse a preguntas do Defensor do Pobo da Unión Europea Emily O'Reilly que o Tax Lease holandés era considerado legal nun estudo prelimiar segundo a danesa Margrethe Vestager que dirixe a oficina europea da competencia[18].

No Xapón transformaron a Japan Bank for International Cooperation (JBIC, antes EXIM Bank) nunha corporación co goberno xaponés como único accionista adicada á exportación de buques. Crearon tamén a Japan Ship Investment Facilitation Co., Ltd. (JSIF) coa finaliade de “asegurar contratos para novas construcións polo estancamento do financiamento de buques”. O funcionamento do JSIF consiste en financiar proxectos nos que unha compañía navieira fleta un buque en casco á propiedade dunha “special purpose company” (SPC). O casco do buque venderase á compañía navieira ao final do período de fletamento para pagar a débeda e participacións pendentes. Os investidores nas SPC poden ser estaleiros e/ou outras entidades. O sistema é só para o financiamento de buques[19].

  1. "Tax lease: axuda ilegal ou política fiscal?", Foro Claridade.
  2. "¿Qué es el tax lease?", El Blog Salmón (en castelán).
  3. Graña, Lara (14 de decembro de 2011). "O que se cala sobre o naval e a tax lease". Galicia Confidencial. 
  4. "Asturies: El 'tax lease' y los astilleros", La Haine.
  5. Antón, Soledad (14 de xullo de 2013). "El naval prepara una denuncia contra Almunia por si no salva al sector". La Voz de Galicia (en castelán). 
  6. X. A. (21 de novembro de 2011). "¿Qué es el 'tax lease' naval?". Deia (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2013. Consultado o 15 de xullo de 2013. 
  7. M. Sío Dopeso (6 de decembro de 2012). "España denuncia ante Bruxelas as axudas de Estado ao naval holandés". La Voz de Galicia. 
  8. Carneiro, J. (25 de xuño de 2013). "La propuesta de Almunia sobre el ´tax lease´ obligará a devolver el 95% de las ayudas". Faro de Vigo (en castelán). 
  9. Lorenzo, Serafín (17 de xullo de 2013). "A Xunta esixe ao Goberno que recorra en Luxemburgo a devolución do «tax lease»". La Voz de Galicia. 
  10. Axencia EFE (23 de xullo de 2013). "España recorrerá a devolución do «tax lease»". La Voz de Galicia. 
  11. Tribunal UE avala el nuevo sistema español para la financiación de buques. elidealgallego.com
  12. "La justicia europea golpea al naval gallego". 
  13. Hermida, Xosé. El País, ed. "La UE hace zozobrar a los astilleros". Consultado o 10 de outubro de 2013. 
  14. Noruega pone la proa al naval gallego para neutralizar su rápida remontada lavozdegalicia.es
  15. Carneiro, J. Faro de Vigo, ed. "Bruselas avaló hasta en dos ocasiones el anterior ´tax lease´ antes de suspenderlo". Consultado o 11 de outubro de 2013. 
  16. El ´tax lease´ holandés, sin investigar dos meses después de su denuncia en España. Faro de Vigo.
  17. El tax lease holandés bajo investigación. Sector Marítimo. Ingeniería naval
  18. Bruselas da carpetazo a la investigación del "tax lease" holandés al considerarlo legal farodevigo.es
  19. Pérez García, José Esteban. "Europa y el “tax lease” español". Revista Ingeniería Naval (en castelán). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]