Iliria
Epónimo | Ilirio | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Xeografía | |||||
Comparte fronteira con | |||||
Sucedido por | Illyricum | ||||
Iliria (grego antigo : Ἰλλυρία, Illyría ou Ἰλλυρίς, Illyrís ; latín: Iliria, Illyricum )[1] foi unha rexión na parte occidental dos Balcáns na costa oriental do Mar Adriático habitada por numerosas tribos coñecidas colectivamente como os ilirios.
Os gregos antigos utilizaron inicialmente o termo Illyris para definir aproximadamente a área do norte e centro de Albania ata o val do Aoös (actual Vjosa) e a baía de Vlorë, incluíndo na maioría dos períodos gran parte da zona lacustre (Ohrid e Prespa). Corresponden á rexión veciña de Macedonia e Epiro. Na época romana os termos Illyria / Illyris / Illyricum estendéronse desde o territorio que se atopaba aproximadamente na zona da costa sueste do Adriático (actual Albania e Montenegro) e o seu interior, ata un rexión máis ampla que se estende entre todo o Adriático oriental e o Danubio.
Desde aproximadamente mediados do século I a. C., o termo Illyricum foi usado polos romanos para a provincia do Imperio que se estendía ao longo da costa oriental do Adriático ao norte do río Drin, ao sur da cal a provincia romana de Macedonia comezou a incluír a parte sur da tradicional rexión de Iliria.
Historia
[editar | editar a fonte]Prehistoria e historia antiga
[editar | editar a fonte]Os primeiros signos de grupos de poboación fixos, aínda que escasos, no territorio do que foi Iugoslavia, remóntanse ao paleolítico inferior, como o demostran os xacementos de Montenegro, norte de Bosnia, Croacia e Eslovenia.
No Neolítico floreceu unha cultura agrícola-gandeira, a cultura danubiana, estendida a Serbia e Bosnia, que se arrequeceu con diferentes achegas na Idade de Bronce. Esta cultura presenta os seus centros máis importantes en Starčevo, cuxa cerámica está decorada con motivos xeométricos en espiral; Vinča, obra de comunidades agrícolas relativamente estábeis que posúe unha cerámica bastante diversificada, como pequenas estatuas e vasos antropomorfos e, finalmente, Butmir, en Bosnia, con cerámica decorada con meandros e espirais.
Ao comezo da Idade de Ferro desenvolveuse en Bosnia, especialmente no altiplano de Glasinać, unha cultura caracterizada polo gran número de túmulos, ricos en armas, relacionados cos de Serbia.
Tamén habitaban a zona, especialmente ao sur, os tracios, antigo pobo de estirpe indoeuropea. Eran sobre todo gandeiros, e foron moi apreciados como soldados mercenarios polos gregos da época clásica. Nunca chegaron a alcanzar a etapa urbana e a súa organización era feudal, con base na tribo.
Esta rexión foi coñecida na antigüidade polos nomes gregos 'Iλλυρία (Illyría) ou Iλλυρίδα (Illyrída),[2] e, posteriormente, polo o latino Illyria.[3]
Neste marco apareceron a finais do II milenio a.C. (contra o ano 1000 a.C.) poboacións ilirias procedentes do norte.
Os ilirios (en grego ιλλυρόι, illyrói) eran unha heteroxénea coalición de tribos das que pouco se sabe. Suponse que a un número indeterminado destas as unía unha lingua iliria común.[4][5]
O feito de que o territorio sufrira invasións dos galos contra o 400 a. C. (que deixou poucos vestixios) e o descoñecemento dos autores clásicos, fai difícil precisar a orixe dos diferentes grupos. En xeral, pódese dicir que Iliria ía desde o río Neretva (antigo Naro) ao Drina (Drilo), e que ao leste quedaban os tribalios. Esta descrición é conforme a diversos autores até o século II e, en especial, Estrabón e Tácito.
Considérase aos ilirios como un pobo indoeuropeo procedente do círculo da cultura de Lusacia. Orixinariamente vivían baixo unha organización tribal cun xefe electivo e un consello de anciáns, pero constituíron máis tarde federacións e reinos máis ou menos efémeros; no sur, máis en relación coa cultura grega, fundaron o Epiro, que se distinguiu da verdadeira Iliria.
Os ilirios impuxéronse aos tracios e ocuparon as rexións do NO da península Balcánica, desde o Danubio até o golfo de Ambracia, e do Adriático aos montes Šar. A principais tribos eran as dúas dálmatas, ardieos, dárdanos, albanos, taulantios, molosos, trespotos, vénetos, dauros e mesapios; estas tres últimas alcanzaban o leste de Italia.
O gran número de tribos independentes obstaculizou a formación dun estado "nacional" até mediados do século III a.C., en que apareceu no sur do país un reino ilírico con capital en Scodra (Escodra, hoxe Shkodër, en Albania), e outra federación de pobos con sede en Delminium (capital dos dálmatas no século II a.C., antes da conquista romana, onde hoxe se localiza Tomislavgrad (Bosnia e Hercegovina).
Progresivamente foron chegando ás costas colonos gregos que deron orixe a emporios como Epidauro e Apolonia (hoxe en Albania). Naturalmente, a cultura grega está mellor documentada en Macedonia e ao longo das costas, pero a súa influencia fíxose sentir tamén máis ao interior.
A conquista romana
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: República Romana, Imperio Romano e Illyricum (provincia romana).
A finais do século III a.C. o reino de Iliria, con capital en Skodra (Escútari) ao norte da Albania actual, estendíase por Montenegro e a Croacia meridional até a sur do río Neretva.
Neste século, os ataques piratas dos ilirios polas cidades adriáticas deron motivo aos romanos para emprenderen campañas contra eles. Os territorios dos Balcáns foron incorporándose paulatinamente ao imperio Romano, comezando por Macedonia.
No Mediterráneo oriental, a República Romana enfrontouse sucesivamente aos monarcas dos estados helenos xurdidos do imperio de Alexandre o Grande: aos reis macedonios Filipo V no ano 197 a. C. e Perseo no 168 a. C. nas Guerras macedónicas, e dividiu o país en catro repúblicas, con capitais en Anfípolis, Tesalónica, Pella e Pelagonia. Máis tarde Roma acabou coa independencia nominal destas repúblicas para converter a toda Macedonia en provincia romana, rexida por un gobernador residente en Tesalónica. Roma derrotou tamén a Antíoco III de Siria o ano 189 a. C., na Guerra romano-siria. Macedonia, Acaia e Epiro convertéronse en provincias romanas o ano 146 a. C.
No ano 229 a. C. Roma aventurouse por primeira vez no leste do Adriático. Declarou a guerra ao reino de Iliria despois dun incidente diplomático coa raíña Teuta, que foi acusada por Roma de saquear a mercadores romanos. A República romana comezou entón a conquista desta rexión coa toma de Dyrrachium, no centro da Albania actual, en 229 a. C.
Os romanos, en 168 a. C., despois dunha guerra de 30 días conquistaron a capital (Skodra), e Iliria foi incorporada a Roma. Producíronse algunhas revoltas, a última das cales foi en Dalmacia. Pero desde o ano 12 d. C. Dalmacia quedou totalmente sometida.
A rexión foi teatro da confrontación entre Xulio César e Pompeio. Despois da extensión da conquista romana até o Danubio baixo Octavio Augusto, en 9 a. C., creouse a provincia romana de Iliria. No ano 10, esta provincia foi dividida en Pannonia e Dalmacia e o termo Iliria caeu en desuso.
En Iliria os romanos crearon no ano 27 a. C. unha provincia senatorial que comprendía as actuais Albania, Montenegro, gran parte de Bosnia e Croacia, Dalmacia e a parte occidental de Serbia. Porén, a submisión das belicosas tribos do interior non foi completa até o reinado de Augusto (campaña de Tiberio, ano 9 a. C.).
A provincia foi posta baixo dependencia directa do emperador, quen a gobernaba por medio dun procónsul residente en Salona, pero as revoltas que se produciran aconsellaron manter unha forza militar importante na rexión e o 11 a. C. foi convertida en provincia imperial con P. Cornelius Dolabella como legatus (legado). Ás cidades máis importantes, como Epidauro, Narona, Salona e Iader (Zadar), enviáronse colonias de veteranos que as converteron en centros de irradiación da cultura latina, como o demostra a progresiva extensión de factorías romanas no interior.
A provincia, sen capital determinada, dividiuse en conventos xurídicos subdivididos en decurias; Scardona, Salona (con 382 decurias segundo Plinio) e Narona. Iadera, Salona, Narona e Epidauro de Iliria foron colonias romanas e Apolonia de Iliria e Corcira cidades libres. Crese que o legado só tiña xurisdición sobre unha parte e que a zona interior dependía do gobernador de Pannonia. Salona acabou sendo a capital provincial. O historiador Dión Casio e o seu pai Casio Aproniano, foron gobernadores de Iliria.
A romanización desta rexión recibiu grande impulso tamén polo recrutamento de nativos ilirios, primeiramente para cohortes auxiliares e, despois, tamén para as lexións. Na provincia ilírica, grazas á sagaz administración romana, floreceu ben pronto o comercio, favorecido polas lexións establecidas ao longo dos Sava, Drina e o Danubio. Exportábase gran, animais e madeiras para a construción, e até ferro, ouro e prata.
Durante o baixo imperio a Iliria alcanzou o seu apoxeo en canto a riqueza e importancia política, como o demostra o feito de que os máis grandes emperadores deste período (Aureliano, Probo, Diocleciano) eran oriúndos desta provincia do Imperio.
Na organización imperial, o territorio do que foi Iugoslavia estivo distribuído en diversas épocas entre as provincias de Panonia, Mesia, Iliria e Macedonia. Pola división de Teodosio I (395), quedou repartido en dúas zonas, pertencentes a cada unha das dúas partes do Imperio: a Diocese de Panonia —que incluía as actuais Eslovenia e Croacia, con parte de Bosnia— quedou no Imperio Romano de Occidente, mentres que as Dioceses de Dacia —que comprendía a actual Serbia— e de Macedonia, adxudicáronse ao Imperio Romano de Oriente.
E aí empezou o problema que, a finais do século XX levou a desintegración de Iugoslavia. Coa división do Imperio, o patricio Marcelino asegurou o control da parte occidental e dominaba o mar Adriático mediante unha frota. Pero Iliria quedou de contado en poder dos visigodos, empuxados polos bizantinos, e Alarico foi recoñecido magister militum en 398 polos bizantinos e, en 405, polo emperador de Occidente.[6][7]
Idade media: entre o Imperio de Carlomagno, o Sacro Imperio, e o Imperio Bizantino
[editar | editar a fonte]Introdución
[editar | editar a fonte]Entre a chegada dos eslavos nos séculos VI e VII e a conquista turca nos séculos XIV e XV, os Balcáns occidentais coñeceron o desenvolvemento dun complexo sistema de estados que non só encheu o oco deixado pola paulatina desintegración do Imperio bizantino, senón que delimitou o proceso de configuración das nacionalidades que hoxe se reparten a península.
Na maioría dos casos resulta fácil apreciar nestas primeiras formacións estatais trazos identificativos das actuais realidades nacionais de croatas, serbios, búlgaros, albaneses etc. Así, neste período, configúranse, a partir dun tronco común, as linguas eslavas meridionais: o esloveno; o serbocroata, falado en Serbia, Croacia, Bosnia, Hercegovina e Montenegro; o búlgaro e os diversos dialectos macedonios, procedentes do búlgaro medieval, pero con fortes influencias serbias.[8]
O que resulta practicamente imposíbel —por máis que algunhas interpretacións interesadas o intenten— é definir uns límites históricos precisos do territorio nacional de cada un dos actuais pobos balcánicos con anterioridade, polo menos, á invasión otomá. E iso porque os reinos balcánicos medievais tiveron unha traxectoria sumamente axitada, que dilataba ou reducía continuamente as súas fronteiras, que conducía con intermitencia á súa desaparición como estados soberanos e, sobre todo, que levaba aparellado un continuo trafego de poboacións, agravado posteriormente coa conquista turca, que fai moi difícil delimitar as zonas de poboamento dos diferentes grupos étnicos.
Describir con certo detemento a evolución deste mosaico de estados sería sumamente prolixo, pero é obrigada unha breve referencia aos principais, xa que durante este período callaron boa parte das místicas nacionalistas que tanto peso exerceron sobre os destinos dos Balcáns contemporáneos.
Desaparecido o Reino de Samo, os eslovenos mantivéronse independentes baixo os seus príncipes até que a renovada presión dos ávaros fixo que, ao mando do voivoda Borut, chamasen no seu auxilio aos bávaros, recoñecendo a soberanía dos seus duques (745).
A dependencia militar con respecto a Baviera abriu o camiño á xermanización e cristianización dos eslovenos. A finais do século VIII Carlomagno conquistou Baviera e aplastou o estado ávaro (791-799), chegando á costa dálmata (803), co que o territorio esloveno entrou na órbita do Imperio Carolinxio. O territorio foi incorporado como marca fronteiriza. Polo tratado de Aquisgrán (812) reguláronse as zonas atribuíbeis aos imperios carolinxio e bizantino. A presenza franca plasmouse na "Carantania" ou "Gran Carantania" (Karantanija), ducado autónomo que deu concreción aos eslovenos.[9]
Tras a conquista franca, nun principio, mantívose a ficción dun principado esloveno vasalo, pero pronto a aristocracia eslava gobernante en Karantanija (Gran Carantania) foi substituída por funcionarios francos e italianos ao servizo das marcas de Baviera e do Friúl e dos bispados de Salzburgo e Aquilea, encargados da cristianización do país.
A insatisfacción que isto producía entre os eslavos conduciu, a comezos do século IX, a un levantamento popular esloveno-croata encabezado por Ljudevit Posavski, pero esta revolta foi reducida polas tropas carolinxias. Desde entón, Eslovenia uniu a súa sorte á do Sacro Imperio Romano Xermánico.[10]
En 843 o principado carantanio foi abolido, mentres comezaba a desenvolverse, lenta pero irreversibelmente, un movemento de colonización xermana que iría reducindo o territorio esloveno aos seus confíns meridionais e máis montañosos.
O territorio sufriu a continuación (comezos do século X) as incursións periódicas dos maxiares. Esta irrupción dos húngaros en Pannonia introduciu unha cuña entre os eslavos e reduciu considerabelmente o ámbito do poboamento esloveno no leste.
Fronte á nova ameaza húngara, o emperador Odón I o Grande reorganizou a antiga marca franca como ducado de Carantania (que incluía Eslovenia), entidade político-militar separada, que pronto se subdividiu en principados feudais: condados de Carintia e Carniola e ducado de Estiria, ao norte, e Marcas do Drava, Istria e Friúl, ao sur.[11]
Nos séculos seguintes, os territorios do sur sufriron a influencia de Venecia e os do norte xermanizáronse. Os sucesores de Odón I fomentaron a colonización xermana e o aumento do poder da nobreza alemá sobre unha poboación campesiña eslava que, a pesar de todo, logrou manter en moitas zonas os seus trazos culturais.
Trieste
[editar | editar a fonte]Trieste foi unha cidade independente desde 948, baixo o control dos seus condes-bispos. Pero codiciada polos venecianos, estes apoderáronse dela en 1202. En 1382 púxose baixo a protección de Leopoldo III de Habsburgo. Durante os séculos XII a XIV case toda a rexión habitada por eslovenos caeu baixo o poder dos Habsburgo, de maneira que a sorte de Eslovenia quedou unida por longos séculos á de Austria. Os territorios de Friúl e de Istria pasaron á República de Venecia, que os retivo até a súa desaparición a finais do século XVIII, na época napoleónica. No Congreso de Viena (1815) pasa a depender de Austria.
Croacia
[editar | editar a fonte]O territorio da actual Croacia formou parte da provincia romana de Pannonia. Ao afundirse o Imperio Romano de Occidente foi sometida provisionalmente polos ostrogodos baixo o reinado de Teodorico o Grande,[12] e, máis tarde, anexionada a Bizancio por Xustiniano I (536).[13] Posteriormente foi conquistada polos ávaros (568), que se estableceran na rexión balcano-panónica en tempos de Xustiniano.
Até o século VII non apareceron as primeiras tribos eslavas (croatas), que deron nome ao país e expulsaron os ávaros. Crese que o basileús (emperador) Heraclio (575-641) autorizou aos eslavos —procedentes da Croacia Branca, ao norte dos Cárpatos— a ocupar os territorios bizantinos dominados polos ávaros. De acordo coa obra De Administrando Imperio (Sobre a administracióin do Imperio) escrita no século X polo emperador Bizantino Constantino VII, os croatas chegaron ao que hoxe é Croacia a principios do século VII, aínda que esta afirmación é discutida e algunhas hipóteses datan esta chegada entre os séculos VII e IX.[14]
Finalmente formáronse dous Ducados, o Ducado de Panonia e o Ducado de Dalmacia, gobernados por Ljudevit Posavski e Borna, como testemuñan crónicas de Eginardo, a principios do ano 818. Os primeiros documentos escritos rexistran estes dominios croatas como estados vasalos de Francia nesta época.[15] O señorío franco terminou durante o reinado de Mislav dúas décadas máis tarde.[16] Segundo Constantino VII a cristianización dos croatas comezou no século VII, pero esta afirmación é discutida e hoxe pénsase xeralmente que foi máis ben no século IX.[17] O primeiro gobernante croata nativo recoñecido polo papa poi o duquee Branimir, ao que o papa Xoán VIII se refire como Dux Croatorum ("Duque dos Croatas") en 879.[18]
Os croatas establecéronse en Dalmacia e, progresivamente, estendéronse pola beira do Danubio, entre o Sava e o Drava; só un escaso número de cidades fortificadas mantivo a súa relación con Bizancio e conservaron a lingua latina.
As tribos croatas, instaladas na parte noroeste da península balcánica, ocuparon tres zonas: a rexión do Sava, cuxo centro era Sisak; o sector comprendido entre o mar Adriático e os montes de Plesiveč, con capital en Knin, e a banda de terra que se estende de Istria a Kotor, cos portos de Zadar, Trogir, Dubrovnik e as illas próximas. Esta localización xeográfica expoñíaos á rivalidade das cidades latinas da costa dálmata e aos ataques dos bizantinos, cuxa frota se internaba frecuentemente no Adriático. Como non formaban verdadeiros núcleos compactos foron hostigados polos ávaros, os seus tradicionais inimigos.[19]
Para defendérense desta continua ameaza tiveron que buscar o apoio dos francos e dos bizantinos. Os francos —por medio dos duques de Baviera e de Friume— anexionaron o país ao seu imperio. Durante o reinado de Ludovico Pío, o knez Tripmir (823) adoptou o título de Dux Croatorum e implantou un certo feudalismo ao estilo franco.[20]
Polo que respecta a Dalmacia, estivo poboada na antigüidade, como vimos, por tribos ilíricas e viuse frecuentada desde o século IV a.C. por comerciantes gregos que, atraídos pola riqueza mineira do interior do país, estableceron colonias na costa. Os romanos conquistaron o país durante o reinado de Augusto; Diocleciano dividiuna en dúas provincias, Dalmatia e Praerelitana. Cristianizada xa no século III, quedou na rexión occidental despois da partición do Imperio Romano, formando parte da prefectura de Italia.
Xa na Idade Media foi ocupada polos ostrogodos e despois anexionada a Bizancio por Xustiniano. A conquista bizantina foi causa de que, en adiante, Dalmacia compartira o destino dos Balcáns, perdendo a conexión con Italia que mantiveran os ostrogodos. Os bizantinos, pola súa parte, non puxeron grande empeño na defensa destes territorios, difíciles de protexer, e non puideron evitar que os ávaros se estableceran libremente na rexión (séculos VI-VII).
Heraclio, para expulsar aos ávaros, autorizou aos croatas a establecerse en Dalmacia. Os croatas eslavizaron o país e desprazaron cara á costa (Dubrovnik, Kotor, Split etc.) á poboación romanizada, que conservou a lingua latina e se mantivo sometida a Bizancio. Desde esta época o nome de Dalmacia reservouse exclusivamente para designar á rexión costeira dominada polos bizantinos, baixo a autoridade eclesiástica do patriarca de Constantinopla.
Os croatas coñeceron un máis dilatado período de independencia que os eslovenos, aínda que ao final verían parcialmente frustrada a súa esperanza de consolidar un estado nacional. Ao longo dos séculos VIII e IX as tribos croatas bascularon entre a influencia franca e a bizantina, mentres realizaban unha lenta expansión cara ao litoral dálmata.
Bizancio enviou a Cirilo e Metodio no século IX a evanxelizar aos croatas no rito oriental. Grazas a esta evanxelización, o emperador bizantino Basilio II puido someter o país con apoio dos estamentos relixiosos. A dominación bizantina (877-910), que pretendía incorporar a rexión á influencia oriental, non fixo máis que agudizar os desexos independentistas da nobreza croata.
O basileús concedeu a Tomislav I (903-928), knez ou župan de Nin, o título de procónsul imperial a cambio dunha alianza militar contra os búlgaros, pero este autoproclamouse no 925 rei de Croacia e iniciou unha política de unificación dos pequenos principados veciños e da extensión das súas fronteiras. Co rei Tomislav, os croatas dominaron sobre as principais cidades latinas da costa dálmata; a mestura entre o elemento eslavo e o latino mantívose en Dalmacia durante todo o século X.[21]
Libre do dominio bizantino, a occidentalización do país foi inmediata. O bispado de Split (de rito romano) conseguiu supremacía fronte ao máis eslavizado de Nin. A arquitectura, anteriormente de influencia bizantina, adoptou o estilo románico.
Unha serie de peripecias bélicas carentes de valor definitorio permitiu que os estados croata e serbio alternaran en fases de predominio e crises coas incidencias exteriores dos Imperios Bizantino e Búlgaro até que, simultaneamente coas cruzadas e as crises de Bizancio e Bulgaria, lograron unha maior estabilidade.
O rei croata Estevo Držislav intentou estender a súa autoridade a todas as cidades costeiras dálmatas, e proclamouse rei de Dalmacia e Croacia, pero o dux de Venecia Pedro II Orseolo, que desexaba acabar cos piratas que tiñan as súas bases nas costas de Dalmacia e establecer a súa hexemonía marítima no Adriático, ocupou parte da rexión e titulouse dux de Dalmacia (ano 1000).[22]
Durante os reinados de Krešimir II (1000-1035) e Estevo I (1035-1058) o estado croata consolidouse, estendéndose polo litoral adriático, uníndose a Dalmacia en tempos de Pedro Krešimir (1058-1074), que recuperou moitas cidades dálmatas. Nesta época o reino croata alcanzou o seu apoxeo, cunha considerábel extensión, de límites difíciles de precisar, pero que probabelmente chegaba polo norte até o río Drava e que abarcaba a maior parte do actual territorio croata e o norte de Bosnia, mentres disputaba aos serbios a Narentania (Montenegro) e aos húngaros a zona oriental de Eslavonia, entre os ríos Sava, Drava e Danubio.[23]
En canto a Dalmacia, as súas terras setentrionais convertéronse no centro político da Croacia medieval, sede de activas bases comerciais e de actividades piráticas contra a navegación bizantina. Pero desde comezos do século XI Venecia substituíu a Constantinopla no control das grandes cidades costeiras —Zadar, Split, Dubrovnik—, mentres que a rexión habitada polos narentanos integrábase no reino serbio.
A puxanza do estado húngaro, creado en Panonia polos maxiares, terminou constituíndo un grave perigo para Croacia. Tras os reinados de Pedro Krešimir e Zvonimir (1076-1089), tomou corpo o intento húngaro de dominar este país. Á morte do gran rei Zvonimir, Croacia viuse envolvida en loitas sucesorias que facilitaron ao monarca húngaro, Ladislau I, a intromisión nos asuntos internos croatas.
Finalmente, no ano 1102, tras un acordo entre os xefes das doce tribos croatas e o rei de Hungría Kolemán (Pacta Conventa),[24] este foi recoñecido como rei lexítimo de Croacia e Dalamacia. O reino de Croacia permanecería unido á monarquía húngara (e, en consecuencia, posteriormente a Austria) até 1918. [25]
Os húngaros respectaron, en principio, os costumes locais e os privilexios da nobreza. O rei de Hungría gobernaba o país por medio dun herceg (especie de vicerrei) ou ban eslavo, gozando os croatas dun status autónomo que lles permitía ter a súa propia Dieta (asemblea). A administración do litoral reservouse ao ban das provincias marítimas, gobernador elixido, tamén, entre a nobreza croata. Croacia puido deste modo resolver os seus problemas co expansionismo veneciano, consolidar o feudalismo e integrar a súa economía na de Europa central, aínda que á custa de perder a soberanía.
Durante este período, as cidades da costa dálmata víronse envoltas en continuas loitas con Venecia, mentres que os señores feudais do interior se fortaleceron. As cidades dálmatas aproveitaron a protección do rei de Hungría (interesado en conservar portos no Adriático) e beneficiáronse á súa vez dos conflitos entre húngaros e venecianos para afianzar a súa autonomía ante a debilitada autoridade do monarca.
Ao extinguirse a dinastía nacional húngara (1301) os poderosos nobres croatas elixiron rei ao príncipe anxevino Carlos I Roberto, que obtivo tamén a coroa de Hungría. Coa nova dinastía, o proceso de occidentalización do país intensificouse, e cos franciscanos e os dominicos introduciuse no século XIV a arte gótica.
Mal protexidas pola monarquía húngara, os concellos dálmatas acabaron caendo pouco a pouco baixo a influencia veneciana, entre os séculos XIV e XV. Ao morrer Luís o Grande, os croatas apoiaron a candidatura de Ladislau de Durazzo, que foi coroado en 1403. As loitas dinásticas favoreceron a Venecia, que se apoderou da costa dálmata (1420). O 29 de xullo de 1437, pola paz de Praga, os húngaros cederon a Venecia todos os seus dominios de Dalmacia.
Durante o longo período de unión de Croacia á monarquía húngara (1102-1918), e en maior medida que os eslovenos, os croatas lograron manteren unha considerábel cohesión territorial e un sentimento nacional moi vivo, que se traduciu nunha reafirmación do catolicismo eslavo como elemento diferenciador fronte á presión cultural e política de maxiares e xermanos, pero tamén ante a ameaza expansionista dos serbios ortodoxos e dos turcos musulmáns. Este catolicismo de fronteira, fundamentalista e moi combativo, persistiría como un dos trazos máis característicos do nacionalismo croata.
Idade moderna: entre turcos e austríacos
[editar | editar a fonte]A conquista otomá
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Imperio Otomán e Imperio Austríaco.
No ano 1354 iniciouse, coa caída de Galípoli, a conquista turca da Europa balcánica e, en tan só unha centuria, a práctica totalidade da península pasou a mans dos invasores asiáticos. A ameaza turca era máis sensíbel en Serbia, desintegrada durante o reinado de Esteban X Uroš V (1355-1371). Tal situación materializouse coa derrota do príncipe Lázaro Hrebeljanović á fronte dunha coalición de pobos balcánicos en Kosovo Polje (1389).[26]
A finais do século XIV Bulgaria, Tracia, Macedonia e o norte de Grecia foran xa ocupadas, e Serbia e Bosnia pagaban tributo ao Sultán. O sucesor de Lázaro, Esteban (1389-1427), proclamouse déspota e, aliado de Hungría, estableceu a súa capital en Belgrado (1412). Este esforzo efémero contra a presión otomá foi continuado por Xurxo Branković (1427-1456), que trasladou a Semendria a capital da zona serbia por el controlada, e propuxo a unión de Bosnia, Serbia e Hungría contra os turcos.
Pero as súas peticións, e os esforzos de Hungría por galvanizar aos cristiáns balcánicos e promover unha cruzada europea contra o islam, foron anulados polo desastre de Varna (1444), que abriu definitivamente aos otománs a posesión dos Balcáns ao derrotar as tropas de Murad II ás de Ladislau III de Polonia e a Janós Hunnyadi de Hungría.[27]
Serbia converteuse nun baxalato otomán (1459), mentres que o último déspota se retiraba a Bosnia que, catro anos despois (1463), tamén pasou a mans turcas, a pesar de que o seu voivoda se proclamara vasalo do Sultán.
Hercegovina caeu en 1482 e, nese mesmo ano, outro baxalato uniu esta rexión con Bosnia. Croacia foi aniquilada na batalla de Krbasko Polje (1493), o que orixinou un desprazamento de croatas a Eslovenia e Hungría, onde tamén se refuxiaran numerosos serbios. Finalmente, Zeta, denominada agora Crna Gora (Montenegro), pasou despois (1499) de mans venecianas a otomás, e foi posto baixo a autoridade administrativa do rangag (distrito) de Escútari.[28]
Tras estas campañas otomás só quedou en relativas condicións de seguridade a República de Ragusa, enclave comercial que ostentaba o monopolio do sal e que se converteu en foco cultural e político do eslavismo. Esta cidade, fundada en 614 por uns fuxitivos de Epidauro, chegou a ser o centro dunha república aristocrática independente e saída ao mar dos eslavos dos Balcáns.
Estivo desde 867, e durante tres séculos, baixo a tutela dos emperadores bizantinos, aos que sucederon os venecianos en 1204 e os húngaros en 1358. Pasou finalmente a poder dos turcos, consevando á súa independencia a cambio de pagar un tributo ao Sultán e, grazas á súa riqueza e á súa hábil diplomacia, a República alcanzou un notábel nivel de desenvolvemento durante os séculos XV e XVI.
Tras a expulsión dos xudeus de España en 1492, a cidade acolleu a un grupo de sefardís. Os seus contactos con outros sefardíes do imperio Otomán e de Europa servíronlle para poder obter proveitosos acordos comerciais.[29]
Na época do seu máximo esplendor (século XVI), a frota de Ragusa compoñíase de douscentos barcos. A expansión proseguiu até 1667, cando na mañá do 6 de abril, un espantoso terremoto arruinara a cidade de Ragusa; seis mil habitantes quedaron sepultados debaixo dos seus muros. Foi reconstruída a expensas do Papa, do rei de Francia e do de Inglaterra.
Ocupada por Napoleón (1806-1813), converteuse nun ducado entregado ao mariscal Marmont. O Tratado de Viena de 1815 entregouna, co resto de Dalmacia, a Austria. Ao terminar a primeira guerra mundial integrouse en Iugoslavia.[30]
Aínda houbo unha terceira vaga de conquistas turcas, no século XVI.
Tras a caída do reduto de Belgrado (1521), formouse un estado "tapón" para protexer a fronteira húngara que, porén, non puido conter as emigracións de serbios a dito país. Finalmente, chega o desastre húngaro de Mohács (1526), que comportou a perda de Eslavonia (parte oriental de Croacia) e a maior parte da propia Hungría.
Despois da derrota de Mohács, os croatas preferiron pasar a seren súbditos dos Habsburgo de Austria, como vimos. Da península Balcánica, só Ragusa (Dubrovnik) conseguiu manter unha autonomía relativa mediante o pagamento dun tributo anual ao Sultán.
Este estado de servidume prolongouse até 1683, data do sitio de Viena e do comezo da decadencia do poder otomán en Europa.[31]
Consecuencias da ocupación otomá
[editar | editar a fonte]A conquista turca tivo profundas e duradeiras consecuencias para os eslavos balcánicos. Os vencedores non só eliminaron a súa organización política, senón que transformaron as relacións sociais e económicas e provocaron considerábeis movementos de poboación. Como os restantes cristiáns do Imperio, os balcánicos convertéronse en reaia, súbditos propiedade do Sultán, que dispoñía libremente das súas vidas e facendas. Grandes extensións da península foron entregadas en feudo (timar) [32] a soldados otománs que, a cambio do servizo de armas, recibían os beneficios da explotación da terra e do traballo dos campesiños a ela adscritos.
O sistema social sufriu cambios importantes. Aínda que no mundo rural se mantivo o modelo de comunidades campesiñas gobernadas patriarcalmente por xuíces que respondían ante o baxá otomán, a vida urbana sufriu un importante retroceso en case todos os Balcáns occidentais. Desapareceu a vella aristocracia feudal, e o patriarcado grego de Constantinopla recuperou a súa privilexiada posición entre a cristiandade eslava ortodoxa, en prexuízo do clero dos desaparecidos patriarcados nacionais serbio e búlgaro.[33]
Isto trouxo consigo un considerábel retroceso da vida cultural das comunidades eslavas, que perderon practicamente a tradición literaria na súa propia lingua. Porén, o proceso de islamización foi mínimo e circunscribiuse ao asentamento de campesiños anatolios nalgunhas zonas de Tracia e Macedonia e á conversión ao islam de gran parte da poboación de Albania e de parte da de Bosnia (os bogomilos).[34]
O que si tivo unha gran transcendencia foron os desprazamentos de poboación provocados pola conquista e despois polas reiteradas sublevacións contra o dominio otomán. Durante os séculos XIV e XV foron moitos os cristiáns, fundamentalmente católicos romanos de Bosnia e Eslavonia, que buscaron refuxio en Croacia, Hungría, a República de Ragusa e as posesións venecianas en Dalmacia. Tamén os serbios coñeceron grandes migracións. No norte, miles deles cruzaron o Danubio fuxindo da conquista turca establecéndose na rexión húngara de Voivodina (hoxe provincia "autónoma" de Serbia), poboada por romaneses e maxiares, e nas zonas orientais de Eslavonia, entre Osijek e Belgrado, onde a poboación serbia chegaría a ser maioritaria (isto orixinaría un dos conflitos contemporáneos entre Serbia e Croacia).
As prolongadas guerras entre austríacos e turcos provocaron novas migracións en masa cara aos territorios dos Habsburgo, como a encabezada, contra 1690, polo patriarca Arsenij Čarnojević, ou a que seguiu ao fracasado levantamento proaustríaco de 1787. O resultado destes movementos foi unha relativa ruptura do equilibrio étnico na área danubiana que daría lugar, xa no século XX, a non poucos conflitos entre serbios, húngaros e croatas.
A islamización contribuíu a complicar aínda máis este panorama. En Bosnia, rexión poboada por serbios e croatas, as conversións masivas de adeptos ao cristianismo bogomilo fixeron xurdir un terceiro grupo nacional, o dos musulmáns bosníacos, que pronto alcanzou un considerábel peso específico. Conforme ao censo de 1910, a maioría da poboación de Bosnia e Hercegovina estaba formada por serbios ortodoxos (42 %) fronte a un 21 % de croatas, pero os musulmáns supoñían o 34 %.
As nacionalidades durante o apoxeo otomán
[editar | editar a fonte]Croacia e Eslavonia: As Fronteiras Militares
[editar | editar a fonte]Poucas foron as rexións da Iugoslavia contemporánea que quedaron libres do dominio otomán. Tras o desastre de Mohács, gran parte de Croacia e case toda Eslavonia foron ocupadas, pero nas zonas que escaparon á conquista, as súas Dietas mantiveron a fidelidade á coroa húngara, encarnada agora no habsburgo Fernando de Austria (o irmán de Carlos V). Límite cos turcos durante tres séculos, a maior parte de Croacia e Eslavonia convertéronse na fronteira militar, escenario de frecuentes incursións inimigas até a reconquista de finais do século XVII. A Fronteira Militar era unha terra fronteiriza do Imperio Habsburgo que actuou como cordón sanitario contra o Imperio Otomán desde principios da Idade Moderna até finais do século XIX. A expansión do Imperio Otomán en Europa supuxo o repregamento da fronteira do reino de Hungría cara ao norte, perdéndose así moitas terras croatas (e mesmo húngaras).
Cando en 1526, a Casa de Austria asumiu o trono do reino de Hungría (que incluía o de Croacia), e o emperador Fernando I prometeu ao Parlamento Croata que achegaría 200 cabaleiros e 200 infantes, e que pagaría outros 800 xinetes para sumarse ás forzas croatas. En 1553 as terras fronteirizas foron reorganizadas baixo o mando do comandante Iván Lenković. A fronteira dividiuse entre a Krajina Croata e a Alta Krajina Eslavoa. A fronteira co imperio Otomán foi fortificada. Os gastos militares eran cuantiosos, e o Congreso das Terras de Austria Interior de Bruck an der Mur en 1578 definiu as obrigas de cada territorio na defensa. Así, a nobreza de Estiria financiou a Fronteira Eslavoa mentres que as demais (Baixa Austria, Alta Austria, Carniola, Carintia e Salzburgo) financiaron a parte croata.
A pesar do apoio financeiro da nobreza de Austria interior, as finanzas da Fronteira Militar non eran boas. O alto mando de Graz decidiu probar outras alternativas ás tropas mercenarias, pasando na década de 1630 a ofrecer terras e privilexios na fronteira a inmigrantes (como os uskok, guerrillas e refuxiados das terras ocupadas polos turcos) a cambio do seu servizo no exército imperial. Para evitar o despoboamento das expostas terras fronteirizas, outorgóuselle a liberdade aos campesiños da rexión, fronte ao réxime de servidume doutras terras.
Co tempo, a poboación da fronteira converteuse nun estamento militar, mesmo aínda despois da desaparición do dominio turco.[35][36]
No século XVI moitos líderes de Croacia e Eslovenia abrazaron a Reforma protestante e ligaron a causa da independencia á nova relixión. Pero, estendida esta entre as capas populares, aliñou na súa contra á nobreza. Este feito, que asegurou o triunfo católico (impúxose á forza a Contrarreforma), consolidado no século XVII pola acción dos xesuítas, significou tamén o mantemento dunha estrutura feudal e da influencia xermánica, co que o nacionalismo eslavo sufriu un prolongado eclipse.
A Reforma levantou ás clases dirixentes contra a autoridade imperial, e aos campesiños contra os terratenentes; por outra parte, a tradución de textos relixiosos, impulsada pola doutrina luterana, favoreceu o desenvolvemento dos dialectos escritos, acentuándose así as diferenzas rexionais.
En Dalmacia, as cidades costeiras sometidas a Venecia e á República de Ragusa escaparon ao dominio musulmán, e viron reforzada a súa poboación eslava pola chegada de refuxiados procedentes de Croacia, Bosnia e Hercegovina. Porén, baixo a autoridade de Venecia diminuíu a actividade comercial e marítima dos portos dálmatas.
A decadencia do Imperio Otomán
[editar | editar a fonte]O comezo da decadencia do poder otomán en Europa prodúcese en 1683, data do sitio de Viena. Na contorna desta cidade, os otománs foron derrotados polo emperador Leopoldo I. Seguidamente, en 1686, o exército imperial liberou Buda, a capital húngara e, o ano seguinte, no mesmo lugar onde tivera lugar o desastre de Mohács, Carlos V de Lorena, ao servizo do emperador Leopoldo, derrotou outra vez aos turcos.[37]
En 1699 firmaron austríacos e otománs o Tratado de Karlowitz, en virtude do cal os turcos tiveron que evacuar Hungría (excepto o triángulo formado polos ríos Maros e Tisza), e a cidade de Tremésvar (Timișoara), Transilvania e Croacia-Eslovenia, que pasaron a Austria, e o Peloponeso e Dalmacia, que se integraron en Venecia. A dieta de Presburgo (Bratislava) recoñeceu a soberanía dos Habsburgo sobre Hungría, que quedou así unida a Austria até 1918.[38]
En 1715 Austria, aliada con Venecia, emprende unha nova guerra contra o Imperio Otomán, que se salda co tratado de Passarowitz (1718), polo que os austríacos se aseguraron a posesión do Banato de Tremésvar, a Serbia setentrional (con Belgrado) e Valaquia occidental, que perderon anos despois (1739). Venecia tivo que ceder Morea a Turquía, pero conservou as súas posesións en Dalmacia e Albania.[39]
Por outro lado, a pugna entre Rusia e os otománs decántase cara a Rusia no tratado de Kuchuk-Kainarji (1774). Nel sancionouse a independencia de Crimea, e Rusia obtivo Kerch e, entre outros privilexios, o dereito de protección sobre os cristiáns ortodoxos súbditos do Imperio Otomán. Este tratado marcou definitivamente a decadencia dos turcos en Europa, e habería de ter importantes consecuencias no futuro dos Balcáns, xa que Rusia dispuxo desde ese momento dun poderoso medio de acción que lle permitiría intervir profusamente nos asuntos internos da Sublime Porta. O tratado de Kuchuk-Kainarji foi ratificado posteriormente polo de Jassy (1792).[40]
Durante os séculos XVII e XVIII, coincidindo coa decadencia do Imperio Otomán, os venecianos ampliaron as súas posesións cara ao interior de Dalmacia, até a fixación da fronteira definitiva cos turcos, en 1721.
Tal feito é de importancia para entender o contencioso serbo-croata, xa que a fronteira militar veneciana, que incluía ao sur pequenas zonas de poboación serbia, foi mantida polos franceses nas súas efémeras provincias ilirias que, a partir de 1815, pasaron a Austria.
Máis tarde, estes límites, reivindicados integramente polos croatas, serían respectados ao integrarse cos territorios de Croacia e Eslavonia primeiro no Reino de Iugoslavia e, despois da segunda guerra mundial na República Socialista de Croacia, pero Serbia mantería a súa reivindicación sobre as zonas ocupadas pola súa minoría nacional no mediodía dálmata.
O Renacemento eslavo
[editar | editar a fonte]O despertar das nacionalidaes
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Nacionalismo, Guerras napoleónicas e Provincias Ilirias.
A finais do século XVIII case toda a península Balcánica formaba parte aínda do Imperio Otomán. A decadente República de Venecia conservaba a costa dálmata e algunhas bases no litoral do Epiro e, entre ambas as zonas, o pequeno e montañoso principado de Montenegro e a República comercial de Ragusa mantiñan tenazmente a súa independencia. Ao norte do Danubio, fóra xa da península, os hospodares de Valaquia e Moldova gobernaban como vasalos do Sultán.
No resto dos Balcáns, os turcos estableceran un férreo dominio, impoñendo ás poboacións cristiás un modelo social e económico descoñecido no resto de Europa. Como soberano absoluto, o Sultán era dono de vidas e facendas. Os cristiáns, integrados na clase servil dos reaia, podían ser por tanto sometidos a un réxime de semiescravitude agraria, mantidos á fronte de empresas artesanais ou comerciais o mesmo ocupar altos cargos na Administración, como sucedía cos gregos fanariotas de Istambul.
Aínda que as comunidades cristiás mantiveron algunhas institucións propias, víronse sometidas á presión da colonización turca —sobre todo en Bosnia, Macedonia e Tracia— e a un modelo feudal tipicamente turco. O exército otomán compoñíase, fundamentalmente, dos xanízaros, corpo de elite recrutado entre os nenos cristiáns, e dos espahíes, soldados regulares musulmáns. Os espahíes pagábanse mediante a concesión de feudos (timar) aos que se asociaban campesiños en réxime de arrendamento. O timariota cobraba unha renda e podía exixir ás súas reaias prestacións laborais nas tierras que explotaba directamente. Á súa morte, a facenda revertía ao Sultán.
Cando, a comezos do século XVIII, o Imperio empezou a decaer, o goberno otomán —a Sublime Porta— comezou a vender a particulares feudos timar, que pasaban a ser propiedades hereditarias (chiftliks). Iso conduciu a unha certa reactivación económica, que favoreceu o xurdimento dunha minoritaria capa de propietarios cristiáns que, xunto con artesáns e mercadores, formaría a base sobre a que se ía asentar o desenvolvemento nacional dos pobos balcánicos na primeira metade do século XIX.
O rexurdir do nacionalismo serbio (como o das outras nacionalidades) insírese na paulatina decadencia do Imperio Otomán. Nos últimos anos do século XVIII o despertar da conciencia nacional dos eslavos do sur foi cada vez máis intenso.
No proceso de emancipación dos países balcánicos destacou así mesmo o labor cultural de moitas persoas que apoiaban o patriotismo eslavo e a unificación pol cultura común.
A Revolución Francesa supuxo un revulsivo para as minorías ilustradas eslavas, e tivo unha repercusión profunda, aínda que un algo tardía, nos Balcáns occidentais. No curso das guerras napoleónicas desapareceu o estado veneciano: o Véneto pasou a formar parte da República Cisalpina e Istria e Dalmacia pasaron a Austria (Paz de Campoformio, 1797) e, pouco máis tarde, a partir de 1805 (Paz de Presburgo), Istria, Dalmacia, Eslovenia (Carintia e Carniola) e a Croacia occidental eran arrebatadas a Austria por Napoleón e incorporadas ao seu imperio, onde constituíron, desde 1809, as Provincias Ilirias, sometidas á autoridade dun mariscal francés.[41]
Durante varios anos (apenas seis), os habitantes destas rexións puideron familiarizarse cun sistema político e legal moi distinto do despotismo dos emperadores Habsburgo. Baixo a administración francesa introducíronse na zona ideais nacionalistas (en Ancona creouse unha axencia encargada de propagar os ideais revolucionarios entre os pobos do Adriático), que tomarían o nome de ilirismo. Tratábase dun movemento que buscaba a recuperación do legado cultural esloveno e serbo-croata, pero tamén a creación dunha nacionalidade común para os eslavos da antiga Iliria.[42]
Tras a caída de Napoleón, no Congreso de Viena as cousas pareceron volver ao seu anterior estado. Pero no entanto, os pobos da península Balcánica comezaran a despertaren do seu prolongado letargo.
O renacemento cultural
[editar | editar a fonte]A aparición de movementos políticos nacionalistas foi precedida (e acompañada) en case todos os Balcáns por correntes de renovación cultural que, a través da recuperación dos trazos de identidade nacional perdidos tras a invasión otomá, prepararon o terreo ás primeiras xeracións de loitadores pola independencia.
Este Renacemento da cristiandade balcánica, producido durante o século XVIII e comezos do XIX, posuía unha dupla naturaza. Por un lado, o retorno ás tradicións literarias e artísticas anteriores á conquista e a loita por converter as contaminadas linguas populares en idiomas literarios. Por outro, a influencia do pensamento liberal e nacionalista da Europa occidental, introducido nos Balcáns a través das colonias de emigrantes gregos e eslavos e da actividade comercial de portos como Ragusa ou Tesalónica.
Nos Balcáns noroccidentais o Renacemento coñeceu un tardío (en comparación cos casos de romaneses, gregos ou búlgaros) pero enérxico florecemento en torno ao anteriormente citado movemento ilirista. Eslovenos, croatas e serbios non só carecían dunha historia común, senón que practicaban diferentes relixións e tiñan diversos graos de desenvolvemento político, segundo estuviran baixo dominio habsbúrgico ou osmanlí.
Por iso, o romanticismo ilirista, que idealizaba o pasado común dos eslavos da antiga Iliria, circunscribiuse ao plano lingüístico, en busca dunha lingua do pobo pretendidamente vinculada á tradición nacional.
En Eslovenia destacou o labor do sacerdote Valentín Vodnik e do lingüista Jernej Kopitar, mentres que Djuro Matjasević e, máis tardiamente, Ljudevit Gaj contribuíron cos seus traballos a normalizar a lingua croata. Dous serbios de Voivodina (que estaba, recordemos, baixo dominio húngaro), o poeta Vuk Karadzić e o pedagogo Dositiej Obradović, esforzáronse á súa vez por recuperar un idioma nacional que estaba notabelmente adulterado e apenas posuía expresión escrita.[43]
Pero, pese a tan prometedores comezos e ás perspectivas alumbradas pola revolución de 1848, o ilirismo non lograría producir un movemento nacionalista paneslavo que superara o particularismo dos diferentes pobos da rexión noroccidental dos Balcáns.
Eslovenia e Croacia
[editar | editar a fonte]Cando en 1809 Austria cedeu a Napoleón os territorios eslovenos (Carintia, Carniola e Estiria) e croatas (Istria, Croacia occidental e Dalmacia), Bonaparte introduciu o eslavo na administración local, suprimiu os privilexios feudais e fomentou unha gran reforma educativa, co que se preparou o despertar nacional. O país tivo os seus propios xornais, creou novas escolas e institucións eslavas e reviviu a súa cultura. Todo iso fixo que despertara o sentimento nacionalista, acentuado coa expulsión dos franceses polos austríacos en 1813-1814. Austria adquiriu, ademais, no Congreso de Viena (1815), os territorios eslovenos e croatas de Venecia (provincia de Gorizia/Gorica e Dalmacia).
A pesar dos intentos de rexermanización, a conciencia ilírica quedaba xa latente no pobo e os intelectuais esforzábanse por manteren vivo este sentimento eslavista. Un dos máximos representantes deste movemento foi o anteriormente citado Ljudevit Gaj (1809-1872), fundador da Gaceta Ilírica (1836).
Durante a revolución de 1848 os clubs nacionais eslovenos de Viena, Graz, Klagenfurt e Ljubljana promoveron a unión de todos os eslovenos nun estado monárquico rexido polos Habsburgo. En 1849 Carniola constituíuse, efemeramente, como reino autónomo do Imperio austríaco.[44][45]
Tamén en 1848 reunírase en Praga o I Congreso Eslavo, expresión do eslavismo ou paneslavismo, doutrina ou movemento político que pretendía a independencia dos diversos pobos eslavos e a súa unión nun só estado de tipo federativo, en oposición ao panxermanismo. Neste congreso os croatas solicitaron dos Habsburgo unha Constitución liberal para o seu país. Viena, en principio, recoñeceulles a autonomía; pero en 1867 devolveu o país aos húngaros.
- Véxase tamén: Paneslavismo.
Os croatas tiveron que combater para manter a súa autonomía fronte ao unitarismo preconizado polos nacionalistas húngaros de Kossuth, o que conseguiron tras a derrota do movemento independentista húngaro.
Ao constituírse a Monarquía Dual (Imperio Austrohúngaro), os croatas negociaron con Budapest un compromiso (nagodba) que en 1868 eliminou os distritos baixo administración militar (Fronteira Militar), unificou os banatos de Croacia e Eslavonia e reinstauroulles o seu status de reino asociado á coroa húngara. Pero estas concesións autonómicas non contentaron aos líderes nacionalistas (Strossmayer, Rački, Starčević, e outros). Ademais, esta aparente xenerosidade húngara, tiña unha explicación simple: Eslavonia estaba habitada en gran parte por serbios, que os maxiares esperaban opoñer aos croatas, como así fixeron con grande éxito.
O compromiso de 1868 sostívose con grandes dificultades. O goberno húngaro desenvolvía unha política de maxiarización cultural e administrativa que suscitaba profundo rexeitamento en Croacia e que, tan só tres anos despois do restablecemento das súas liberdades, conduciu a unha revolta antihúngara, encabezada por Eugen Kvaternik, que foi duramente reprimida. A estas disensións uniuse o fracaso das reivindicacións croatas sobre os territorios de Dalmacia e Rijeka (Fiume), administrados directamente por Viena.[46]
En 1866, pola Paz de Viena (despois dunha guerra de Austria-Hungría con Italia), os territorios de Eslovenia foron divididos, por cesión de Austria, entre Italia, Hungría e a propia Austria; a Italia pasou o Véneto co Friuli udinés. Pero os eslovenos xa adquiriran conciencia nacional e sentíanse máis inclinados cara aos pobos eslavos veciños (serbios, croatas) ca cara aos xermanos ou os maxiares.[47]
En canto a Dalmacia, coa caída da República veneciana (1797) sufriu un breve período de anarquía, pasando sucesivamente a mans dos austríacos (1797-1805), dos franceses (Paz de Presburgo) e dos italianos (1806-1809). Napoleón anexionouna, como vimos, ás Provincias Ilíricas, pero ao desfacerse o Imperio napoleónico volveu a caer en poder de Austria (1813).
A mediados do século XIX xurdiron en Dalmacia dúas tendencias políticas: os partidarios de constituír un reino que abarcase Croacia-Dalmacia-Eslavonia, e o movemento autonomista. Os primeiros, apoiados por Austria (contraria á influencia italiana) puxeron a Dalmacia baixo as directrices políticas e culturais de Croacia.
En Istria o dominio veneciano marcou o inicio de continuas loitas intestinas que duraron até o Tratado de Campoformio (1797), polo que Napoleón cedía a Austria todas as posesións venecianas. A Paz de Presburgo (1805) puxo a Italia baixo control francés, pasando Istria a formar parte das Provincias Ilíricas en 1809. Pero o Congreso de Viena (1815) anexionouna, finalmente, a Austria.
No terreo político, na mesma liña de oposición a Austria seguida por Pašić en Serbia ao organizar o Partido Radical (nacionalista e democrático) en 1882, en Croacia creouse o Partido Campesiño por Radić (1904), que logrou varias vitorias electorais.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dzino, Danije (2010). Illyricum in Roman Politics, 229 BC–AD 68. Cambridge University Press. ISBN 9781139484237.
- ↑ Polibio, Historias i.13.1
- ↑ Charlton T. Lewis & Charles Short, A Latin Dictionary en Perseus, Illyria (en inglés).
- ↑ Apolodoro, Biblioteca mitolóxica III, 61
- ↑ Wilkes, J. J. (1992). The Illyrians. pp. 81 e 183. ISBN 0-631-19807-5.. Consultada o 5/12/2011.
- ↑ Berranger, Danièle; Cabanes, Pierre & Berranger-Auserve, Danièle (2007): Épire, Illyrie, Macédoine: Mélanges Offerts au Professeur Pierre Cabanes. Clermont-Ferrand, Francia: Presses Universitaires Blaise Pascal. ISBN 2-84516-351-7.
- ↑ Lewis, David Malcolm & Boardman, John (1994): The Cambridge Ancient History, Volume 6: The Fourth Century BC. Cambridge, UK: Cambridge University Press. ISBN 0-521-23348-8.
- ↑ Nystazopoulou The "Macedonian Question". Middel Ages. Nystazopoulou-Pelekidou, Maria (1992): The "Macedonian Question". A Historical Review. Corfu: Ionian University (en inglés). Consultada o 16/12/2011.
- ↑ Dzino, Danijel (2010): Becoming Slav, Becoming Croat: Identity Transformations in Post-Roman and Early Medieval Dalmatia. Brill, páx. 183. ISBN 90-04-18646-8
- ↑ Riché, Pierre (1993): The Carolingians: a family who forged Europe. University of Pennsylvania Press, páxs. 158–159. ISBN 0-8122-1342-4
- ↑ Duckett, Eleanor (1988): Death and Life in the 10th Century. Ann Arbor Paperback [1].
- ↑ Teodorico o Grande conquista en 488 a península de Italia por orde do emperador de Oriente Zenón I, sacándoo así das cercanías de Constantinopla onde as súas tropas xa mostraran a súa forza. Na península, gobernaba Odoacro, quen antes destronara ao derradeiro emperador romano de Occidente, Rómulo Augústulo, en 476. En 497, Teodorico conquistou Rávena, onde Teodorico en persoa matou a Odoacro. O poderío dos ostrogodos estaba nese momento na súa cima en Italia, Sicilia, Dalmacia e nas terras ao norte de Italia.
- ↑ Edward Gibbon, John Bagnell Bury & Daniel J. Boorstin (1995): The Decline and Fall of the Roman Empire. New York: Modern Library. páxs. 330-335. ISBN 978-0-679-60148-7. [2] Consultada o 1/2/2012.
- ↑ Mužić (2007), páxs. 249–293.
- ↑ Mužić (2007), páxs. 157–160.
- ↑ Mužić (2007), páxs. 169–170.
- ↑ Antun Ivandija (1968). "Pokrštenje Hrvata prema najnovijim znanstvenim rezultatima / Cristianización dos croatas segundo os estudos máis recentes". Bogoslovska smotra (en croata) (Universidad de Zagreb, Facultade de Teoloxía Católica) 37 (3–4): 440–444. ISSN 0352-3101.
- ↑ Mužić (2007), páxs. 195–198.
- ↑ Bury, J. B. (1923): History of the later Roman empire from the death of Theodosius I to the death of Justinian. Macmillan Publishers. páx. 408. [3].
- ↑ Ivan Mužić (2007): Hrvatska povijest devetoga stoljeća, (Povjesnice Hrvata 3). Split. ISBN 978-953-263-034-3.
- ↑ Madgearu, Gordon & Alexandru, Martin (2008): The wars of the Balkan Peninsula: their medieval origins. Scarecrow Press. ISBN 0-8108-5846-0, páx. 57.
- ↑ Archdeacon, Thomas of Split (2006): History of the Bishops of Salona and Split – Historia Salonitanorum atque Spalatinorum pontificum. Budapest: Central European University Press. páxs. 60–61. (en latín e inglés) ISBN 963-7326-59-6
- ↑ CROATIA (en inglés) Consultada o 1/2/2012.
- ↑ Os Pacta Conventa (en latín, "acordos pactados") foron unhas capitulacións entre o rei Colomán de Hungría e a nobreza croata en 1102 (a data é discutida, varios autores sitúano en 1100). Con iso deu comezo a unión dinástica entre Hungría e Croacia. O cambio dinástico acontecido tras a derrota de Mohács de 1526, que deu o trono á dinastía Habsburgo e levou á unión posterior con Austria non cambiou a naturaza xurídica do pacto. A historiografía húngara considéraos habitualmente unha falsificación, mentres que a croata os toma como auténticos. É de destacar a defensa da tese da falsificación polo croata Nada Klaić.
- ↑ Matjaž Klemenčič, Mitja Žagar (2004): The Former Yugoslavia's Diverse Peoples: A Reference Sourcebook. ABC-CLIO. páx. 16. ISBN 978-1-57607-294-3
- ↑ Geoffrey Parker, The Reader's Companion to Military History, Houghton Mifflin Books Arquivado 16 de xullo de 2011 en Wayback Machine. The Battle of Kosovo: Early Reports of Victory and Defeat, by Thomas A. Emmert (en inglés) Consultada o 16/12/201.
- ↑ Harris, Jonathan (2010): The End of Byzantium. New Haven and London: Yale University Press. ISBN 978-0-300-11786-8.
- ↑ Imber, Colin (2002): The Ottoman Empire. London: Palgrave/Macmillan. ISBN 0-333-61387-2.
- ↑ Sugar, Peter F. (1983): Southeastern Europe Under Ottoman Rule, 1354–1804. University of Washington Press. ISBN 0-295-96033-7.
- ↑ Halil Inalcik, An Economic and Social History of the Ottoman Empire, Vol. 1, Cambridge University Press, ISBN 0-521-57455-2
- ↑ Andrew Archibald Paton, Researches on the Danube and the Adriatic; or Contributions to the modern history of Hungary and Translvania, Dalmatia and Croatia, Servia and Bulgaria, páx. 226 (en inglés) Consultada o 16/12/2006.
- ↑ Nicoara Beldiceanu (1980): Le timar dans l'État ottoman (XIVe-XVe siècles) (en francés) Consultada o 16/112/2011.
- ↑ Halil Inalcik & Donald Quataert (1994): An economic and social history of the Ottoman empire: 1300-1914. Cambridge: Cambridge University Press.
- ↑ Brockett, L. P. Bogomils of Bulgaria and Bosnia. The Early Protestants of the East. (en inglés) Consultada o 16/12/2011.
- ↑ Van Antwerp Fine, John (2006): When ethnicity did not matter in the Balkans: a study of identity in pre-nationalist Croatia, Dalmatia, and Slavonia in the medieval and early-modern periods. University of Michigan Press. ISBN 0-472-11414-X.
- ↑ Berger, Walter (1979): Baut dem Reich einen Wall. Das Buch vom Entstehen der Militärgrenze wider die Türken. Leopold Stocker Verlag. ISBN 3-7020-0342-8.
- ↑ Turnbull, Stephen (2003): The Ottoman Empire 1326–1699. New York: Osprey.
- ↑ Bideleux, Robert. & Jeffries, Ian (1998): A History of Eastern Europe: Crisis and Change, páx. 86. New York: Routledge. ISBN 0-415-16111-8
- ↑ Encyclopædia Britannica Treaty of Passarowitz (en inglés) Consultada o 16/12/2011.
- ↑ Schroedar, Paul W: The Transformation of European Politics 1763-1848, New York: Oxford University Press, páx. 35.
- ↑ Bundy, Frank J. (1988): The Administration of the Illyrian Provinces of the French Empire, 1809-1813. Taylor & Francis. ISBN 0-8240-8032-7
- ↑ Bundy, Frank J. Op. cit.
- ↑ Merchiers, Ingrid (2007): Cultural nationalism in the South Slav Habsburg lands in the early nineteenth century: the scholarly network of Jernej Kopitar (1780–1844). Munich: Sagner.
- ↑ Robert John Weston Evans (2006): Chapter "Nationality in East-Central Europe: Perception and Definition before 1848." Austria, Hungary, and the Habsburgs: Essays on Central Europe, c.1683-1867.
- ↑ Ramet, Sabrina P. (2006): The three Yugoslavias: state-building and legitimation, 1918-2005. Indiana University Press. ISBN 0-253-34656-8
- ↑ Seton-Watson, R. W. (1939-1940): "The Austro-Hungarian Ausgleich of 1867". The Slavonic and East European Review 19 (53/54): páxs. 129-140. The Austro-Hungarian Ausgleich of 1867 (en inglés) Consultada o 16/12/2011.
- ↑ Il Giornale. 30-12-2007. Paola Setti. "Il Veneto vuole la secessione. Dal Regno d’Italia" Arquivado 30-05-2020 en Wayback Machine. (en italiano) Consultada o 16/12/2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Iliria |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Allcock, John B. (2000): Explaining Yugoslavia. Nova York: Columbia University Press. ISBN 1-85065-535-9.
- Boardman, John (1982): The Prehistory of the Balkans and the Middle East and the Aegean World, Tenth to Eighth Centuries B.C.. Cambridge, United Kingdom: Cambridge University Press. ISBN 0-521-22496-9.
- Jelavich, Barbara (1983): History of the Balkans: Eighteenth and Nineteenth Centuries, Volume 1. Nova York: American Council of Learned Societies. ISBN 978-0-521-27458-6.
- Jelavich, Barbara (1983): History of the Balkans: Twentieth Century, Volume 2. Nova York: American Council of Learned Societies. ISBN 978-0-5212-7459-1.
- Kinder, Hermann & Hilgemann (1972): Atlas histórico mundial*. De los orígenes a la Revolución Francesa. Madrid: Ediciones Itsmo. (Akal, ed. de maio de 2006. ISBN 978-84-460-2458-3).
- Kinder, Hermann & Hilgemann (1972): Atlas histórico mundial**. De la Revolución Francesa a nuestros días. Madrid: Ediciones Itsmo. (Akal, ed. de maio de 2006. ISBN 978-84-460-2459-0).
- Lewis, David Malcolm e Boardman, John (1994): The Cambridge Ancient History, Volume 6: The Fourth Century BC. Cambridge, United Kingdom: Cambridge University Press. ISBN 0-521-23348-8.
- Wilkes, John J. (1995): The Illyrians. Oxford, United Kingdom: Blackwell Publishers Limited. ISBN 0-631-19807-5.