Focalización
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Focalización é un concepto utilizado na crítica literaria para describir a relación que se dá entre quen "ve", o que acontece e o que "se ve".
Cando se presentan acontecementos sempre se fai desde unha certa perspectiva. Elíxese un punto de vista, unha forma específica de ve-las cousas, un certo ángulo. A focalización é, segundo Mieke Bal, a relación entre a "visión", o "axente" que ve, e o que se ve. Implica a elección dunha ou máis perspectivas desde as que abordar o conxunto da historia que se quere transformar nun discurso modalizado (relato).
O suxeito da focalización, o focalizador, constitúe o punto desde o que se contemplan os elementos e permítenos distinguir entre focalización interna (cando a focalización se corresponde a un personaxe que participa como actor) e focalización externa (un axente anónimo situado fóra da trama opera como focalizador).
Tipos de focalización
[editar | editar a fonte]Jean Pouillon establece unha tripla distinción:
- A visión "por detrás": o narrador sábeo todo. Coñece ata os pensamentos íntimos do personaxe.
- A visión "con": o narrador sabe o mesmo cós personaxes, e sábeo con eles. Esta visión "con" caracterízase pola elección dun personaxe como centro do relato. Pódese variar o personaxe elixido ó comezo producíndose plurivocidade.
- A visión "desde fóra": o narrador sabe menos cós personaxes, porque se limita unicamente a ser testemuña ocular dos feitos.
Segre, na súa obra Principios de análise do texto literario, perfecciona o concepto de Jean Pouillon:
- Narración de focalización cero: nunca se toma o punto de vista dos personaxes
- Narración de focalización interna: cando a narración está dada polos personaxes. Pode ser:
- Focalización fixa: todo está visto por un personaxe
- Focalización variable: segundo os episodios varía o personaxe focal
- Focalización múltiple: cando un mesmo acontecemento se presenta por máis dun personaxe
- Narración con focalización externa: os personaxes actúan ante o narrador, sen que este mostre coñece-los seus pensamentos ou sentimentos
- Narración con focalización progresiva: o narrador pode empezar o seu relato en focalización cero -de modo enigmático- para achegarse despois, lentamente, a outro tipo de focalización
Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |