Sinclinal
Un sinclinal é unha dobra da codia terrestre que presenta os estratos máis recentes no seu núcleo.[1][2] Fórmanse polos efectos tectónicos da dinámica terrestre.
Denonmínase «sinforma» ou «dobra sinforme» á dobra cóncava (forma de U ou V); normalmente úsase en lugar do termo sinclinal cando non se sabe a orde cronolóxica da sucesión sedimentaria. Igualmente, denomínase «falso sinclinal» ou «anticlinal sinforme» cando un anticlinal (dobra cos estratos máis antigos no núcleo) foi invertido pola tectónica, mostrando entón a convexidade cara a arriba (sinforma).[1][2]
Denomínase «sinclinorio» á estrutura sinformal rexional composta por unha sucesión de anticlinais e sinclinais máis pequenos.[2]
Os nomes das súas partes son similares ás do anticlinal: flancos e charneira ou cunca sinclinal. A súa formaión débese ás forzas de compresión dun movemento oroxénico. Igual que no anticlinal, nun sinclinal podemos destacar: o plano axial, o eixe e o buzamento[3] ou inclinación dos estratos. Tendo en conta o seu plano axial, pode ser: recto ou simétrico, ou inclinado (tombado) ou asimétrico. E pola súa forma pode ser: en cunca, pinzado, de V, de cubeta ou braquisinclinal.
Igual que o anticlinal, ao que vai unido, o sinclinal puido estar sometido a modificacións e ser fallado, pinzado, tombado, desprazado do seu lugar de orixe e erosionado. Un sinclinal pode estar conforme coa topografía do terreo, é dicir máis baixo que os anticlinais dos lados (no Xura chámase val) ou, debido á erosión, quedar a máis altura (relevo invertido ou inverso), e entón recibe o nome de sinclinal colgado e, cando quedou moi achaiado, nalgúns sitios falan de páramo, aínda que para evitar confusións, no uso xeomorfolóxico tende a usarse este último termo só para plataformas estruturais horizontais.[4]
En xeomorfoloxía denomínase sinclinal colgado, a unha estrutura sinclinal que queda máis elevada que os anticlinais adxacentes, porque estes estiveron sometidos a unha erosión que os rebaixa.[5]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Mattauer, Maurice (1976 [1973]). Las deformaciones de la corteza terrestre. Ediciones Omega, S.A. Métodos. 524 páxs. Barcelona, 1976 ISBN 84-282-0440-3 Páx. 94 [Les deformations des materiaux de l'ecorce terrestre. Hermann. Methodes. 493 páxs. ISBN 2-7056-5721-5]
- ↑ 2,0 2,1 2,2 RACEFN Glosario de Geología.
- ↑ Definición de buzamento no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Tejada Álamo, G. (1994). Vocabulario geomorfológico. Madrid:Akal. ISBN 84-460-0285-X.
- ↑ [email protected] (2015-08-13). "Sinclinal colgado (Geografía General)". [email protected] (en castelán). Consultado o 2022-12-24.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sinclinal |