República Nacional de Ucraína Occidental
Західноукраїнська Народна Республіка (uk) | |||||
Himno | Shche ne vmerla Ukrainy | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Capital | Zalishchyky (pt) Ivano-Frankivsk (pt) Ternopil (pt) (1918–1918) Lviv (–1918) | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | lingua ucraína | ||||
Relixión | igrexas católicas bizantinas, catolicismo e Cristianismo ortodoxo | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | 19 de outubro de 1918 | ||||
Disolución | 14 de marzo de 1923 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república | ||||
• Xefe de estado | Yevhen Petrushevych (en) (1919–) | ||||
• Ditador | Kost Levytsky (en) (1918–) Sydir Holubovych (en) (1919–1919) Yevhen Petrushevych (en) (1919–) | ||||
A República Nacional de Ucraína Occidental ou República Popular de Ucraína Occidental (en ucraíno: Західно-Українська Народна Республика, Zakhidno-Ukrayins’ka Narodna Respublyka ou ЗУНР, ZUNR), foi unha república de curta vida entre finais de 1918 e comezos de 1919 en Galicia do leste, Bucovina e Rutenia subcarpática ou Transcarpatia, con capital en Lviv (Galicia, Polonia).
O censo austrohúngaro de 1910 daba 5,4 millóns de habitantes nos territorios do estado:
- 3.291.000 ucraínos
- 1.351.000 polacos
- 660.000 xudeus (considerados minoría nacional)
- minorías alemás, checas e outras.
As cidades estaban poboadas maioritariamente por polacos e xudeus mentres que no campo predominaban os ucraínos. A maioría da poboación da cidade máis importante (Lviv) era polaca.[1] É máis, esta era considerada unha importante cidade polaca, polo que os conflitos entre Ucraína Occidental e Polonia non tardaron en aparecer.
Historia
[editar | editar a fonte]Proclamación da Independencia
[editar | editar a fonte]O 19 de outubro de 1918 créase o Consello Nacional de Ucraína, que dirixe unha insurrección coa que logra o control do leste de Galicia, territorio que formaba parte do Imperio Austrohúngaro, incluíndo a cidade de Lviv.[2]
O 1 de novembro de 1918 proclámase a República Popular de Ucraína Occidental.[2] Pouco despois da proclamación da independencia do Imperio Austrohúngaro, prodúcese un levantamento popular na cidade de Lviv, maioritariamente polaca,[2] xa que os seus habitantes non desexaban pertencer a un estado nom polaco. Poucas semanas despois, a insurrección polaca de Lviv recibe o apoio de Polonia (a Segunda República de Polonia). Estes feitos levaron ao inicio da guerra polaco-ucraína.
A noite do 21 de novembro de 1918 os insurrectos polacos conseguen expulsar da cidade ás tropas ucraínas.[2]
Eleccións
[editar | editar a fonte]A República Popular de Ucraína Occidental gobernou aproximadamente un territorio con 4 millóns de persoas nos seus oito meses de existencia. As eleccións no territorio controlado polos ucraínos leváronse a cabo entre o 22 e o 25 de novembro de 1918, elixindo 150 membros do Consello Nacional de Ucraína para que servira de corpo lexislativo. Aproximadamente un terzo dos escanos estaban reservados ás minorías nacionais (polacos, alemáns, xudeus e outros). Os polacos boicotearon as eleccións, mentres que os xudeus participaron, obtendo o 10 % dos delegados.
Accións de goberno
[editar | editar a fonte]Evhen Petrushevych, un antigo membro do parlamento austrohúngaro, foi elixo presidente do Consello e, automaticamente, nomeado presidente da república. A pesar da guerra, a República Popular de Ucraína Occidental mantivo a estabilidade da administración austrohúngara anterior ao conflito, empregando a profesionais ucraínos e polacos. As fronteiras territoriais interiores e as comunidades foron mantidas tal como estaban baixo o Imperio Austrohúngaro. Os tribunais provinciais, rexionais e locais continuaron o seu funcionamento como nos tempos anteriores, e continuaron aplicándose as leis austrohúngaras.
Así mesmo, o goberno mantivo en xeral o sistema de recadación de impostos do Imperio Austrohúngaro. Porén, o empobrecemento da poboación polas perdas orixinadas pola guerra fixo que a cantidade de impostos recadados fose mínima. A maioría dos ingresos do goberno viñan da exportación de petróleo e de sal.
O 15 de febreiro de 1919 apróbase unha lei que fai do ucraíno a lingua oficial do Estado. De acordo con esta lei, porén, as minorías tiñan o dereito de dirixirse á administración na súa propia lingua. Tamén se aprobou unha lei que confiscaba as grandes leiras aos terratenentes latifundistas e as distribuía entre os campesiños.
O 22 de xaneiro de 1919 a República de Ucraína Occidental uniuse á República Popular de Ucraína, unión máis ben simbólica, xa que os ucraínos occidentais conservaron o seu goberno e as súas forzas armadas (o exército ucraíno de Galicia).
Vitoria polaca e fin da república
[editar | editar a fonte]O goberno da república dividiu o territorio en 12 distritos militares, nos que os seus comandantes eran os responsábeis do recrutamento de soldados. O goberno foi capaz de mobilizar a 100.000 soldados na primavera de 1919, pero a falta de equipamento militar fixo que só 40.000 estivesen listos para a batalla.
En xeral, o goberno da República Popular de Ucraína Occidental foi máis maduro e organizado que o caótico da República Popular de Ucraína, erixido en territorios do antigo Imperio ruso.
Como consecuencia da Guerra Polaco-Ucraína, Polonia tomou a maior parte do territorio da República Popular de Ucraína Occidental xa en xullo de 1919, grazas ao uso das tropas do xeneral Józef Haller, chegadas de Francia en maio.[2] En xullo alcanzouse un alto ao fogo entre as tropas polacas e as ucraínas do Directorio de Ucraína, pero a situación política era complexa ao manterse os dous gobernos ucraínos separados e con dúas políticas: mentres Petlyura trataba de lograr un acordo cos polacos para poder resistir aos bolxeviques, Evhen Petrushevych|Petrushevych]] rexeitaba calquera acordo cos polacos e confiaba nas potencias occidentais, que acabaron por apoiar o avance polaco co fin de deter o avance bolxevique.[3]
Parte do exército derrotado refuxiouse en Checoslovaquia, tomando o nome de Brigada Ucraína (checo: Ukrajinská brigáda). O groso do exército, con ao redor de 50.000 homes, cruzou ao territorio da República Popular de Ucraína e continuou a súa loita pola independencia ucraína, a pesar dos receos de Petrushevych e o seu desacordo político con Petlyura, que se mantivo a pesar de ingresar aquel no Directorio en marzo de 1919.[3] En agosto de 1919 unha delegación ucraína viaxou a Polonia e logrou un alto ao fogo entre ambos os exércitos, aceptándose a fronteira do río Zbruch como temporal (o 1 de setembro de 1919).[3]
En novembro, Petrushevych alcanzou un acordo con Denikin para acabar cos enfrontamentos entre as tropas deste e os exércitos ucraínos, que tomaran brevisimamente Kíiv (o 31 de agosto de 1919) para seren expulsados por Denikin, pero só afectaba ás tropas da República Nacional de Ucraína Occidental, non ás do Directorio, ás que Denikin consideraba traidores rusos.[4] Acusado de traizón polo Directorio, Petrushevych exiliouse en Viena, desde onde continuou as súas actividades políticas.[4]
En 1920 Polonia e Symon Petlura, en nome de Ucraína, acordaron establecer a fronteira provisional no río Zbruch, renunciando esta ao territorio de Ucraína Occidental (Galicia, Rutenia subcarpática e Bucovina), a cambio do apoio militar para a independencia de Ucraína que anteriormente pertencera ao Imperio ruso como país independente.
O goberno da República Popular de Ucraína Occidental exiliouse en Austria tras a toma de Lviv polo Exército polaco, e desde alí realizou xestións ante os países Aliados da Entente para o restablecemento do país. Aínda que obtivo algunhas vagas promesas como a declaración do territorio como ocupado por Polonia pero non integrado no seu territorio ou a realización dun plebiscito aos 25 anos, co Tratado de Trianón estableceuse a incorporación de Rutenia á Checoslovaquia e a anexión definitiva do resto do territorio a Polonia.
Goberno
[editar | editar a fonte]- Poder lexislativo: Consello Nacional Ucraíno, 150 deputados. As eleccións tiveron lugar entre o 22 e o 25 de novembro de 1918. Case 50 escanos estaban reservados para as minorías (polacos, xudeus, alemáns), pero as eleccións foron boicoteadas polos polacos.
- Poder executivo: Evhen Petrushevych foi o presidente da República. A pesar da inestabilidade provocada pola guerra con Polonia, a República Nacional de Ucraína Occidental mantivo a estabilidade interior que gozara nos tempos do Imperio Austrohúngaro, os funcionarios eran escollidos entre profesionais de todas as minorías.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- John Bulat, John (1973): Illustrated Postage Stamp History of Western Ukrainian Republic 1918-1919. Yonkers, NY: Philatelic Publications.
- Latawski, Paul, editor (1992): "The reconstruction of Poland, 1914-23". Londres: Macmillan. ISBN 978-0-3335-3955-2.
- Kubijovic, V., editor (1963): A Concise Encyclopedia. Toronto: University of Toronto Press.
- Magocsi, Paul Robert (1996): A History of Ukraine. Toronto: University of Toronto Press. ISBN 0-8020-0830-5
- Subtelny, Orest (1988): Ukraine: A History. Toronto: University of Toronto Press. ISBN 0-8020-5808-6.
- República Popular de Ucraína Occidental 1918–1923. Enciclopedia. Volume. 1. Західно-Українська Народна Республіка 1918–1923. Енциклопедія. Т. 1: А–Ж. Івано-Франківськ : Манускрипт-Львів, 2018. 688 с. ISBN 978-966-2067-44-6
- República Popular de Ucraína Occidental 1918–1923. Enciclopedia. Volume. 2. Західно-Українська Народна Республіка 1918–1923. Енциклопедія. Т. 2: З–О. Івано-Франківськ : Манускрипт-Львів, 2019. 832 с. ISBN 978-966-2067-61-3
- República Popular de Ucraína Occidental 1918–1923. Enciclopedia. Volume. 3. Західно-Українська Народна Республіка 1918-1923. Енциклопедія. Т. 3: П - С. Івано-Франківськ: Манускрипт-Львів, 2020.576 с. ISBN 978-966-2067-65-1
- República Popular de Ucraína Occidental 1918–1923. Enciclopedia. Volume. 4. Західно-Українська Народна Республіка 1918-1923. Енциклопедія. Т. 4: Т - Я. Івано-Франківськ: Манускрипт-Львів, 2021.688 с. ISBN 978-966-2067-72-9
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- República Socialista Soviética de Galicia, estado de curta existencia en 1920.