The Strokes
The Strokes é unha banda de rock estadounidense, formada en Nova York, que saltou á fama no ano 2000. Son os responsábeis da grande onda de revivalismo do rock de garaxe que se iniciou por volta de 2001. Os membros do grupo son Julian Casablancas (voces), Nick Valensi (guitarra), Albert Hammond, Jr. (guitarra), Nikolai Fraiture (baixo) e Fabrizio Moretti (batería e percusións). The Strokes está considerada unha das bandas máis prominentes e influentes das aparecidas no século XXI.
The Strokes | |
---|---|
Concerto de 2006 | |
Orixe | Nova York, Estados Unidos |
Período | 2000 - presente |
Xénero(s) | indie rock, post-punk revival, garage rock revival, rock alternativo |
Selo(s) discográfico(s) | RCA, Rough Trade |
Membros | Julian Casablancas Nick Valensi Albert Hammond, Jr. Nikolai Fraitur Fabrizio Moretti |
Na rede | |
thestrokes.com | |
Despois da edición do seu álbum de estrea Is This It no 2001, o grupo foi aclamado pola crítica. Dende entón, a banda mantivo unha gran base de seareiros, principalmente nos Estados Unidos, no Reino Unido, no Canadá e na Australia. Varios dos seus membros embarcáronse en distintos proxectos, aínda que un cuarto álbum, titulado Angles, foi editado o 22 de marzo do 2011.
Historia
editarJulian Casablancas, vocalista do grupo e Nikolai Fraiture, baixo, eran amigos desde a infancia. Nick Valensi, guitarrista, e Fabrizio Moretti, o batería, coñecéronse cando asistían a un concerto de Dragon Force. No Instituto Le Rosey, na Suíza, Julian Casablancas (a quen seu pai enviara por problemas de conduta) e Albert Hammond Jr., un dos guitarristas, coñecéronse xa que os dous eran estadounidenses e polo tanto concordaban no seu idioma, aínda que non eran moi amigos.
Anos despois, Casablancas atoparíase nas rúas de Nova York con Hammond Jr., o que sería o comezo desta banda. Casualmente os dous vivían en aparcadoiros na mesma rúa, un enfronte do outro, xa que Hammond se trasladara a Nova York para acudir á Escola Tisch de Artes da Universidade de Nova York. Albert e Julian comezaron a compartir apartamento e en 1999 convertéronse nunha banda oficialmente. A súa popularidade creceu rapidamente, especialmente na Lower East Side de Nova York. Empezaron a tocar na popular Sala Lounge de Manhattan, onde Ryan Gentles era o encargado dos compromisos. Gentles estaba tan impresionado coa banda que deixou o seu traballo para se converter no seu representante.
Comezaron a ensaiar duramente mantendo os seus traballos de día (dise que Casablancas era camareiro, mentres que Hammond traballaba en "Kim's Video) e formaron un repertorio de entre 10 e 12 cancións, entre as cales estaban "Last Nite", "The Modern Age", "This Life" (actualmente titulada "Trying your luck"), "New York City Cops", "Soma" e "Someday", entre outras. A maioría destas cancións agora teñen letras distintas. Durante ese tempo tamén deixaron de tocar algunhas cancións do seu repertorio, que incluía "Sagganuts", "In Her Prime", "Rhythm Song", "A Minor 4-4" e tres cancións de título descoñecido.
Gordon Raphael, un pequeno produtor de rock da escena musical de Nova York, asistiu a un dos seus primeiros concertos onde eran abreconcertos de Dragon Force, cando realmente fora a ver a outra banda que tocaba esa velada, como confesou meses despois. Raphael deu a Albert o seu número de teléfono, dicindo que podería gravar unha maqueta para eles. Despois de chamalo un par de días máis tarde, a banda e Raphael finalmente reuníronse.
"The Modern Age" foi lanzado en 2001 desatando unha guerra de poxas entre as discográficas, por ser, segundo elas, a banda de rock and roll máis grande que xurdira en anos.[1] Posteriormente, recibiron unha gran promoción causando unha división entre os seguidores do rock. Para algúns dos medios que os promocionaban, The Strokes eran os salvadores do rock ou un puñado de nenos ricos con nomes copiados de The Velvet Underground.
Is This It
editar- Artigo principal: Is This It.
The Strokes lanzou o seu primeiro disco Is This It nos Estados Unidos en outubro de 2001 baixo o selo RCA, despois dalgúns atrasos producidos pola portada do disco europeo, e a eliminación do tema "New York City Cops". Esta contiña a frase: "Os policías de Nova York non son moi intelixentes" ("New York City Cops, they ain't too smart") no coro, o que o selo RCA encontrou 'politicamente incorrecto' estando tan próximos os ataques do 11 de setembro. A canción foi cambiada por "When It Started".
O disco recibiu moi boas críticas tanto de publicacións independentes como da industria musical, incluíndo 4 estrelas de parte da revista Rolling Stone. A influencia setenteira foi notada por moitos críticos.
Despois do lanzamento de Is This It a banda percorreu exhaustivamente o mundo en xiras, presentándose no Xapón, a Australia, a Nova Zelandia, a Europa e os Estados Unidos. A banda liderou o Reading Festival no Reino Unido en 2002, detalladamente redactado en crónicas nun mini-documental relativamente difícil de achar titulado In Transit publicado polos membros do Club de Fans "Alone, Together". En agosto de 2002 a banda tocou no Radio City Music Hall (Nova York) xunto con The White Stripes. Nesa presentación, Jack White uniuse a The Strokes en escena para tocar o solo de guitarra na canción "New York City Cops". Durante a actuación, Julián tivo que permanecer sentado, debido a unha lesión nun xeonllo. O mesmo ocorreu no Reading Festival.
Durante tal período, a banda tamén se mostrou como invitado musical en Saturday Night Live (interpretando "Last Nite" e "Hard to Explain"), The Tonight Show with Jay Leno, Late Night with Conan O'Brien e The Late Show with David Letterman.
Is This It produciu cantidade de sinxelos e vídeoclips, os cales foron todos dirixidos por Roman Coppola.
O grupo comezou a gravar o seu follow-up no 2002 co produtor Nigel Godrich (mellor coñecido polo seu traballo con Radiohead), aínda que máis tarde se separaron da súa produción a favor de Gordon Raphael, o produtor de Is This It. As gravacións con Godrich nunca foron reveladas.
En agosto de 2003, a banda visitou o Xapón, tocando as cancións "Reptilia", "Meet Me In The Bathroom", "The Way It Is", "Between Love & Hate" (ou tamén coñecida como "Ze Newie") e "12:51" (tamén coñecido como "Supernova"). Tamén tocaron "My Way" de Paul Anka en xaponés.
Room on Fire
editar- Artigo principal: Room on Fire.
Room on Fire é o segundo álbum da banda. Este segue a mesma liña do anterior Is This It, e aínda que non foi tan aclamado como o primeiro, pódese encontrar cancións como "Reptilia", "12:51", "The End Has No End", "I Can't Win" ou "Under Control" dun nivel compositivo semellante. Varios medios acusaron a este como unha repetición do seu primeiro disco.
Lanzado en outubro de 2003, o álbum mantivo os xa familiares puntos de referencia da banda. O primeiro single de Room on Fire foi a canción "12:51", cos característicos sons de sintetizadores de guitarra (nos que se nota a influencia de The Cars), distintivos da guitarra de Valensi. O vídeo foi dirixido por Roman Coppola e inspirado na futurista aparencia de Tron.
Durante a xira 2003/2004 "Room on Fire Tour", a banda tocou con Kings of Leon e My Chemical Romance. Durante esta xira, Regina Spektor e The Strokes gravaron a canción "Modern Girls & Old Fashion Men", lanzado como b-side no single Reptilia. Alén diso, a banda incluíu un cover de "Clampdown" de The Clash, o cal foi lanzado como b-side para "The End Has No End". Xa en 2004, The Strokes revelou os seus plans de lanzar un álbum en vivo. O LP Live in London foi planeado para outubro de 2004, mais foi abandonado, segundo se informa debido aos problemas de calidade da gravación.
En febreiro de 2005, Julian Casablancas casou coa súa grande amiga e representante asistente da banda, Juliet Joslin. Por volta desa data, Nikolai Fraiture tivo unha filla.
The Strokes tivo unha xira de 3 concertos na América do Sur en outubro de 2005, no Brasil, Chile e a Arxentina. Os seus concertos na Arxentina e o Chile incluíron un cover de "A Salty Salute", unha canción escrita pola banda Guided by Voices.
O single da canción Reptilia apareceu no videoxogo Guitar Hero III: Legends of Rock e no videoxogo Rock Band.
First Impressions of Earth
editar- Artigo principal: First Impressions of Earth.
En setembro de 2005 foi lanzado "Juicebox", o primeiro single de First Impressions of Earth na tenda iTunes Music Store como unha exclusiva deste servizo. O single chegou aos primeiros postos en diversas listas de popularidade tanto no Reino Unido como nos Estados Unidos. O disco saíu oficialmente en xaneiro de 2006 e rapidamente chegou ao posto número un da clasificación do Reino Unido. Aínda que a prensa o viu como un paso adiante das dúas gravacións anteriores, a recepción da crítica foi mixta, xa que o característico estilo musical da banda se viu diminuído.
Durante novembro e decembro de 2005 The Strokes fixera unha xira de promoción para o aínda non publicado álbum "First Impressions of Earth", presentándose en varias cidades do mundo. En orde: Toquio, Sydney, Londres, París, Ámsterdan, Ghana, Berlín, Milán, Madrid, Chicago, Río de Xaneiro, Os Ánxeles, Buenos Aires, Santiago de Chile. Aproximadamente 600 entradas foron dispostas para cada unha das funcións. Os fans mesmo resistiron aos distintos factores climáticos acampando fóra da cabina de entradas en pleno inverno europeo. Estes concertos atraíron celebridades visitantes como Oasis, Franz Ferdinand, e Jarvis Cocker.
Xa lanzado o disco, a banda revelou que construíran o seu propio estudio en Hell's Kitchen (Nova York), oficialmente chamado Red Carpet Studios.
Cando se lle pediu un comentario sobre o álbum, Julian dixo: "É como unha sandía sen sementes. Gústame"[2]. Nunha entrevista posterior, Nikolai Fraiture contribuíu á declaración de Julian engadindo que o álbum era "como unha fisura científica"[3].
A banda actuou por segunda vez en Saturday Night Live o 21 de xaneiro de 2006. Tocaron 2 cancións: "Juicebox" e "You Only Live Once".
O 24 de xaneiro, tiveron o primeiro de 18 concertos con entradas esgotadas durante a xira polo Reino Unido, a cal incluíu dúas citas no Hammersmith Apollo onde The Strokes interpretou unha versión de "Life's A Gas" de Ramones. Dous días máis tarde da fin da xira, o 23 de febreiro de 2006, The Strokes foron nomeados como "Mellor Banda Internacional" da revista NME. Julian agradeceu á revista dicindo que "aínda era a mellor revista musical"[4]. Xa en marzo de 2006, The Strokes regresou aos Estados Unidos coa súa polo momento máis longa xira, con 3 concertos de entradas esgotadas no Hammerstein Ballroom en Nova York.
O segundo single deste disco é "Heart in a Cage", canción que recordou aos críticos "The Passenger" de Iggy Pop [2]Arquivado 24 de decembro de 2008 en Wayback Machine.. O terceiro single do disco sería "You Only Live Once", e incluía unha versión de "Mercy Mercy Me" de Marvin Gaye coa que participaron Eddie Vedder, líder de Pearl Jam e Josh Homme, de Queens of the Stone Age, póndose á venda o 10 de xullo de 2006.
Este disco amosa gran madureza en cada un dos instrumentos e tamén gran calidade nas letras das cancións. Outra mudanza que se pode apreciar neste disco é que Casablancas demostra moita máis concentración no que fai, demostrando que os seus problemas co alcohol son cousa do pasado.
Durante o verán de 2006, The Strokes tocou en numerosos festivais na Europa. Logo percorreron a Australia e o México en agosto e setembro, seguido por outra xira nos Estados Unidos.
A comezos de 2007, a banda de Casablancas separouse momentaneamente para que cada integrante puidese adicarse ao seu, coa fin de realizar proxectos persoais que tiñan pendentes desde había un tempo; Casablancas colaborou facendo segundas voces para Queens of the stone age, e Hammond Jr. adentrouse na gravación e promoción do seu primeiro disco solista.
Durante un concerto nos EUA de 2007 Julian Casablancas anunciou que precisaban un descanso e que se ausentarían momentaneamente, ademais de que querían probar a realizar traballos como solistas. Máis tarde un correo mandado polo representante de The Strokes, Ryan Gentles, confirmou que necesitaban "romper" e descansar. En maio de 2007 saíu a páxina oficial do grupo The Strokes, cun vídeo inédito chamado "You Only Live Once" dirixido por Wareen Fu. En 2007 a canción "You Talk Way Too Much" foi empregada para un anuncio comercial de Ford Sync. En 2007 a nova asistente de representante de The Strokes pasou a ser Aleks Cisneros.
Angles
editar- Artigos principais: Angles (álbum) e Angles.
Desde que se reuniron o 11 de febreiro, comezaron a compor un novo material, este álbum está inspirado en Thin Lizzy, A-ha e Elvis Costello. Nunha entrevista para a revista Rolling Stone, Julian Casablancas explicou que o grupo se atopa engaiolado entre o futuro e os setenta, e que a comunicación e honestidade entre eles mellorou moito. Gravouse nos estudios Avatar en NYC con Joe Chiccarelli coma produtor e Gus Oberg como enxeñeiro. O disco foi lanzado a nivel mundial o 22 de marzo de 2011, e levaron a cabo unha xira mundial despois do lanzamento. The Strokes xunto con Arctic Monkeys e Portishead foron os primeiros en confirmar a súa aparición na edición 2011 no FIB (Festival Internacional de Benicasim)' en España. O 18 de xaneiro de 2011 nunha entrevista da revista Rolling Stone anunciouse que o novo álbum se chamaría Angles. O seu primeiro sinxelo publicouse o 9 de febreiro de 2011 titulado Under Cover of Darkness na súa páxina oficial coma descarga gratuíta só por 2 días e o 11 coma descarga en iTunes Store. O baixista Nikolai Fraiture revelou que o álbum sería "un retorno ao básico". Rolling Stone eloxiou Angles, dicindo: "é o mellor álbum desde Is This It". No mesmo artigo, Albert Hammond, Jr. explica o título do álbum, Angles "É ao que soa o disco. Vén de cinco persoas diferentes".
O 5 de outubro de 2010, durante unha entrevista con NME Julian dixo que ao redor do 75% do álbum estaba terminado e que o álbum podería sorprender a moita xente no bo sentido. En novembro de 2010 Casablancas anunciou que o contido e a gravación do álbum estaban terminados e que só estaban pendentes os traballos de edición. O 30 de novembro de 2010, Albert Hammond Jr confirmou que o novo álbum terá 10 cancións. O 17 de xaneiro de 2011 o baixista da banda, Nikolai Fraiture, confirmou mediante o seu perfil de Facebook que o disco sería lanzado o 22 de marzo do presente ano.
Quinto álbum sen nome (2011-presente)
editarA mediados de marzo de 2011, unha entrevista coa ShortList Magazine revelou que The Strokes xa comezaran a traballar no seu quinto álbum de estudio. Porén, as sesións foron adiadas por causa do proceso de mestura de Angles. Tanto Julian Casablancas coma Nick Valensi confirmaron que estaban a traballar con novo material e tamén con moito que sobrara de anteriores traballos.[5] O líder Julian Casablancas afirmou que a banda tiña moitas ganas de comezar a traballar nun novo álbum[6] e tiñan pensado facelo, mais a masterización de Angles levou máis tempo do esperado.
O 25 de abril, o baixista Nikolai Fraiture posteou un tweet anunciando que se dirixían ao estudio para traballar con algunhas ideas novas.[7]
Nunha entrevista coa Fuse TV, o guitarrista Albert Hammond Jr dixo que a banda está traballando no seu quinto álbum en Los Angeles.
The Strokes revelaron que están planeando gravar un disco no menor tempo posible. O baixista Bassist Nikolai Fraiture engadiu que a banda gravará o seu quinto álbum da mesma maneira que compuxeron 'Angles', polo que cada membro da banda proporcionará as súas propias ideas e as compartirán no estudio."[8]
Premios e candidaturas
editarA banda foi nomeada no seu ano de debut en 2002, incluíndo o de Mellor interpretación nova para os MTV Europe Music Awards e a de Mellor actuación ao vivo para os Q Awards. Gañaron moitos premios no mesmo ano, nos que se inclúen o de Mellor banda internacional nos BRIT Awards, e os de Mellor banda do ano e Mellor interpretación nova nos NME Awards. Foron nomeados para o de Mellor banda internacional nos NME Awards en 2003, 2006 (que gañaron), e 2007. En conxunto, The Strokes recibiu seis premios de 13 candidaturas.
- BRIT Awards
Os BRIT Awards son os premios anuais da música pop da British Phonographic Industry'. The Strokes recibiu un premio.[9]
- Meteor Music Awards
Os Meteor Music Awards son distribuídos pola MCD Productions e son os premios nacionais da música na Irlanda. The Strokes gañou un premio.[10]
- MTV Europe Music Awards e MTV Video Music Awards
Nos MTV Europe Music Awards e MTV Video Music Awards celébrase unha cerimonia anual de premios. Estas cerimonias foron establecidas en 1994 pola MTV Europe, no caso dos MTV Europe Music Awards, e en 1984 pola MTV. The Strokes recibiu dúas nomeamentos nos MTV Europe Music Awards [11][12] e unha nos MTV Video Music Awards.
- NME Awards
Os NME Awards é unha cerimonia anual de premios fundada pola revista musical británica NME. The Strokes gañou catro premios de sete nomeamentos.[13][14][15][16]
- Q Awards
Os Q Awards son anualamente presentados pola revista musical Q. The Strokes foron nomeados unha vez.[17]
Discografía
editar- Artigo principal: Discografía de The Strokes.
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Is This It | 2001 | RCA Records, Rough Trade Records |
Room on Fire | 2003 | RCA Records |
First Impressions of Earth | 2006 | RCA Records |
Angles | 2011 | RCA Records, Rough Trade |
Comedown Machine | 2013 | RCA Records |
The New Abnormal | 2020 | RCA Records, Cult Records |
Influencias
editarContemporáneos
editarNotas
editar- ↑ Joe D'Angelo (2001). "The Strokes: "We Just Do Our Own Thing"". Arquivado dende o orixinal o 11-02-2007. Consultado o 23-01-2007.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2007. Consultado o 14 de decembro de 2011.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2007. Consultado o 14 de decembro de 2011.
- ↑ [1]
- ↑ "The Strokes Return / Music / ShortList Magazine". Shortlist.com. 2011-02-17. Arquivado dende o orixinal o 01 de abril de 2011. Consultado o 2011-07-09.
- ↑ "The Strokes hit the studio to work on 'new ideas'". Nme.com. 2011-04-25. Consultado o 2011-10-22.
- ↑ Breihan, Tom (2011-04-27). "The Strokes at Work on New Music". Pitchfork. Consultado o 2011-10-22.
- ↑ "The Strokes planning to record new album 'as soon as possible' | News". Nme.Com. 2011-06-21. Consultado o 2011-07-09.
- ↑ "Brit Awards 2002: The winners". BBC. February 20, 2002. Consultado o October 10, 2008.
- ↑ "Meteor Ireland Music Awards Past Winners". Meteor Music Awards. Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2009. Consultado o October 10, 2008.
- ↑ "MTV Europe Awards: The winners". BBC. November 15, 2002. Consultado o October 10, 2008.
- ↑ "Nominations for MTV Europe Music Awards announced". NME. 19-09-2006. Consultado o 10-10-2008.
- ↑ "The Strokes rock NME Awards". BBC. 25-02-2002. Consultado o October 10, 2008.
- ↑ "NME Awards 2003: The winners". BBC. 13-02-2003. Consultado o October 10, 2008.
- ↑ "ShockWaves NME Awards 2006: The Shortlist". NME. January 23, 2006. Consultado o October 10, 2008.
- ↑ "Shockwaves NME Awards 2007: Best International Band nominations". NME. January 29, 2007. Consultado o 10-10-2008.
- ↑ "Q Awards 2002: Winners". BBC. 14-10-2002. Consultado o October 10, 2008.