Saltar ao contido

Historia da ciencia ficción

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
  Ciencia ficción 
Artigos
Categorías
Xulio Verne. Vigo

A expresión ciencia ficción (science fiction) utilizouna por vez primeira en 1851 un escritor inglés chamado William Wilson no seu libro A Little Earnest Book upon a Great Old Subject, pero o termo non se xeneralizou coa súa acepción actual ata que o editor Hugo Gernsback o incorporou en 1926 á portada da revista estadounidense Amazing Stories (logo de facer un intento previo co termo scientifiction, que non chegou a callar). Ata esa data as narracións que hoxe día non dubidamos en cualificar de ficción científica recibían diversos nomes: viaxes fantásticas, relatos de mundos perdidos, utopías, novelas científicas etc. Ata onde hai que retroceder no tempo para atopar a primeira historia a que lle acaia a definición de ficción científica é unha cuestión aberta, na que existe pouco consenso entre eruditos e afeccionados.

Elementos de ficción científica anteriores ao século XIX

[editar | editar a fonte]

Antigüidade e Idade Media

[editar | editar a fonte]

Diversos historiadores procuraron unha historia antiga para o xénero, pero a opinión maioritaria é que as obras propostas constitúen, no mellor dos casos, exemplos temperás de protoficción científica.

Para Lester del Rei a primeira obra de ficción científica coincide co primeiro texto literario conservado: a epopea sumeria de Gilgamesh (II milenio adC). Este poema inclúe un episodio sobre unha inundación que, en certo xeito, lembra a unha obra de ficción científica apocalíptica. Con todo, a epopea de Gilgamesh pódese clasificar probablemente mellor como literatura fantástica, pois hai pouco de ciencia ou de tecnoloxía nela.

L. Sprague DeCamp e outros citan a Historia verdadeira de Luciano, na que imaxina unha viaxe á Lúa nun barco arrastrado por unha providencial treboada e onde, entre outras marabillas, ve aos selenitas, que non teñen ano, fia-los metais e o vidro para facer traxes, beber zume de aire ou quitarse e poñerse os ollos, e asiste á guerra entre o emperador selenita e o solar. Pero segundo Kingsley Amis Historia verdadeira "apenas é ficción científica, xa que acumula deliberadamente extravagancia sobre extravagancia para lograr un efecto cómico." Outras obras gregas con elementos de ficción científica son As nubes e Os paxaros de Aristófanes e as descricións da Atlántida de Platón.

Tamén se propuxeron como precedentes da ficción científica outras obras da literatura fantástica: desde o Beowulf e o Cantar dos Nibelungos ata a Divina Comedia de Dante e a Tempestade de Shakespeare, con distinto grao de éxito. A Tempestade contén o prototipo de historia con científico tolo, e foi adaptada como película da ficción científica co título de Planeta prohibido.

Protoficción científica (s. XVI-XVIII)

[editar | editar a fonte]

A literatura que se asemella á ficción científica ou ciencia ficción moderna realmente non comezou ata o século XVI. Os descubrimentos nas ciencias e o amencer da Ilustración inspiraron a literatura influída por estes avances.

Un dos casos máis temperáns é o mundo perfecto imaxinado por Thomas More na novela Utopía (1515). O nome que dá More ao seu país ideal sería tomado prestado por moitos escritores posteriores de ficción científica, e o leitmotiv da Utopía é común no xénero. É notable que tanto More coma Francis Bacon, pensadores prominentes da Ilustración, escribisen traballos de protoficción científica.

As viaxes imaxinarias á lúa aparecen no século XVII, primeiro na obra O soño de Johannes Kepler (Somnium, 1634), e posteriormente na Historia cómica dos estados e imperios da lúa de Cyrano de Bergerac (1656). A viaxe espacial tamén figura no Micromégas de Voltaire ( 1752 ).

Outros traballos temperáns significativos son o mundo alternativo atopado no ártico por unha moza da nobreza na novela A descrición dun mundo novo, chamado o Arder-Mundo de Margaret Cavendish (1666), a narración da vida no futuro en l'An 2440 de Louis-Sébastien Mercier, e as descricións de culturas estranxeiras en As viaxes de Gulliver de Jonathan Swift (1726 ) e en As viaxes subterráneas de Niels Klim de Ludvig Holberg.

Ficción científica primitiva (s. XIX)

[editar | editar a fonte]

Para moitos a primeira obra de ficción científica, tal e como hoxe se entende, é Frankenstein ou o moderno Prometeo de Mary Shelley, publicada en 1818. No seu libro Billion Year Spree, Brian Aldiss afirma que Frankenstein representa "o primeiro traballo seminal ao cal se lle pode aplicar loxicamente a etiqueta de ficción científica". É tamén a primeira do subxénero do "científico tolo". Aínda que está asociada normalmente ao xénero gótico de terror, a novela introduce temas de ficción científica tales como o uso da tecnoloxía para alcanzar logros máis aló da ciencia contemporánea, e a un ¿non-humano? como antagonista, o que permite unha visión da condición humana desde unha óptica externa. Aldiss considera que a ficción científica en xeral deriva as súas convencións da novela gótica. Outra novela futurista de Shelley, O último home, tamén se cita a miúdo como a primeira novela verdadeira de ficción científica.

Os primeiros anos trala aparición de Frankenstein deron poucos froitos ao xénero, pero na década de 1850 aparece o que probablemente pasa por ser un dos autores máis prolíficos do século XIX no campo das aventuras de corte científico: Jules Verne quen en 1851 publica a súa primeira obra con contido de ficción científica: Unha viaxe en globo. A aparición desta obra supón un fito, tendo en conta que a partir da súa publicación este xénero empeza a transformar as súas intencións, e a ciencia subxacente pasa de ser un motivo de inquedanza ou de preocupación polo descoñecido a ser un soporte de historias de aventuras e descubrimentos.

A rama europea da ficción científica comezou propiamente a finais do século XIX cos romances científicos de Verne (1828-1905), cuxa ciencia centrábase máis ben en invencións, así como coas novelas de crítica social con orientación científica de H. G. Wells (1866-1946).

Wells e Verne rivalizaron na primitiva ficción científica. Os relatos e novelas curtas con temas fantásticos apareceron nas publicacións periódicas nos últimos anos do século XIX, e moitos deles empregaron ideas científicas como unha escusa para lanzarse á imaxinación. Aínda que é máis coñecido por outros traballos, Sir Arthur Conan Doyle tamén escribiu ficción científica. O único libro no que Charles Dickens se aventura no territorio da especulación científica e os estraños misterios da natureza (en contraposición ás claramente sobrenaturais pantasmas de Nadal) foi na súa novela Bleak House (1852) na que Dickens fai que un dos seus personaxes morra por «combustión humana espontánea». Dickens investigou casos rexistrados de tal efecto antes de escribir sobre a materia, para desta forma ser capaz de contestar aos escépticos que se escandalizasen coa súa novela.

Tanto Wells como Verne tiñan en todo o mundo lectores e escritores que seguían e copiaban os seus estilos, especialmente nos Estados Unidos. Axiña estaría florecendo unha ficción científica autóctona estadounidense. Os escritores europeos aumentaron os seus lectores vendendo no mercado estadounidense e escribindo nese estilo.

Porén, a primeira novela, publicada antes como zarzuela, en tratar o tema da viaxe no tempo e a primeira mención dunha máquina para ese tipo de viaxes, foi El Anacronópete do español Enrique Gaspar y Rimbau.

O seguinte grande escritor británico de ficción científica tras H. G. Wells foi John Wyndham (1903-1969). Este autor gustaba de referirse á ficción científica co nome de «fantasía lóxica». Antes da segunda guerra mundial Wyndham escribiu exclusivamente para revistas ''pulp'', pero trala contenda fíxose famoso entre o público en xeral, máis aló da estreita audiencia dos fans da ficción científica. A sona veulle da man das súas novelas O día dos trífidos (1951), O kraken axexa (1953), As crisálidas (1955) e Os coitelos de Midwich (1957)

Fóra do ámbito anglosaxón hai que destacar a figura de Karel Čapek, introdutor do termo robot na súa obra teatral R. U. R. e creador do clásico da ficción científica A guerra das salamántigas en 1937.

Estados Unidos

[editar | editar a fonte]

Nos Estados Unidos de Norteamérica o xénero pode remontarnos a Mark Twain e a súa novela Un ianqui na corte do Rei Artur, unha novela que exploraba termos científicos aínda que fosen enmarcados nunha ficción cabaleiresca. Mediante o recurso á «transmigración da alma» e a «transposición de épocas e corpos» o ianqui de Twain é transportado cara a atrás no tempo e arrastra consigo todo o coñecemento da tecnoloxía do século XIX. Os resultados son catastróficos, xa que a cabaleiresca aristocracia do Rei Artur vese pervertida polo notable poder de destrución que ofrecen máquinas como as metralladoras, os explosivos e o arame de espiño. Escrita en 1889, Un ianqui parece predicir sucesos que terían lugar 25 anos despois en 1914, cando as vellas ideas cabaleirescas europeas no tocante á arte da guerra acabarían feitas pedazos polas armas e as tácticas da primeira guerra mundial.

Outro autor que escribiu algunhas historias deste tipo é Jack London. O autor das novelas de aventuras no salvaxe Yukon, Alasca, e o Klondike, tamén escribiu historias sobre extraterrestres (The Red One), sobre o futuro (O talón de ferro) ou sobre os conflitos do futuro (A invasión sen precedentes). Tamén escribiu unha historia sobre a invisibilidade e outra sobre unha arma de enerxía para a que non existía defensa algunha. Estas historias impactaron no público americano e comezaron a perfilar algúns dos temas clásicos da ficción científica.

A ficción científica no século XX

[editar | editar a fonte]

Principios de século

[editar | editar a fonte]

O autor americano que mellor simboliza o nacemento nos Estados Unidos da ficción científica como xénero de masas é Edgar Rice Burroughs quen, pouco antes da primeira guerra mundial, publica Baixo as lúas de Marte (1912) en varios números dunha revista especializada en aventuras. Burroughs seguiu publicando neste medio durante o resto da súa vida, tanto fantasía científica como historias doutros xéneros (misterio, horror, fantasía e como non, o seu personaxe máis coñecido: Tarzán); pero, as historias de John Carter (ciclo de Marte) e Carson Napier (ciclo de Venus), aparecidas naquelas páxinas, hoxe día considéranse xoias da ciencia ficción máis temperán.

No entanto, o desenvolvemento da ficción científica americana como xénero literario específico hai que atrasalo ata 1926, ano no que Hugo Gernsback funda Amazing Stories e créase a primeira revista dedicada exclusivamente ás historias de ficción científica. Por outra banda, dado que como é ben coñecido, foi el quen elixiu o termo scientifiction para describir a este xénero incipiente, o nome de Gernsback e o vocábulo ao que deu orixe quedaron unidos para a posteridade. E, aínda que as historias que se publicaban nesta e outras revistas pulp cun éxito cada vez maior, non gozaban do aval de ser literatura seria e a maioría considerábanas sensacionalismo literario, o certo é que unha revista dedicada enteiramente a un xénero como a fantasía científica (co seu novo e flamante nome) tiveron un grande impacto na percepción do público e atraeu a moitos á lectura das historias de especulación científica.

A Idade de Ouro (1938-1950)

[editar | editar a fonte]

Co xurdir en 1938 do editor John W. Campbell e a súa actividade na revista Astounding Science Fiction (fundada en 1930) e coa consagración dos novos mestres do xénero: Isaac Asimov, Arthur C. Clarke e Robert A. Heinlein, a ficción científica empezou a gañar status como xénero literario, especialmente con este último, que foi o primeiro autor que conseguiu que se editasen historias do xénero en publicacións máis xeralistas, e foi tamén o que lle deu maior madureza ao xénero e influíu poderosamente no seu desenvolvemento posterior. As incursións no xénero de autores que non se dedicaban exclusivamente á ciencia ficción tamén lle deron respetabilidade; autores como Karel Capek, Aldous Huxley e C. S. Lewis. As revistas mostraban rechamantes portadas con monstros de ollos de mosca e mulleres medio espidas, dando unha imaxe atraente para o que era o seu público principal: os adolescentes.

Logo da segunda guerra mundial prodúcese unha transición do xénero. É a época na que os contos empezan a ser desprazados polas novelas e os argumentos gañan en complexidade. Fúndanse novas revistas: ata 15 novas revistas nun só ano; e algunha ata salta o charco como a francesa Galaxie (prima irmá da estadounidense Galaxy que empeza a publicarse o ano 1950), pero agora o xénero empeza a saír do terreo exclusivo do pulp.

A Idade de Prata (1951-1965)

[editar | editar a fonte]

Posiblemente, o que pode considerarse como primeiro título notable da posguerra non foi escrito por un autor habitualmente catalogado como escritor de ciencia ficción e, de feito, o libro nin sequera foi catalogado como tal polo seu editor; pero sen dúbida éo, e deulle ao seu autor fama mundial; referímosnos a 1984 (1948) de George Orwell. Pero a mellor tarxeta de visita do período dos 50 é a súa interminable lista de escritores que foron a columna vertebral do xénero ata case finais de século: Heinlein, Asimov, Clifford D. Simak, Clarke, Poul Anderson, Philip K. Dick, Bradbury, Frank Herbert e moitos outros.

En canto aos títulos, desta época son libros que hoxe son considerados clásicos: Crónicas marcianas ou Fahrenheit 451 de Bradbury, Mercadores do espazo de Pohl e Kornbluth, Máis que humano de Sturgeon; sen esquecer O fin da eternidade de Asimov, e Lotaría solar ou O home no castelo de Dick. Algunhas delas serían adaptadas ao cine ou a televisión; A laranxa mecánica de Anthony Burgess é un exemplo disto.

E tamén é nesta época cando empezan a outorgarse os premios Hugo, cuxa primeira edición foi en 1953.

En realidade, aínda que dende o punto de vista académico se cualificou como «idade de ouro» a etapa comprendida entre os anos 1938 e 1950, para moitos, esta época debería estenderse uns quince anos.

A última novela digna de mención deste período é Dune de Herbert. Non hai que pensar que trala súa publicación, en 1965 houbese unha revolución que cambiase o panorama de forma drástica, pero un novo estilo empezaba a gañar o creto dos seareiros.

A Nova Onda

[editar | editar a fonte]

Os anos transcorridos entre 1965 e 1972 son o período de maior experimentación literaria da historia do xénero. En Gran Bretaña, pódese asociar coa chegada de Michael Moorcock á dirección da revista New Worlds. Moorcock, entón un mozo de 24 anos, deu espazo ás novas técnicas exemplificadas na literatura de William Burroughs e J.G. Ballard. Os temas empezaron a distanciarse dos tan manidos robots e imperios galácticos das idades de ouro e prata da ficción científica, centrándose en temas ata entón inexplorados: a consciencia, os mundos interiores, relativización dos valores morais etcétera.

Nos Estados Unidos, os ecos dos cambios experimentados no panorama británico tiveron o seu reflexo. Autores como Samuel R. Delany, Judy Merrill, Fritz Leiber, Philip K. Dick, Philip José Farmer e Robert Silverberg, representan a esencia das novas vías deste xénero literario.

Durante un tempo, os novos temas e estilos pareceron eclosionar e chegaron a copar a maior parte dos galardóns máis importantes. E, aínda que os grandes mestres consagrados do xénero seguían tendo os seus lectores, parecía que as novas vías haberían de impoñerse. E de súpeto, os lectores empezaron a retornar aos antigos temas: tanta relativización de valores, tanto estilo experimental en realidade desconcertáballes. Aínda que o panorama literario xa non era o mesmo... crecera e madurara; os lectores agora entendían que o xénero podía ser moito máis que leis da robótica e psicohistoria.

O Ciberpunk

[editar | editar a fonte]

Na década de 1980 as cada vez máis ubícuas computadoras e a aparición das primeiras redes informáticas globais dispararon a imaxinación de novos autores, convencidos de que tales prodixios producirían profundas transformacións na sociedade. Este xerme cristalizou principalmente a través do chamado movemento Ciberpunk, un termo que aglutinaba unha visión pesimista e desencantada dun futuro dominado pola tecnoloxía e o capitalismo salvaxe cun ideario "punk" rebelde e subversivo, frecuentemente anarquista. Unha nova xeración de escritores xurdiu baixo esta etiqueta, encabezados por William Gibson.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]