Saltar ao contido

Hermerico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A versión para imprimir xa non se actualiza e pode conter erros de renderizado. Actualice os marcadores do seu navegador e empregue mellor a función de impresión propia do navegador.
Modelo:BiografíaHermerico

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 380 Editar o valor en Wikidata
Morte441 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata (60/61 anos)
Braga, Portugal Editar o valor en Wikidata
Rei dos suevos Gallaecia
411 – 438 – Requila → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónPaganismo xermánico Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloRei
Rei de Galicia Editar o valor en Wikidata
FillosCindazunda, Hunimundo, Requila Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePaulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft Editar o valor en Wikidata


Os reis e as raíñas da Galiza.
O fundador dun reino: Hermerico.
(Nós Diario, 30.08.2022)

Hermerico, tamén Ermengaire ou Hermenerico (en latín: Hermericus), nado na segunda metade do século IV e finado no ano 441, foi o primeiro rei do Reino Suevo de Galicia, gobernando dende o 409 até o seu retiro, en favor do seu fillo Requila, no ano 438.[1] A súa relixión era o paganismo xermánico e foi maioritariamente inimigo do Imperio Romano.

Traxectoria

Invasión de Gallaecia

Empurrados polos hunos, arredor de 30.000 suevos xúntanse aos vándalos e alanos na invasión do Imperio Romano de Occidente. En decembro do ano 406 Hermerico, que para algúns autores pertencía á tribo dos cuados,[2] dirixe o paso do Rin dos suevos, cruza a Galia e atravesa os Pireneos até Hispania.[3]

Repartición da Península

Dende o 409 ata o 411 realizouse unha repartición das provincias ibéricas entre os pobos xermanos.[4] O leste da provincia da Gallaecia, coa súa capital en Bracara Augusta, recaeu sobre os suevos, mentres que o oeste da provincia foi para os vándalos asdingos.[4]

Mentres que Theodor Mommsen cría que os suevos asinaron un foedus con Roma e Ernst Stein defendeu a existencia dun acordo co usurpador romano Magno Máximo segundo o cal recibiron a metade occidental da península, non hai evidencia primaria para ningunha alianza entre os suevos e Roma.[4] En 411, segundo Ludwig Schmidt, ou en 417, segundo Felix Dahn, Hermerico fixo un tratado co emperador romano Honorio, mais en realidade o único acontecemento datado no ano 411 foi a repartición de provincias polos dirixentes xermanos.

Hispania entre 409 e 426.


Guerra suevo-visigoda

No ano 416 os visigodos, liderados por Walia, declararon a guerra a Hermerico en nome de Roma[4] esperando obter un foedus a cambio de liberar a península dos xermánicos invasores. Tras varias batallas contra vándalos e alanos, no 418 o emperador Honorio cambia de plan e cédelles aos visigodos Aquitania, onde Walia asenta a capital en Tolosa, deixando os suevos en paz.

Guerra suevo-vándala

En 419, despois dunha disputa entre Hermerico e o rei vándalo Gunderico, os vándalos atacaron os suevos e atraparon ao exército de Hermerico na batalla dos montes Nervasos. O xeneral romano Asterio intervén a favor dos suevos e os vándalos retroceden, marchando cara á Bética.[5] Despois de que os vándalos abandonasen a península cara a África no ano 429, Hermerico permaneceu pacífico, mais no ano 430 comezou a atacar Gallaecia.[5]

Campañas de suevos, vándalos e Imperio romano de Occidente durante a guerra suevo-vándala.

Invasión da Lusitania

En 429 aparece citado na crónica de Hidacio un líder militar suevo chamado Heremigario que dirixiu unha expedición sueva cara a Lusitania. Puido ser un monarca conxunto con Hermerico ou ser el mesmo, mais non hai unha fonte primaria que o confirme.[6]

Lenda de Coímbra

A principios do século V, o rei dos alanos Ataces despois de conquistar Aeminium e Conímbriga, decidiu fundar outro asentamento na marxe dereita do río Mondego no lugar de Aeminium. Cando Ataces dirixía a construción desta nova cidade chamouna Colimbria, a actual Coímbra, en honra á antiga Conímbriga. ⁣Hermerico e o seu exército apareceron para tomar posesión da cidade. O combate entre as dúas faccións foi tan cruento que as augas do Mondego acabaron por tinguirse de vermello. Hermerico retirouse cara ao norte, pero Ataces foi tras el e o rei suevo viuse obrigado a pedir a paz. Para iso, ofreceulle ao vencedor a man da princesa Cindazunda, a súa filla.

A lenda di que Cindazunda era extremadamente fermosa e que Ataces pronto se namorou dela. A parella real chegou a Coímbra acompañada do seu pai e axiña se realizaron os casamentos e unha voda con toda a magnificencia. Para conmemorar un acontecemento tan extraordinario Hermerico e Ataces entregáronlle á cidade de Coímbra os seus escudos, que aínda hoxe segue sendo o escudo de Coímbra: a doncela coroada é Cindazunda, a copa representa o matrimonio, o león é o selo de Ataces e o dragón ou serpe alada o selo de Hermerico.[7][8][9]

Escudo actual de Coímbra.

Gallaecia Regnum

Moeda de ouro sueva datada entre os anos 410 e 500.

No 430 Hermerico comezou a atacar as poboacións e fortalezas dos nativos galaico-romanos para conseguir o control completo da Gallaecia. Segundo a crónica de Hidacio os plebeos galaicos fixéronse fortes nos lugares mellor fortificados e derrotaron a Hermerico e os seus homes, causándolles moitas baixas e tomando moitos prisioneiros, o cal obriga aos suevos a liberaren as familias dos galaicos que estaban cativas.[10] En 431 Hidacio pediu axuda a Flavio Aecio para loitar contra os suevos, que continuaban tendo unha política belixerante fronte á poboación autóctona, o que levou a que se enviasen novas embaixadas coa intención de asinar un novo tratado.

Diplomacia con Roma

No ano 432 iniciáronse estas novas conversacións con Roma. Aecio tampouco puido dirixir persoalmente as discusións, xa que se enfrontaba nese momento aos francos na Galia, polo que tivo que delegar no comes (conde) Censorio, que a pesar de ir persoalmente a Gallaecia non conseguiu o asinamento dun pacto de paz.

Hidacio novamente asume a responsabilidade da misión e finalmente conseguiu a firma dun novo foedus no ano 433, que porén non impide que se quebranten os tratados, os cales houbo que ratificar nos anos 437 e 438.

En 435 Hermerico negocia a través do bispo católico Simposio directamente co emperador romano de occidente.[11]

Durante o reinado de Hermerico producíronse os primeiros enfrontamentos coa xerarquía relixiosa, derivados do nomeamento de cargos eclesiásticos que provocan disputas entre o monarca suevo e Agrestio, bispo de Lucus Augusti.

Regnum

No 437 Censorio volve a Gallaecia. Desta vez, Censorio e Hidacio conseguen que Hermerico estableza un novo foedus co Imperio Romano por medio do cal o seu pobo xa asentado na provincia de Gallaecia, constituiríase como regnum (reino) federado por Roma baixo o goberno dun rex (rei) que acepta como xefe a autoridade do emperador. Esta foi a primeira que vez que se outorgou este título en toda Europa, convertendo o Reino de Gallaecia no primeiro estado monárquico con administración independente de Roma.

De acordo cos manuscritos Historia Suevorum do historiador Isidoro de Sevilla, o reinado de Hermerico dura trinta e dous anos, mais outro manuscrito cifra a duración do seu reinado en catorce anos.[3]

Abdicación

Despois de sete anos de enfermidade, as circunstancias físicas forzan a Hermerico a abdicar a coroa no ano 438, pasando o goberno de todo o reino de Galicia, así como os territorios meridionais conquistados, ao seu fillo e herdeiro Requila,[5] confirmando deste xeito a sucesión patrilineal nos hábitos de transferencia de poder entre os monarcas suevos[5], como sucedía cos francos, e diferindo xa desde entón da sucesión electiva propia doutros pobos xermánicos como os visigodos. Hermerico marcará unha liñaxe real, da cal non se coñece a orixe mais si a fin, que se produce no ano 456, coa morte do seu neto Requiario.[6]

Hermerico
Nacemento:  ? Falecemento: 441


Títulos Reais
Precedido por
Novo título


Rei de Galicia
409–438
Sucedido  por
Requila
Outros títulos
Precedido por
Nova titulación
en Galicia


Rei dos Suevos
406–438
Sucedido  por
Requila

Notas

  1. Thompson, 217. Foi mencionado por Hidacio no ano 419, sendo Isidoro quen o describe como rei dende o ano 406.
  2. Bernardez Vilar, Xoán (17/08/2017). "Chronica Hermirici, Regis Suevorun et Gallaeciae". xoanbernardezvilar.blogspot.com. Consultado o 08/10/2021. 
  3. 3,0 3,1 Thompson, 129 and 306n32.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Thompson, 153–154.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Thompson, 165.
  6. 6,0 6,1 Thompson, 166.
  7. "Heráldica, Coimbra Cámara Municipal". 
  8. "Escudo de armas da Cidade de Coímbra". Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2022. Consultado o 05 de outubro de 2022. 
  9. "Lendas". Castelos e Muralhas do Mondego. 
  10. Thompson, 178.
  11. Thompson, 179 e 301n94.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas