Saltar ao contido

Omnívoro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Omnívora»)
Os corvos grandes son omnívoros.

Os animais omnívoros son aqueles que se alimentan tanto de animais como de plantas.[1]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O termo omnívoro vén do latín omnivŏrus; de omnis, "todo", e vorāre, "comer".[2]

Características

[editar | editar a fonte]

Son comedores oportunistas e xeralistas, que non están especificamente adaptados para comer e dixerir nin materias vegetais nin carne exclusivamente.[3] Os porcos son un exemplo ben coñecido de animal omnívoro.[4] Os corvos son outro exemplo de omnívoro común.[5]

Aínda que hai casos de herbívoros que ás veces tamén comen carne, e casos de carnívoros que comen plantas, esta distinción refírese ás adaptacións e á fonte primaria de alimento da especie en xeral, de modo que estas excepcións non fan que o exemplar en concreto ou a especie en xeral sexan omnívoros.

Son omnívoros, entre outros, os seguintes grupos de animais:

De igual maneira, o home é tamén un animal omnívoro.[6] Nas primeiras especies do xénero Homo, o paso dunha alimentación eminentemente vexetariana á inclusión da carne na dieta non se debeu a cuestións culturais, senón aos desaxustes metabólicos provocados por un maior desenvolvemento cerebral.[6] Porén, no home, unha dieta demasiado rica en proteínas necesita o complemento de carbohidratos e graxas, porque do contrario poden aparecer carencias nutricionais importantes que poden incluso provocar a morte.[6] Por iso, a forma máis sinxela de manter o correcto funcionamento do metabolismo sería a combinación de materia vexetal con carne.[6]

Entre as evidencias para considerar omnívoros aos humanos, pódense citar:[3]

  • Evidencias arqueolóxicas indican que os humanos tiveron unha dieta que incluía carne; foron cazadores-recolectores desde os seus inicios. Cando comezou a domesticación das fontes de alimento, fíxose tanto con vexetais coma con animais.
  • A cantidade e a distribución dos diferentes tipos de células do intestino (máis do que a súa lonxitude) son o trazo máis importante para determinar unha dieta típica. Os cans son carnívoros en orixe, pero as súas características intestinais presentan máis trazos en común cos omnívoros. Os lobos, pola súa parte, comen bastante material vexetal.
  • Case todos os comedores de plantas teñen cubas de fermentación (cámaras onde a comida permanece un tempo durante o que é atacada por microorganismos). Os ruminantes, como a vaca e o cervo, teñen sacos anteriores (esófago e estómago modificados); os cabalos, rinocerontes e os monos colobinos teñen sacos no epigastrio. Os humanos non posúen tales especializacións.
  • A evidencia sobre a estrutura e función das nosas mans e queixadas, comportamento, e historia evolutiva, ou ben apoian a idea dunha dieta omnívora, ou ben falla en sustentar un vexetarianismo estrito. Pero a mellor evidencia está nos dentes: os caninos curtos dos humanos son unha consecuencia funcional dun cranio expandido e a necesaria redución do tamaño das mandíbulas. Nos primates, os caninos funcionan tanto como armas defensivas como de ameaza visual; os gorilas e xeladas (que son os grupos con caninos máis grandes) teñen unha dieta basicamente vexetariana. Nos sitios arqueolóxicos, molares humanos rotos confúndense ás veces con premolares ou molares de porcos (un omnívoro clásico). Por outro lado, algúns herbívoros teñen incisivos ben desenvolvidos que tamén ás veces se confunden cos dos humanos.
  • As glándulas salivares tamén indican que somos omnívoros. A saliva e a urina varían, máis que segundo o grupo taxonómico, de acordo coa dieta.

Citando John McArdle (vexetariano, anatomista e especialista en primates):[3]

Os humanos son un exemplo clásico de omnívoro en todos os trazos anatómicos relevantes. Nin a anatomía nin a fisioloxía permiten supoñer que os humanos están preadaptados a unha dieta vexetariana. Polo cal, os mellores argumentos en favor dunha dieta sen carnes seguen sendo os ecolóxicos, éticos ou as cuestións de saúde.
  1. omníovoro Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
  2. Lawrence, E. (2003): Diccionario Akal de términos biológicos. Madrid: Akal, ISBN 8 4-460-1582-X, páxina 443.
  3. 3,0 3,1 3,2 Adaptado dunha conferencia de John McArdle, Ph.D. Vegetarian Resource Group, ed. "Humans are omnivores". Consultado o 29-12-2007. 
  4. Brent Huffman. UltimateUngulate.com, ed. "Family Suidae (Pigs)". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2019. Consultado o 29-12-207. 
  5. Seattle Audubon Society. BirdWeb.org, ed. "Family Corvidae (Crows/Ravens)". Arquivado dende o orixinal o 07-01-2019. Consultado o 31-12-2007. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Rosell, J. (2005). "La operatividad técnica, dieta y crecimiento del cerebro. Resocialización". En Carbonell, E. (coord.). Homínidos: las primeras ocupaciones de los continentes (en español). Barcelona, España: Editorial Ariel. p. 784. ISBN 84-344-6789-5. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]