Saltar ao contido

Caliptra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Corte lonxitudinal do ápice da raíz de cebola observado con microscopio óptico.

En botánica, denomínase caliptra,[1] cofia ou pilorriza á cobertura cónica que rodea o ápice da raíz dunha planta. Usualmente non é visíbel a simple vista (ollo espido).

Estrutura e función

[editar | editar a fonte]
Corte lonxitudinal dunha raíz: principais tecidos.

A caliptra consiste en tecido brando non diferenciado. A caliptra recobre, protexéndoo, ao tecido meristemático ou de crecemento, por cuxa proliferación por mitose orixínanse as células que, tras a súa diferenciación, forman a estrutura adulta da raíz. Detrás do meristema encóntranse o parénquima, os tecidos vasculares e, naquelas raíces que deben engrosar en anos sucesivos, os meristemas permanentes, responsábeis do crecemento secundario.

A caliptra subministra protección mecánica ás células meristemáticas cando a raíz crece a través do solo. Estas células son destruídas polo crecemento da raíz e a fricción co solo, pero son rapidamente substituídas por células novas xeradas por división celular na cara externa do meristema da raíz.

A caliptra tamén está implicada na produción de mucilaxe, que é unha substancia xelatinosa que cobre as células meristemáticas acabadas de formar. Estas células conteñen estatólitos, que son grans de amidón que se achan dentro da célula e son moi densos, polo que se moven en resposta á forza da gravidade, proporcionando á raíz a información necesaria para o seu crecemento.

A caliptra está formada por células parenquimáticas vivas que a miúdo conteñen amidón. As células dispóñense en fileiras radiais, das que as centrais forman un eixe chamado columela. As células apicais diferéncianse en células periféricas que, xunto coas células epidérmicas, segregan o mucixel, substancia viscosa composta principalmente por polisacáridos elaborados nos dictiosomas. As células periféricas despréndense a medida que a raíz se abre paso no solo.

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

A palabra caliptra deriva do latín renacientista calyptra, e esta do grego καλύπτρα kalýptra, termo formado polos elementos καλύπ- kalýp-, do grego καλύπτω kalýptō 'tapar', -τηρ / -τωρ / -τρ(ω) -tēr / -tōr / -tr(o) 'que fai', 'instrumento', e -α . En grego significa 'cuberta', 'carapucha' falando de roupa, e tamén 'tapa' noutros contextos; apareceu no século X como 'cuberta da semente'. Referida ao ápice da raíz empregouse por primeira vez en francés, como calyptre, por Van Tieghem e Douliot en 1888.[2]

Cofia é unha voz do latín tardío cofia, 'peza de ruopa feminina para tapar a cabeza' e tamén 'campá', 'sino', derivada do alto alemán antigo kupphya ou *ku(f )ja, 'tuoca', 'gorra'. Comezou a usarse neste sentido no século XII en francés, como coife, 'gorro usado debaixo do casco', 'arnés para a cabeza' (coiffe en francés moderno). No sentido botánico empezouse a usar no francés en 1704.[3][4][5][6][7]

Pilorriza

[editar | editar a fonte]

O termo pilorriza está formado polos elementos do latín científico pīlo-, tirado do grego antigo πῐλος pílos, 'feltro', 'gorro' e -rhizã, derivada do grego ῥίζα rhíza, 'raíz'. É un neoloxismo do século XIX e entrou no castelén en 1887.[8]

  1. Definición de caliptra no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. caliptra Arquivado 02 de abril de 2016 en Wayback Machine. en dicciomed.eusal.es Diccionario médico-biológico, histórico y etimológico.
  3. coif en Online Etymology Dictionary.
  4. coif en Dictionary.com
  5. coif en WordReference.com
  6. Font Quer, P. (1993).
  7. coiffe no Trésor de la langue française informatisé.
  8. pilorriza Arquivado 05 de abril de 2016 en Wayback Machine. en dicciomed.eusal.es Diccionario médico-biológico, histórico y etimológico.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Font Quer, P. (1993): Diccionario de Botánica. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0078-3.
  • Raven, J. A. & D. Edwards (2001): "Roots: evolutionary origins and biogeochemical significance" J. Exp. Bot. 52 (suppl 1): 381-401.
  • Strasburger, E. (1994): Tratado de Botánica. 8.ª edición. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0979-0.