Tomás Domínguez Arévalo
Tomás Domínguez Arévalo, nado en Madrid o 26 de setembro de 1882 e finado en Villafranca, Navarra o 10 de agosto de 1952, foi un nobre e político español de ideoloxía carlista tradicionalista máis coñecido polo seu título nobiliario de conde de Rodezno.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de setembro de 1882 Madrid, España |
Morte | 10 de agosto de 1952 (69 anos) Villafranca, España |
Procurador en Cortes | |
16 de marzo de 1943 – 24 de abril de 1946 Lexislatura: I lexislatura das Cortes franquistas | |
Deputado nas Cortes republicanas | |
Representa: Comunión Tradicionalista 6 de marzo de 1936 – 2 de febreiro de 1939 Lexislatura: III lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Navarra | |
Deputado nas Cortes republicanas | |
Representa: Comunión Tradicionalista 25 de novembro de 1933 – 7 de xaneiro de 1936 Lexislatura: II lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Navarra | |
Deputado nas Cortes republicanas | |
13 de xullo de 1931 – 9 de outubro de 1933 Lexislatura: I lexislatura da Segunda República Española Circunscrición electoral: Navarra | |
Senador do Reino | |
1921 – 1923 | |
Alcalde de Villafranca | |
Vicepresidente Deputación Foral de Navarra | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | escritor, avogado, político, xenealoxista |
Partido político | Bloque de Dereitas |
Membro de | |
Outro | |
Título | Conde |
Pai | Tomás Domínguez Romera |
Premios | |
Traxectoria
editarSeus pais eran Tomás Domínguez Romera, XI Marqués de San Martín, e María de los Dolores de Arévalo y Fernández de Navarrete, VI Condesa de Rodezno, de orixe navarra. Pola parte paterna procedía de dúas grandes familias de propietarios, os Domínguez e máis os Trigueros, orixinarios da localidade andaluza de Carmona[1], seu avó, José Domínguez Trigueros, fora alcalde da súa localidade natal[2] e seu pai era un dirixente carlista, que tras residir un tempo en París como exiliado aveciñouse en Madrid, e traballou na reorganización da Comuñón Carlista e foi deputado en Cortes. Pola parte materna descendía da familia navarra-rioxana dos Arévalo, seu avó Justo Arévalo Escudero fora deputado en Cortes e senador[3].
Tomás estudou cos xesuítas no Colexio de San Isidoro de Madrid[4] e logo fixo dereito na Universidade de Madrid, entre os seus profesores estaba o líder carlista Matías Barrio y Mier e durante os seus anos académicos fixo amizade cos carlistas Jaime Chicharro e Luis Hernando de Larramendi [5][6]. En 1904 acadou a licenciatura en dereito. Publicou a súa primeira obra en 1909 que tiña por título Los Teobaldos de Navarra: ensayo de crítica histórica, dedicado os gobernantes medievais navarros e nos anos seguintes publicou varios artigos históricos e xenealóxicos en revistas especializadas. En 1913 deu ao prelo De tiempos lejanos. Glosas históricas. [Navarra] nos que xuntou varios artigos sobre feitos históricos pero con feituras literarias[7].
Comezo da actividade política
editarComezou a súa andaina política como alcalde de Villafranca[8]. Presentou a súa candidatura como xaimista para o Congreso nas eleccións xerais de 1916 polo distrito de Agoitz en Navarra, onde seu pai fora deputado en Cortes dende 1905 e desta volta decidira non concorrer, e aínda que nun primeiro momento a opción elixida fora a de Joaquín Argamasilla [9], ao final o candidato xaimista foi seu propio fillo que residía noutro distrito electoral, no de Tafalla. Tivo como contrincante a Lorenzo Oroz Urniza, un liberal independente[10] ao que tamén apoiaron os datistas. A vitoria, por estreita marxe, foi para Tomás Domínguez. En 1917 casou con Asunción López-Montenegro y García Pelayo, que procedía dunha familia de terratenentes aristocráticos orixinarios de Cáceres[11] e ao pouco a familia tivo unha filla, María Domínguez y López-Montenegro[12]. Nas eleccións de 1918 competiu co nacionalista Santiago Chunchillos logo da retirada do maurista Cándido Barricart ao se formalizar a coalición carlomaurista e de novo Tomás Domínguez logrou o escano.[13] Na época o carlismo estaban en plena tensión interna, entre o pretendente Don Xaime, partidario dos aliados e o máximo dirixente en España, Vázquez de Mella xermanófilo. Don Xaime que estivera en arresto domiciliario en Austria ao rematar a guerra asumiu a dirección política do carlismo e disolveu a Xunta Central Tradicionalista en febreiro de 1919 e anunciou, asemade, unha depuración de responsabilidades pola súa actuación[14]. Cando os mellistas, desautorizados polo pretendente, deixaron o partido para organizar o Partido Católico Tradicionalista, Tomás Domínguez permaneceu fiel a Don Xaime,[15] malia manter discrepancias públicas co pretendente.[16]Nas eleccións de xuño de 1919 perdeu o escano fronte un candidato maurista, Cándido Barricart[17] e nas seguintes eleccións, en decembro de 1920 volvéronse presentar os mesmos dous candidatos, e de novo venceu o maurista. Non obstante, presentou a súa candidatura a senador por Navarra en 1921, onde o censo estaba restrinxido principalmente aos maiores contribuíntes e concelleiros, e logrou entrar no Senado e de novo saíu reelixido en 1923[18].
Ditadura de Primo de Rivera
editarA ditadura de Primo de Rivera rematou coa carreira parlamentaria do xa conde de Rodezno, abandonou de vez a política aínda que non a vida pública, e así participou en actividades relixiosas, iniciativas culturais e na estrutura carlista. Como membro da aristocracia católica permaneceu activo na Orde de Malta e tivo boas relacións coa xerarquía católica e o nuncio papal, en especial tivo boas relacións co bispo de Coria-Cáceres, Pedro Segura[19]e colaborou coa Asociación Social Diocesana de Cáceres e organizou conferencias en diversos actos como a Semana Social organizada pola Acción Católica[20]. Pero principalmente as actividades culturais do conde de Rodezno estiveron ligadas ao carlismo, e así en 1926 en Pamplona organizou celebracións en homenaxe polo aniversario dos veteranos da Terceira guerra carlista, colaborou na exposición que a Eusko Ikaskuntza realizou en 1927 sobre as guerras carlistas e en Madrid foi un dos organizadores da recadación de fondos, ademais de doar gran cantidade de cartos, para a construción dun monumento dedicado a Vázquez de Mella. Publicou tamén monografías sobre figuras míticas carlistas, en 1928 La princesa de Beira y los hijos de D. Carlos e en 1929 Carlos VII, duque de Madrid.
Rodezno administraba diversas propiedades de terras, en Navarra herdadas de súa nai, en Estremadura propiedade da súa dona e en Andalucía herdadas de seu pai o que o convertían nun gran terratenente[21]. Foi un dos dirixentes da Federación Católico-Agraria de Navarra, un dos fundadores da Asociación de Terratenentes de Navarra [22] e membro da Asociación de Propietarios de Alcornocales. Consideraba que a estrutura da propiedade rural en Navarra achegábase á ideal e que case acadaba o obxectivo de todos os agricultores seren propietarios [23]
Trala saída do poder de Primo de Rivera e o establecemento dun novo goberno que pretendía volver á normalidade constitucional o carlismo reactivou a súa actividade política, e en xuño de 1930 estableceuse unha nova xunta carlista navarra, que tiña entre os seus membros a Rodezno, co obxectivo de realizar unha política máis cautelosa cara ao nacionalismo vasco e mudar o foco das súas prioridades, da reintegración foral á defensa da relixión e á unidade dos católicos[24].
II República
editarLogo da proclamación da República, os carlistas e o PNV decidiron establecer unha coalición electoral, a Lista Católico-Fuerista[25] para as eleccións de xuño de 1931 nas que Rodezno logrou a acta de deputado nas Cortes e formou parte da minoría vasco-navarra. Aínda que inicialmente apoiou o Estatuto Vasco, por mor de propoñer na súa primeira redacción un concordato das provincias vascas coa Santa Sé, mais virou de postura ao ver claro que non se ía permitir á autonomía vasca ter unha política relixiosa autónoma. Partidario da reconciliación cos mellistas, apoiou a reunificación das tres correntes, xaimistas, mellistas e integristas nunha única organización, denominada Comuñón Tradicionalista e en xaneiro de 1932 o pretendente Afonso Carlos nomeouno para a nova Xunta Suprema Nacional que quedaba baixo a dirección do marqués de Villores[26], pero tras a súa morte en maio, o pretendente nomeou ao conde de Rodezno como o novo xefe da formación[27].
Rodezno temía a revolución e estaba convencido que a democracia non a ía conter. Hostil especialmente ao laicismo republicano militante[28] e á reforma agraria foi un adversio vehemente no parlamento mais non estaban entre os que presionaban por unha estratexia insurxente e non colaborou directamente no intento de golpe de Sanjurjo [29]. Durante o seu liderado deulle prioridade á política e á propaganda sobre a organización e a militancia[30] e a estrutura do partido permaneceu obsoleta, o que favorecía unha autonomía anárquica das seccións locais[31] que non eran quen de soportar o medre da organización[30][32] o que combinado coas disensións internas polo avance dos proafonsinos e a súa táctica transaccionista e o gradualismo[33] estaba tensionando a organización e cando antigos integristas suxeriron o nome de Fal Conde para presidir a xunta, Rodezno negouse pero aludiu á súa promoción para secretario político do pretendente[34]. Nas eleccións xerais de decembro de 1933 os carlistas lograron 20 escanos e Rodezno revalidou o seu escano, mais o pretendente estaba decidido a nomear a Fal Conde como novo líder e en abril de 1934 Rodezno renunciou á xefatura e en maio fíxose público o nomeamento do novo secretario xeral da Comuñón aínda que Rodezno permaneceu como o xefe do carlismo navarro[35].
Conspiración e sublevación
editarMalia os partidarios de Rodezno afirmaren que a Comuñón ía cara a "fascistización" baixo o liderado de Fal Conde[36], foi Rodezno o que concordou en enviar algúns carlistas canda conspiradores afonsinos a Roma co obxectivo de procurar adestramento militar, negociar o apoio financeiro e a entrega de armas[37]. Na nova reconfiguración do carlismo quedou marxinado da dirección e non dirixiu ningunha das novas seccións que se estaban a crear[38], tan só o designaron para o consello de cultura[39][40]. Nas eleccións xerais de 1936 volveu saír deputado e dirixía a minoría carlista nas Cortes[41] e puido manter conversas cos afonsinos que ao final viraron en negociacións dunha insurxencia conxunta e ao fallar as negociacións entre Fal Conde e Emilio Mola para o carlismo unirse á sublevación, Mola negociou paralelamente coa dirección do carlismo navarro liderada por Rodezno[42] que ofreceu os sublevados o apoio do requeté a cambio do uso da bandeira monárquica e de Navarra quedar como feudo carlista[43]. Para facer fronte á rebelión interna Fal Conde houbo destituír toda a dirección navarra[44] pero os navarros lograron o apoio do enviado do pretendente, Don Xavier; e finalmente, Fal Conde e Mola decidiron actuar xuntos en base a unha vaga carta do líder da insurxencia, xeneral Sanjurjo. Durante o golpe Rodezno estaba Pamplona, cidade que caeu con facilidade no poder dos insurxentes. Fal Conde incluíuno na Xunta Nacional Carlista de Guerra como a cabeza da delegación política coa encarga das relacións coa xunta militar e as autoridades locais[45][46][47]. Rodezno estableceuse en Salamanca, onde estaba instalado o cuartel xeral dos sublevados, mentres Fal Conde que dirixía a sección militar estaba en Toledo[48]. Non obstante, Rodezno seguiu a facer unha política autónoma da dirixencia carlista, e a executiva carlista navarra que lle era fiel transformouse na Xunta Central Carlista de Guerra de Navarra, aínda que non está claro se formalmente estaba liderada polo conde de Rodezno,[49] ou formalmente dirixida por Berasáin. Tras a morte do pretendente e a xura da nova máxima figura do carlismo, Don Xavier, como rexente, os rodeodeznistas[50]quedaron fondamente decepcionados coa confirmación de Fal Conde como líder político do carlismo en outubro de 1936[51].
Malia as expectativas carlistas, que imaxinaban unha posición de iguais á dos militares, aos poucos meses quedaron reducidos a unha posición secundaria e a pesar da ampla mobilización da súa base era a Falanxe quen máis recrutaba[52]. Na súa tentativa de salvagardar unha posición autónoma para os carlistas Fal Conde pretendía establecer unha academia militar propia, algo que Rodezno apoiaba pero non do xeito unilateral que Fal Conde quería[53][54]. Franco, por medio do xeneral Dávila, comunicoulle a Fal Conde en decembro de 1936 que lle daba 48 horas para ir ao exilio fóra de España ou enfrontarse a un consello de guerra [55], algúns autores especulan que quizais a forte reacción de Franco non era tanto librarse de Fal Conde como substituílo por un máis compracente Rodezno[56][57][58]. Os carlistas convocaron un cumio de urxencia e aínda que os rodeznistas apoiaron a alternativa do exilio o propio conde de Rodezno máis tarde intentou que Franco reconsiderase a súa decisión.
Unificación
editarCon Fal Conde no exilio e o liderado político, do rexente Xavier, en Francia, Rodezno emerxeu como a máxima figura carlista dentro de España[59] e pese os intentos de Fal Conde dende o exilio de arredalo, mesmo pensando nunha misión diplomática no Vaticano[58] dende xaneiro de 1937 Rodezno e outros altos dirixentes carlistas viron como os militares e os falanxistas intentaban aproximarse a eles para formar un partido único [60] e Rodezno e outros líderes carlistas reuníronse tres veces entre febreiro e abril para tratar do tema. O 12 de abril Rodezno acudiu, dende as súas propiedades en Cáceres, a Burgos para se reunir con Franco[61][62]. Presionados polos militares, el e os dirixentes próximos, aceptaron a unificación, sen entusiasmo, xa que Franco deixara claro que non ía ser transitoria, senón definitiva[63] mentres os falcondistas optaban pola intransixencia[64] e como a executiva formal do partido, a Xunta Nacional, estaba en descomposición a rodeznista Xunta Central Carlista de Guerra de Navarra asumiu un papel dominante polo que a balanza caeu cara a unificación. Os carlistas presentárona como un xeito de construír un novo Estado, católico, social e rexionalista, xa que Rodezno vía posible a construción dunha organización estatal que recoñecera as pecularidades rexionais[65] e aínda a mediados de 1937 facía chamamentos para non volver ao centralismo liberal [66] e en última instancia co formato dunha monarquía tradicionalista[67][68][69]e aínda que moitos carlistas puideran pensar que iso significaba a instauración dunha dinastía carlista, tamén podía dar nun acordo cos afonsinos, mesmo con Franco como rexente de Xoán de Borbón.
Rodezno foi un dos catro carlistas que entrou no secretariado político, formado o 22 de abril, da nova formación política, a Falange Española Tradicionalista,[70]. Os outros eran Luis Arellano, Tomás Dolz de Espejo e José María Mazón Sainz dun total de 10 membros[71][72][73][74] e aínda que falanxistas de primeira hora como Girón estaban descontentos coa composición e actuación deste órgano, con moi poucos que sentiran "fielmente o espírito do noso Movemento".[75] Rodezno e os outros carlistas só souberon do programa do partido só unha vez se anunciaron os seus 21 puntos e inmediatamente demostraron certo malestar, porén asegurou a Rodezno que a doutrina tradicionalista se incorporaría ao novo partido no seu día[76]. As relacións de Rodezno con Fal Conde e o rexente Don Xavier permaneceron moi tensas, sen chegar á ruptura total aínda que ambos os dous o considerasen un rebelde á cabeza do seu propio grupo[77] considerándoo un dos máximos responsables da actitude de rebeldia que mantiña o carlismo navarro fronte á autoridade de don Xavier".[78]. Os esforzos de Rodezno para lograr a autorización do rexente non produciron efecto[79] e nos meses seguintes colaborou nun proceso de unificación que foi máis unha absorción ca unha fusión [80] con continuas protestas das bases carlistas polo que consideraban total predominio e arrogancia dos camisas azuis [81]. En outubro de 1937 Franco designou os membro do primeiro Consello Nacional e o secretariado político cesou nas súas funcións[82]. No novo órgano de dirección os carlistas só tiñan 11 de entre 50 membros.[79] aínda que outros estudosos aumentan a cifra a 13[83] e malia o chamamento de Fal Conde para que refusar o ofrecemento, Rodezno aceptou o posto no seo do Consello Nacional, o que levou a que o rexente o expulsase do carlismo en decembro dese ano[84].
Os motivos desta actuación de Rodezno non están claros, para alén de acusacións partidistas de venderse por unhas poucas alcaldías navarras [85]quizais pesase o temor a que as divisións internas no campo sublevado podería levar á derrota na guerra. [86] tamén podería ser que nunca fose un carlista xenuíno e as súas posturas estivesen en realidade máis próximas ás dun monárquico conservador [87] [88]. Outros investigadores argúen que el era un posibilista, que non vía a posibilidade dos carlistas tomaren o poder en solitario e precisaban dunha alianza con outros sectores, que levasen a unha nova plataforma monárquica, que asumise o máximo posible do tradicionalismo [89], hainos tamén que pensan que Rodezno consideraba o novo sistema emerxente fundamentalmente en liña coa visión carlistas e que non pagaba a pena ser marxinado por discrepancias de segunda orde[90]. Finalmente, hai autores que cren que non se daba conta da gravidade do momento e da natureza totalitaria do novo partido, arredada do que no seu momento fora a Unión Patriótica da pasada ditadura, que podería permitir ao carlismo manter a súa propia identidade[91] e así logo de coñecer o anuncio do programa da FET, principalmente unha copia dos 27 puntos orixinais da Falanxe, Rodezno visitou a Franco para lle comunicar o seu desgusto.[92] e despois de tres meses cesou de asitir ás xuntanzas do secretariado da FET[93].
Franquismo
editarEn xaneiro de 1938 formou parte do primeiro gabinete franquista, pasando a ocupar a carteira de Xustiza con sede na cidade de Vitoria, que incluía xustiza, rexistros, notariado, cárceres e asuntos eclesiásticos. Durante o seu mandato derrogou a lexislación laica da II República para sentar as bases da ditadura franquista. Modificou o Código Penal, reincorporou os antigos xuíces nos seus cargos, reconstruíronse os Rexistros da Propiedade, derrogou as disposicións relativas ao matrimonio civil e á condición das mulleres casadas e restaurou a Compañía de Xesús[94]. Aínda que o labor o completou o seu sucesor foi Rodezno quen asegurou que a igrexa retomara o seu tradicional papel clave en diversos dominios, especialmente na educación, e que se restableceran as boas relacións entre a igrexa e o Estado. Durante o exercicio do seu cargo tivo que superar a resistencia falanxista e eludir os seus principais representantes Jordana e Yanguas[95]. Rodezno foi ademais ministro de xustiza un período de represión bélica, as purgas neste tempo de guerra baseábane en bases legais vacilantes e resultaron en certa de 72000 execucións[96] aínda que é difícil establecer ata que punto Rodezno puido ser responsable, a meirande parte caían na xurisdición militar e foron antes da súa chegada ao posto, e das aproximadamente 51 000 sentenzas de morte administradas durante os primeiros anos da posguerra;[97] a maioría levaban a sinatura de Esteban Bilbao, ministro de xustiza entre 1939 e 1943. E mesmo, cando se discutiu o proxecto de Lei de responsabilidades políticas en 1938, o ministerio de xustiza encabezado polo conde de Rodezno foi moi crítico co texto, estimando que non se podía castigar a simple adhesión, só actuacións concretas ou omisións graves e manifestouse en contra do propio título do proxecto de lei, propoñendo o título de Lei de reparacións civís ao Estado [98][99]. Non obstante, a norma promulgouse o 9 de febreiro de 1939 e publicouse no BOE o 13 dese mes[100] e arredor de 100 000 prisioneiros políticos[101] había en España antes do conde de Rodezno cesar como ministro en agosto de 1939[102].
Xa a primeiros de 1938 Rodezno estaba desilusionado co novo partido e en abril dese ano queixouse a Franco da marxinación do carlismo ao que o xeneralísimo respondeu que estes eran "poucos e sen atractivo para as masas", mentres os falanxistas tiñan unha alta "capacidade proselitista e captadora"[103]. Rodezno tiña mala relación con Serrano Súñer, especialmente colidiron en asuntos relativos á centralización e dereitos rexionais, mesmo prohibiu a distribución do discurso que Rodezno fixera con motivo do seu nomeamento como Fillo Predilecto de Navarra o 16 de xullo de1939 [104] [105]. En 1939 volveu a Navarra, e aínda que expulsado pola agora, formalmente, ilegal Comuñón Tradicionalista seguiu a formar parte do movemento e así participou na primeira peregrinación a Montejurra en maio de 1939[106][107].
Na inmediata posguerra tentou apoiar o entramado cultural carlista, converteuse no principal propietario de El Pensamiento Navarro para evitar que pasase a se converter nun compoñente máis da prensa do réxime franquista[108][109], tamén foi o primeiro presidente da Institución Príncipe de Viana, creada en 1940 pola Deputación Foral de Navarra como o seu órgano de xestión cultural [110][111]. Deputado provincial dende 1940 polo meiriñado de Tudela, co apoio de carlistas ortodoxos ocupou a vicepresidencia da Deputación Foral de Navarra[112] ata 1948 e participou na batalla polo control do poder provincial contra dos falanxistas[113] [114]. Malia todo, Rodezno mantivo a liña de colaboración co réxime mesmo que era evidente que o carlismo estaba nunha posición marxinal no partido do réxime[115] En 1943 pasou a formar parte das Cortes Españolas como membro do Consello Nacional[116] durante a I Lexislatura das Cortes españolas que rematou en 1946.
Xoanismo
editarXa na década de 1910 Rodezno xa insinuara a idea de transferir os dereitos lexitimistas para un candidato afonsista apropiado unha vez se extinguira a dinastía carlista[117] e durante a República apoiara entusiastamente o achegamento dentro do campo monárquico e en 1935 propuxo que Afonso Carlos designase a don Xoán como o seu lexítimo herdeiro[118]. Ao morrer o derradeiro pretendente carlista directo en setembro de 1936 Rodezno foi dos últimos en recoñecer a rexencia de don Xavier, e nese tempo xa estaba a considerar outra rexencia, a de Franco en nome de Xoán de Borbón[119][68]. Non hai certeza cando foi o primeiro encontro co pretendente afonsino; durante a guerra civil Rodezno e don Xoán xa trocaban correspondencia amigable e dende os primeiros anos da década de 1940 Rodezno tornou. un aberto avogado do herdeiro de Afonso XIII como o futuro rei carlista; en teoría este apoio non rachaba co papel de don Xavier como rexente, que permitía formar faccións arredor de candidatos potenciais, pero na práctica isto importaba pouco, ao estar Rodezno xa fóra da Comuñón[120] e ao formar o novo don Xoán un equipo de colaboradores, tras a morte de seu pai, José María Oriol viaxou a Lausanne para suxerir (en balde) que Rodezno fose designado o representante oficial afonsino en España[121][122][123]. A mediados da década, Fal conde ofreceu varias solucións para unha rexencia carlistas a Franco[124] e en decembro de 1945 Fal tamén escribiu a don Xoán para lle pedir que recoñecese a rexencia de don Xavier[125]. En abril de 1945 Rodezno viaxara a Portugal para falar con don Xoán e preparar o campo para a súa lexitimización carlista[126] e en febreiro de 1946 o pretendente afonsino e Rodezno redactaron un documento coñecido "Bases institucionais para a restauración da monarquía" ou simplemente "Bases de Estoril" que deseñaba as bases para unha futura monarquía [127] aínda que o documento non chegou a declarar a don Xoán o lexítimo pretendente carlista[125].
En 1943 entrou na Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación e con motivo da súa recepción leu o discurso El Dr. Navarro Don Martín de Azpilcueta e en 1944 como novo académico da Real Academia da Historia leu o discurso de Austrias y Albrets anate la incorporación de Navarra a Castilla. Nos últimos anos da súa vida foi membro do Consello Foral Administrativo de Navarra e permaneceu á cabeza dun grupo informal pero importante de carlistas proxoanistas.
Legado e recepción
editarDespois da súa morte o xeneral Franco nomeouno grande de España asociado ao condado de Rodezno o 1 de outubro de 1952. Os rodeznistas mantiveron a idea do herdeiro de Afonso XIII asumir o título carlista e en 1957 arredor de 70 políticos carlistas viaxaron a Estoril para declarar a don Xoán o lexítimo herdeiro carlista [128] [129]. Ningunha das restantes faccións do carlismo reivindica a figura do conde de Rodezno, para os tradicionalistas é un personaxe desprezable, como Rafael Maroto, Alejandro Pidal ou Carlos Hugo e os seguidores deste último acúsano de adhesión incondicional á unificación e meter presión a favor de don Xoán[130][131] [132] [133].
Dende a restauración da democracia, a súa figura xeralmente quedou asociada á fase máis represora do réxime franquista, as prazas ou rúas que levaban o seu nome en Navarra e noutros lugares quedaron suxeitas a debate público [134] logo da aprobación da Lei de símbolos de Navarra e da Lei de memoria histórica.
Notas
editar- ↑ Navarro Domínguez, José Manuel (2008). "Carmona en vísperas de la Guerra de Independencia". Carel (6): 2673–2716.
- ↑ "Correo de provincias". El Heraldo. 26 de abril de 1854.
- ↑ "Justo Arévalo Escudero". Diccionario Biográfico electrónico (Real Academia de Historia).
- ↑ "Un banquete". La Voz. 3 de maio de 1929.
- ↑ Pavón, Jesús (1954). Semblanza del Conde de Rodezno. pp. 188–189.
- ↑ Hernando de Larramendi (2000). Así se hizo Mapfre. p. 28.
- ↑ Mata Induráin, Carlos (2007). Navarra-Literatura. Institución Príncipe de Viana. p. 170.
- ↑ "Domínguez Arévalo, Tomás". Enciclopedia Auñamendi.
- ↑ Jesús María Fuente Langas (1990). "Elecciones de 1916 en Navarra". Príncipe de Viana (51): 951.
- ↑ "Oroz Urniza, Lorenzo". Enciclopedia Auñamendi.
- ↑ Manuel Vaz-Romero, Cristina Nuñez (12 de febreiro de 2006). "López-Montenegro fue un franquista coyuntural y episodico". Hoy.
- ↑ "María del Sagrario Corazón Domínguez y López-Montenegro, condesa de Rodezno". Geni.
- ↑ Iribertegui Oneca, María Isabel (1993). "Las elecciones generales de 1918 en Navarra". Príncipe de Viana Anexo (15): 493–501.
- ↑ Vallejo García-Hevia, José María. Matías Barrio y Mier (1844-1909): Un historiador del derecho en la cátedra, la política y la guerra. Sanz y Torres. p. 241.
- ↑ Ramón de Andrés Martín, Juan (2000). El cisma mellista. Historia de una ambición política. p. páxina 182.
- ↑ Orella Martínez, José Luis (2012). El origen del primer católicismo social Español. p. 182.
- ↑ "Diputado en Cortes". Gran Enciclopedia de Navarra.
- ↑ Fuente Langas, Jesús María (1993). "Los procesos electorales de 1923 en Navarra". Príncipe de Viana (Anejo 15): 445–456.
- ↑ Martínez Sánchez, Santiago (2002). El Cardenal Pedro Segura y Sáenz (1880-1957). Universidad de Navarra.
- ↑ "Semana Social". Revista Católica de Cuestiones Sociales. novembro de 1930. p. 56.
- ↑ Dronda Martínez, Javier (2013). Con Cristo o contra Cristo. Religión y movilización antirrepublicana en Navarra (1931-1936). p. 163.
- ↑ Gorka Pérez de Viñaspre, José María Pérez Bustero (2002). Vascones. p. 496.
- ↑ Aoiz, Floren (2005). El jarrón roto: la transición en Navarra: una cuestión de Estado. p. 35.
- ↑ Fuente Langas, Jesús María (1994). "Los tradicionalistas navarros bajo la dictadura de Primo de Rivera (1923–1930)". Príncipe de Viana (55): 424–5.
- ↑ Blinkhorn, Martin (2008). Carlism and Crisis in Spain 1931-1939. Cambridge University Press.
- ↑ Canal, Jordi (2000). El carlismo. Alianza Editorial. p. 295.
- ↑ Vallverdú i Martí, Robert (2008). El Carlisme Català Durant La Segona República Espanyola 1931-1936. p. 90.
- ↑ Moral Roncal, Antonio Manuel (2007). "1868 en la memoria carlista de 1931: dos revoluciones anticlericales y un paralelo". Hispania Sacra (59/119): 335.
- ↑ Blinkhorn, Martin (2008). Carlism and Crisis in Spain 1931-1939. Cambridge University Press. pp. 89–90, 326f.
- ↑ 30,0 30,1 Blinkhorn 2008, p. 133.
- ↑ González Calleja, Eduardo (2008). "La violencia y sus discursos:los límites de la «fascistización»de la derecha española durante el régimen de la Segunda República". Ayer (71): 100.
- ↑ Vallverdú 2008, p. 157.
- ↑ Canal 2000, p. 311.
- ↑ Calleja & Aróstegui 1994, p. 40.
- ↑ Peñas Bernaldo de Quirós, Juan Carlos (1996). El Carlismo, la República y la Guerra Civil (1936-1937). De la conspiración a la unificación. p. 20.
- ↑ González Calleja 2008, p. 100
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 136.
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 207-208.
- ↑ González Calleja, Eduardo (2012). "La prensa carlista y falangista durante la Segunda República y la Guerra Civil (1931-1937)". El Argonauta Espanol (9): 5.
- ↑ Vallverdú 2008, p. 163.
- ↑ Vallverdú 2008, p. 174.
- ↑ Peñalba Sotorrío, Mercedes (2013). Entre la boina roja y la camisa azul. pp. 20–21.
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 246-7.
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 249.
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 269.
- ↑ Canal 2000, p. 332.
- ↑ Peñas Bernaldo 1996, p. 219.
- ↑ Burgo Tajadura 1992, p. 492.
- ↑ Martorell Pérez, Manuel (2008). "Navarra 1937-1939: el fiasco de la Unificación". Príncipe de Viana (69): 437.
- ↑ Cantabrana Morras, Iker (2004). "Lo viejo y lo nuevo: Diputación-FET de las JONS. La convulsa dinámica política de la "leal" Alava (Primera parte: 1936-1938)". Sancho el Sabio (21): 167.
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 273.
- ↑ Parejo Fernández, José Antonio (2008). "Falangistas y requetés: historia de una absorción violenta". En Nicolás Marín, María Encarna; Carmen González Martínez, Carmen. Ayeres en discusión: temas clave de Historia Contemporánea hoy. pp. 4–5, 9.
- ↑ Peñalba Sotorrío 2013, p. 34
- ↑ Burgo Tajadura 1992, p. 502.
- ↑ Preston, Paul (1999 (1993)). Franco. Caudillo de España. Grijalbo Mondadori. pp. 264–265.
- ↑ Peñas Bernaldo 1996, p. 238-239.
- ↑ Martorell Pérez 2009, p. 32.
- ↑ 58,0 58,1 Martínez Sánchez 2002, p. 303.
- ↑ Martínez Sánchez 2002, p. 304.
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 282.
- ↑ Peñas Bernaldo 1996, p. 261, 270.
- ↑ Maximiliano García Venero, Historia de la Unificacion, Madrid 1970, p. 86
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 272.
- ↑ Peñas Bernaldo 1996, p. 241-301.
- ↑ Peñas Bernaldo 1996, p. 273.
- ↑ Núñez Seixas, Xosé Manoel (2014). "La región y lo local en el primer franquismo". En Stéphane Michonneau e Xosé M. Núñez Seixas. Imaginarios y representaciones de España durante el franquismo. p. 135.
- ↑ Peñas Bernaldo 1996, p. 252, 273.
- ↑ 68,0 68,1 Canal 2000, p. 338.
- ↑ Peñalba Sotorrio 2013, p. 45
- ↑ Garcia Venero 1970, p. 109
- ↑ Cantabrana Morras 2004, p. 167
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 291.
- ↑ Canal 2000, p. 339.
- ↑ Garcia Venero 1970, p. 109
- ↑ Peñalba Sotorrio 2013, p. 83
- ↑ Peñalba Sotorrio 2013, p. 54
- ↑ Martorell Pérez 2008, p. 41
- ↑ Aurora Villanueva Martínez, Organización, actividad y bases del carlismo navarro durante el primer franquismo [in:] Gerónimo de Uztáriz 19 (2003), p. 101
- ↑ 79,0 79,1 Blinkhorn 2008, p. 293.
- ↑ Martorell Pérez 2008, p. 11
- ↑ Peñas Bernaldo 1996, p. 294.
- ↑ Peñalba Sotorrio 2013, p. 81
- ↑ Payne 1987, p. 178.
- ↑ Peñas Bernaldo 1996, p. 297.
- ↑ Clemente 2011, p. 232
- ↑ Burgo Tajadura 2013, p. 293.
- ↑ Melchor Ferrer (2008). Historia del Tradicionalismo Español XXIX. p. 183.
- ↑ Dronda Martínez 2013, p. 95
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 296.
- ↑ Villanueva Martínez 2003, p. 99
- ↑ Peñas Bernaldo 1996, p. 275.
- ↑ Peñalba Sotorrio 2013, p. 54
- ↑ Peñalba Sotorrio 2013, p. 133
- ↑ García Ocón, Jorge (2019). "La restauración de La compañía de Jesús bajo eL régimen de Franco en 1938". Miscelánea Comillas 77 (151): 265–287.
- ↑ Martínez Sánchez 2002, p. 329.
- ↑ Payne 1987, p. 219.
- ↑ Payne 2012, p. 245
- ↑ Vilanova, Francesc (1999). Repressió i coacció econòmica. Les responsabilitats polítiques de republicans i conservadors catalans a la postguerra (1939-1942). p. 447.
- ↑ Álvaro, M. (1990). "Los militares en la represión política de la posguerra: la jurisdicción especial de Responsabilidades Políticas hasta la reforma de 1942". Revista de Estudios Políticos (69): 89.
- ↑ Preston, Paul. The Spanish Civil War. Reaction, Revolution & Revenge. Harper Perennial. 2006. London. p. 296
- ↑ Payne 1987, p. 221.
- ↑ Canal 2000, p. 343.
- ↑ Javier Tusell, Franco en la Guerra Civil, Madrid 1992, ISBN 9788472236486, p. 298
- ↑ Santa Cruz, Manuel de (1979). Apuntes y documentos para la historia del tradicionalismo español: 1939-1966 1. La Editorial Católica.
- ↑ Martorell Pérez 2008, p. 176
- ↑ Francisco Javier Caspistegui Gorasurreta, El naufragio de las ortodoxias. El carlismo, 1962-1977, Pamplona 1997; ISBN 9788431315641, p. 287
- ↑ Francisco Javier Caspistegui Gorasurreta, Navarra y el carlismo durante el régimen de Franco: la utopía de la identidad unitaria, [in:] Investigaciones históricas: Época moderna y contemporánea, 17 (1997), p. 309
- ↑ Villanueva Martínez 2003, p. 115
- ↑ González Calleja 2012, p. 29
- ↑ "Enciclopedia navarra". Arquivado dende o orixinal o 31 de xullo de 2016. Consultado o 05 de outubro de 2024.
- ↑ Álvaro Baraibar Etxeberria, Una visión falangista de la foralidad navarra, [in:] Gerónimo de Uztáriz 2006, p. 13
- ↑ Villanueva Martínez 2003, pp. 103, 113
- ↑ María del Mar Larazza Micheltorena, Alvaro Baraibar Etxeberria, La Navarra sotto il Franchismo: la lotta per il controllo provinciale tra i governatori civili e la Diputacion Foral (1945-1955), [in:] Nazioni e Regioni, Bari 2013, pp. 101-120,
- ↑ Etxeberria 2006, pp. 12-13
- ↑ Peñalba Sotorrio 2013, p. 90
- ↑ ABC, 24 de novembro de 1942
- ↑ Andrés Martín 2000, p. 182.
- ↑ Martínez Sánchez 2002, p. 257-258.
- ↑ Peñas Bernaldo 1996, p. 273, 252.
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 301.
- ↑ Ballestero 2014, p. 79
- ↑ Cantabrana Morras 2005, p. 145
- ↑ Martínez Sánchez 2002, p. 421.
- ↑ MacClancy 2000, p. 79
- ↑ 125,0 125,1 Martínez Sánchez 2002, p. 448-449.
- ↑ Blinkhorn 2008, p. 300.
- ↑ Caspistegui Gorasurreta 1997, p. 23
- ↑ Canal 2000, p. 351, 361.
- ↑ José María Toquero, El carlismo vasconavarro y Don Juan de Borbón. La influencia del conde de Rodezno, [in:] Euskal herriaren historiari buruzko biltzarra 7 (1988), pp. 261-274
- ↑ Clemente 1977.
- ↑ Clemente 1999.
- ↑ Clemente 2011.
- ↑ Pérez-Nievas Borderas 1999.
- ↑ "Tomás Domínguez de Arévalo una persona afín al régimen franquista", Plaza Conde de Rodezno de ida y vuelta [in:] Diario de Navarra 06.03.09, [1], Tomás Domínguez Arévalo, Conde de Rodezno, un político profundamente antidemocrático, responsable y cómplice del exterminio político, [in:] Autobús de la memoria 21.06.08, here Arquivado 29 de agosto de 2016 en Wayback Machine.
Bibliografía
editar- Alcalá, César (2001). D. Mauricio de Sivatte. Una biografía política (1901-1980). Barcelona. ISBN 8493109797.
- Juan-Cruz Alli Aranguren, Los inicios del franquismo en dos obras inéditas del conde de Rodezno, [in:] Huarte de San Juan. Geografía e Historia 30 (2023), pp. 217–249
- Blinkhorn, Martin (2008). Carlism and Crisis in Spain 1931-1939. Cambridge. ISBN 9780521086349.
- del Burgo, Jaime (1992). Un episodio poco conocido de la guerra civil española. La Real Academia Militar de Requetés y el Destierro de Fal Conde.
- del Burgo, Jaime (2013). El carlismo y su agónico final.
- Canal, Jordi (2000). El carlismo. Madrid. ISBN 8420639478.
- Calleja, Eduardo; Aróstegui, Julio (1994). La tradición recuperada: el Requeté Carlista y la insurrección.
- Clemente, Josep Carles (1977). Historia del Carlismo contemporaneo. Barcelona. ISBN 9788425307591.
- Clemente, Josep Carles (1999). Seis estudios sobre el carlismo. Madrid. ISBN 8483741520.
- Clemente, Josep Carles (2011). Breve historia de las guerras carlistas. Madrid. ISBN 978-8499671710.
- Conde de Rodezno. La justicia al revés, Iruña-Pamplona 2010, ISBN 9788476816332
- Agustín Fernández Escudero (2012). "El marqués de Cerralbo (1845-1922): biografía politica" (PDF). Madrid.
- Jesús María Fuente Langas, Elecciones de 1916 en Navarra, [in:] Príncipe de Viana 51 (1990), pp. 947–957
- Pavón, Jesús (1954). Semblanza del Conde de Rodezno.
- Payne, Stanley G. (1987). The Franco Regime. London. ISBN 9780299110741.
- Manuel Martorell Pérez, Retorno a la lealtad; el desafío carlista al franquismo, Madrid 2010, ISBN 9788497391115
- Martorell Pérez, Manuel (2009). La continuidad ideológica del carlismo tras la Guerra Civil (Tese). Valencia.
- Jesús Pabón, Elogio académico del Conde de Rodezno, [in:] Jesús Pabón, Días de ayer, historias e historiadores contemporáneos, Barcelona 1963, pp. 67–71
- Ramón de Andrés Martín, Juan (2000). El cisma mellista. Historia de una ambición política. Madrid. ISBN 9788487863820.
- Martínez Sánchez, Santiago (2002). "El Cardenal Pedro Segura y Sáenz (1880-1957)" (PDF). Pamplona.
- Mercedes Peñalba Sotorrío, Entre la boina roja y la camisa azul, Estella 2013, ISBN 9788423533657
- Peñas Bernaldo de Quirós, Juan Carlos (1996). El Carlismo, la República y la Guerra Civil (1936-1937). De la conspiración a la unificación. Madrid. ISBN 9788487863523.
- Pérez-Nievas Borderas, Fermín (1999). Contra viento y marea. Historia de la evolución ideological del carlismo a través de dos siglos de lucha. Pamplona. ISBN 8460589323.
- José María Toquero, El carlismo vasconavarro y Don Juan de Borbón. La influencia del conde de Rodezno, [in:] Euskal herriaren historiari buruzko biltzarra 7 (1988), pp. 261–274
- Vallverdú i Martí, Robert (2008). El Carlisme Català Durant La Segona República Espanyola 1931-1936. Barcelona. ISBN 978-8478260805.
- Aurora Villanueva Martínez, El carlismo navarro durante el primer franquismo, 1937-1951, Madrid 1998, ISBN 9788487863714
- Aurora Villanueva Martínez, Organización, actividad y bases del carlismo navarro durante el primer franquismo [in:] Gerónimo de Uztáriz 19 (2003), pp. 97–117