Saltar ao contido

Historia do Exipto otomán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia do Exipto otomán

Mapa de 1805.
Historia Historia de Exipto
Cronoloxía Cronoloxía de Exipto
Categoría Historia de Exipto
Prehistoria
Prehistoria de Exipto
Idade Antiga
Historia antiga de Exipto
Idade Media
Historia medieval de Exipto
Idade Moderna
Historia moderna de Exipto
Conquista otomá
Muhammad Alí e os seus sucesores
Idade Contemporánea
Historia contemporánea de Exipto

Exipto foi conquistado polo Imperio Otomán no 1517. Resultou sempre unha provincia difícil de controlar e estivo baixo o control dos semi-autónomos mamelucos até ser conquistada polos franceses en 1798. Unha vez expulsados, foi gobernado polo albanés Muhammad Ali de Exipto e os seus sucesores, que apartaron a Exipto aínda máis do control otomán. Esta situación durou até 1882, cando o Reino Unido invadiu Exipto e o converteu nunha colonia.

Primeiro período turco

[editar | editar a fonte]

Após a conquista de Exipto, o sultán otomán Selim I abandonou o país deixando o seu vicerrei Khair Bey cunha garda de 5000 xanízaros, mais sen realizar alteracións na administración do país. Exipto víase como un estado vasalo, non como unha provincia, do imperio.

A historia dos comezos do Exipto otomán é a dunha competición polo poder entre os mamelucos e os representantes do sultán otomán. Os mamelucos continuaron posuíndo a maior parte das terras como un feudo, o que lles permitiu retornar a ocupar posicións de grande influencia. Os emires mamelucos ficaron como cabezas das doce sanxacs nas que se dividiu Exipto, e baixo o seguinte sultán, Suleiman I, creáronse dúas cámaras, chamadas o Diván Maior e o Menor, nas que estaban representados o exército e as autoridades relixiosas, para axudar o paxá nas súas deliberacións. Aos seis rexementos creados por Selim para a protección do Exipto Suleiman incorporou outro, o dos circasianos.

En 1527 os otománs realizaron o seu primeiro catastro debido a que os rexistros anteriores pereceran baixo o lume, aínda que non se utilizou até 1605. As terras exipcias dividíronse en catro clases: os dominios do sultán, os feudos, as terras para o mantemento do exército e as relixiosas.

Foi práctica habitual da Sublime Porta mudar de gobernador de Exipto en intervalos breves, após un ano ou mesmo varios meses. O terceiro gobernador, Abmad Pasha, ao ter coñecemento de que se expediran ordes para a súa execución desde Constantinopla, proclamouse independente e chegou mesmo a acuñar moedas. Dous dos emires que enviara a prisión lograron escapar, atacárono no seu baño e asasinárono.

Os continuos cambios de goberno parecen ter motivado que se perdese o control do exército xa a comezos do período de ocupación otomá e a principios do século XVII os motíns eran frecuentes: en 1604 o gobernador Ibrahim Pasha foi asasinado polos soldados e a súa cabeza foi colocada na Bab Zuwflla. Estes motíns motivábanse frecuentemente polas tentativas dos sucesivos paxás de pórlle fin á extorsión chamada tulbah, un pagamento forzado que as tropas esixían para pagar débedas ficticias.

En 1609 estalou algo parecido a unha guerra civil entre o exército e o paxá, quen tiña ao seu lado algúns rexementos leais e os beduínos. Os soldados chegaron mesmo a escoller un sultán e a repartírense provisoriamente as rexión do Cairo. Foron derrotados polo gobernador Mahommed Pasha, quen, o 5 de febreiro de 1610 entrou no Cairo en triunfo, executou os líderes da revolta e desterrou moitos outros para o Iemen. Para algúns historiadores isto foi como unha segunda conquista de Exipto polos otománs. Con efecto, Mahommed Pasha puxo en práctica unha reforma financeira que reaxustou as cargas impositivas sobre as diferentes comunidades.

Cos problemas que aflixían a metrópole, os gobernadores designados a partir de entón foron tratados polos exipcios con cada vez menor respecto. En 1623 a Porta destituíu o gobernador Mustafa Pasha e designou a Ali Pasha no seu sitio. Como este non aceptou entregarlles certas cantidades acostumadas aos dignatarios e encarcerou o líder da delegación que llo pedía, a guarnición de Alexandría rescatouno e forzou a Ali Pasha a embarcarse. Pouco despois Constantinopla confirmaba no seu cargo a Mustafa Pasha.

Da mesma maneira, en 1631 o exército depuxo o gobernador como mostra da súa indignación pola execución de Kits Bey, un oficial que debería ter comandado unha forza exipcia destinada a Persia. Esixiúselle ao paxá que entregase aos verdugos para vingarse neles ou que dimitise. Como non quixese facer o primeiro forzóuselle ao segundo e Constantinopla aprobou os feitos. Non só o gobernador non recibía o apoio de Constantinopla senón que cada novo gobernador tomou o costume de imporlle unha multa ao seu predecesor, alegando débedas co tesouro, e non se lles permitía abandonar Exipto antes de saldalas. Ademais destas extorsións ocasionadas por esta práctica, o país sufriu fames e epidemias durante estes séculos: unha en 1619 matou 635 000 persoas e outra en 1643 desolou 230 aldeas.

Período turco final

[editar | editar a fonte]

No século XVIII o paxá cedeu en importancia aos beys mamelucos dous cargos, o de Sheik al-Balad e o de Amir al-Hajj, ocupados por eles, representaban o goberno real da comunidade. Non se sabe moi ben como se chegou a esta situación dado que faltan boas crónicas do período turco. En 1707 o Sheik al-Balad, Ogsim Iywaz, estaba á cabeza dunha das dúas faccións mamelucas, os Casimitas e os Ficaritas, cando estas se enfrontaron e el foi morto. O seu posto pasou para o seu fillo Ismael, que o ocupou durante dezaseis anos (mentres os paxás mudaban constantemente) e conseguiu reconciliar as dúas faccións. En 1724 foi asasinado polas maquinacións do paxá e Shirkas Bey, da facción oposta, ocupou o seu lugar. Este foi deposto e tivo que fuxir ao Alto Exipto, pero volveu cun exército. Os dous morreron (o primeiro afogado e o segundo asasinado) e o seu lugar ocupouno Othman Bey. Este tivo que fuxir de Exipto polas intrigas de dous aventureiros, Ibrahim e Rilwgn Bey.

Estes dous iniciaron un masacre de beys e demais opositores e procederon a gobernar Exipto alternando os dous postos cada ano. Un dos paxás tentou eliminalos mediante un golpe de estado, pero os seus seguidores liberáronnos e obrigaron ao paxá a fuxir. Outro paxá posterior logrou matar a varios beys, pero tivo tamén que fuxir. Ibraihim foi asasinado por un bey en 1755 e o seu posto ocupouno Ali Bey; Rilway tamén foi asasinado pouco despois.

Ali Bey dispúxose a vingar a morte do seu mestre. Durante oito anos procurou apoios entre os mamelucos e outros, provocando as sospeitas do Sheik al-Balad, Khalil Bey, quen o atacou forzándoo a fuxir para o Alto Exipto. Ali Bey volveu e en 1750 derrocou a Khalil Bey, pero os seus actos de vinganza provocaron unha reacción e tivo que fuxir, aínda que volvese máis tarde e ocupase o posto de Sheik al-Balad co beneplácito da Porta. Ali Bey aspiraba a constituír unha monarquía independente e a oportunidade presentóuselle cando desde Constantinopla se lle pediu que enviase un exército para participar na guerra contra Rusia; como temesen que realmente o estivese recrutando para si propio, enviaron ordes de asasinalo pero Ali Bey interceptounas e proclamouse independente.

Ali Bey consolidou os seus dominios reprimindo as tribos nómades, reformando as finanzas e mellorando a administración da xustiza. Enviou exércitos á Península Arábica e nomeou un curmán como Alguacil da Meca, quen proclamou a Ali Sultán do Exipto e Khan dos Dous Mares. Ali Bey acuñou moedas e ordenou que o seu nome se incluíse nas oracións públicas.

O seu fillastro Abul-Dhabhab, que comandaba un exército en Siria, pasouse ao bando otomán e fixo fuxir a Ali Bey a Acre en 1772. Este tentou infrutuosamente recuperar Exipto. Coa súa morte, Exipto pasou de novo a depender da Porta. Anos máis tarde, Ibrhim e Murad ocuparon os dous postos supremos separándose de Constantinopla até 1786, cando tiveron que fuxir para o Alto Nilo, forzados pola chegada dunha forza turca. Unha praga asolou O Cairo e, vendo a necesidade de gobernantes competentes, Ibrhim e Murad foron repostos nos seus cargos. Neles permanecían en 1798, cando Napoleón entrou en Exipto.

A ocupación francesa

[editar | editar a fonte]
Batalla das Pirámides, Francois-Louis-Joseph Watteau, 1798-1799.

O propósito aparente da expedición francesa a Exipto era o de restaurar a autoridade da Sublime Porta e suprimir os mamelucos. Na proclamación impresa ao pouco de ocupar Alexandría, Napoleón declaraba reverenciar o profeta Mahoma e o Corán máis do que os propios mamelucos; afirmaba tamén que todos os homes son todos iguais coa soa diferenza das súas excelencias intelectuais e morais, que non abundaban entre os mamelucos. Prometía que no futuro todos os cargos en Exipto estarían abertos a todas as clases de habitantes, que a xestión dos asuntos públicos se deixaría na man de homes de talento, virtude e educación e que, como proba de que os franceses eran sinceros musulmáns, estes un día derrocarían o papa de Roma.

As forzas ocupantes esixiron lealdade tanto ao sultán como aos franceses. Estableceron un consello no Cairo do que facían parte xeques, mamelucos e franceses e posteriormente delegados de Alexandría e outras cidades. Este consello limitouse a confirmar os decretos do comandante francés.

A destrución da frota francesa na batalla do Nilo e o fracaso no intento de arrestar a Murad Bey no Alto Exipto destruíron a fe na súa invencibilidade que tiñan os exipcios. Como consecuencia de certas innovacións mal recibidas, as relacións entre conquistadores e conquistados empeorou até que, con motivo da introdución dun imposto sobre bens inmóbeis, estalou unha insurrección no Cairo en 1798 centrada na Universidade de Azhar. Asasinaron o xeneral francés Dupuy, tenente-gobernador do Cairo. O alzamento foi suprimido mais os cairotas sentíronse moi ofendidos de ver que a cabalaría francesa ocupaba a mesquita de Azhar.

O consello deliberativo foi substituído polos dous diváns que crearan os turcos. Napoleón venceu outra vez as forzas de Murd Bey e Ibraihim Bey e tornou a Francia deixando o xeneral Kléber como gobernador de Exipto. A Porta, coa axuda de tropas inglesas comandadas por Sidney Smith, tentou recobrar Exipto e forzou unha convención en 1800 segundo a cal os franceses debían abandonalo. Kléber foi asasinado por un fanático e substituído polo Barón de Menou, que profesara o islam e tentara reconciliarse coa poboación musulmá excluíndo os cristiáns do diván, substituíndo os coptos e impoñéndolle un imposto aos franceses. En 1801 os ingleses desembarcaron e, xunto cos turcos, lograron expulsar os franceses.

Do período da ocupación francesa a obra máis duradeira foi a Descrición do Exipto, compilada polos estudosos que acompañaron a expedición.

Regreso ao control otomán

[editar | editar a fonte]

Ao pouco de teren os franceses abandonado Exipto, o país viuse envolto en máis problemas como consecuencia dos intentos por parte dos turcos de destruír o poder dos mamelucos. Desafiando as promesas feitas aos británicos, instruíuse ao paxá Husain, o almirante turco, para que se desfixese dos principais beys, o que levou os turcos a enfrontarse con aqueles.

Mahommed Khosrev foi o primeiro gobernador turco de Exipto após a expusión dos franceses e esta vez os mamelucos non recuperaron o seu poder. Foi preciso tamén combatelos e seguiu unha guerra civil entre os mamelucos, os turcos e os albaneses.