Saltar ao contido

Cibrán de Cartago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cibrao de Cartago»)
Modelo:BiografíaCibrán de Cartago

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(la) Cyprianus Carthaginiensis Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(la) Thascius Caecilius Cyprianus Editar o valor en Wikidata
c. 200 Editar o valor en Wikidata
Cartago (Imperio Romano) Editar o valor en Wikidata
Morte14 de setembro de 258 Editar o valor en Wikidata (57/58 anos)
Cartago (município) (Imperio Romano) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, decapitación Editar o valor en Wikidata
Bispo Sé Titular de Cartago (pt) Traducir
248 – 14 de setembro de 258 Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCristianismo e catolicismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor, filósofo, sacerdote, bispo católico Editar o valor en Wikidata
Período de tempoBaixo Imperio Romano Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa16 de setembro Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteNordisk familjebok
De viris illustribus
Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1130558 Discogs: 5366302 Editar o valor en Wikidata

Cibrán de Cartago, finado no ano 258, bispo e mártir, está considerado como un dos Pais da Igrexa occidental.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

De etnia bérber, era un home culto e rico, profesor de retórica. Segundo el mesmo relata en A Donato, o seu estilo de vida estaba arrastrado polo que el denominaba vicios e malos desexos (particularmente a avaricia). Tras a súa conversión, e segundo conta Xerome de Estridón na súa obra De Viris, entregou todos os seus bens aos pobres. Ao pouco tempo de achegarse ao cristianismo foi ordenado presbítero e bispo de Cartago, isto último por aclamación popular no ano 248.

Durante a persecución de Decio fuxiu de Cartago, pero seguiu dirixindo a súa comunidade dende o seu refuxio. Con todo, os seus inimigos acusárono a Roma, por covardía e abandono, recibindo a amoestación do Papa. Pasada a persecución, produciuse un cisma na súa igrexa entre os que defendían a acollida e o perdón aos que abxuraran da súa fe por temor á persecución e os que puñan trabas ao retorno á comunidade deses fieis máis febles (os denominados lapsi: caídos). Cibrán convocou un concilio en Cartago, que esixiu un serio arrepentimento e que para aqueles que chegaran a render culto ao Emperador só habería unha admisión na proximidade da súa morte. O debate foi tan intenso que os partidarios da misericordia sen condicións elixiron un novo bispo chamado Fortunato. Pola súa banda os partidarios dunha dura inflexibilidade proclamaron bispo a Máximo. Isto colocou a Cibrán nunha posición intermedia entre as dúas correntes, suavizou as condicións para os arrepentidos pero os cregos que abxuraran no poderían volver desempeñar os seus cargos. A súa posición fortaleceuse cando tras unha gran praga de tifo e a consecuente fame, dedicou o seu esforzo á pregaria e á atención aos esfameados e necesitados. Animou aos cristiáns a socorrer aos pagáns.

As polémicas non remataron aí. Posteriormente enfrontouse ao Papa Estevo I cando este admitiu a validez do bautismo impartido polos herexes. Para Cibrao a herexía era máis daniña que a persecución e a tortura, pois estas reafirmaban a fe pero a herexía a desdebuxaba. Cibrán resultou ser máis duro na defensa da unidade da fe e da Igrexa que o propio bispo de Roma, que reivindicou para si a autoridade de Pedro e desautorizou o radicalismo das comunidades africanas. Cibrán defendeu con contundencia as tradicións da súa igrexa cartaxinense. Paradoxalmente, unha nova herexía o donatismo acubillaríase nos escritos de Cibrán nestas disputas co papado.

Finalmente unha nova persecución cohesionaría a posición dos bispos. O Emperador Valeriano decretou a obriga para os cristiáns de sacrificar na súa honra o que desembocou na execución do papa Estevo I e o seu sucesor Sisto II. Nesta ocasión Cibrán non fuxiría: confesou a súa fe perante o procónsul Aspasio Paterno e foi desterrado a Cucubis no ano 257. Un ano despois foi confinado na súa propia vila. O 15 de setembro do 258 o procónsul Galerio condenábao a morrer á espada.

Pensamento

[editar | editar a fonte]

Cibrán non abordou a especulación nin se elevou ata grandes tratados doutrinais, os seus escritos están ateigados de preocupacións prácticas cotiás na axitada vida das comunidades cristiáns da época. Grande admirador de Tertuliano, tíñao como mestre e fonte de inspiración, aínda que se afastaba del nalgúns puntos do seu pensamento. Condenou o espectáculo da loita entre gladiadores, demandou dos crentes xenerosidade no auxilio dos marxinados e solidariedade cos pagáns, teimaba en que a oración cristiá era comunitaria e afastada do individualismo e pregaba por todos os homes (é célebre o seu comentario sobre o Noso Pai). A súa principal obsesión foi a defensa da unidade da Igrexa universal (unha era a fe e un o pobo crente cimentado na concordia), o que non foi óbice para que se amosara a prol da identidade da súa Igrexa africana. Louvou a virtude da humildade e a coherencia ata o martirio. As súas cartas son de grande utilidade para coñecer o latín común.

Cibrán fai unha severa autocrítica da Igrexa do seu tempo ata o punto de que a proba da persecución a atribuía á providencia divina para erguer a fe caída e aletargada que provocara volta ao pecado

Cada un buscaba engrosar a súa facenda e, esquecéndose da pobreza que practicaban os fieis en tempo dos apóstolos e que sempre deberan seguir, non tiñan outra ansiedade que a de acumular bens cunha cobiza abrasadora e insaciable...Moitos bispos, que deben ser un estímulo e exemplo para os demais, desprezando o seu sagrado ministerio, empregábanse no manexo de bens mundanos e, abandonando a súa cátedra e a súa cidade, percorrían polas provincias estranxeiras os mercados a caza de negocios lucrativos, buscando amontoar diñeiro en abundancia mentres pasaban necesidade os irmáns da Igrexa
De lapsis, 5-6

Aínda que firme partidario da unidade da Igrexa, Cibrán pasou á historia como un dos grandes defensores da autoridade do bispo, baseada na súa conduta exemplar de pobreza, austeridade e solicitude polos marxinados e fundada na lexitimidade da súa elección polos fieis, cando un bispo substitúe a outro defunto, cando é elixido en paz polo voto do pobo, cando é protexido na persecución polo auxilio de Deus (Carta 59, VI, 1).

Deixou tamén valiosos testemuños sobre os criterios para recoñecer a autoridade do bispo de Roma como sucesor de Pedro e a concepción do que logo sería o Papado. Así di que recoñece a autoridade do papa Cornelio porque

...non solicitou nin quixo o episcopado...Non fixo forza como outros para ser bispo, senón, ao contrario, sufriu violencia para aceptalo á forza. Foi elixido bispo por moitos colegas nosos...polo testimuño favorable de case todos os cregos, polo voto do pobo que alí estivo presente...
Carta 55,VIII,2-4
  • De lapsi.
  • De opere et eleemosynis.
  • De habitu virginum.
  • De Catholicae Ecclesiae unitate.

Significación

[editar | editar a fonte]

Considerado como un dos Pais da Igrexa e como santo, a súa festividade celébrase o 16 de setembro na Igrexa Católica e o 31 de agosto na Igrexa Ortodoxa.

En Galicia é un santo moi venerado ao que están adicadas moitas localidades como Aldán (Cangas), San Cibrao de Las, San Cibrao das Viñas ou o lugar portuario de San Cibrao (Cervo).