Viviparidade

(Redirección desde «Vivípara»)

A viviparidade (do latín vivus, "vivo", e parire, "parir") é un tipo de reprodución dos animais, na que as crías nacen vivas, e que tamén se aplica á de certos vexetais.

Tigre (Panthera tigris), exemplo de animal vivíparo.

Animais

editar
 
Macropus giganteus, un marsupial, vivíparo non placentario.

Chámase vivíparo a todo aquel animal que retén os ovos dentro do corpo da nai, onde o embrión se desenvolve nunha estrutura especializada dentro do ventre da femia, onde recibirá o alimento e o oxíxeno necesarios para formar os seus órganos e para crecer e madurar até o momento do nacemento, parindo as crías vivas. Este tipo de reprodución é común no reino animal, ocorrendo dalgún modo en case todos os filos.[1]

Porén, algúns zoólogos usan a palabra vivíparo só para a situación que se dá en case todos os mamíferos, en que o embrión, despois da fecundación, se desenvolve nunha estrutura especial, a placenta, que se fixa á parede do útero da nai e serve para o intercambio de alimentos e materiais de refugallo entre a nai e o embrión. Esta forma máis avanzada de viviparismo nos animais chámase viviparismo placentario, que se dá na maior parte dos mamíferos (os chamados por iso placentarios ou placentados (euterios). A excepción son os monotremas, que poñen ovos como as aves, e os marsupiais, que carecen de placenta, polo que as femias paren o feto nun estado moi prematuro, polo que este debe continuar o seu desenvolvemento nunha bolsa exterior chamada marsupio. As femias que paren crías vivas, pero que non teñen placenta, denomínanse daquela ovovivíparas.[1]

Realmente, encóntranse todos os graos intermedios de desenvolvemento de condicións vivíparas a partir das ovíparas. En moitos animais os ovos non pasan ao exterior do corpo da nai inmediatamente despois de seren fecundados (os óvulos) e de recibiren as súas membranas. Neste sentido, son tamén vivíparos algúns réptiles, peixes, anfibios urodelos e moitos invertebrados. Algunhas especies de cascudas reteñen os ovos dentro do corpo durante algún tempo antes de poñelos, e moitos nematodos, particularmente os parasitos, reteñen os ovos até que están case listos para eclosionar; tales ovos denomínanse ovos embrionados.[1]

 
Periplaneta americana, unha cascuda moi frecuente nas casas.

Hai outros casos que se denominan viviparidade facultativa; por exemplo, algunhas cascudas, se as circunstancias son apropiadas, poñen os seus ovos, pero, se non poden facelo, retéñenos dentro do corpo até que eclosionan. Nalgúns insectos o ovo non recibe unha casca, senón que se desenvolve no corpo da nai, a miúdo envolto nunha masa de tecido fixada á parede do aparello reprodutor da nai, a través do cal o embrión absorbe o alimento e o oxíxeno e evacúa os materiais de refugallo; isto aseméllase moito á situación dos mamíferos placentados. Noutros casos, como o da mosca tse-tse, o ovo eclosiona no útero na nai dando lugar a unha larva que se alimenta dunha secreción leitosa producida por glándulas situadas no útero; cando a larva está totalmente desenvolvida, a nai deposítaa nalgún lugar conveniente, onde se converte en pupa e, máis tarde, en adulto. Vemos, por tanto, que existen todos os niveis de viviparidade, usando o termo en sentido amplo.[1]

Vexetais

editar
 
Poa alpina, unha das especies de plantas que presenta falsa viviparidade.

No caso dos vexetais o termo só pode apilcarse en sentido estrito ás plantas cuxos embrións non quedan nun estado de vida latente dentro da semente, senón que xerminan e proseguen o seu desenvolvemento antes de separarse da planta nai, desprendéndose desta nun estado moi avanzado do desenvolvemento, como se observa en moitas plantas do mangleiral. En realidade, neste caso, non chega a formarse a semente, porque a fase de vida latente do embrión, que a caracteriza, falta por completo; a plántula sóltase da nai xa formada, ou polo menos considerablemente desenvolvida.[2]

Nos casos en que a plántula procede de órganos de multiplicación vexetativa, como xemas adventicias, bulbilos etc., como na chamada poa vivípara (Poa alpina L.), en Polygonum viviparum L. ou en certas agaváceas, trátase realmente dun fenómeno de falsa viviparidade.[2]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Frings e Frings (1975), p. 194.
  2. 2,0 2,1 Font Quer (1993), p. 1105.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Font Quer, Pío (1993): Diccionario de botánica (2 vols.) Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0078-3.
  • Frings, H. e M. Frings (1975): Conceptos de zoología. Madrid. Editorail Alhambra, S. A. ISBN 84-205-0505-6.

Outros artigos

editar