Maria Mancini
Nome orixinal | (fr) Marie Mancini |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 28 de agosto de 1639 Roma, Italia |
Morte | 8 de maio de 1715 (75 anos) Pisa, Italia |
Actividade | |
Campo de traballo | Memoir literature (en) |
Ocupación | autora de diarios |
Familia | |
Familia | Mancini family (en) |
Cónxuxe | Lorenzo Onofrio Colonna (1661–) |
Parella | Lois XIV de Francia |
Fillos | Filippo Colonna (II) () Lorenzo Onofrio Colonna |
Pais | Michele Lorenzo Mancini e Geronima Mazzarini |
Irmáns | Olympe Mancini Hortense Mancini Laure Mancini Marie Anne Mancini Paul Mancini Philippe Mancini Alphonse Mancini |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Maria Anna Mancini, nada en Roma o 28 de agosto de 1639 e finada en Pisa o 8 de maio de 1715, foi unha nobre e escritora italiana, que pasou tempadas vinculada tamén ás cortes de Francia e España. Coñecida por ser unha das mazarinettes (sobriñas do cardeal Mazarino) e polo seu noivado con Lois XIV, é autora dun libro de memorias.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Maria Mancini naceu no seo dunha familia ilustre da nobreza italiana, cuxas orixes se remontan á antiga Roma. O seu pai era o barón Lorenzo Mancini, un aristócrata italiano que era tamén nicromante e astrólogo. Tras a morte desde en 1650, foi coa súa nai Girolama Mazzarini e coas súas irmás a París coa esperanza de que o seu irmán, o cardeal Mazarin, lle conseguise bos casamentos para as súas fillas Laura (casada con Louis, duque de Vendôme), Olympia (casada con Eugène-Maurice de Savoy-Carignano), Hortense Mancini (casada con Armand-Charles de la Meilleraye) e Maria Anna. Xunto coas súas irmás Laura e Anna Maria Martinozzi, as mozas eran coñecidas como As Mazarinettes. Amais, Anna Maria Mancini tiña tres irmáns, Paulo, Filippo e Alfonso.
Maria pasou a súa adolescencia empapándose da cultura francesa, acudindo a salóns e participando dos círculos culturais organizados ao redor de Ana de Austria. Ademais, na corte terá ocasión de convivir intimamente cun novísimo Lois XIV, o posteriormente coñecido como Rei Sol. Este feito marcará tanto a súa vida como a lenda forxada ao redor dela e á súa condición de ser a primeira amante do poderoso soberano. A relación, confirmada por ela mesma nas súas memorias, pareceu ser aceptada nun primeiro momento polo círculo do monarca, que, con todo, acordaría finalmente o matrimonio do futuro rei coa española María Teresa de Austria. Tras esta decisión, Maria foi afastada da corte.
En 1661 casou co príncipe italiano Lorenzo Onofrio Colonna, condestable de Nápoles, e regresou a Italia. Tiveron tres fillos: Filippo (1663), Marcantonio (1664) e Carlo (1665). Os anos de matrimonio entre a parella pareceron desenvolverse dun modo irregular, a xulgar polos contidos das memorias de Mancini. Tras uns primeiros momentos de adaptación desta á vida en Italia, tan diferente da que levara na corte, o condestable e ela desenvolveron unha vida en común froito da cal terían tres fillos. A parella converteuse nun referente da vida pública italiana, especialmente debido á súa actividade como mecenas de arte e teatro. O paso dos anos provocou un agravamento das relacións que, segundo Mancini, chegou a facerlle pensar que o seu esposo podería mesmo planear envelenala. Sospeitas como estas e o fastío xeral pola súa situación vital provocaron que en 1672 Maria Mancini tomase a decisión de fuxir da súa casa para escapar ao control do seu esposo. A fuxida foi acordada coa súa irmá Hortensia, escapada á súa vez tamén do seu marido en Francia e quen a acompañaría durante os primeiros meses. O percorrido de Maria tentando escapar á influencia do seu marido supón un periplo por varios países europeos que culmina en 1676, cando se instala finalmente en Madrid, nun convento escollido polo condestable Colonna para tal fin. Vivirá neste país relacionándose cos máis altos círculos da corte española, incluíndo á raíña Mariana de Neoburgo. A súa volta a Italia non se produciu até pasados uns anos da morte do condestable en 1689.
Foi soterrada co epitafio que ela mesma suxerira: “Maria Mancinia Columna, pulvis et cinis”.
Memorias
[editar | editar a fonte]Cando xa se atopaba en Madrid, en 1676, Maria Mancini tivo constancia da publicación dunhas memorias falsas co seu nome que levaban por título Les mémoires de M.L.P.M.M. Colonne G. Connetable du Royaume de Naples. Este achado supuxo un grande enfado para a italiana. Ante os feitos, viuse obrigada a contestalas mediante o verdadeiro relato da súa controvertida vida, que tomará corpo na Verité dans son jour e La verdad en su luz, ambas as dúas publicadas en 1677. Un ano máis tarde, en 1678, aparecerá unha nova edición do texto, no que se conserva a esencia pero aparecen algunhas modificacións e que leva por título Apologie ou Les véritables mémoires de Mme Marie Mancini, connétable de Colonna, écrits par elle-même.
La verdad en su luz percorre, pois, a vida da autora desde o nacemento até o momento da súa escritura, ao trinta e sete anos. O relato comeza dando conta da primeira infancia da autora; tras introducir ao lector nas reviravoltas familiares que marcarían a súa infancia, Maria pasa a percorrer os seus tempos de adolescencia e mocidade na corte do futuro Rei Sol, con quen mantería un breve noivado truncado, con gran dor para Mancini, polo matrimonio do rei con María Teresa de Austria. A escritora insiste en que eses foron os tempos máis felices -e, tras a ruptura co monarca, os máis amargos tamén- da súa vida.
Despois, Mancini explica que a raíz do matrimonio do Rei Sol coa futura raíña, a súa presenza no palacio convértese nun verdadeiro estorbo. A autora explica como é trasladada a La Rochelle ata que, tras outros intentos errados de alianzas, é acordado o seu matrimonio con Lorenzo Colonna, un importante nobre italiano. A partir de entón, Mancini relata de maneira bastante pormenorizada as reviravoltas do seu matrimonio: o rexeitamento que inicialmente lle causaba o seu marido, a posterior aceptación, a chegada dos fillos, os momentos de felicidade vividos en varias cidades italianas e, finalmente, o desenlace do mesmo. Ante a deterioración da relación entre os cónxuxes, Maria di verse excedida e, non vendo outra alternativa, emprende a fuga coa súa irmá Hortensia, tamén separada do seu marido.
A partir deste momento, as memorias inician o relato da peregrinación que Maria Mancini emprende desde Italia, pasando por Francia, Alemaña e os Países Baixos para acabar finalmente en España, nun convento próximo a Madrid. A viaxe móstrase ao lector como un periplo angustioso, no que a autora é incapaz de atopar un lugar no que lle permitan residir, ben porque se lle nega ese dereito (como ocorre en Francia, onde o rei, outrora o seu amante, ordénalle que abandone o país), ben porque os homes enviados polo seu marido asédiana e mesmo chegan a recluír nalgúns conventos, primeiro en Bruxelas e finalmente en Madrid.
Maria Mancini termina o relato da súa vida sinalando que, aínda que se atopa “encerrada” no convento da capital española, non abandona a vontade de lograr algún día escapar do dominio do condestable que, dalgún modo, seguía controlándoa aínda sen vivir xunto a ela.
Xunto coas súas memorias, Maria Mancini deixou tamén un importante legado escrito na súa correspondencia co seu marido, o condestable Colonna. Esta atópase conservada no Archivio Colonna da Associazione Clavis Aurea.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Les mémoires de M.L.P.M.M. Colonne G. Connetable du Royaume de Napoles (1676). Colonia: Pierre Marteau.
- Les mémoires de Mme a Princesse Marie Mancini Colonne (1677). Colonia: Pierre Marteau.
- Doscot, Gérard (Ed.) (1987). Mémoires d’Hortense et de Marie Mancini. París: Mercure de France.
- Mancini, Maria (1677). A verité dans son jour. Madrid.
- La verdad en su luz o las verdaderas memorias de María Mancini (1677). Zaragoza.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- La verdad en su luz Arquivado 18 de outubro de 2016 en Wayback Machine.. Edición dixitalizada pola Biblioteca Histórica da Universidade Complutense de Madrid