Winston Churchill
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Winston Leonard Spencer-Churchill, nado no pazo de Blenheim, na comarca de Oxford, o 30 de novembro de 1874 e finado en Londres o 24 de xaneiro de 1965, foi un político e escritor británico, coñecido polo seu liderado no Reino Unido durante a segunda guerra mundial. Así mesmo desempeñou labores de periodista, soldado e pintor, este último no seu lecer. Foi gañador do Premio Nobel de Literatura no ano 1953.
Traxectoria
editarMocidade
editarDescendente directo de John Churchill, primeiro duque de Malborough, título que herdaría o seu curmán, Churchill foi o maior de dous irmáns, fillos de Lord Randolph Churchill e Jeanette Jerome, filla dun multimillonario americano.
Winston Leonard Spencer-Churchill naceu o 30 de novembro de 1874 no pazo de Blenheim, preto de Woodstock, na comarca de Oxford, nomeado así por unha das batallas que gañou o seu máis célebre antepasado, John Churchill, primeiro duque de Marlborough. Seu pai, o político Lord Randolph Churchill, era o terceiro fillo do Sétimo Duque de Marlborough, e a súa nai, Lady Randolph Churchill, cuxo nome de solteira era Jeanette Jerome, era a filla do millonario americano Leonard Jerome.
A infancia de Churchill, como a de moitos mozos de clase alta de Inglaterra daquela, estivo marcada pola separación dos seus pais, enviado interno a varios colexios e poucas veces visitado pola súa nai e polo seu pai, ós que botaba de menos. Churchill desenvolveu tamén unha estreita relación coa súa neneira, unha das poucas persoas que o chamaba Winnie, e lamentou moito a súa morte anos despois.
No ano 1893 uniuse á Real Escola Militar de Sandhurts, graduándose dous anos despois sendo o oitavo da súa clase, e asumindo o posto de Segundo Tenente da carta unidade de cabalaría húsar.
Os tempos de soldado
editarChurchill foi destinado á India, onde participou en poucas operacións militares pero desenvolveu unha paixón polo deporte do Polo, aínda que mancándose no ombro, unha lesión que se lle repetiría a miúdo dende entón. Foi na India onde comezou a escribir, e a partir de 1895 compaxinaría o seu posto militar co periodismo. En 1895 vai a Cuba como observador militar e como periodista do Saturday Review, acompañando o exército de España nas operacións contra os independentistas. En 1898 acompaña, en condición de reporteiro, a 21ª unidade de lanceiros na Batalla de Omdurman, no Sudán.
Mentres tanto, comezaba a facer política, falando nalgúns mitins dos ''torys'', e mesmo presentándose, perdendo, no distrito de Oldham. Arthur Balfour, líder do Partido Conservador naquel tempo, di de Churchill que "pensei que era un mozo prometedor, pero parece que é un home de promesas". Trala derrota, Churchill é correspondente de guerra na segunda guerra anglo-bóer entre o Reino Unido e os Afrikaaners en Suráfrica. É capturado polos Boer nunha emboscado a un convoi británico, e protagoniza unha espectacular fuga dun campo de concentración de Pretoria, chegando a cruza-la fronteira con Mozambique e chegar ó porto de Lourenço Marques (agora chamado Maputo). Esta fuga dálle fama no seu país de orixe.
Entrada en política
editarTras adquirir gran sona pola súa fuga de Pretoria, Churchill da conferencias en Inglaterra e preséntase de novo en Oldham nas eleccións xerais de 1900; desta vez gañaría, dando comezo a unha carreira ministerial que duraría 62 anos, divididos en dous períodos, de 1900 a 1922 e de 1924 a 1964. Nun primeiro lugar foi membro do Partido Conservador, pero en 1904 cambiaríase ó Partido Liberal tras diverxer da liña do seu partido en materia de proteccionismo e impostos.
Nas eleccións de 1906, Churchill preséntase e gaña en Manchester, e no goberno liberal de Henry Campbell-Bannerman é subsecretario de estado das colonias. Churchill axiña se converteu nun dos membros do goberno non ministros máis destacábeis, e cando Herbert Henry Asquith sucede a Campbell-Bannerman como primeiro ministro, Churchill é nomeado presidente da Cámara de Comercio e polo tanto entra no gabinete de goberno.
Non embargantes, segundo as leis daquela alguén ascendido a ministro tiña que gañar outras eleccións no seu distrito, e Churchill perde en Manchester fronte ó conservador William Joynson-Hicks, pero pronto recupera un escano presentándose na cidade escocesa de Dundee.
Carreira ministerial
editarComo presidente da Cámara de Comercio, Churchill impulsou importantes reformas sociais en conxunción con David Lloyd George, por aquel entón ministro de facenda(Chancellor of the Exchequer); Lloyd George e Churchill farían parella política durante non pouco tempo de alí en diante. En 1910 Churchill foi nomeado ministro do interior, onde foi protagonista dunha curiosa polémica no transcurso dunhas folgas en 1911. No famoso episodio do Asedio a Sidney Street, a garda escocesa estaba a loitar cuns anarquistas na mesma rúa, é Churchill foi fotografado moi preto da acción. Esta actitude imprudente xerou moita polémica, e de novo destaca unha cita de Arthur Balfour sobre o comportamento de Churchill: "El e mais un fotógrafo estaban ámbolos dous arriscando valiosas vidas. Entendo o que facía o fotógrafo, pero, que facía alí o Honorable Cabaleiro?".
En 1911 Churchill é nomeado Primeiro Lord do Almirantado, un posto equivalente ó de Ministro de Mariña se o houbese en España, posto que conservaría ata ben entrada a primeira guerra mundial. Neste posto levaría a cabo unha importante política de carreira militar no ámbito naval competindo co II Imperio Alemán do kaiser Guillerme II.
A primeira guerra mundial
editarCando comeza a primeira guerra mundial, Churchill está no Almirantado e xunto con outros políticos e militares planea o posteriormente desastroso desembarco dos Dardanelos, que levou á batalla de Gallipoli, onde os aliados sufriron moitas baixas. Churchill foi o bode expiatorio deste suceso e foi chamado durante algún tempo "o carniceiro de Gallipoli", e as súas outras iniciativas militares (como un desembarco aliado en Pomerania) non foron escoitadas, ata que a entrada dos conservadores no goberno de Asquith fixo que Churchill fose destituído do seu posto, e nomeado Chanceler do Ducado de Lancaster, un posto de ministro sen carteira pero membro do gabinete.
Pouco despois Churchill dimitiría e volvería ó exército para servir na fronte occidental, compaxinando a guerra co seu labor como parlamentario. Unha anécdota curiosa é que un dos soldados ás súas ordes (Churchill tiña o rango de coronel) foi Archibald Sinclair, que logo sería o líder do partido liberal durante a segunda guerra mundial. Outra anécdota interesante da participación de Churchill na primeira guerra mundial é a súa contribución ó invento do tanque, recoñecida anos despois.
De volta á política
editarEn decembro de 1916, Asquith renunciou como primeiro ministro e foi substituído polo galés Lloyd George, que decidiu meses despois, en xullo de 1917, traer de volta a Churchill coma ministro de municións, cargo que desempeñaría ata o final da guerra. Logo desta sería ministro de defensa e ministro do aire, sentando as bases da futura RAF. Durante a guerra civil rusa, logo da revolución bolxevique, Churchill apoiaría a intervención da Gran Bretaña na guerra por parte das forzas brancas, o que lle supuxo críticas da oposición e da opinión pública, e logo da retirada das tropas apoiou o envío de armas a Polonia para a súa loita coa flamante URSS polo control do oeste de Ucraína. Churchill foi nomeado ministro para as colonias e foi o responsable das negociacións do Tratado Anglo-Irlandés de 1921, que estableceu o Estado Libre de Irlanda dentro da Commonwealth.
En 1923 presentouse coma candidato liberal por Leicester, sendo derrotado. Foise achegando cada vez máis ao Partido Conservador, ata que en 1925 se uniu xa formalmente ao partido. Un ano antes foi nomeado ministro de Facenda. Á fronte deste ministerio supervisou a volta do Reino Unido para o patrón Ouro, dando lugar a un período de suba do desemprego e diversas folgas que desembocarían na folga xeral de 1926. A súa actuación valeulle as críticas do economista John Maynard Keynes, e el mesmo recoñecería os seus erros máis tarde.
Tamén crearon polémica os seus comentarios acerca do réxime de Benito Mussolini, cando afirmou que lle fixera un servizo ao mundo por impedir unha revolución comunista en Italia. Finalmente, en 1929, o goberno conservador perdeu as eleccións, chegando ao poder o laborista Ramsay McDonald.
Anos trinta
editarChurchill foi un dos poucos políticos da época que axiña se decataron do perigo que podía supoñer a fase de rearmamento que estaba a desenvolver a Alemaña nazi de Adolf Hitler. Insistiu especialmente na importancia de que os alemáns non obtivesen a superioridade aérea, pero foi desoído e en 1938 a Luftwaffe xa superaba claramente a RAF. Afastado por aqueles anos da política partidista, observou preocupado como a política condescendente do tamén conservador e primeiro ministro Neville Chamberlain con Hitler conducía o país para o desastre.
Os acontecementos precipítanse. O goberno de Chamberlain oponse á anexión de Abisinia por parte de Mussolini, pero a Liga de Nacións non adopta ningunha sanción contra o goberno italiano. Hitler ocupa o corredor do Rhin, primeiro, e anexiónase Austria, despois. Logo pon a súa ollada en Checoslovaquia. Perante esta situación, a Unión Soviética de Stalin propón un acordo a Francia e ao Reino Unido de intervir militar se Alemaña invade Checoslovaquia, proposta que apoia Churchill, mais nin Chamberlain nin o goberno francés a admiten. Así, Hitler invade Checoslovaquia sen resitencia. Chamberlain viaxa entón a Múnic coa idea de lle facer desistir a Hitler de calquera outra pretensión territorial a cambio de que o goberno de Praga recoñecese unha autonomía especial á rexión checa dos Sudetes de maioría alemá. O führer finxe aceptar o acordo e Chamberlain pronuncia, á súa chegada a Londres, o seu discurso da Paz deste século, no que exhibe o acordo coma o garante dunha paz para toda unha era. Mais Curchill desconfía e repróchalle a Chamberlain nestes termos:
You were given the choice between war and dishonour...you choose dishonour and you will have war
Déronvos a escoller entre guerra e deshonra...escollestes deshonra e teredes guerra
Efectivamente, o incumprimento do acordo por parte de Hitler ao invadir Polonia o 1 de setembro de 1939 obriga o goberno de Chamberlain a lle declarar a guerra a Alemaña. Francia secúndao. A segunda guerra mundial dá comezo en Europa e nela Winston Churchill ía ter un protagonismo capital.
Segunda guerra mundial
editarAo se iniciar a guerra Churchill é nomeado Primeiro Lord do Almirantado. Encárgaselle a misión de fortalecer a base naval escocesa de Scapa Flow para impedir que a mariña alemá atacase os barcos mercantes das colonias. Planificou a toma dos portos do norte de Noruega para lle subministrar armamento a Finlandia, que fora invadida pola URSS, e os de Suecia, para interceptar os continxentes de ferro que ían para Alemaña. Porén, Hitler anticípase e invade Dinamarca e Noruega, neutrais ata daquela. Churchill contraataca e envía unha frota a Noruega, pero fracasa perante os alemáns. O fracaso na operación pon a Chamberlain contra as cordas; finalmente, o primeiro ministro dimite e Churchill substitúeo o 11 de maio de 1940. Dous días despois pronuncia o seu soado discurso, no que asegura non ter máis que ofrecer que sangue, suor, esforzo e bágoas.
No final do mesmo mes o exército nazi ataca os Países Baixos, Bélxica e Francia. Ao principio, Churchill confía na resistencia das tropas francesas, pero ao viaxar a París e saber que o país galo non tiña preparado un exército de reserva as súas esperanzas esvaécense. Na fronte, ao norte de Sedán, estaba destinado un continxente británico de 200.000 homes que son rodeados polas forzas alemás. Churchill, aconsellado por Lord Gort, ordena o retroceso das tropas británicas cara a Dunkerque para seren evacuados pola Canle da Mancha. Durante a evacuación, Hitler non ataca os británicos e limítase a fustrigalos polo aire. Esta decisión do ditador alemán ten sido interpretada como un intento de forzar unha alianza co Reino Unido, pero Churchill atribuíuna a problemas coa subministración de combustible.
A capacidade oratoria de Churchill supuxo unha fonte de ánimo para o pobo británico. Soados foron os seus discursos durante a batalla de Inglaterra, das que podemos extraer citas como esta:
Defenderemos a nosa illa, calquera que sexa o custo; pelexaremos nas praias, pelexaremos nos sitios de desembarque, pelexaremos nos campos e nas rúas, pelexaremos nos outeiros: nunca nos renderemos
Ou estoutra:
Nunca, no campo do conflito humano, tanta xente lle debeu tanto a tan poucos
(en referencia aos pilotos británicos que libraron a batalla)
Logo do afundimento do cruceiro HMS Hood durante a batalla do Estreito de Dinamarca, o 24 de maio de 1941, ás mans do acoirazado alemán Bismarck, Churchill ordenou o afundimento deste, que se fai efectivo tres días despois, eliminando así unha perigosa ameaza para a subministración dos británicos.
A súa boa relación co presidente estadounidense Franklin Delano Roosevelt asegurou a subministración de envíos vitais dende o país norteamericano ao Reino Unido, ademais de resultar un aliciente para a entrada dos Estados Unidos no conflito. Durante o transcurso da guerra, Churchill mantivo ata doce reunións con Rooselvelt para discutiren a estratexia a seguir.
Algunhas decisións do primeiro ministro británico foron, cando menos, controvertidas. A súa indiferenza perante a fame que asolou a rexión de Bengala, na India, que ocasionou a morte de dous millóns e medio de persoas, foi interpretada como un intento de deixar a zona arrasada fronte unha hipotética invasión xaponesa, cuxas tropas invadiran Birmania e ameazaban as posesións británicas na India. Tamén apoiou o bombardeo de Dresde, malia que a cidade alemá carecía de valor estratéxico e a inmensa maioría das vítimas foron civís.
Posguerra
editarO papel de Churchill tamén foi crucial nos diversos acordos que se sucederon tras a fin da guerra. Foi un dos líderes da Conferencia de Potsdam, que, xunto con Harry S. Truman e Stalin, decidiron sobre a reordenación das fronteiras en Europa e Asia e os pasos a seguir na reconstrución das desfeitas da guerra. Os seus empeños en impedir que Polonia caese baixo a esfera de influencia da Unión Soviética foron, porén, en van. Defendeu a idea dunha Europa unida como mellor instrumento para evitar futuros conflitos entre Francia e Alemaña, aínda que pensaba que o Reino Unido non debía facer parte desa unión, ligando o seu futuro ao dos Estados Unidos.
Malia ao seu indiscutible protagonismo durante o conflito mundial e a súa popularidade, Churchill non puido revalidar o seu cargo de primeiro ministro nas eleccións de 1945, sendo derrotado polo laborista Clement Attlee, quen o substituíu como representante británico en Potsdam. As súas posturas en contra de mellorar a educación e a sanidade pública, así como a mala xestión dos anteriores gobernos conservadores dos anos 30, son, segundo algúns historiadores, algunhas das causas que poden explicar a viraxe á esquerda do electorado británico, dándolle as costas a quen conducira o país á vitoria durante a segunda guerra mundial.
Logo da derrota do nazismo, o comunismo pasou a ser a obsesión do político inglés. Foi el quen popularizou o termo do pano de aceiro en 1946 para se referir á Europa dividida durante a guerra fría entre os bloques capitalista e comunista.
Segundo mandato (1951-1955)
editarNas eleccións de 1951 o Partido Conservador derrotou o Partido Laborista, o que permitiu recuperar o poder a Churchill. O seu segundo mandato resultou máis polémico, caracterizado polo intervencionismo militar no estranxeiro e intentando no plano doméstico evitar a chegada de inmigrantes á Gran Bretaña (chegou a afirmar que a frase Manter a Gran Bretaña branca sería un bo slogan).
Churchill era un defensor da idea de Imperio Británico e, quizais anacronicamente, pulou por conservar os restos do imperio forxado no século XIX. Para tal efecto, apoiado polo presidente estadounidense Dwight D. Eisenhower, deseñou o golpe de estado acontecido no Irán en agosto de 1953. A razón desta intervención, en flagrante contradición cos valores democráticos que apaixoadamente defendera no transcurso da loita contra o nazismo, foi a decisión do goberno iraniano de Mohammed Mossadeg de nacionalizar a compañía petroleira Anglo-Iranian Oil, o que implicaba a perda das substanciosas ganancias económicas que viña mantendo o Reino Unido ao controlar a produción petrolífera iraniana. O golpe de estado, bautizado co nome de Operación Ajax, foi un éxito e as potencias anglófonas colocaron no poder o coronel Fazllolah Zahedi, monicreque ao servizo dos intereses británicos, aínda que quen realmente pasou a ostentar o poder absoluto foi o monarca Mohammad Reza Pahlavi. Tras o golpe sucedéronse os asasinatos de líderes do Tudeh, o Partido Comunista de Irán.
En 1952 tivo que se enfrontar a unha insurrección de rebeldes kenyatas contra a administración colonial británica, coñecida co nome de Rebelión do Mau Mau. Aínda que os rebeldes foron derrotados militarmente polas tropas británicas, Kenya logrou finalmente a independencia en 1963.
Por outro lado, Malaisia viña loitando pola súa independencia dende 1948. Churchill intensificou as accións militares contra os insurrectos malaios, ao mesmo tempo en que aplicaba a vella táctica do "divide e vencerás", procurando alianzas con algúns sectores da poboación. Malia que militarmente as forzas do Reino Unido ían sufocando a rebelión, os custos económicos fixéronse insostibles para a metrópole, co que finalmente o país asiático conseguiu a independencia en 1957.
Últimos anos
editarCon xa 81 anos e como consecuencia da mingua das súas capacidades físicas e mentais, Winston Churchill presentou a dimisión como primeiro ministro en 1955, sendo sucedido polo tamén conservador Anthony Eden, durante moitos anos o seu protexido e esposo da súa sobriña. Aínda que seguiu a conservar o seu escano parlamentario ata 1964, cada vez acudía menos ás sesións e nunca máis volveu a falar na cámara. En 1959 pasou a ser o membro do parlamento co servizo continuo máis prolongado, o Father of the House, sendo o único que por aquel entón tiña servido baixo os reinados da raíña Vitoria e de Isabel II. Con tendencia á depresión, pasou longos períodos na costa mediterránea francesa e acompañou o multimillonario Aristóteles Onassis en varios dos seus cruceiros.
Faleceu o 24 de xaneiro de 1965 como consecuencia dunha trombose cerebral aos 90 anos de idade. O seu funeral, con todas as honras debidas a un xefe de estado, tivo lugar na Catedral de San Paulo. Foi soterrado no panteón familiar en Blandon.
Churchill como escritor
editarWinston Churchill recibiu o premio Nobel de Literatura en 1953 polas súas obras históricas, os seus artigos xornalísticos e os seus discursos. Como historiador non amosou interese polos procesos sociais e económicos, senón que só concedía importancia ás accións concretas dos individuos, o cal conduciuno, inevitablemente, a unha concepción da historia parcial e pouco madurada cientificamente en canto ao que debe ser a ciencia histórica. O esquema das obras históricas de Churchill é igual en todas: apóiase na convicción de que as fronteiras, as razas, o patriotismo e as guerras constitúen as verdades últimas e fundamentais da historia do xénero humano, fronte ás cales atopan a súa situación e a súa medida os individuos e as sociedades, os estados e os gobernos. Así, Churchill é basicamente un historiador da actividade política, un historiador de Estado como expresión de forza, de potencia. A lei pola cal se miden os Estados é a da súa capacidade para alcanzar o seu obxectivo e, xa que logo, e en primeiro lugar, para tomar conciencia da súa función. E desta función dos Estados son expresión e medio as grandes personalidades, as individualidades fortes concibidas como protagonistas da historia[1]. Ademais, mantivo a anacrónica interpretación dun destino histórico especial que estaba reservado para a Gran Bretaña, sendo a súa historia un progreso continuo co obxectivo de acadar o devandito destino, incluíndose na corrente coñecida como concepto Whig.
Os libros históricos de Churchill caben en tres categorías. Nos seus inicios centrouse en obras biográficas dos devanceiros, cargadas de subxectividade. Logo enceta libros autobiográficos, nos que relata as súas experiencias coma correspondente de guerra na India, Sudán e Suráfrica. Finalmente, a terceira categoría inclúe os seus libros de historia narrativa: The World Crisis (seis volumes, 1923 - 1931), The Second World War (seis volumes, 1948 - 1953) e History of English - Speaking People (catro volumes, 1956 - 1958). Segundo a fundación Nobel, o premio outorgóuselle pola súa mestría na descrición histórica e biográfica, tanto como pola súa brillante oratoria.
Tamén se adicou á pintura coma pasatempo, pintando bodegóns e paisaxes de estética impresionista.
Notas
editarVéxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Winston Churchill |
A Galicitas posúe citas sobre: Winston Churchill |
Bibliografía
editar- Churchill, W. (2005) ¡No nos rendiremos jamás!:Los mejores discursos de Winston Churchill, La Esfera de los Libros, Madrid. (en castelán)
- Beschloss, Michael R. (2002). The Conquerors: Roosevelt, Truman and the Destruction of Hitler's Germany, 1941–1945. Nova York: Simon & Schuster. ISBN 978-0-684-81027-0. OCLC 50315054.
- Best, Geoffrey (2003) [Publicado orixinalmente en 2001]. Churchill: A Study in Greatness. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-1-85285-253-5. OCLC 50339762.
- Blake, Robert (1997). Winston Churchill. Pocket Biographies. Stroud: Sutton Publishing. ISBN 978-0-7509-1507-6. OCLC 59586004.
- Blake, Robert; Louis, William Roger, eds. (1992). Churchill: A Major New Reassessment of His Life in Peace and War. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-282317-5. OCLC 30029512.
- Browne, Anthony Montague (1995). Long sunset : memoirs of Winston Churchill's last private secretary. London: Cassell. ISBN 978-0-304-34478-9. OCLC 32547047.
- Charmley, John (1993). Churchill, The End of Glory: A Political Biography. London: Hodder & Stoughton. ISBN 978-0-15-117881-0. OCLC 440131865.
- Charmley, John (1996). Churchill's Grand Alliance: The Anglo-American Special Relationship 1940–57. London: Hodder & Stoughton. ISBN 978-0-340-59760-6. OCLC 247165348.
- D'Este, Carlo (2008). Warlord : a life of Winston Churchill at war, 1874–1945 (primeira ed.). Nova York: Harper. ISBN 978-0-06-057573-1. Consultado o 26 de novembro de 2008.
- Massie, Robert. Dreadnought: Britain, Germany and the Coming of the Great War. ISBN 1-84413-528-4). [Os capítulos 40–41 falan de Churchill no Almirantado.]
- Pelling, Henry. Winston Churchill (1974). ISBN 1-84022-218-2. [Biografía completa.]
- Rasor, Eugene L. Winston S. Churchill, 1874–1965: A Comprehensive Historiography and Annotated Bibliography. Greenwood Press, 2000. ISBN 0-313-30546-3 [As entradas inclúen varios miles de artigos académicos e libros.]
- Soames, Mary, ed. Speaking for Themselves: The Personal Letters of Winston and Clementine Churchill (1998).
- Stansky, Peter, ed. Churchill: A Profile (1973) [Perspectivas sobre Churchill dos principais eruditos]
- Storr, Anthony. Churchill's Black Dog and Other Phenomena of the Human Mind. HarperCollins Publishers Ltd. New Edition ed., 1997. ISBN 978-0-00-637566-1
- Toye, Richard. Churchill's Empire: The World that Made Him and the World He Made. Macmillan. 2010. ISBN 978-0-230-70384-1
- Trukhanovskiĭ, Vladimir G. Winston Churchill. Moscova : Progress Publishers (edición revisada de 1978)
Outros artigos
editar- Segunda guerra mundial
- Primeira guerra mundial
- Guerra anglo-bóer
- Adolf Hitler
- Franklin Delano Roosevelt
- Clement Attlee
- Iosif Stalin
- Imperio británico
Ligazóns externas
editar- Obras de Winston Churchill no Proxecto Gutenberg
- Centro e Museo Churchill. (en inglés)
- Frases célebres de Winston Churchill (en castelán)
- Correspondencia e papeis de Churchill nos arquivos nacionais do Reino Unido (en inglés)
- "Obras sobre Churchill" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2012. Consultado o 10 de maio de 2013.
- Retratos de Winston Churchill
- The History Channel: Winston Churchill (en inglés)