Saltar ao contido

Puritanismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Puritano»)
Xoán Calvino

O puritanismo, unha parte radical do protestantismo, tivo a súa orixe na Inglaterra posterior á Reforma en Inglaterra, durante o reinado de Isabel I de Inglaterra.

Durante o século XVI, un sector importante da Igrexa de Inglaterra sentía que a ruptura definitiva coa Igrexa católica romana non se terminou de producir, xa que boa parte da liturxia e as crenzas seguían sendo moi similares. Doutra banda, o anglicanismo estaba demasiado próximo ao poder real inglés, obediente ás súas decisións e, xa que logo, arbitrario segundo as conxunturas do momento.

O dogma central do puritanismo era a autoridade suprema de Deus sobre os asuntos humanos. Para algúns, tal autoridade expresábase ata o grao da predestinación ensinada por Xoán Calvino, pero non todos compartían esta opinión.

Ademais, os puritanos subliñaban que o individuo debía ser reformado pola graza de Deus. Cada persoa, á que Deus mostraba misericordia, debía comprender a súa propia falta de valor e confiar en que o perdón que está en Cristo foille dado, polo que, por gratitude, debía seguir unha vida humilde e obediente.

Outras notables crenzas inclúen:

  • Unha énfase no estudo privado da Biblia.
  • Un desexo de que todos alcancen educación e ilustración (especialmente para que todos poidan ler a Biblia por si mesmos).
  • O sacerdocio de todos os crentes.
  • Simpleza na adoración, a exclusión de vestimentas, imaxes, candeas etc.
  • A non celebración de festividades tradicionais que eles consideraban estar en violación dos principios regulares de adoración.
  • Crenza en gardar como obrigatorio un día da semana como está ordenado nos dez mandamentos, no caso deles o día da resurrección de Xesús, Domingo.
  • Algúns aprobaban a xerarquía da Igrexa, pero outros buscaban reformar as igrexas episcopais ao modelo presbiteriano. Algúns Puritanos separatistas eran presbiterianos, pero a maioría era congregacionalistas.

A división

[editar | editar a fonte]

A finais do século XVI os puritanos xa se escindiron en dúas ramas: unha máis próxima ás teses de Calvino, denominados presbiterianos, así chamados por que as súas igrexas eran gobernadas non por un bispo, senón por presbíteros (anciáns do presbiterio), que impulsaban unha centralización paulatina da estrutura eclesiástica, e outra integrada polos congregacionalistas, que defendían a existencia de igrexas locais completamente independentes unhas doutras.

Crise e emigración

[editar | editar a fonte]

A principios do século XVII, os puritanos buscaban a reforma completa da Igrexa de Inglaterra para amoldarla ás súas crenzas. Isto provocou unha persecución en toda Inglaterra, chegando ata a considerárselles fóra da Igrexa (1665). Coincidindo coas primeiras ondas de emigrantes a América do Norte, non tardaron en saír moitos deles cara a novas terras onde profesar a súa fe na máis completa liberdade. Será Nova Inglaterra o lugar onde se fundará a maior cantidade de comunidades puritanas e onde se vivirá un auténtico auxe das súas crenzas, formando en boa parte o carácter de moitos dos territorios do que serían máis tarde os Estados Unidos de América.

Uso moderno

[editar | editar a fonte]

Hoxe en día a palabra "puritano" emprégase de forma despectiva para referirse a alguén que ten unha opinión estrita sobre a moral sexual, está en contra da "cultura do tempo libre" e pretende sempre convencer das súas crenzas aos demais desaprobando os puntos de vista diferentes ao seu. Nada disto é exclusivo dos puritanos, nin tampouco é característica esencial do puritanismo, xa que a súa moral e tendencias ascéticas non eran máis extremas que as de calquera cristián europeo da súa época. Ademais, os puritanos, polo menos os ingleses, eran relativamente tolerantes cara a outras crenzas. A imaxe popular (especialmente a televisiva) é algo máis exacta como descrición dos puritanos na América colonial, cuxo experimento social adoptou a forma dunha teocracia calvinista.

O puritanismo na literatura

[editar | editar a fonte]

O comezo da literatura estadounidense conta con escritores puritanos como Cotton Mather ou Thomas Shepard. Os seus textos adoitaban ser panfletos ensaísticos relixiosos ou políticos. Doutra banda, con frecuencia o puritanismo foi un tema central de obras literarias como A letra escarlata onde o seu autor critica o que el considera fanatismo e falsa moral do puritanismo; ou como As bruxas de Salem, onde o seu autor utiliza ese exemplo de fanatismo como imaxe para criticar a persecución política do Macartismo.