Saltar ao contido

O marabilloso mago de Oz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «O mago de Oz»)

O mago de Oz
Capa do libro orixinal de 1900.
Título orixinalThe Wonderful Wizard of Oz
Autor/aLyman Frank Baum
Ilustrador/aW. W. Denslow.
CubertaW. W. Denslow.
OrixeEUA
Linguainglés
ColecciónThe Oz books
Tema(s)orfo
Xénero(s)Fantasía, xuvenil.
Editorial George M. Hill Company
Galicia Edicións Xerais
Galicia Editorial Tris Tram
Data de pub. 1900
Galicia1994
FormatoCapa branda
Páxinas 259
Galicia 200
ISBN9788475078526
Seguido porThe Marvelous Land of Oz e máis unha ducia de libros sobre a Terra de Oz
editar datos en Wikidata ]

O marabilloso mago de Oz (The Wonderful Wizard of Oz) é un libro de literatura infantil escrito por Lyman Frank Baum e ilustrado por W. W. Denslow. Foi publicado inicialmente pola George M. Hill Company de Chicago en 1900. O mago de Oz é un dos libros máis editados tanto en Estados Unidos como en Europa. En galego aparece en 1994, editado por Xerais.

Dorothy Gale é a protagonista dun dos libros infantís máis populares do século XX, un moderno conto de fadas cheo de acción e acontecementos extraordinarios, con personaxes tan entrañábeis coma o Leñador de Folladelata, o Espantallo, o León Covarde e o can Totó. O libro, ilustrado cos excepcionais debuxos orixinais de W.W. Denslow, recrea cunha linguaxe sinxela e directa tódolos tópicos do xénero (bruxas, fadas, monstros e aventuras sen fin). Un dos grandes clásicos da literatura infantil que constitúe unha das historias máis coñecidas da cultura popular norteamericana e que foi traducida a moitos idiomas, incluíndo o galego. Grazas ao grande éxito d’O marabilloso feiticeiro de Oz, L. Frank Baum escribiu trece libros máis sobre a Terra de Oz. O libro atópase en dominio público nos Estados Unidos desde 1956.

Historiadores, economistas e estudosos da literatura examinaron tratando de explicar os posíbeis orixes e o significado do libro, porén, na súa maioría, nin lectores nin críticos cren que haxa realmente ningún significado político na obra.

Foi o primeiro libro de contos infantís con personaxes e lugares típicos dos Estados Unidos nunha época onde todos os contos de fadas describían paisaxes e personaxes europeos.

Argumento

[editar | editar a fonte]

Dorothy é unha nena orfa que leva unha vida sinxela en Kansas coa súa titía Emma Clara Blandick, e o seu titío Henry. Un día, o can de Dorothy, Totó, traba a unha veciña, a señora Gulch. O sheriff leva a Totó, mais este foxe e regresa con Dorothy, que decide levarse a Totó e fuxir na procura dunha vida mellor nalgures sobre o arco da vella.

Na súa viaxe, Dorothy atopa a diferentes personaxe que a levan até a terra fantástica de Oz.

Personaxes

[editar | editar a fonte]
  • Dorothy. Dorothy Gale é unha rapariga orfa de 14 anos que mora en Kansas coa súa titía Emma, o seu titío Henry e o seu can Totó.
  • Fada.Esta axuda a Dorothy e lle di por onde ir canda o Mago de Oz.
  • Espantallo. Coñece a Dorothy e esta axúdao a baixar do pau onde uns labregos o penduraran para asustar aos corvos. Vai na compaña de Dorothy para lle pedir ao feiticeiro un miolo para poder pensar.
  • Leñador de Folladelata. Dorothy atopa o leñador axudándoo a engraxar os artellos, que o tiveron por un ano na mesma posición. É un leñador forte que o único que lle pedirá ao mago é un corazón de verdade para poder ter sensibilidade, pois foi vítima dunha bruxa que converteu un home de carne e óso, nun home de lata.
  • León covarde. Pasa a vida a comer pequenos ratos e, por mor a que o seu principal defecto é ter medo anda na procura do mago para lle pedir valentía.
  • Mago de Oz. Feiticeiro que mora na Cidade Esmeralda, no centro do País de Oz. Gañou a reputación de ser un ser superior, pois tense enfrontado ás bruxas do Leste e ás do Oeste, coas que estivo en guerra durante anos. O mesmo que Dorothy, chegou accidentalmente a Oz.
  • Bruxa mala do Leste. Unha bruxa pérfida que mora na terra dos Munchkins. Cando Dorothy chega a Oz, a súa casa cae do ceo sobre a bruxa matándoa. O libro "Wicked: the Life and Times of the Wicked Witch of the West" chámaa Nessarose.
  • Bruxa mala do Oeste. Ataca a Dorothy e aos seus amigos animais e consegue atrapala coa axuda dos macacos voadores. No libro e despois no musical Wicked, a bruxa chámase 'Elphaba Thropp' e é o personaxe principal do libro.
  • Bruxa boa do Norte. Chámase Locasta e aparece en Munchkinland cando Dorothy chega. Dálle a Dorothy os zapatos de prata e mais un bico para a protexer. Esta meiga non aparece nos libro a seguir de Oz, e no filme de 1939 Glinda aparece no seu lugar.
  • Bruxa boa do Sur. É a meiga Glinda que lle ensina a Dorothy como usar os zapatos de prata para tornar á casa.
  • Totó. Cadelo que vai na compaña de Dorothy todo o camiño. Cando chega o tornado a Kansas, Totó pérdese e Dorothy ten que ir na súa procura, polo que non acada o refuxio e ten que se agochar na súa casa, que despois é arrincada do chan pola forza do vento.
  • Winkies. Son os escravos da Bruxa do Oeste. Logo de que ela morra, eles vivirán felices.
  • Munchkins. Eran os escravos da Bruxa do Leste. Agora viven felices.
  • Monos Voadores. Son os macacos da Bruxa do Oeste que capturan a Dorothy e a levan ao castelo.
Dorothy atopa ao León covarde, debuxo da primeira edición.

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

Teatralmente téñense montado innumerábeis adaptacións en todo o mundo, xeralmente dirixidas aos nenos e de carácter musical, que son o obxectivo principal do libro. Cinematograficamente en 1939 estréase The Wizard of Oz, a versión máis sonada da novela. Quizais sexa este musical máis coñecido que o propio libro. Actuou no rol de Dorothy a memorábel Judy Garland. A adaptación cinematográfica non é totalmente exacta á novela, mais consegue rescatar o espírito que o seu autor orixinal imprimiu ás páxinas do libro. Moitos anos despois a Disney fixo unha secuela do filme, ‘’Return to Oz’’.

No ano 1975 aparece en Broadway o musical ‘’The Wizz’’, posteriormente Motown adquiriu os dereitos da obra para a levar á gran pantalla nun ambiente urbanizado e con soamente actores afroamericanos como Diana Ross, quen interpretou o rol de Dorothy, e compartiu escena con Lena Horne, Richard Pryor, Nipsey Russell, Ted Ross e Michael Jackson. O filme ten a súa estrea en outubro de 1978, recibindo malas críticas e fracasando en vendas. Porén, a banda sonora da mesma, producida por Quincy Jones, vendeu máis de 850,000 copias. Esta sería a última produción cinematográfica de Motown.

En 1982 realizouse no Xapón un filme anime sobre O mago de Oz, dirixida por Fumihiko Takayama, con música de Joe Hisaishi. Esta versión está considerada como a máis achegada ao libro.

En 1986 realizouse no Xapón un filme anime sobre O mago de Oz baseada en 4 dos libros de Oz, e que se difundiu en diversos países obtendo grande éxito. En 1992, faise de novo unha serie de anime, neste caso unha adaptación futurista coñecida como ‘A marabillosa galaxia de OZ’’, que consta de 26 episodios, e na que se nos amosa unha trama de ciencia ficción con grandes doses de Cyberpunk; trátase dunha adaptación dirixida a un público máis adulto, pertencente polo tanto ao xénero Shōnen. Esta serie foi dobrada ao Inglés nos Estados Unidos, e ao español en América Latina. Tamén tivo un éxito considerábel.

O creador de Spawn, Todd McFarlane, deseñador de xoguetes, creou unha serie de bonecos baseados nunha versión sinistra d’O Mago de Oz, que inclúe unha versión de Dorothy Gale sendo torturada e abusada sexualmente por dous ananos deformes chamados Munchkis, que a flaxelan mentres se encontra atada nunha pose sadomasoquista, así coma un León que, lonxe de ser covarde parece ser feroz, un Espantallo sendo mancado por corvos que lle tiran os ollos, un Leñador de Folladelata con forma de robot asasino, e un Mago de Oz a usar un casco insectoide, entre varios outros. En 1995 Gregory Macguire escribiu a novela para adultos, ‘’Wicked: The Life and Times of the Wicked Witch of the West’’, que narra a vida de Elphaba Thropp (a Malvada Bruxa do Oeste); no ano 2003 esta novela foi levada ao teatro co nome de ‘’Wicked’’.

En maio de 1989 unha banda de Heavy Metal chamada ’’Transilvania’’, cambia o seu nome a "Mägo de Oz". Segundo Txus Di Fellatio (batería, letrista e fundador de la banda) puxo ese nome á banda xa que como na historia, a vida é un camiño de lousas amarelas nas que xunto a outros procuramos os nosos soños. Hoxe en día Mägo de Oz é a banda de folk/heavy metal máis coñecida en España,[Cómpre referencia] e moi vencellada á cultura galega.

En 2013 estréase Oz: The Great and Powerful, un filme da Disney, baseado no libro e que sería unha precuela ao filme de 1939. O mago de Oz está interpretado por James Franco. O filme terá polo menos unha secuela.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]