Saltar ao contido

Mar Tetis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa que mostra a situación de Tetis, entre Laurasia e Gondwana.

O mar Tetis, tamén chamado mar de Tetis e océano Tetis, era un océano da era mesozoica que existiu entre os continentes de Gondwana e Laurasia, previamente á aparición do océano Índico.

O seu o nome está dedicado á titánide da mitoloxía grega Tetis (en grego Τηθύς).

En 1893, utilizando rexistros fósiles achados nos Alpes, África e o Himalaia, o xeólogo Eduard Suess propuxo a existencia dun mar interior entre os primitivos continentes de Laurasia e Gondwana.[1] Os fósiles, achados en zonas moi montañosas, eran de criaturas mariñas, polo que era necesaria a existencia dunha gran masa de auga, que o científico bautizou como mar de Tetis, aludindo á deusa grega do mar, Tetis.[2] Suess propuxo o seu concepto de Tetis por primeira vez na súa obra en catro volumes Das Antlitz der Erde (A face da Terra).[1]

Máis tarde, a teoría da tectónica de placas refutou gran parte das proposicións de Suess. Así e todo, determinou a existencia dunha gran masa de auga, en época máis temperá que a que calculou o científico, pero ocupando a mesma zona. Esta extensión foi bautizada como océano Tetis na moderna teoría da tectónica de placas en honor a Suess, cuxos conceptos eran aproximados pero visionarios.

Teoría moderna

[editar | editar a fonte]
Distribución dos continentes hai 280 millóns de anos durante o Permiano.
A placa de Cimeria comeza a desprazarse cara ao norte substituíndo o océano Paleo-Tetis polo océano Tetis.

Hai aproximadamente 250 millóns de anos, a finais do Permiano, un novo océano comezou a formarse no extremo sur doutro océano anterior denominado Paleo-Tetis.[3] Unha falla formouse ao longo do norte da placa de Cimeria, ao sur de Panxea. Ao longo dos 60 millóns de anos, esa placa foise desprazando cara ao norte, empuxando o fondo do océano Paleo-Tetis debaixo da superficie do extremo leste de Panxea (Laurasia). O resultado foi a formación do océano Tetis, directamente sobre o lugar que ocupaba o seu antecesor, o océano Paleo-Tetis.

Durante o xurásico, hai 150 millóns de anos, Cimeria finalmente colisionou con Laurasia. Como resultado, o solo oceánico combouse baixo esta segunda placa (proceso de subdución) formando a fosa de Tetis. Ao tempo, os niveis da auga subiron, cubrindo grandes partes de Europa con mares pouco profundos. Naquella época tamén se produciu a división das dúas masas de terra que formaban Panxea, Laurasia e Gondwana, formándose o océano Atlántico entre ambas.

Hai uns 100 millóns de anos, Gondwana comezou a romperse, empuxando África e a India cara ao norte, a través de Tetis. Como resultado, o océano empequeñeceuse, polo que a súa denominación para este período é mar de Tetis. Este existiu até hai 15 millóns de anos.

Actualmente, a India, Indonesia e o océano Índico cobren a maoir parte da superficie que ocupou este mar e Turquía, Iraq e o Tíbet aséntanse en Cimeria. O mar Negro, o Caspio e o Aral son vestixios do mesmo. A maior parte do fondo do océano Tetis desapareceu baixo Cimeria e Laurasia.

Terminoloxía e subdivisións

[editar | editar a fonte]

Como calquera outra ciencia, a xeoloxía vive unha continua evolución e os termos empregados na descrición dalgunhas formacións xeolóxicas antigas flutuaron a medida que se foron establecendo teorías máis precisas. Moitas fontes en Internet, por exemplo, usan a expresión "océano Tetis" para referirse ao mar de Tetis, e viceversa. Incluso é posíbel encontrar o incipiente océano Atlántico do período xurásico referido erroneamente como mar de Tetis.

Paleoxeografía da rexión mediterránea durante o oligoceno.
Paratetis vaise pechando (no sur de Europa) sendo substituído polo mar Mediterráneo (ao norte de África).

Hai máis de 400 millóns de anos terreos continentais separaron intermitentemente a Gondwana desde o hemisferio sur para migrar cara ao norte, até Asia no hemisferio norte. Estes terreos estaban separados por tres océanos: en Asia, O Paleo-Tetis (Devoniano-Triásico), Meso-Tetis (Permiano tardío-Cretáceo temperán) e Ceno-Tetis (Triásico tardío-cenozoico).[4]

Océano Tetis Occidental

[editar | editar a fonte]

O límite occidental do océano Tetis chámase mar de Tetis, océano Tetis Occidental ou océano Tetis Alpino (segundo as fontes), sendo vestixios deste os mares Caspio, Aral e Negro. Este non era un océano aberto, estando cuberto por multitude de pequenas placas tectónicas, arcos insulares propios do Cretáceo e microcontinentes.

Nesta zona existían pequenas concas oceánicas (océano de Valais, océano de Piemonte-Liguria, etc.), separadas unhas doutras por terreos continentais situados sobre a placa de Alborán ou a placa de Iberia. A subida do nivel do mar no Mesozoico inundou os mencionados terreos, formando mares pouco profundos.[5]

Durante o Oligoceno, unha gran parte da Europa central e oriental estaban cubertas por unha rama norte do océano Tetis, denominada Paratetis. O Paratetis separose do océano Tetis tras da formación dos Alpes, Cárpatos, Alpes Dináricos, Taurus e Elburz durante a oroxenia Alpina. Desapareceu gradualmente durante o Mioceno tardío, converténdose de feito, nun illado mar interior.

Océano Tetis Oriental

[editar | editar a fonte]

A parte leste de Tetis refírese como océano Tetis Oriental.

O mar de Tetis noutros períodos

[editar | editar a fonte]

A medida que a teoría da deriva continental foi sendo ampliada e mellorada, estendeuse o nome de Tetis a outros océanos que o precederon. O Paleo-Tetis, mencionado arriba, existiu desde o Silúrico, hai 440 millóns de anos, até o Xurásico. A este precedeuno o océano Proto-Tetis, que existiu desde o Ediacárico, formándose hai 600 millóns de anos.[6]

Paleontoloxía

[editar | editar a fonte]

O océano Tetis é obxecto de estudo da paleontoloxía, xa que esta ciencia permite coñecer como eran os hábitats mariños e marismeños hai millóns de anos a través do estudo de fósiles achados en zonas interiores.

Os xeólogos encontraron fósiles das criaturas deste océano nas rochas do Himalaia. Polo tanto, sabemos que estas rochas estaban somerxidas antes de que o continente indio as empuxara cara ao interior de Asia. Podemos ver probas xeolóxicas similares na oroxenia Alpina de Europa, onde o movemento da placa Africana levantou os Alpes.

  1. 1,0 1,1 Suess 1901, Gondwana-Land und Tethys, p. 25: "Dasselbe wurde von Neumayr das 'centrale Mittelmeer' genannt und wird hier mit dem Namen Tethys bezeichnet werden. Das heutige europäische Mittelmeer ist ein Rest der Tethys."
  2. Suess 1893, p. 183: "This ocean we designate by the name "Tethys," after the sister and consort of Oceanus. The latest successor of the Tethysian Sea is the present Mediterranean."
  3. The Middle Triassic en Palaeos: Mesozoic (en inglés).
  4. Metcalfe 2013, Introduction, p. 2
  5. Van der Voo, Rob (1993). Paleomagnetism of the Atlantic, Tethys and Iapetus Oceans. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-61209-8. doi:10.2277/0521612098. 
  6. Stampfli & Borel 2002, Figs. 3–9

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]