Mulleres rapadas no franquismo
O rapado das cabezas foi unha forma de represión dirixida especificamente ás mulleres na guerra civil española. Sucedía cando un territorio pasaba ao bando sublevado, tras o golpe de estado de 1936 efectuado contra o Goberno da Segunda República española, e a inmediata posguerra. Era un castigo específico dentro da represión xeral e sistemática dirixida contra a poboación civil considerada desafecta ás forzas sublevadas.[1]
Feitos
[editar | editar a fonte]Cunha represión xeneralizada buscábase sementar o terror para sentar as bases do futuro réxime. No caso das mulleres queríase, ademais, facelas volver aos seus roles tradicionais tras a liberdade vivida na Segunda República e a guerra civil.[2] Por iso as mulleres, tras seren detidas, eran golpeadas e rapábaselles a cabeza, mesmo as cellas, para despois seren paseadas polas rúas da súa localidade. Así se conseguía diferencialas do resto de poboación, aínda que non fosen encerradas. Con todo, moitas quedaban a disposición do goberno.[1]
Era, ante todo, un acto simbólico, xa que eran desposuídas da súa feminidade. Ademais, en ocasións, colgáronlles carteis nos que se lía «Rapadas por putas» e facíanlles desfilar tras a banda de música nas festas locais. Eran vestidas con pezas que agudizaban máis a súa perda de dignidade e, eran comúns, tras seren rapadas, as violacións e abusos sexuais.[3]
O castigo era acompañado co consumo de aceite de rícino[4] que mesmo provocou mortes, como consta en Andalucía. Nalgunhas vilas as súas cabeleiras eran colgadas nas árbores para que servise de burla non só a elas senón tamén ás súas parellas.[3] En ocasións o aceite era mesturado con gasolina, nunha dose oficial de medio litro por muller. Tras o rapado, a inevitable defecación polo aceite e o paseo ante a veciñanza, era habitual obrigar ás vítimas a fregaren igrexas e cuarteis nesas condicións humillantes.[2]
Eran privadas de algo tan marcadamente feminino como o seu pelo porque os seus verdugos tiñan a idea de que rexeitaran os límites do seu xénero ao defenderen as súas ideas republicanas, socialistas, marxistas ou anarquistas, entre outras. Isto non se quería na nova España que quería o franquismo. Con todo, non hai constancia de que houbese ordes concretas, senón que o adoitaban realizar forzas paramilitares, falanxistas, requetés ou gardas civís. O resto da poboación non podía negarse a presenciar esa humillación pública, concibida como un espectáculo, xa que podía ser denunciada e castigada.[1]
Consérvase documentación sumarial e informes de conduta sobre moitas das procesadas, realizados polo comandante de posto da Garda Civil, polo xefe local da Falanxe e polo alcalde. Neles son cualificadas como «perigosas, extremistas, de baixos instintos, deslinguadas, camorristas, ateas, arrimadas, altivas, arrabaldeiras, incitadoras dos homes, negadoras de Deus e de dubidosa moral pública e privada». As accións polas que eran detidas eran, entre outras, incitar aos homes a cometeren crimes e actos vandálicos, tirarse á rúa, tomar parte de manifestacións, facer ostentación pública das súas ideas e vestir de miliciano. Castigábase que transgredisen os límites da súa feminidade, aínda que na maioría das ocasións no apartado que se debía encher de «Ocupación» figure «Os seus labores».[5]
O rapado non foi exclusivo de España, xa que tamén se deu na Italia de Mussolini[6] e en Francia tras acabar a Segunda Guerra Mundial. Alí realizouse contra as mulleres acusadas de colaboracionismo coas forzas nazis de ocupación.[7][8]
Na represión das folgas mineiras dos anos 60 en Asturias volveuse rapar ás mulleres como represión. Anita Sirgo e Tina Pérez foron algunhas delas.[9]
Propagación e recordo
[editar | editar a fonte]A vergoña, o trauma e o medo que causaron estas represións sexistas acalou durante moito tempo a maioría das vítimas.[6] Consérvanse poucas fotografías destas mulleres pero testifican que este castigo foi realizado por toda España, entre outros, en Montilla,[10] Marín,[11][12] Málaga, Oropesa, Euskadi,[13][14] Andalucía.[5][15] Badaxoz foi unha das provincias españolas onde esta humillación pública deuse de forma sistemática.[16] En Euskadi, onde moitas mulleres desafiaban a autoridade das forzas sublevadas cos seus costumes, tradicións e o uso do éuscaro, deixábanlles «un pequeno guecho de pelo ao que le anoaban un lazo vermello e amarelo coas cores da bandeira monárquica».[17] Tamén hai testemuños na Comunidade Valenciana.[18]
Espectáculos e filmografía
[editar | editar a fonte]Documentais
[editar | editar a fonte]- En 2011 estreouse o documental Gerrako garrak Oñatin do colectivo Gogoratu Guran Taldea. Recrea, entre outros sucesos, a dez mulleres que tras seren rapadas foron obrigadas a ir ás manifestacións a prol do bando vencedor.[19]
- Guillena 1937 (2013), dirixido por Mariano Agudo, documenta a apertura da fosa onde foron enterradas 17 mulleres de Guillena tras a súa detención, tortura e morte. Un dos castigos foi o rapado das súas cabezas e a humillación pública.[20]
- En 2022 estreouse o documental Sacar a la luz dirixido por Art al Quadrat e María Dolores Martín-Fontecha Martín Consuegra. Nel vense os testemuños de mulleres represaliadas, dos seus fillos e fillas, dos familiares aos que lles chegou a súa memoria e os investigadores que axudan a contextualizar o narrado.[21][22]
Ficción
[editar | editar a fonte]- A curta Pelonas (2003), de Ramón de Fontecha e Laly Zambrano, narra o encontro entre Lola (interpretada por María Galiana), unha muller que foi pelada por uns falanxistas en 1939 por ser filla dun roxo, e Elena (Victoria Cirujano), unha moza que decide rapar o pelo para dar un xiro á súa vida.[23]
- De tu ventana a la mía (2011), de Paula Ortiz, recrea a vida de tres mulleres que viven en mundos afastados entre si pero unidas por unha experiencia vital similar. Inés (Maribel Verdú) sofre o castigo por axudar a un amigo republicano.[6]
Mostras
[editar | editar a fonte]- En 2018 o Museu Valencià de la Il·lustració i de la Modernitat (MuVIM) de Valencia mostrou o traballo do colectivo Art al Quadrat, composto polas irmás Gema e Mónica del Rey Jordá, Memoria de las rapadas, en que se reflexiona sobre este castigo especialmente dirixido ás mulleres.[24]
Teatro
[editar | editar a fonte]- En 2017 estreouse a obra Las peladas (Soledad de ausencia) escrita e dirixida por David Roldán-Oru, no que se fai unha denuncia destes feitos.[25]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 González Duro, Enrique (2012). Las rapadas: el franquismo contra la mujer (en castelán). Madrid: Siglo XXI de España. ISBN 9788432316296. OCLC 803815268.
- ↑ 2,0 2,1 Rodríguez Rubio, Paloma (2021). "Violencia sexuada y represión en la guerra civil española y en el franquismo". Cuadernos Republicanos (en castelán) (107): 90–125. ISSN 1131-7744.
- ↑ 3,0 3,1 Simón, Ana Iris (29 de outubro de 2019). "La dictadura franquista rapaba y daba laxantes a las mujeres para pasearlas en público". Vice (en castelán). Consultado o 9 de outubro de 2024.
- ↑ Alabao, Nuria (20 de decembro de 2017). "Las rapadas del franquismo". Ctxt (en castelán). Consultado o 10 de outubro de 2024.
- ↑ 5,0 5,1 Sánchez, Pura (2009). Individuas de dudosa moral: la represión de las mujeres en Andalucía, 1936-1958 (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 9788474239096. Consultado o 2023-01-12.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Quílez Esteve, Laia (2018). "“Pelonas” y rapadas: imágenes-trofeo e imágenes-denuncia de la represión de género ejercida durante la Guerra Civil española". Hispanic Review (en castelán) 86 (4): 487–509. ISSN 0018-2176.
- ↑ Zafra, Ignacio (27 de xaneiro de 2018). "Mujeres rapadas: la humillación como arma política". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 10 de outubro de 2024.
- ↑ "Les toundes (El rapado de la mujer)". Der zweite Weltkrieg (en castelán).
- ↑ Burgos, Ernesto (27 de xuño de 2017). "El retrato de Tina, rapada por la Policía". La Nueva España (en castelán). Consultado o 10 de outubro de 2024.
- ↑ Valenzuela, Juan Luis (7 de xaneiro de 2018). "Una de las tres únicas fotografías de las mujeres rapadas por el franquismo". El Plural (en castelán). Consultado o 11 de outubro.
- ↑ "Elsa Omil Torres". Nomes e Voces. Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ Gago, Marcos (16 de agosto de 2023). "Adiós a Nieves Martínez, con 104 años recién cumplidos, peluquera pionera en Marín y rapada en la Guerra Civil". La Voz de Galicia (en castelán) (Marín). Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ Almisas Albéndiz, Manuel. "Las mujeres rapadas por la represión franquista a través de la prensa republicana malagueña" (PDF). Blog de Arcángel Bedmar (en castelán).
- ↑ "Ni daños colaterales ni ofensas privadas". El País (en castelán). 16 de marzo de 2016. ISSN 1134-6582. Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ Barranquero Texeira, Encarnación (2007). "Mujeres malagueñas en la represión franquista a través de las fuentes escritas y orales". Historia Actual Online (en castelán) (12): 85–94. ISSN 1696-2060.
- ↑ Santos Herrera, Enrique (2003). El secretario: revelaciones sobre la guerra civil en Badajoz (en castelán). Asociación Cultural "Vicente Rollano Muñoz". ASIN B0086QDCJQ.
- ↑ Pérez Bárcena, Ibón (20 de outubro de 2019). "Las rapadas de Lekeitio: víctimas de la represión franquista". Público (en castelán) (Madrid). Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ Ferrer Casanova, Miguel (13 de febreiro de 2020). "Represión y abusos durante la guerra civil en Morella y Cinctorres". Castellón Información (en castelán). Consultado o 11 de outubro de 2024.
- ↑ Ezkibel Galdos, Arantzazu (22 de xullo de 2011). "'Gerrako garrak Oñatin' ikus-entzunezkoa grabatzen ibili dira". Goiena (en éuscaro). Consultado o 12 de outubro de 2024.
- ↑ "Guillena 1937 | Aula de Cine". Junta de Andalucía (en castelán). Consultado o 12 de outubro de 2024.
- ↑ "SACAR A LA LUZ. LA MEMORIA DE LAS RAPADAS (Documental)". Art al Quadrat (en castelán). Consultado o 12 de outubro de 2024.
- ↑ Pallás, Enrique (17 de novembro de 2021). "El silencio de las mujeres violadas y rapadas durante el franquismo". RTVE (en castelán). Consultado o 12 de outubro de 2024.
- ↑ "El corto ´Pelonas´ acude al festival de Valladolid". El Periódico (en castelán). 16 de setembro de 2003. Consultado o 12 de outubro de 2024.
- ↑ Recuero, Ricardo (7 de febreiro de 2018). "Art al Quadrat: Yo soy. Memoria de las rapadas". Plataforma de Arte Contemporáneo (en castelán) (Valencia). Consultado o 12 de outubro de 2024.
- ↑ "Las peladas. Dossier.pdf" (PDF). David Roldán Oru (en castelán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Represión franquista
- Mulleres na guerra civil española
- Vítimas da guerra civil española
- As 17 Rosas de Guillena
- Violencia de xénero e violacións na España franquista e a transición democrática