Stemma codicum
En filoloxía un stemma codicum (árbore xenealóxica dos códices) é a representación gráfica, en forma normalmente arborescente (forma ramificada), do percorrido que desde o arquetipo leva ao testemuño dun texto. A doutrina das relacións de dependencia dos manuscritos denomínase, precisamente, stemmática.
É o froito dunha atenta investigación sobre a tradición dun texto antigo. Poderíase dicir que o stemma é a árbore xenealóxica do texto conservado, un esquema piramidal en cuxo vértice está o arquetipo (ao que non sempre se dá accedido) do que proveñen por copias sucesivas as varias familias de textos coñecidas, cuxos testemuños ocupan as bases desta pirámide.
Trátase, noutras palabras, da representación gráfica das relacións mantidas entre os diversos testemuños dunha obra que se transmitiu por medio deles.
O testemuño é unha copia que precisamente testemuña o contido da obra orixinal.
Un orixinal é o que os testemuños transmiten, ás veces alterando a súa forma nalgunhas pasaxes.