Batalla de Naiso
Batalla de Naiso | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Percorrido das invasión godas dos Balcáns entre 267 e 269 | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
Imperio Romano | Bárbaros | ||||||||
Líderes | |||||||||
Marco Aurelio Claudio | Canabaudo | ||||||||
Baixas | |||||||||
Descoñecidas | Uns 10.000 guerreiros (estimación moderna)[1] |
A batalla de Naiso (ou Naissus) foi un enfrontamento armado, no 268 ou 269, entre unha coalición de tribos godas e o exército do Imperio romano, comandado polo emperador Claudio II o Gótico, na antiga cidade de Naiso (ou Naissus), hoxe Niš, na actual Serbia. O resultado da batalla foi unha contundente vitoria romana, que combinada coas campañas posteriores do emperador Lucio Domitio Aureliano, logrou eliminar a ameaza de invasións xermánicas na fronteira dos Balcáns durante as décadas seguintes.
Fontes
[editar | editar a fonte]Como adoita suceder na historia do Imperio romano durante o turbulento século III, é bastante difícil reconstruír a secuencia de acontecementos que levaron ao enfrontamento en Naiso. Os relatos contemporáneos da época, incluíndo a "Historia nova" de Zósimo, o "Epitome da historia" de Zonaras, a "Crónica selecta" de Xurxo Sincelo e a Historia Augusta, están baseados principalmente na "Historia" perdida do Dexipo ateniense, cuxo texto sobrevive só en citas indirectas da "Historia de agosto" do século IV e algúns fragmentos seleccionados de compilacións bizantinas do século IX.[2] A pesar da súa importancia para o período, Dexipo é considerado unha fonte "pobre" polo historiador moderno David S. Potter.[3] Aínda por riba, as obras que fan uso do texto de Dexipo (e, probablemente, doutro texto descoñecido) interpretan os acontecementos dun xeito radicalmente oposto.[4][5] A propaganda imperial na época da dinastía constantiniana sumouse á confusión atribuíndo todas as calamidades ao reinado de Galieno para evitar manchar a memoria de Claudio II (supostamente un devanceiro da dinastía).[6]
Como resultado, aínda hai moita controversia sobre o número de invasións, a orde dos acontecementos e a que reinado do emperador se debería atribuír un evento particular.[7][8] Tanto é así que, mesmo, séguese a debater quen era o emperador e o comandante do exército no momento da batalla, por exemplo. En 1939, Andreas Alföldi, partidario da teoría da invasión única, suxeriu que Galiano sería o único responsable de derrotar as invasións bárbaras, incluída a batalla de Naiso e, dende entón, a súa opinión foi amplamente aceptada desde entón; porén, estudosos máis modernos, xeralmente, atribúen a vitoria final a Claudio II.[9][10][6][11]
A teoría da invasión única tamén foi rexeitada a favor doutra que defende dúas invasións separadas. A narrativa seguinte, segue este punto de vista máis moderno, aínda que o lector debería ser consciente de que as probas son demasiado confusas para unha reconstrución completamente precisa.[12][13]
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]No 267, unha grande onda de tribos xermánicas dirixidas polos hérulos tomaron 500 barcos[14] e saquearon a costa occidental do Mar Negro, logo atacaron sen éxito Bizancio e máis Cícico[15] e foron derrotados pola frota imperial romana[16] dirixida por Veneriano, quen morreu no combate.[17] Porén, conseguiron fuxir cara ao mar Exeo, onde devastaron as illas de Lemnos e Esciro e as cidades das costas de Acaia[18] (equivalente ao sur da actual Grecia) como Corinto, Argos e Esparta e Atenas. O historiador grego Publio Herenio Dexipo mobilizou unha milicia de 2.000 atenienses[19] e conseguiu empurrar aos invasores cara ao norte[15] onde foron interceptados polo polo exército imperial, procedente de Iliria, comandado por Galieno. Os bárbaros intentaron formar un círculo cos seus carros e fuxir polas montañas próximas[20] pero Flavio Marciano impediullelo.[21] O monarca logrou unha gran vitoria preto do río Nesto coa axuda da cabalaría dálmata. Contabilizáronse 3.000 bárbaros mortos.[22] Posteriormente, o líder dos hérulos, Naulobato, chegou a un acordo cos romanos.[14]
Aínda que no pasado, tendíase a equipara e confundir a batalla de Nesto e a de Naiso, hoxe en día os autores modernos distinguen claramente ambas batallas e incluso cren que a primeira vitoria romana (Nesto) foi tan decisiva que as seguintes batallas dirixidas por Claudio II o Gótico non foron máis que unha campaña de "limpeza".[23] Despois da vitoria, Galieno apresurouse a regresar a Italia para se enfrontar ao usurpador Aureolus,[24][25][26] mais foi asasinado preto de Mediolanum polos seus oficiais[27] e Claudio II subiu ao trono e marchou a Italia para asegura-lo seu mando.[27][28][29] De contado, Claudio tivo que se enfrontar aos alamanos, que invadiran Recia e máis Italia e aos que derrotou na batalla do lago Benaco. Non foi ata entón cando finalmente puido facerse cargo dos bárbaros das provincias dos Balcáns.[30]
A batalla
[editar | editar a fonte]Forzas romanas
[editar | editar a fonte]Descoñécese o tamaño das forzas romanas, pero en base á Historia Augusta sábese que o legado de Lucio Domicio Aureliano tiña na rexión de Nicópolis un corpo que incluía a Legio III Gallica, 300 arqueiros iturianos, 600 armenios, 150 árabes, 200 sarracenos, 400 auxiliares mesopotámicos, 800 catafractas e 4 unidades de mercenarios xermánicos. O historiador británico John White sostén que o exército de campo creado por Galieno e mantido por Claudio, consistía nunha media de aproximadamente 30.000 soldados.[31]
Forzas bárbaras
[editar | editar a fonte]Mentres, os bárbaros lanzaron unha invasión aínda maior. Estes atacantes que foron denominados polas fontes antigas, xenericamente, "escitas",[32][33][34] eran en readlidade unha coalición de godos, hérulos, xépidos e bastarnas[35][36] que partiron da desembocadura do Tyras.[36] Os autores antigos indican que partiron de 2.000[37][38] a 6.000[36] barcos e 320.000 guerreiros,[39] mais é probable que esa cifra inclúa tamén aos non combatentes xa que mencionan que os bárbaros levaron as súas familias, escravos e carromatos,[40] o que significa que non foi unha expedición de saqueo senón todo un pobo migrando. É probable que a maior parte do continxente, especialmente o non militar, se movese ao longo da costa seguindo a frota.
Aínda que a cantidade antiga é esaxerada foi unha grande invasión.[41] Nas crónicas antigas, os exércitos bárbaros adoitaban ser esaxerados nun factor de dez,[42] e neste caso concreto, o británico Michael Grant rebaixou a cifra a 50.000 ou máis guerreiros.[43] Pola contra, o historiador alemán Bruno Bleckmann di que os cronistas só seguen a tradición iniciada por Heródoto de esaxerar moito os continxentes bárbaros. Non obstante, se se toma este enorme número como referencia, é posible afirmar que os godos podían mobilizar facilmente exércitos de 10.000 ou máis combatentes.[1] Os historiadores modernos sosteñen que as grandes confederacións de tribos xermánicas tiñan unha poboación media de 50.000 a 100.000 persoas, mentres que as máis pequenas eran de só 25.000.[44] Aproximadamente un quinto serían homes adultos capaces de loitar.[45]
A expedición saqueara as costas occidentais do mar Negro, incluíndo as cidades de Tomis,[36] Marcianópolis,[36][46]Bizancio[47][48] e Crisópolis.[49] Parte da frota naufragou pola escasa experiencia dos godos fronte as correntes de Propóntide.[48][50] Chegaron ao Exeo e un grupo partiu cara a Creta e Rodas, mentres a forza principal, despois de sitiala durante moito tempo, estivo a piques de tomar Tesalónica,[49][51][52] Cízico[53] e Casandrea, mais remataron por se retiraren ao decatárense da chegada de Claudio. No camiño saquearon Doberus (Peonia) e Pelagonia.[49] Parte das súas forzas tamén navegaron cara a Atenas pero foron rexeitados por unha frota de barcos dirixida por un tal Cleodemo.[54]
Outro grupo, atacou Éfeso e prendeu lume ao templo de Artemisa, unha das sete marabillas do mundo antigo.[55] Moitas cidades de Panfilia foron asediadas e moitas illas devastadas, Nea Anchialos e Nicópolis foron saqueadas e Macedonia,[56] Epiro, Tesalónica e Grecia tamén sufriron diversos ataques mentres os bárbaros vagaban libremente.[57]
A batalla
[editar | editar a fonte]Finalmente, atopáronse nas inmediacións de Naiso co exército imperial que viña do norte. Ao comezo da batalla, no encontro preliminar coa cabalaría dálmata de Aureliano, os godos perderon entre 1.000 ou 3.000 xinetes pero, coa vantaxe do número, conseguiron rexeitar aos romanos. Despois veu o enfrontamento principal, que foi moi disputado pois os dous bandos contaban con numerosas tropas e perderon un gran número de homes. Mais, no momento crítico da batalla, os romanos finxiron fuxir e, despois dun longo asedio, unha vez que os inimigos caeron na emboscada, atacaron de novo ao inimigo polo flanco e conseguiron a vitoria na que, segundo as fontes clásicas, tran unha loita corpo a corpo, mataron ou feriron entre 30.000 ou 50.000 godos.[58] O emperador afirmou que o campo estaba cuberto de cadáveres e armas, o campamento enimigo foi completamente tomado[59] e capturáronse tantas escravas que deu dúas ou tres a cada soldado.[60]
A maioría sobrevivente dispersouse en pequenos grupos,[61] con moitos combates en Moesia, especialmente arredor de Marcianópolis[62] e outros godos conseguiron escapar cara a Macedonia, aínda que a cabalería romana os perseguiu constantemente e castigaron a súa retagarda. Finalmente, os bárbaros foron rodeados e atrapados preto dos montes Balcáns, onde unha epidemia os diezmou[63][64] e tamén, por falta de subministracións, outros morreron de fame.[65] Os romanos atacaron o laarde e dedicáronse a saquealo, cando os xermanos contraatacaron aos lexionarios fuxiron[66] perdendo 2.000 soldados.[67] Ao coñece-la derrota, o emperador marchou en persoa con todo o seu exército para continuar as operacións.[68]
Despois dunha sanguenta pero inconclusa batalla, escaparon, para ser perseguidos até a súa capitulación.[69] Algúns morreron en Tracia e outros en Macedonia; moitos, foron capturados,[69] e outros foron admitidos no exército romano ou recibiron terra e foron asentados como colonos. Os membros da frota pirata, despois dos fracasados ataques a Creta e Rodas retiráronse e tiveron un final semellante ao resto dos godos.[69][70] Pero a epidemia tamén afectou aos romanos e o propio Claudio II caeu enfermo, morrendo no 270[71][72] no Sirmium.[73]
Unha ou dúas batallas?
[editar | editar a fonte]Existe unha controversia sobre se Galieno foi ou non o xeneral romano nesta batalla. O certo é que morreu nos arredores do actual Milán o 26 de setembro do 268 e a batalla, probablemente, sucedeu o ano seguinte.
A hipótese máis probable é que, en realidde, se producisen dúas batallas, ben no mesmo lugar ou en dous lugares diferentes pero con denominacións semellantes (Naiso e Nesto; ou Naissos e Nessos), o que explicaría a probable confusión das fontes que, de xeito xeral, atribúen a gloria a Claudio II. De ser así, a primeira batalla, teríase producido a finais do 267 o comezos do 268 e foi a gran vitoria de Galieno con Claudio e Aureliano como subordinados. Esta vitoria sería incompleta por mor da usurpación de Aureolus, polo que Galieno tivo que marchar axiña a Milán, onde morreu. A segunda batalla, produciríase a finais do 268 ou comezos do 269, sendo agora si, Claudio II, emperador.
Este foi foi premiado pola vitoria sobre os godos polo Senado, que era hostil a Galieno, co título de "Gótico", algo acreditado por tódalas fontes, e como Galieno foi rexeitado polo Senado e Claudio honrado, este traslado non sería posible se Galieno fose un emperador vencedor. Galieno tivo unha vitoria menor preto do río Nesto, que malia o seu nome semellante non debe confundirse con Naiso. Tamén hai que considerar que se Galieno lograra realmente unha gran vitoria, a materialización da conspiración que lle causou a morte en Milán sería moi descabellada. Dentro desta tese, a vitoria máis pequena de Nesto remóntase a 268, Galieno foi asasinado en setembro de 268 e a vitoria en Naiso debería trasladarse a 269.[74][75]
Consecuencias
[editar | editar a fonte]A importancia da vitoria foi tan grande que Claudio gañou o alcume de Gothicus Maximus ("conquistador dos godos"). Mais, por outra banda, a vitoria non derrotou completamente aos godos[13] e como tamén había outras zonas onde había problemas, como no leste con Zenobia de Palmira ou no oeste co imperio galo, a vitoria de Naiso apenas foi un respiro fronte aos problemas do imperio.[76]
Non obstante, só un ano despois, o novo emperador Aureliano rexeitou unha nova invasión de carpos e godos. A seguir, cruzou o Danubio e deu morte a Canabaudo e 5.000 dos seus guerreiros;[77][78][79] vitoria pola que tamén recibiu o título de Gothicus Maximus.[80] A pesar de todo, pouco despois abandonou a zona da provincia de Dacia ao norte do Danubio para racionaliza-la defensa do Imperio. De novo, godos e carpos tentaron aproveita-la retirada por etapas para invadir o sur da provincia, que aínda non se abandonara, polo que Aureliano volveu vencelos e conseguiu o título de Dacicus Maximus.[81]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Bleckmann (2012), p. 198.
- ↑ Potter (2004), pp. 232-233.
- ↑ Potter (2004), pp. 232-234.
- ↑ Potter (2004), pp. 641-642, nota 4.
- ↑ Bray (1997), p. 283.
- ↑ 6,0 6,1 Potter (2004), p. 266.
- ↑ Bray (1997), p. 279.
- ↑ Potter (2004), p. 263.
- ↑ Bray (1997), pp. 284-285.
- ↑ Watson (2003), p. 215.
- ↑ Wolfram (1988), p. 54.
- ↑ Bray (1997), pp. 286-288.
- ↑ 13,0 13,1 Watson (2003), p. 216.
- ↑ 14,0 14,1 Sincelo (1829), p. 717.
- ↑ 15,0 15,1 Polión. Gallieni duo 13.8
- ↑ Polión. Gallieni duo 13.6
- ↑ Polión Gallieni duo 13.7
- ↑ Polión. Gallieni duo 13.8
- ↑ Dexipo Fragmenta sedis incertae 28.10-13, extraído de Suidas (Dindorf, 1870: 199)
- ↑ Polión. Gallieni duo 13.9
- ↑ Polión. Gallieni duo 13.10
- ↑ Zósimo Libro 1; 43.2
- ↑ Forgiarini (2000).
- ↑ Zósimo 1.40.1
- ↑ Polión. Divus Claudius 5.1
- ↑ Zonaras 12.25
- ↑ 27,0 27,1 Zonaras 12.26
- ↑ Polión. Gallieni duo 16.1
- ↑ Zósimo 1.40.3
- ↑ Bray (1997), p. 290.
- ↑ White (2005), p. 33.
- ↑ Polión. Gallieni duo 13.6
- ↑ Zósimo 1.39.1, 1.40.1, 1.42.1
- ↑ Sincelo (1829), p. 716.
- ↑ Polión. Divus Claudius 6.2
- ↑ 36,0 36,1 36,2 36,3 36,4 Zósimo 1.42.1
- ↑ Marcelino 31.5.15
- ↑ Polión. Divus Claudius 8.1-2, 8.4
- ↑ Polión. Divus Claudius 6.4-5, 7.3, 8.2, 8.4
- ↑ Polión. Divus Claudius 6.6
- ↑ Goldsworthy (2009), p. 151.
- ↑ Waters (2014), p. 121.
- ↑ Grant (1984), pp. 231-232.
- ↑ Jones (1998), p. 266.
- ↑ Maier (1994), p. 126.
- ↑ Polión. Divus Claudius 9.3
- ↑ Polión. Divus Claudius 9.7
- ↑ 48,0 48,1 Zósimo 1.42.2
- ↑ 49,0 49,1 49,2 Zósimo 1.43.1
- ↑ Marcelino 31.5.15
- ↑ Polión. Divus Claudius 9.8
- ↑ Zonaras 12.26
- ↑ Amiano Marcelino 31.5.16
- ↑ Zonaras 12.26
- ↑ Goldsworthy 2009, p. 151
- ↑ Marcelino 31.5.16
- ↑ Marcelino 31.5.17
- ↑ Zósimo 1.43.2
- ↑ Polión. Divus Claudius 8.5
- ↑ Polión. Divus Claudius 8.6
- ↑ Zósimo 1.44.1
- ↑ Polión. Divus Claudius. 9.3
- ↑ Polión. Divus Claudius. 11.3
- ↑ Zósimo 1.45.2
- ↑ Zósimo 1.45.1
- ↑ Polión. Divus Claudius. 11.6
- ↑ Polión. Divus Claudius. 11.7
- ↑ Polión. Divus Claudius. 11.8
- ↑ 69,0 69,1 69,2 Zósimo 1.46.1
- ↑ Bray (1997), p. 282.
- ↑ Zósimo 1.46.2
- ↑ Sincelo (1829), p. 720.
- ↑ Zonaras 12.26
- ↑ Bray (1997), pp. 285-286.
- ↑ Wolfram (1988), pp. 53-54.
- ↑ Potter (2004), p. 270.
- ↑ Vopisco 22.2
- ↑ Grant (1984), pp. 247.
- ↑ Southern (2001), p. 225.
- ↑ Vopisco 30.5
- ↑ Grant (1984), pp. 229.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Fontes primarias
[editar | editar a fonte]- Amiano Marcelino. Historias. Libro XXXI. Digitalización en Perseus. Baseado na tradución latín-inglés por John C. Rolfe, editado por William Heinemann, Cambridge, MA: Harvard University Press, 1940
- Flavio Vopisco. Aurelianus (en latín) en Historia Augusta. Digitalizado por UChicago. Baseado na tradución latín-inglés por David Magie, 1932, Cambridge, MA: Harvard University Press, Volumen III de Loeb Classical Library.
- Sincelo, Xurxo (1829). Ἐκλογὴ Χρονογραφίας συνταγεῖσα ῦπὸ Γεωργίον Μοναχοῦ Συγκέλλου γεγονότος Ταρασίον Πατριάρχον Κωνσταντινουπόλεως ἀπὸ Ἀδὰμ μέχρι Διοκλητιανοῦ [Unha crónica selecta escrita por Xurxo Sincelo de Tarasio patriarca de Constantinopla, desde Adán ata Diocleciano]. Corpus scriptorum historiae byzantinae (en gr) (Bonn: Dindorf).
- Trebelio Polión. Divus Claudius (en latín) en Historia Augusta. Digitalizado por UChicago. Baseado na tradución latín-inglés de David Magie, 1932, Cambridge, MA: Harvard University Press, Volume III de Loeb Classical Library.
- Trebelio Polión. Gallieni duo en Historia Augusta. Digitalizado por UChicago. Baseado na tradución latín-inglés de David Magie, 1932, Cambridge: Harvard University Press, Volume III de Loeb Classical Library.
- Zósimo (1992). Candau Morón, José María, ed. Nueva Historia. Colección: Biblioteca Clásica Gredos, 174 (en castelán). Madrid: Editorial Gredos. ISBN 84-249- 1605-0.
Fontes secundarias
[editar | editar a fonte]- Bleckmann, Bruno (2012). "Von den Franken zu den Alamannen: Rom und die Germ anen am Vorabend der Völkerwanderung". En Puhle, Matthias; Köster, Gabriele. Otto der Große und das Römische Reich. Kaisertum von der Antike zum Mittelalter (en alemán). (Ausstellungskatalog). Ratisbona: Schnell & Steiner. pp. 197–203. ISBN 978-3795424916.
- Bray, John (1997). Gallienus: A Study in Reformist and Sexual Politics (en inglés). Cambridge, MA: Wakefield Press. ISBN 1-86254-337-2.
- Forgiarini, Tullio (2000). "A propos de Claude II: Les invasion gothiques de 269–270 et le role de l' empereur". En Frézouls, E.; Jouffroy, H. Les empereurs illyriens. Actes du Colloque Strasbourg, 11-13 octobre 1990. (en francés) (2ª ed.). París: Association pour l'etude de la civilisation romaine. pp. 81–86. ISBN 9782904337215.
- Goldsworthy, Adrian Keith (2009). La caída del Imperio Romano: el ocaso de Occidente (en castelán). Madrid: La Esfera de los Libros. ISBN 9788497348645.
- Grant, Michel (1984). Gli imperatori romani, storia e segreti (en italiano). Roma: Newton Compton. ISBN 88-541-0202-4.
- Jones, Michael E. (1998). The End of Roman Britain (en inglés). Ythaca, NY: Cornell University Press. ISBN 978-0-80148-530-5.
- Maier, Franz Georg (1994). Las Transformaciones del mundo mediterráneo: siglos III-VIII (en castelán). Madrid: Siglo XXI de España Editores. ISBN 978-8-43230-067-7.
- Mazzarino, Santo (1973). L'impero romano (en italiano). Bari.
- Milar, Fergus (1990). El imperio romano y sus pueblos limítrofes. Colección: Historia Universal Siglo XXI (en castelán) 8 (13ª ed.). Madrid: Editorial Siglo XXI. ISBN 84-323-0169-8.
- Potter, David S. (2004). The Roman Empire at Bay AD 180–395 (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 0-415-10058-5.
- Southern, Patricia (2001). The Roman Empire from Severus to Constantine (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 0-415-23943-5.
- Waters, Matt (2014). Ancient Persia: A Concise History of the Achaemenid Empire, 550–330 BCE (en inglés). Nova York: Cambridge University Press. ISBN 9781107652729.
- Watson, Alaric (2003). Aurelian and the Third Century (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 0-415-30187-4.
- White, John F. (2005). Restorer of the World: The Roman Emperor Aurelian (en inglés). Tonbridge, Kent (G.B.): Spellmount. ISBN 9781862272507.