Ducado de Nápoles
O Ducado de Nápoles nun principio foi unha provincia bizantina dirixida por un gobernador militar (dux). Como noutros territorios bizantinos de Italia, a nobreza local dá convertido o ducado nun estado autónomo e a volver hereditario o cargo de duque. O estado, que durou outros cinco séculos na alta Idade Media, tamén se coñece co nome de Ducado napolitano.
Territorio
No século VII o ducado comprendía, ademais de Nápoles, a estreita área das zonas costeiras (como as veciñas Amalfi e Gaeta) que os longobardos non deran feito a conquistar. Estendíase tamén na área da actual provincia de Nápoles comprendendo, ademais da cidade, o vesubiano, a península sorrentina, a área flegrea, Afragola, o nolano, o aversano e as illas de Ischia e Procida. Ao principio do século IX o Ducado comprendía tamén Salerno[1]. No 866 a illa de Capri foi doada a Amalfi como consecuencia dun tratado. a poboación da capital, Nápoles, oscilaba daquela entre os trinta mil e os trinta e cinco mil habitantes. o pazo ducal estaba situado no antigo barrio de Nilo, entre o actual outeiro de Monterone e Spaccanapoli. O complexo estaba caracterizado por patios, pórticos e xardíns.
Orixes e historia
O patriciado napolitano da época ducal estaba representado polas chamadas "familias magnaticias", inscritas nos asentos da cidade medieval: entre elas merecen mención a liñaxe dos Capece, dos Ferrario, dos Melluso, dos Pappansogna, dos Boccia, dos di Gennaro, dos Russo e dos Morfisa, que tiveron particular importancia na vida civil da cidade a partir do século X.
A data de nacemento do Ducado de Nápoles é incerta. Se é certo en efecto que en Nápoles había un dux (duque) ata a guerra gótica (o primeiro foi Conón, nomeado por Belisario), é ben certo tamén que ao principio non tiña poderes civís senón só militares (a máxima autoridade civil era o Iudex Campaniae). A formación do Ducado foi un proceso gradual, que levou a unha cada vez maior importancia do dux, que no 638 se converteu finalmente na máxima autoridade civil e militar.
Do 638 en adiante, os poderes civís e militares centralizáronse nun duque (dux), nomeado polo emperador e sometido ao exarca de Rávena e despois do fin do exarcado ao stratega de Sicilia.
No 661, diminuído o perigo longobardo, Constante II, nomeou duque a Basilio, un funcionario local: foi o primeiro paso cara a formación dun estado independente de Bizancio. No 763, o duque Estevo II de Nápoles cuñou moedas locais, coa efixie do patrón e o propio monograma. Segundo algúns historiadores comeza neste momento a autonomía do Ducado, que, porén, continuou a formar parte, polo menos nominalmente, do Imperio bizantino. No 818, á morte do duque Antimo, Nápoles volveu por un breve período so o control directo dos bizantinos, que enviaron os funcionarios propios Teoctisto e o protospatario Teodoro a gobernar a cidade. No 821, con Estevo III, o cargo ducal volveu á clase dirixente local. En Palermo no 831 estableceuse a dinastía árabe, pero xa en Nápoles se entrevé unha política filo-musulmá en vista dunha proxección máis mediterránea que continental do Ducado[2].
Un ulterior paso significativo cara a completa autonomía foi dado en 840 cando o duque Serxio I de Nápoles declarou hereditario o cargo ducal.
O Ducado de Nápoles viuse envolto, desde o seu nacemento e por toda a súa existencia, nunha continua e case ininterrompida secuencia de guerras, principalmente defensivas, contra a presión dos seus poderosos e numerosos veciños. Entre estes, principalmente, os principados longobardos de Benevento, de Salerno e de Capua, os corsarios sarracenos, os emperadores bizantinos, os pontífices e, finalmente, os normandos, que o conquistaron definitivamente no 1137, poñendo fin á súa historia.
No 836 os napolitanos deberon aliarse cos sarracenos para facer fronte ao enésimo asedio dos príncipes de Benevento (o quinto en vinte anos); no 846 e no 849 de novo derrotaron a frota sarracena en dúas batallas navais en Ostia e Gaeta, coa axuda dos bizantinos e dos amalfitanos. No século X ademais, deberon defenderse tamén das miras do emperador Odón II de Saxonia
No 1027 o duque Serxio IV de Nápoles doou o condado de Aversa á banda de mercenarios normandos de Rainulfo Drengot, que os flanquearan na enésima guerra contra o principado de Capua, creando así o primeiro asentamento normando na Italia meridional. Desde a base de Aversa, ao cabo dun século, os normandos estarán en posición de someter toda a parte meridional de, dando vida ao reino de Sicilia. o Ducado de Nápoles foi precisamente un dos últimos territorios a caer en mans normandas, coa capitulación do duque Serxio VII de Nápoles no 1137.
Listaxe dos duques de Nápoles
A seguir vai un elenco cronolóxico dos duques de Nápoles, que rexeron o Ducado de Nápoles desde 598 (institución do ducado) ao 1137 (conquista normanda de Nápoles):
Duques sen título hereditario
- Maurenzio (598 ou 599).
- Godiscalco (599-600).
- ... (600-603).
- Gonduíno (603-60?).
- ... (60?-610).
- Xoán de Compsa (antes do 610-616).
- ... (616-661).
- Basilio do 661 ao 666 (nomeado polo emperador bizantino Constante II).
- Teofilacto I do 666 ao 670.
- Cosme do 670 ao 672.
- André I do 672 ao 677.
- Cesario I do 677 ao 684.
- Estevo I do 684 ao 687.
- Bonelo do 687 ao 696.
- Teodosio do 696 ao 706.
- Cesario II do 706 ao 711.
- Xoán I do 711 ao 719.
- Teodoro I do 719 ao 729.
- Xurxo do 729 ao 739.
- Gregorio I do 740 ao 755.
- Estevo II do 755 ao 800 (estableceu en 763 a independencia formal do imperio bizantino, asociou ao poder o seu fillo Cesario, e despois o outro fillo Gregorio II do 788 ao 794).
- Teofilacto II do 794/800 ao 801.
- Antimo do 801 ao 818.
- Teoctisto de Nápoles do 818 c. Ao 821 (este período foi cuberto por un representante do imperio Bizantino, para poñer termo a unha guerra de sucesión).
- Teodoro II no 821.
- Estevo III do 821 ao 832.
- Bono do 832 ao 834.
- León no 834.
- André II do 834 ao 840.
- Contardo no 840.
Duques con título hereditario
Estes duques foron máis independentes cós seus predecesores e non foron escollidos polo emperador, senón que foron os descendentes de Serxio I, que foi elixido polos cidadáns.
Dinastía Sergii
- Serxio I do 840 ao 864 (conde de Cumas).
- Gregorio III do 864 ao 870.
- Serxio II do 870 ao 877.
- Atanasio do 878 ao 898.
- Gregorio IV do 898 ao 915.
- Xoán II do 915 ao 919.
- Marino I do 919 ao 928.
- Xoán III do 928 ao 968.
- Marino II do 968 ao 977.
- Serxio III do 977 ao 998.
- Xoán IV do 998 ao 1002.
- Serxio IV do 1002 ao 1027 (ano no que doou o condado de Aversa a Rainulfo Drengot, primeiro cabaleiro normando na Italia meridional) - do 1027 ao 1030 o ducado foi dirixido por Pandolfo IV de Capua - (2ª rexencia) do 1030 ao 1036.
- Xoán V do 1036 ao 1042.
- Serxio V do 1042 ao 1082.
- Serxio VI do 1082 ao 1097 ou 1107.
- Xoán VI do 1097 ou 1107 ao 1120/1123.
- Serxio VII do 1120/1123 ao 1137 (conquista normanda de Nápoles).
Véxase tamén
Bibliografía
- Francesca Luzzati Laganà, Il ducato di Napoli, pp. 327–338 in Storia d'Italia diretta da G. Galasso, vol. III: Il mezzogiorno dai Bizantini a Federico II, UTET, 1983.
Outros artigos
- Duques de Nápoles.
- Exarcado de Italia.
- Imperio romano de Oriente.
- Ducado de Roma.
- Reino de Nápoles.
- Reino de Sicilia
- Reino das Dúas Sicilias.
Notas
- ↑ "Sapere.it". Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2014. Consultado o 18 de xuño de 2013.
- ↑ C. Villa, L’Italia mediterranea e gli incontri di civiltà, Laterza, Roma-Bari 2001, p. 61.