Saltar ao contido

Coroa dinamarquesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coroa dinamarquesa
Danks krone en dinamarqués
Código:DKK
Ámbito:Dinamarca Dinamarca
Illas Feroe
Groenlandia
Símbolo:kr
Fracción:100 øre
Moedas:50 øre, 1, 2, 5, 10, 20 coroas
Billetes:50, 100, 200, 500, 1.000 coroas
Emisor:Banco Nacional de Dinamarca
Taxa de troco:
07-01-2010
1 EUR = 7,4420 DKK
1 USD = 5,1975 DKK
Troco actual

A coroa dinamarquesa (en dinamarqués: dansk krone, en feroés: donsk króna, en groenlandés: Danskinut koruuni) é a moeda oficial de Dinamarca, xunto cos territorios dependentes de Groenlandia e as Illas Feroe. A coroa atópase dividida en 100 øre e o seu código ISO 4217 é DKK. Normalmente abréviase como kr.

Até finais do século XVIII a coroa equivalía a 8 marcos. En 1873 introduciuse unha nova coroa para Dinamarca, que substituíu o rigsdaler cunha taxa de dúas coroas por rigsdaler. A coroa foi o resultado dos acordos da Unión Monetaria Escandinava que permaneceu en vigor até o fin da primeira guerra mundial. Os países fundadores foron Suecia e Dinamarca, xunto con Noruega que entraría dous anos máis tarde. O nome común da moeda para Dinamarca e Noruega foi krone, e en Suecia krona. Trala disolución da unión monetaria os tres países decidiron non trocar o nome da moeda.

En 1914 a Unión Monetaria Escandinava disolveuse cando se abandonou o sistema monetario baseado no ouro. Dinamarca volveu ao estándar de ouro en 1924 mais deixouno permanentemente en 1931. Entre 1940 e 1945, a coroa fixouse ao reichsmark. Ao finalizar a ocupación alemá, introduciuse unha nova taxa de cambio de 24 coroas por libra esterlina, que se viu reducida a 19,34 coroas en agosto do mesmo ano. Cos Acordos de Bretton Woods Dinamarca devaluou a súa moeda con respecto a libra en 1949 a unha taxa de 6,91 coroas por dólar. En 1967 unha nova desvalorización resultou en 7,50 coroas por dólar ou 18 coroas por libra.

Illas Feroe e Groenlandia

[editar | editar a fonte]

Illas Feroe

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Coroa feroesa.

Nas Illas Feroe é común utilizar moedas danesas, con todo circulan por elas billetes específicos. Durante a ocupación británica do arquipélago na segunda guerra mundial déronse algúns cambios que rapidamente levaron aos británicos a copiar as moedas danesas de 1, 2, 5, 10 e 25 øre para o seu uso nas Illas Feroe. As primeiras cuñáronse en bronce, e as de 10 e 25 øre en cuproníquel. Esta emisión é idéntica ás moedas danesas anteriores á guerra, pero están datadas en 1942 e carecen do pequeno corazón que identifica á ceca real danesa de Copenhague. Este ano Dinamarca non emitiu moedas propias, xa que cambiou ás cuñaxes en cinc ese mesmo ano. Os billetes en circulación para as Feroe foron sobreimpresos pola administración amt invalidándoos á vez para o seu uso exterior.

Os billetes modernos introducíronse na década dos anos 50. A pesar da idea falsa que se ten, a coroa das illas Feroe non é unha moeda independente, pero si unha emisión especial dos billetes daneses cun deseño diferente, algo similar ao que ocorre coa libra esterlina para os seus territorios de ultramar.

Groenlandia

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Coroa groenlandesa.

En Groenlandia a administración colonial emitiu billetes distintivos entre 1803 e 1968, xunto a series de moedas cuñadas entre 1926 e 1964. En 2006, os gobernos de Dinamarca e Groenlandia chegaron a un acordo para emitir billetes específicos groenlandeses a partir de 2008, con todo aínda non están dispoñibles e está planeada o seu ditribución para 2011. Debido ao seu status, os billetes e moedas daneses son de curso legal tanto en Dinamarca como en Groenlandia.

Relación co euro

[editar | editar a fonte]

Dinamarca negociou un status especial do Tratado de Maastricht que lle permitía preservar a coroa mentres que os demais membros da Unión Europea adoptaron o euro (como moeda de conta) en 1999. En 2000 levou a cabo un referendo que rexeitou a adopción do euro. O goberno conservador de Anders Fogh Ramussen planeou outro referendo en 2004, con todo non se realizou xa que as enquisas mostraban un escaso soporte da moeda europea.

A coroa está fixada ao euro a través do ERM II, o mecanismo de tipos de cambio da Unión Europea. Antes da introdución do euro, a coroa estaba ligada ao marco alemán. A súa intención era que a coroa se mantivese estable.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]