Saltar ao contido

Piedade (Michelangelo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Piedade
ArtistaMichelangelo
Dataentre 1498 e 1499
TécnicaEscultura
Dimensións174 cm × 195 cm
LocalizaciónBasílica de San Pedro (Cidade do Vaticano Cidade do Vaticano)

A Pietà ou Piedade de Michelangelo, tamén coñecida como Pietá Vaticana, e datada entre 1498 e 1499,[1] é unha escultura de mármore de 174 cm por 195,[2] que se atopa na basílica de San Pedro en Roma. Foi a primeira de varias obras do artista coa mesma temática como a Pietá de Florencia, a Pietá Palestrina e a Pietá Rondanini, nas que se representa o tema bíblico da "Virxe dolorosa" (Pietá) que sostén no colo o corpo de Cristo descendido da cruz antes da sepultura, resurección e ascensión. O modelo no posicionamento dos corpos é o da iconografía nórdica, que Michelangelo asimila e elabora dun xeito persoal. Leva ao extremo o ideal renacentista de harmonía, e beleza clásica.

A estatua fora encargada polo cardeal francés Jean de Billhères de Lagraulas, que era un representante do rei francés en Roma. O cardeal encargáraa para o seu mausoleo funerario na capela de Santa Petronila que estaba no lado sur do transepto da basílica de San Pedro en Roma. Porén, a capela fora derruída por Bramante durante a reconstrución de San Pedro polo que tamén se moveu a obra.

A Pietà é considerada a primeira obra mestra do artista, realizada cando tiña pouco máis de vinte anos, e unha das mellores obras de arte producidas en Occidente. Tamén é a única que presenta a sinatura do autor[1] na cinta que cruza o manto da virxe dende o ombreiro. Segundo Giorgio Vasari, pouco despois da instalación da obra, Michelangelo escoitou que alguén afirmaba que era unha obra do escultor Cristoforo Solari, que el consideraba moi inferior. Enrabietado, Michelangelo gravou MICHEL (N) GELU BONAROTUS FLORENT [INUS] FACIEBAT ("O florentino Michelangelo Buonarroti, fíxoo").

A obra foi unha encarga do cardeal francés Jean Bilhères de Lagraulas, tamén coñecido como Jean Villiers de la Groslaye, abade da basílica basílica de Saint-Denis, cardeal e embaixador perante o papa. Faino empregando como intermediario ao patrono e protector romano de Miguel Anxo, o banqueiro Jacopo Galli. O contrato asínase o 27 de agosto de 1498 e estipulaba un pago de catrocentos cincuenta ducados de ouro en moeda pontificia e un prazo dun ano para estar rematada.

A escultura estaba destinada a ornar o monumento funerario en memoria do defunto rei francés, Carlos VIII, falecido o 7 de abril de 1498, na capela de Santa Petronila, coñecida como “dos reis de Francia", na antiga basílica de San Pedro.

O escultor empregrou mármore de Carrara tirado da canteira de Polvaccio, seleccionado pola sur cor cremosa que lembra o ton da pel. Para cumprir coa data límite do contrato, Miguel Anxo, traballou vinte horas diarias nun só bloque de mármore. Usou martelo e cicel, puíu o mármore con pedra pómez durante semanas para conseguir que brillara na escura capela. Ao ter que ser exposta frontalmente, decidiu deixar a parte traseira sen rematar.[3] Finalmente, rematouna na primavera de 1499. Ao ser exposta na basílica, Vasari exclamou: “Como podería a man dun artesán realizar tan divinamente unha obra tan admirable en tan pouco tempo? Isto é un milagre: que unha rocha sen forma conseguira tal perfección que a natureza só a modela tan raramente na carne”.[4]

Precedentes

[editar | editar a fonte]

Mentres que si que había un precedente para as pinturas da Virxe María laiándose sobre o Cristo morto na arte florentina, semella que o tema era novidoso para a escultura italiana. Porén, había referentes anteriores durante os séculos XIII e XIV[5] e tamén existía unha tradición de pietàs esculpidas na arte da Europa setentrional mais Michelangelo dálle unha nova interpretación coa iconografía da virxe co neno.[6] Amais, a igrexa de San Domenico en Boloña tiña unha pietà esculpida alemá. Isto levou algúns a pensar que o doador (se non Michelangelo) tiña estas estatuas en mente cando a obra foi encargada.

Traballos posteriores

[editar | editar a fonte]

Nos anos seguintes, a Pietá foi bastante danada. Catro dedos da man esquerda da Virxe María foron restaurados o 1736 por Giuseppe Lirioni e os estudosos están divididos en canto a se o restaurador tomou liberdades para darlle unha posición máis "retórica". Porén os danos máis substanciais producíronse o 21 de maio do 1972, día de Pentecoste, cando un xeólogo perturbado mental, denominado Laszlo Toth, entrou á capela e atacou a Virxe María dándolle quince golpes cun martelo mentres berraba "Eu son Xesucristo!". O ataque provocou a mutilación dun brazo mais do nariz. Posteriormente, a obra foi restaurada e devolta ao seu lugar na basílica xusto á dereita da entrada, entre a porta Santa e o altar de San Sebastián. Agora está protexida por un panel de vidro blindado. A capela da Pietà é o lugar onde o papa se viste antes das celebracións litúrxicas na basílica.

O traballo de restauración develou que na man esquerda da Virxe aparece o monograma de Miguel Anxo, oculto durante case 500 anos: un “M” debuxado na palma coas liñas da man.[7]

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha obra de vulto redondo, o que significa que podía ser vista dende tódolos ángulos aínda que o punto de vista máis importante é o frontal pois estaba destinada a ser colocada nunha capela e a composición é, tipicamente, triangular. A Virxe, fermosa e piadosa, cun vestido ampuloso con numerosas pregas sostén no seu colo a Cristo morto case ingrávido e que, de xeito intencionado, semella ter máis idade que a súa nai. A xuventude da Virxe amosa o idealismo renacentista representando o ideal de beleza e de xuventude, unha nai eterna.

Composición

[editar | editar a fonte]

A composición é típica do Renacemento, practicamente, piramidal ou triangular, marcando un acusado contraste entre a Virxe e Cristo. O vértice coincide coa cabeza de María e a estatua vaise prolongando progresivamente cara a baixo até a base, onde caen as vestimentas. O corpo da Virxe está sentado e estrutúrase en tres partes: tronco, coxas e pernas, mentres o de Cristo insírese no seu colo e, en perpendicular ao eixo da virxe, tamén está pregado en tres partes. Igualmente, hai un forte contraste entre o corpo moi delicado e moi puído do Cristo e a gran cantidade de pregas profundas e do manto da Virxe.[8]

O chamativo desta obra é a idade da Virxe por semellar moi nova. A diferenza das Piedades doutros autores, como unha de Bronzino, Miguel Anxo dá máis relevancia á beleza da Virxe que ao sufrimento e á dor. Esta mestura de beleza pagá e relixión é unha característica que se atopa en varias ocasións na obra de Miguel Anxo. Cristo, pola súa banda, está representado coa idade que lle corresponde e aparenta ser maior cá súa nai. Comparado co da Virxe, o corpo de Cristo semella algo máis pequeno, dando aquí, de novo, máis importancia a María. O corpo de Xesús crea un "S" que se equilibra co resto da escultura, especialmente coas amplas roupaxes da Virxe. O seu brazo dereito cae dun xeito moi natural e, semella que, a Virxe resposta co xesto da palma aberta do seu brazo esquerdo.

A posición das dúas mans de María é fundamental para comprende-lo traballo. A man dereita, tensa, mobiliza tódalas forzas de María para reter o corpo de seu fillo. A man esquerda, coa palma aberta, o dedo índice tenso, o dedo medio e o anular lixeiramente dobrados, testemuñan a natureza dóce e caritativa da Virxe, e tamén o seu perdón (man estendida), e a súa desgraza (os dedos dobrados).

As figuras están bastante desproporcionadas, por mor da dificultade de mostrar un home xa medrado sostido no colo dunha muller. Se Cristo estivese a escala humana, a Nai de Deus tería logo case cinco metros de alzada. Isto podería estar feito expresamente; aínda así, como xa se dixo, esta estatua moveuse da súa localización orixinal, e non sabemos en que posición estaba anteriormente. Se tiña que estar situada nun lugar alto, Michelangelo podería tela deformado expresamente, para compensar a desproporción aínda que outros autores sosteñen que o faría para representar mellor a idea dun home adulto no colo dunha muller.[9] Sexa como for, o gran tamaño da Virxe María está agochado detrás da roupa, e as figuras teñen un aspecto bastante natural e unha expresión serea e tranquila que non expresan dor senón aceptación.

As marcas da crucifixión están limitadas nas pegadas de cravos moi pequenos e un indicio da ferida nas costas de Xesús. As marcas dos cravos nos pés non chegan até a calcañeira.

Interpretacións e simboloxía

[editar | editar a fonte]
Detalle.

A Virxe María está representada como se fose moi nova, e sobre esta peculiaridade hai diferentes interpretacións. Unha é que a súa xuventude simboliza a súa pureza incorruptíbel, coma Michelangelo mesmo dixo ao seu biógrafo e compañeiro escultor Ascanio Condivi:

Que non sabes que as mulleres castas mantéñense frescas moito máis que aquelas que non o son? E canto máis no caso da Virxe María, que nunca experimentou o menor desexo lascivo, que puidese cambiarlle o corpo?[10]

Outra explicación suxire que o tratamento de Michelangelo do tema estivo influído pola súa paixón pola Divina Comedia de Dante. Coñecíaa tan ben que cando foi a Boloña pagou pola hospitalidade recitando versos. No Paradiso (Canto XXXIII do poema), san Bernaldo, nunha pregaria a María, di: Vergine madre, figlia del tuo figlio... (Virxe María, filla do teu fillo...). Isto dise porque, sendo Xesús unha das tres figuras da Trindade, María sería a súa filla, coma toda a humanidade, mais tamén é a súa nai.

Unha terceira interpretación é aquela suxerida por Ascanio Condivi ao pouco da pasaxe reproducida máis enriba: simplemente que tal frescura é flor da xuventude, á parte de ser mantidos de xeito natural, eran asistidos polos actos de Deus.

Símboloxía

[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente, acéptase que a composición triangular fai referencia á Trindade. O brazo dereito de Xesús que se presenta como desmaiado e carente de forza amosa a morte. Michelangelo non mostra pegadas do sangue nin da dor ao pretender representalo coa dignidade de se-lo "fillo de Deus".

  1. 1,0 1,1 Selvaggio, Danielle (setembro 2017). "The Pieta: the Signed Work of Michelangelo". lagazzettaitaliana.com (en inglés). Consultado o 23 de agosto de 2019. 
  2. Rios González, José Antonio. Roma, andar y ver (en castelán). Madrid: Vision Libros. p. 193. ISBN 978-84-9886-449-6. 
  3. Sautel, Nadine (2006). Michel-Ange (en francés). París: Gallimard. p. 60. 
  4. Tartuferi, Angelo; Mancinelli, Fabrizio (2001). Michel-Ange (en italiano). ATS Italia Editrice. p. 40. 
  5. Moreno Cullell, Vicente (18-2-2012). "Miquel Àngel: La Pietat". Ciències Socials en Xarxa (en catalán). Consultado o 10-9-2019. 
  6. Flynn (2002), pp. 69-70
  7. Gervais de Lafond, Delphine (2014). Michel-Ange, un artiste qui fascine: Le génie de la chapelle Sixtine (en francés). París: 50 Minutes. p. 20. 
  8. Tolnay (1951), p. 230.
  9. Selvaggio, Danielle (setembro 2017). "The Pieta: the Signed Work of Michelangelo". lagazzettaitaliana.com (en inglés). Consultado o 10-9-2019. 
  10. Condivi (2007), p. 57.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Alvarez Gonzáles, Marta (2007). Michelangelo (en italiano). Milán: Mondadori Arte. ISBN 978-88-370-6434-1. 
  • Baldini, Umberto (1973). Michelangelo scultore (en italiano). Milán: Rizzoli. 
  • Busagli, Marco (2014). I denti di Michelangelo. Col. Wunderkammer (en italiano). Milán: Medusa Edizioni. ISBN 978-8876983122. 
  • Condivi, Ascanio (2007). Vida de Miguel Ángel Buonarroti (en castelán). (edición de David García López). Madrid: Akal. ISBN 978-84-460-2694-5. 
  • De Vecchi, Pierluigi; Cerchiari, Elda (1999). I tempi dell'arte (en italiano) 2. Milán: Bompiani. ISBN 978-8845172120. 
  • Flynn, Tom (2002). El cuerpo en la escultura. Col. Arte en contexto (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-460-1154-9. 
  • Risaliti, Sergio; Vossilla, Francesco (2015). Michelangelo. La Pietà vaticana (en italiano). (edición dixital). Milán: Bompiani. ISBN 978-88-587-7040-5. 
  • Tolnay, Charles de (1951). Michel-Ange (en francés). París: Éditions Tisné. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]