Revolución de Zanzíbar
A Revolución de Zanzíbar (árabe: ثورة زنجبار) tivo lugar en 1964 e levou ao derrocamento do Sultán de Zanzíbar e o seu goberno principalmente árabe a mans de revolucionarios negros locais. Zanzíbar era un estado etnicamente diverso que constaba dunha serie de illas fronte a costa de Tanganica, ao que o Reino Unido lle concedera a independencia en 1963. Nunha serie de eleccións parlamentarias previas á independencia, a minoría árabe logrou manter o poder que tivera cando Zanzíbar era un territorio de ultramar de Omán. Frustrado pola baixa representación no Parlamento a pesar de gañar co 54% dos votos nas eleccións de xullo de 1963, o africano Partido Afro-Shirazi (PAS) na mañá cedo do 12 de xaneiro de 1964, dirixido por John Okello, o líder xuvenil (PAS) da á Pemba, mobilizou en torno a 600–800 revolucionarios na illa principal de Unguja (Illa de Zanzíbar). Logo de someter a policía do país e apropiarse das súas armas, os insurxentes dirixíronse a Cidade Zanzíbar, onde derrocaron o sultán e o seu goberno. Seguíronlle represalias contra civís árabes e do sur de Asia na illa; o número de mortos resultantes está en discusión, con estimacións que van dende varios centos ata os 20 000. O líder moderado do PAS Abeid Karume converteuse no primeiro presidente e xefe de Estado do país.
Revolución de Zanzíbar | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Guerra fría | |||||||||
Unguja e Pemba, as dúas illas principais de Zanzíbar. | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
Revolucionarios | Sultanato de Zanzíbar | ||||||||
Líderes | |||||||||
John Okello | Sultán Jamshid bin Abdullah Muhammad Shamte Hamadi | ||||||||
Forzas en combate | |||||||||
600-800 combatentes[1][2] | Forza Policial de Zanzíbar | ||||||||
Baixas | |||||||||
Os aparentes lazos comunistas do novo goberno preocuparon aos gobernos occidentais. Como Zanzíbar se encontraba dentro da esfera de influencia británica, o goberno británico elaborou unha serie de plans de intervención. Con todo, o temido estado comunista nunca se materializou, e debido a que os cidadáns británicos e estadounidenses foran evacuadas con éxito, estes plans non se puxeron en marcha. Mentres tanto, as potencias do bloque comunista como Alemaña Oriental e a Unión Soviética, xunto coa República Popular da China, crearon relacións de amizade co novo goberno mediante o recoñecemento do país e o envío de asesores. Karume tivo éxito na negociación de unión de Zanzíbar e Tanganica para formar a nova nación de Tanzania, un acto que os medios de comunicación contemporáneos xulgaron como un esforzo de evitar a subversión comunista de Zanzíbar. A revolución puxo fin a 200 anos de dominación árabe en Zanzíbar, e é conmemorada na illa cada ano con celebracións de aniversario e un día festivo.
Antecedentes
editarO arquipélago de Zanzíbar, agora parte da república de Tanzania, no sueste de África, é un grupo de illas situadas no océano Índico fronte a costa de Tanganica. Comprende a illa principal de Unguja (tamén coñecida como Zanzíbar), situada ao sur, e a illa de Pemba ao norte, así como numerosos illotes circundantes. Cunha longa historia de dominio árabe que se remonta ata 1698, Zanzíbar foi un territorio de ultramar de Omán ata que conseguiu a independencia en 1858 baixo o seu propio sultanato.[6] En 1890, durante o reinado de Ali ibn Sa'id, Zanzíbar converteuse nun protectorado británico,[7] e aínda que nunca estivo formalmente baixo o goberno directo, considerouse parte do Imperio Británico.[8]
En 1964, o país era unha monarquía constitucional gobernada polo sultán Jamshid bin Abdullah.[9] Zanzíbar tiña unha poboación africana de en torno a 230 000—algúns dos cales afirmaban ter ascendencia persas e eran coñecidos localmente como Shirazis[10]—e tamén contaba con minorías significativas con 50 000 árabes e 20 000 surasiáticos, que salientaban nos negocios e o comercio.[10] Os diversos grupos étnicos estaban comezando a mesturarse e as diferenzas entre eles desdebuxáranse;[9] segundo un historiador, un motivo importante para o apoio xeral do sultán Jamshid foi a diversidade étnica da súa familia.[9] Con todo, a poboación árabe da illa, como principais terratenentes, era xeralmente máis rica que a poboación negra[11] e gozaba de acceso a servizos sociais de maior calidade, como a saúde e a educación, que as persoas negras. Á parte disto, a autoridade británica consideraba a Zanzíbar como un país árabe e sempre mantivo unha posición de apoio á minoría árabe para permanecer no poder.[12] Como resultado, durante o proceso de descolonización a maior parte dos partidos políticos estaban organizados en boa parte segundo liñas étnicas, coa minoría árabe dominando o Partido Nacionalista de Zanzíbar (PNZ) e a maioría negra o Partido Afro-Shirazi (PAS).[9] O PNZ mirou cara a Exipto como modelo, o que causou algunhas tensións cos oficiais coloniais británicos, mais Zanzíbar estivera dominado durante centos de anos pola elite árabe, e a Oficina Colonial non podía imaxinar un Zanzíbar gobernado por negros.[13]
En xaneiro de 1961, como parte do proceso de descolonización, as autoridades británicas da illa estableceron distritos electorais e celebraron eleccións democráticas.[11] O PAS e o PNZ gañaron 11 dos 22 escanos posibles no Parlamento de Zanzíbar,[9] polo que en xuño se celebraron outras eleccións nas que o número de escanos elevouse ata os 23. O PNZ entrou en coalición co Partido Popular de Zanzíbar e Pemba (PPZP) e desta volta conseguiu 13 escanos, mentres que o PAS, a pesar de recibir a maior parte dos votos, tan só conseguiu 10.[9] O PAS sospeitou de fraude electoral e desatou unha desorde civil, que acabou con 68 mortes.[9] Para manter o control, a coalición de goberno prohibiu os partidos da oposición máis radicais, encheu o servizo civil cos seus propios funcionarios designados, e politizou a policía.[11]
En 1963, co número de escanos do parlamento aumentado ata os 31, noutras elections repetíronse os mesmos resultados que en 1961. Debido á disposición dos distritos electorais, que foran manipulados polo PNZ, o PAS, liderado por Abeid Amani Karume, conseguiu o 54 % do voto popular, mais tan só 13 escanos,[14] mentres que o PNZ/PPZP conseguiu o resto e dispuxo dun fortalecemento do seu control de poder.[11] O Partido Umma, formado ese ano por partidarios socialistas árabes descontentos do PNZ,[15] foi prohibido, e todos os policías de orixe africana continental foron despedidos.[14][16] Isto eliminou unha boa parte da única forza de seguridade da illa, e creou un grupo de homes enfadados con adestramento paramilitar e con coñecemento dos edificios, o equipamento e os procedementos da policía.[17] Ademais, o novo goberno dominado polos árabes deixou claro que na política exterior, o Sultanato de Zanzíbar procuraría vínculos próximos co mundo árabe, especialmente con Exipto, e non tiña interese en forxar relacións coas nacións da África negra continental como a maioría negra desexaba.[18] A escravitude fora abolida en Zanzíbar en 1897, mais boa parte da elite árabe que dominaba a política da illa fixo poucos esforzos para ocultar as súas visións racistas respecto da maioría negra como inferiores a eles, á que consideraban unha xente apta só para a escravitude.[18] No Parlamento, o ministro de finanzas Juma Aley respondeu a preguntas de Karume de xeito insultante dicindo que non precisaba contestar as preguntas dun simple "barqueiro".[19] Aley explicou tamén noutro discurso no Parlamento que se os árabes estaban sobrerrepresentados no gabinete non era por racismo, senón só porque as habilidades mentais dos negros eran abismalmente inferiores e as habilidades mentais dos árabes como el mesmo eran moi altas, unhas declaracións que enfureceron á maioría negra.[19] Os recordos do comercio de escravos árabe no pasado (algúns dos negros máis vellos foran escravos na súa xuventude) xunto cunha visión claramente condescendente da elite árabe cara á maioría negra no presente significou que boa parte da poboación negra de Zanzíbar tiña un odio feroz cara aos árabes, vendo o goberno dominado por estes como ilexítimo.[18] O goberno non axudou a ampliar o seu atractivo para a maioría negra ao recurtar de xeito drástico o gasto en escolas de áreas de gran concentración de poboación negra.[20] O orzamento do goberno cos seus recortes draconianos nos gastos nas escolas das áreas negras foi visto amplamente como un signo de que o goberno dominado polos árabes estaba a planear pechar á poboación negra nun status permanente de segunda clase.[20]
A independencia total do dominio británico foi concedida o 10 de decembro de 1963, coa coalición do PNZ/PPZP como órgano de goberno. O goberno solicitou un acordo de defensa ao Reino Unido, pedindo que un batallón de tropas británicas ficara na illa para tarefas de seguridade interna,[2] mais isto foi rexeitado porque considerou inapropiado que as tropas británicas participaran no mantemento da lei e a orde tan pouco despois da independencia.[2] A maior parte do gabinete, que procuraba vínculos máis estreitos con Exipto (gobernado por Nasser), non quería de ningún xeito tropas británicas en Zanzíbar.[20] Os informes da intelixencia británica predicían que disturbios civís, acompañados polo incremento da actividade comunista, eran probables no futuro próximo e que a chegada das tropas británicas podería provocar que a situación se deteriorara máis aínda.[2] Con todo, moitos cidadáns estranxeiros permaneceron na illa, incluídos 130 británicos que eran empregados directos do goberno de Zanzíbar.[21]
En 1959, un carismático ugandés chamado John Okello chegou a Pemba para traballar como albanel, e en febreiro de 1963 trasladouse a Zanzíbar.[22] Traballando como funcionario no Sindicato de Traballadores da Pintura de Zanzíbar e Pemba e combo activista do PAS, Okello gañara seguidores e case dende o momento en que chegou a Zanzíbar estivera a organizar unha revolución que planeaba que tivese lugar pouco despois da independencia.[23]
Revolución
editarEn torno ás 3:00 am do 12 de xaneiro de 1964, entre 600 e 800 insurxentes pobremente armados, principalmente negros, axudados por algúns dos expolicías recentemente despedidos, atacaron as comisarías de Unguja, tanto as súas armerías como a estación de radio.[1][2] Os atacantes non tiñan pistolas, estaban equipados só con lanzas, machetes, e fermentas metálicas, tendo só a vantaxe numérica e o factor sorpresa.[24] Os reemprazos da policía árabe non recibiran case adestramento e, a pesar de responder cunha forza móbil, foron axiña superados.[1][25] O propio Okello liderou o ataque ao cuartel xeral da policía de Ziwani, que tamén resultou ser o arsenal máis grande da illa.[24] Varios dos rebeldes foron abatidos a tiros, mais a policía foi superada polo seu gran número. Okello atacou persoalmente a un sentinela, arrebatoulle o seu rifle, e empregouno para matar ao policía cunha baioneta.[24] Armándose a si mesmos con centos de rifles automáticos, metralladoras e metralladoras Bren, os insurxentes tomaron o control de edificios estratéxicos na capital, a Cidade de Zanzíbar.[26][27] En torno ás 7:00 am, Okello realizou a súa primeira transmisión radiofónica dende unha estación de radio local que os seus seguidores capturaran dúas horas antes, chamando á poboación negra a levantarse e derrocar os "imperialistas".[28] Nese momento, Okello referiuse a si mesmo como "mariscal de campo", o que provocou moitas especulacións en Zanzíbar sobre a identidade desa misteriosa figura que lideraba a revolución, que falaba o seu suahili cun marcado acento acholí que non era familiar en Zanzíbar.[28]
Ás seis horas do inicio das hostilidades, a oficina local de telégrafos e os principais edificios gobernamentais estaban baixo o control revolucionario, e a única pista de aterraxe da illa foi capturada ás 2:18 pm.[26][27] No campo, estalaran as loitas entre os Manga, como eran chamados os árabes do rural, e os negros.[29] Os Manga estaban armados principalmente con rifles de caza, e unha vez que as armas arrebatadas ás comisarías de policía chegaron aos rebeldes no rural, os negros as empregaron contra os Manga.[29] En Stone Town, a maior resistencia tivo lugar na comisaría de policía de Malindi, onde baixo o mando do comisario de policía J. M. Sullivan (un policía británico que permaneceu no posto ata que se puido contratar a un substituto local), todos os ataques rebeldes foron rexeitados, entre outros motivos porque os insurxentes tendían a retirarse cando eran atacados.[29] Sullivan só rendeu a comisaría de Melindi a finais da tarde logo de quedar sen munición, e marchou con todas as súas forzas (ningún policía morrera ou resultara ferido) ata o peirao de Stonetown para embarcar en barcas que os levaran a un barco, o Salama, para sacalos de Zanzíbar.[30] En todo Stone Town, as tendas e casas que eran propiedade de árabes ou de persoas do sur de Asia foron saqueadas, mentres que as mulleres destes grupos étnicos foron violadas en grupo.[30] O sultán, xunto co primeiro ministro Muhammad Shamte Hamadi e membros do gabinete, fuxiron da illa a bordo do iate real Seyyid Khalifa,[27][31] e o goberno revolucionario apoderouse do palacio do sultán e doutras propiedades.[3] Morreron canto menos 80 persoas e 200 resultaron feridas, a maioría das cales eran árabes, durante as 12 horas de loita na rúa que seguiron.[3] 61 cidadáns estadounidenses, incluídos 16 homes do persoal dunha estación de seguimento de satélites da NASA, buscaron refuxio no English Club da Cidade de Zanzíbar, e catro xornalistas da mesma nacionalidade foron detidos polo novo goberno da illa.[27][4]
Descoñecendo que Okello dera ordes de non matar a ningún branco, os estadounidenses que vivían en Stone Town fuxiron ao English Club, onde se encontraba o punto de evacuación.[32] As persoas que viaxaban no convoi de automóbiles ao English Club sorprendéronse de ver os corpos maltratados de homes árabes tirados nas rúas de Stone Town cos seus penes curtados e os testículos metidos nas súas bocas.[33] Como parte dos plans coidadosamente trazados de Okello, por toda a illa, grupos de negros armados con coitelos, lanzas e pangas (machetes) adicáronse a matar sistematicamente a todos os árabes e asiáticos do sur que puideron atopar.[34] O diplomático estadounidense Don Petterson describiu o seu horror cando viu dende a súa casa como un grupo de homes negros asaltaba a casa dun árabe, o decapitaban en público cunha panga, seguido dos berros dende o interior da súa casa cando a súa muller e as tres criaturas eran violadas e asasinadas, seguida da mesma escena repetida na seguinte casa dun árabe, seguida doutra e outra.[34] Logo de tomar o contro de Stone Town o primeiro día, os revolucionarios continuaron a loitar cos Manga polo control do rural durante canto menos dous días, e familias de árabes foron asasinadas logo de que as súas casas foran asaltadas.[35]
Segundo a historia oficial de Zanzíbar, a revolución foi proposta e liderada polo líder do PAS Abeid Amani Karume.[2] Con todo, no momento da revolución Karume encontrábase na África continental do mesmo xeito que o líder do Partido Umma, Abdulrahman Muhammad Babu.[36] Okello, na súa calidade de secretario das mocidades do PAS en Pemba, enviara a Karume ao continente para asegurar a súa seguridade.[1][31] Okello chegara a Zanzíbar procedente de Kenya en 1959[9] afirmando ter sido mariscal de campo dos rebeldes kenyanos durante a rebelión Mau Mau, aínda que en realidade non tiña experiencia militar.[1] Sostivo que escoitara unha voz que lle ordenaba, como cristián, que liberara á xente de Zanzíbar dos árabes musulmáns, aínda que a propia poboación de Zanzíbar era predominantemente musulmá[9] e foi Okello quen liderou os revolucionarios, principalmente membros desempregados da Liga Xuvenil Afro-Shirazi, o 12 de xaneiro.[2][16] Un comentarista especulou ademais que probablemente foi Okello, coa Liga Xuvenil, quen propuxo a revolución.[2] Semella ter habido tres complots diferentes para derrocar o goberno, liderados por Karume, Babu e Okello, mais foi o plano deste último o que estaba máis avanzado e foi el quen asestou o golpe que derrubou o réxime do sultán.[37] Okello non era moi coñecido en Zanzíbar, e o goberno estaba máis preocupado de controlar os partidos PAS e Umma que a un pintor de casas pouco coñecido e case analfabeto e un dirixente sindical menor.[38] Okello era un completo misterio para o mundo no momento da revolución, e o MI5 informou a Whitehall que era un antigo policía que loitara cos Mau Mau en Kenya e fora adestrado en Cuba na arte da violencia revolucionaria.[39] O propio Okello nunha conferencia de prensa varios días despois negou iradamente ter estado en Cuba ou China, afirmando que era un cristián cuxo lema era "Todo pode aprenderse da Biblia".[40]
Durante a revolución, houbo unha orxía de violencia cometida contra as comunidades de persoas do sur de Asia e árabes con milleiros de mulleres violadas polos seguidores de Okello, e moitos saqueos e masacres de árabes en toda a illa.[30] O diplomático estadounidense Don Petterson describiu os asasinatos dos árabes pola maioría negra como un acto de xenocidio.[41] Petterson escribiu "Xenocidio non era un termo que estivera tan de moda entón como o estivo despois, mais é xusto dicir que en partes de Zanzíbar, o asasinato de árabes foi un xenocidio, puro e simple".[41] Okello acudía frecuentemente á radio a instar aos seus seguidores nunha atroadora linguaxe do Antigo Testamento a matar tantos árabes como fora posible, co máximo de brutalidade.[42] Como nacionalista panafricano que facía cantar aos seus seguidores "God Bless Africa" cada vez que marchaba pola rúa, Okello apelou á maioría negra, mais ao mesmo tempo, como cristián militante que afirmaba escoitara a voz de Deus na súa cabeza, o atractivo de Okello nunha illa na que o 95 % da poboación era musulmá, era limitado.[42]
Consecuencias
editarOs partidos PAS e Umma crearon un Consello Revolucionario para exercer de goberno interino, con Karume liderando o consello como presidente e Babu exercendo de ministro de exteriores.[31] O país pasou a denominarse República Popular de Zanzíbar e Pemba;[1] as primeiras accións do novo goberno foron desterrar permanentemente o sultán e expulsar o PNZ e o PPZP.[3] Buscando distanciarse do volátil Okello, Karume afastouno discretamente da escena política aínda que se lle permitiu manter o título que el mesmo se outorgara de mariscal de campo.[1][31] Con todo, os revolucionarios de Okello comezaron a tomar represalias contra as poboacións de persoas árabes e do sur de Asia en Unguja, levando a cabo malleiras, violacións, asasinatos e ataques á propiedade.[1][31] Nos seus discursos radiofónicos afirmaba ter matado ou encarcerado a decenas de miles dos seus "inimigos e secuaces",[1] mais as estimacións actuais sobre o número de mortes varía moito, dende os "centos" ata os 20 000. Algúns xornais occidentais dan cifras de 2 000 a 4 000;[4][5] mais os números máis elevados puideron ter sido inchados polas transmisións do propio Okello e os informes esaxerados dalgúns medios occidentais e árabes.[1][43][44] A matanza de prisioneiros árabes e o seu enterramento en fosas comúns foi documentado por un equipo de filmación italiano, filmando dende un helicóptero, para Africa Addio e esta secuencia de película constitúe o único documento visual coñecido dos asasinatos.[45] Moitos árabes fuxiron a Omán,[43] aínda que por orde de Okello ningunha persoa branca foi ferida.[31] A violencia postrevolucionaria non se expandiu a Pemba.[44]
O 3 de febreiro Zanzíbar finalmente volveu á normalidade, e Karume foi amplamente aceptado pola xente como o seu presidente.[46] A policía volveu ás rúas, as tendas saqueadas abriron de novo, e a poboación civil estaba entregando as armas sen licenza.[46] O goberno revolucionario anunciou que os seus presos políticos, cifrados en 500, serían xulgados por tribunais especiais. Okello formou a Freedom Military Force (FMF), unha unidade paramilitar integrada polos seus partidarios, que patrullaban as cidades e saqueaban as propiedades árabes.[47][48] O comportamento dos partidarios de Okello, a súa retórica violenta, o seu acento ugandés, e as súas crenzas cristiás estaban alienando a moitos no PAS de Zanzíbar e musulmá, maioritariamente moderada,[49] e en marzo moitos membros da súa FMF foron desarmados polos seguidores de Karume e a milicia do Partido Umma. O 11 de marzo retiráronlle a Okello o seu rango de mariscar de campo,[48][49][50] e negóuselle a entrada cando tentou regresar a Zanzíbar logo dunha viaxe ao continente. Foi deportado a Tanganica e logo a Kenya, antes de regresar pobre a Uganda.[49]
En abril o goberno creou o People's Liberation Army (PLA) e completou o desarme do que quedaba da milicia de Okello.[49] O 26 de abril Karume anunciou que se estaba a negociar unha unión con Tanganica para formar o novo país de Tanzania.[51] A unión foi vista na prensa contemporánea como un xeito de previr unha subversión comunista en Zanzíbar; canto menos un historiador sinala que puido ter sido un intento de Karume, un socialista moderado, para limitar a influencia do radicalmente esquerdista Partido Umma.[47][51][52] Babu achegárase aos diplomáticos chineses que organizaran varios envíos de armas a Zanzíbar para permitirlle ao Partido Umma ter un á paramilitar.[53] Tanto Karume como o presidente Nyerere de Tanganica estaban preocupados por que Zanzíbar estivera comezando a converterse nun foco das tensións da Guerra Fría, xa que os diplomáticos estadounidenses e británicos competían pola influencia cos diplomáticos soviéticos, chineses e alemáns orientais, e ter unha unión co non aliñado Tanganica considerouse o mellor xeito para sacar a Zanzíbar do foco mundial.[53] Con todo, moitas das políticas socialistas do Partido Umma en materia de saúde, educación e benestar social foron adoptadas polo goberno.[44]
Reacción estranxeira
editarAs forzas militares británicas en Kenya foron conscientes da revolución ás 4:45 am do 12 de xaneiro, e logo dunha solicitude do sultán puxéronse en espera de 15 minutos para levar a cabo un asalto ao aeródromo de Zanzíbar.[1][54] Con todo, o Alto Comisario Británico en Zanzíbar, Timothy Crosthwait, non informou de ningún ataque a cidadáns británicos e desaconsellou a intervención. Como resultado, as tropas británicas en Kenya víronse reducidas a catro horas de espera esa mesma noite. Crosthwait decidiu non aprobar unha evacuación inminente de cidadáns británicos, xa que moitos deles ocupaban postos chave no goberno e a súa mudanza repentina podía perturbar máis a economía e o goberno do país.[54]
Ás poucas horas da revolución, o embaixador estadounidense autorizara a retirada da illa dos cidadáns estadounidenses, e o destrutor da armada estadounidense USS Manley, chegou o 13 de xaneiro.[55] O Manley atracou no porto de Cidade Zanzíbar, mais os Estados Unidos non solicitaran permiso de evacuación ao Consello Revolucionario, e o barco foi recibido por un grupo de homes armados.[55] Finalmente concedéuselles o permiso o 15 de xaneiro, mais os británicos consideraron que esta confrontación foi a causa de boa parte do mal talante posterior contra as potencias occidentais en Zanzíbar.[56]
As axencias de intelixencia occidentais crían que a revolución fora organizada por comunistas apoiados con armas dos países do Pacto de Varsovia. Esta sospeita acrecentouse co nomeamento de Babu como Ministro e Asuntos Exteriores e Abdullah Kassim Hanga como Primeiro Ministro, ambos coñecidos esquerdistas con posibles vencellos comunistas.[1] O Reino Unido cría que estes dous eran colaboradores próximos de Oscar Kambona, o Ministro de Asuntos Exteriores de Tanganica, e que antigos membros dos Tanganyika Rifles estiveran dispoñibles para axudar na revolución.[1] Algúns membros do Partido Umma levaban uniformes de combate cubanos e barbas ao estilo de Fidel Castro, o que se considerou como un indicio do apoio cubano á revolución.[37] Con todo, esta práctica comezou por parte dos membros que formaran parte da oficina do PNZ en Cuba e converteuse nun xeito de vestir común entre os membros do partido da oposición nos meses anteriores á revolución.[37] O recoñecemento do novo goberno de Zanzíbar por parte da República Democrática Alemá (o primeiro goberno africano que a recoñeceu) e de Corea do Norte foi unha proba máis para as potencias occidentais de que Zanzíbar se aliñara estreitamente co bloque do leste.[48] Tan só seis días despois da revolución, o The New York Times afirmou que Zanzíbar estaba "próxima a converterse na Cuba de África", mais o 26 de xaneiro negou que houbera unha participación comunista activa.[4][57] Zanzíbar continuou a recibir apoio dos países comunistas e contra o mes de febreiro sabíase que recibía conselleiros da Unión Soviética, a República Democrática Alemá e China.[58] Cuba tamén prestou o seu apoio ao país, co Che Guevara afirmando o 15 de agosto que "Zanzíbar é o noso amigo e démoslle a nosa pequena axuda, a nosa axuda fraternal, a nosa axuda revolucionaria no momento no que foi necesaria", mais negando que houbera tropas cubanas presentes durante a revolución.[59] Ao mesmo tempo, a influencia occidental foi diminuíndo e contra o mes de xullo de 1964 só un británico, un dentista, permanecía ao servizo do goberno de Zanzíbar.[21] Alegouse que o mestre de espías israelí David Kimche foi un dos que apoiaron a revolución[60] estando el en Zanzíbar no día da mesma.[61]
O sultán deposto fixo un chamamento infrutuoso a Kenya e Tanganica solicitando axuda militar,[54] aínda que Tanganica enviou 100 policías paramilitares a Zanzíbar para conter os disturbios.[1] Á parte dos Tanganyika Rifles (antigamente os King's African Rifles coloniais), a policía era a única forza armada en Tanganica, e o 20 de xaneiro a ausencia de policía levou a todo o rexemento de Rifles a amotinarse.[1] Insatisfeitos polos seus baixos salarios e co lento progreso na substitución dos seus oficiais británicos por africanos,[62] o motín dos soldados provocou levantamentos similares tanto en Uganda como en Kenya. Con todo, os levantamentos no continente foron sufocados rapidamente polo exército británico e os marines reais sen incidentes graves.[63]
O posible xurdimento dun estado comunista africano seguiu a ser unha fonte de inquedanza en occidente. En febreiro, o Comité Británico de Defensa e de Política Exterior dixo que, se ben os intereses británicos en Zanzíbar eran "pequenos" e a revolución en si mesma "non [era] importante", a posibilidade de intervención debía manterse.[64] Ao comité preocupáballe que Zanzíbar puidera converterse nun centro para a promoción do comunismo en África, moi parecido ao que Cuba fixera en América.[64] Gran Bretaña, a maior parte da Commonwealth, e os Estados Unidos retiveron o recoñecemento do novo réxime ata o 23 de febreiro, momento no que xa fora recoñecido por boa parte do bloque do leste.[65] En opinión de Crosthwait, isto contribuíu a que Zanzíbar se aliñara coa Unión Soviética; Crosthwait e o seu persoal foron expulsados do país o 20 de febreiro e só se lles permitiu regresar unha vez se acordara o recoñecemento.[65]
Resposta militar británica
editar- Véxase tamén: Resposta británica á Revolución de Zanzíbar.
Logo da evacuación dos seus cidadáns o 13 de xaneiro, o goberno dos Estados Unidos declarou que recoñecía que Zanzíbar se encontraba dentro da esfera de influencia británica e non interviría.[66] Os Estados Unidos, con todo, instaron a Gran Bretaña a cooperar con outros países do sueste africano para restaurar a orde.[66] O primeiro buque militar en chegar ao lugar foi o HMS Owen, que foi desviado dende a costa de Kenya e chegou na tarde do 12 de xaneiro.[56] Ao Owen uníuselle o 15 de xaneiro a fragata Rhyl e o barco da Frota Real Auxiliar Hebe. Se ben o Owen, lixeiramente armado, puidera prover aos revolucionarios dun discreto recordatorio do poder militar británico, o Hebe e o Rhyl eran asuntos diferentes.[56] Debido a informes inexactos de que a situación en Zanzíbar se estaba a deteriorar, o Rhyl transportaba unha compañía de tropas do primeiro batallón do Rexemento Staffordshire dende Kenya, cuxo embarque foi amplamente reportado nos medios kenyanos, e obstaculizaría as negociacións británicas con Zanzíbar.[56] O Hebe acababa de retirar provisións do almacén naval de Mombasa e estaba cargado con armas e explosivos. Aínda que o Consello Revolucionario descoñecía a natureza do cargamento do Hebe, a negativa por parte da Armada Real de permitir un rexistro do barco creou sospeitas en terra e circularon rumores de que era un barco de asalto anfibio.[56]
Unha evacuación parcial de cidadáns británicos completouse o 17 de xaneiro,[67] cando os disturbios do exército no sueste africano provocaron o desvío do Rhyl a Tanganica para que as tropas que levaba puideran axudar a sufocar o motín. En substitución, unha compañía dos Gordon Highlanders embarcou no Owen para que aínda se puidera realizar unha intervención se era preciso.[68] Os portaavións Centaur e Victorious tamén foron trasladados á rexión como parte da Operación Parthenon.[65] Aínda que nunca se promulgou, a Parthenon foi concibida como unha medida de precaución en caso de que Okello ou radicais do partido Umma tentaran arrebatarlle o poder ao máis moderado PAS.[49] Ademais dos dous portaavións, o plan incluía a tres destrutores, Owen, 13 helicópteros, 21 avións de transporte e recoñecemento, o segundo batallón dos Scots Guards, o 45 Commando dos Marines Reais e unha compañía do segundo batallón do Rexemento de Paracaidistas. A illa de Unguja, e o seu aeroporto, serían tomados mediante ataques de paracaidistas e helicópteros, seguidos da ocupación de Pemba. A Parthenon tería sido a maior operación aerotransportada e anfibia británica dende a Crise de Suez.[49]
Logo da revelación de que os revolucionarios podían ter recibido adestramento do bloque comunista, a Operación Parthenon foi substituída pola Operación Boris. Isto requiría un asalto con paracaidistas en Unguja dende Kenya, mais posteriormente foi abandonado a causa da inseguridade en Kenya e a oposición do seu goberno a empregar os seus aeródromos.[69] No seu lugar deseñouse a Operación Finery, que debía implicar un asalto en helicóptero por parte dos Marines Reais dende o HMS Bulwark, un buque de asalto anfibio que daquela se encontraba en Oriente Medio.[52] Como o Bulwark estaba fóra da rexión, a posta en marcha de Finery requiriría dun aviso de 14 días, polo que no caso de que fora precisa unha resposta inmediata, situáronse forzas axeitadas cun aviso de 24 horas para lanzar unha operación a menor escala para protexer aos cidadáns británicos.[52]
Coa unión de Tanganica e Zanzíbar o 23 de abril, existía a preocupación de que o Partido Umma dera un golpe de estado; a Operación Shed foi deseñada para prever unha intervención se isto ocorría.[52] Shed tería requirido que un batallón de tropas, con vehículos de exploración, fora transportado á illa para apoderarse do aeródromo e protexer o goberno de Karume.[70] Con todo, o perigo dunha revolta pola unificación pasou axiña, e o 29 de abril as tropas destinadas a Shed reducíronse a un aviso de 24 horas. A Operación Finery foi cancelada o mesmo día.[70] A preocupación por un posible golpe de estado persistiu, e en torno ao 23 de setembro Shed foi substituído polo Plan Giralda, que implicaba a utilización de tropas británicas de Aden e o extremo oriente, e que se implementaría se o Partido Umma tentaba derrocar o presidente de Tanzania Julius Nyerere.[71] Un batallón de infantaría, unha unidade de cuartel xeral táctico e elementos dos Marines Reais debían ser enviados a Zanzíbar para lanzar un ataque anfibio, apoiado polas tropas de seguimento das bases británicas en Kenya e Aden.[72] Giralda foi descartado en decembro, finalizando os plans británicos de intervir militarmente no país.[73]
Legado
editarUn dos principais resultados da revolución en Zanzíbar foi a ruptura do poder da clase dirixente árabe/asiática, que o ostentara durante uns 200 anos.[74][75] A pesar da unión con Tanganica, Zanzíbar mantivo un Consello Revolucionario e unha Casa de Representantes que, ata 1992, rexíase por un sistema de partido único e tiña poder sobre os asuntos internos.[76] O goberno doméstico está dirixido polo presidente de Zanzíbar, sendo Karume o primeiro titular deste cargo. Este goberno empregou o éxito da revolución para implementar reformas en toda a illa. Moitas delas implicaron a supresión do poder da minoría árabe. A administración pública de Zanzíbar, por exemplo, converteuse nunha organización completamente negra, e a terra redistribuíuse dos árabes aos negros.[74] O goberno revolucionario tamén instituíu reformas sociais como a sanidade gratuíta e a apertura do sistema educativo aos estudantes negros, que ocupaban tan só o 12 % das prazas de educación secundaria antes da revolución.[74]
O goberno procurou a axuda da Unión Soviética, a República Democrática Alemá (RDA) e a República Popular da China para financiar varios proxectos, e para asesoramento militar.[74] O fracaso de varios proxectos liderados pola RDA, incluído o Proxecto Nova Zanzíbar, un plan de redesenvolvemento urbano de 1968 para proporcionar apartamentos novos para toda a poboación zanzibarí, levou a Zanzíbar a centrarse na axuda chinesa.[77][78] O goberno postrevolucionario de Zanzíbar foi acusado de control draconiano sobre as liberdades persoais e de exercer nepotismo nos nomeamentos para cargos políticos e industriais, sendo o novo goberno de Tanzania incapaz de intervir.[79][80] O descontento co goberno levou a un punto crítico co asasinato de Karume o 7 de abril de 1972, ao que seguirán semanas de loita entre as forzas favorables e contrarias ao goberno.[81] Finalmente estableceuse un sistema multipartidista en 1992, mais Zanzíbar segue acosado por acusacións de corrupción e fraude electoral, aínda que se considerou que as eleccións xerais de 2010 supuxeron unha mellora considerable.[76][82][83]
A revolución segue a ser un evento de interese para os habitantes de Zanzíbar e os académicos. Os historiadores teñen analizado que a revolución tivo unha base racial e social, e algúns afirman que os revolucionarios negros representan o proletariado que se revela contra as clases gobernantes e comerciais, representadas polas persoas árabes e do sur de Asia.[84] Outros descartan esta teoría e a presentan como unha revolución racial que foi exacerbada pola disparidade económica entre as razas.[85]
Dentro de Zanzíbar, a revolución é un evento cultural clave, celebrado coa liberación de 545 prisioneiros no seu décimo aniversario e por un desfile militar no seu 40º aniversario.[86] O Día da Revolución de Zanzíbar foi designado día festivo polo goberno de Tanzania; celébrase cada ano o 12 de xaneiro.[87]
A Copa Mapinduzi (Copa da Revolución), unha competición eliminatoria de fútbol, é organizada pola Asociación de Fútbol de Zanzíbar a principios de xaneiro para celebrar o día da Revolución (12 de xaneiro).[88]
Notas
editar- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 Parsons 2003, p. 107.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Speller 2007, p. 6.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Conley, Robert (14 de xaneiro de 1964). "Regime Banishes Sultan". The New York Times (en inglés). p. 4. Arquivado dende o orixinal o 7 de xaneiro de 2020. Consultado o 11 de outubro de 2023.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Conley, Robert (19 de xaneiro de 1964). "Nationalism Is Viewed as Camouflage for Reds". The New York Times (en inglés). p. 1. Arquivado dende o orixinal o 3 de xullo de 2019. Consultado o 11 de outubro de 2023.
- ↑ 5,0 5,1 "Slaughter in Zanzibar of Asians, Arabs Told". Los Angeles Times (en inglés). 20 de xaneiro de 1964. p. 4. Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro dee 2009. Consultado o 25 de setembro de 2022.
- ↑ Hernon 2003, p. 397.
- ↑ Ingrams 1967, pp. 172–173.
- ↑ Shillington 2005, p. 1710.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 9,8 Shillington 2005, p. 1716.
- ↑ 10,0 10,1 Speller 2007, p. 4.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 Parsons 2003, p. 106.
- ↑ Mapuri, Omar (1996). Zanzibar the 1964 Revolution: Achievements and Prospects (en inglés). Dar es Salaam: TEMA Publishers Company Ltd. p. 8. ISBN 9987250114.
- ↑ Petterson 2004, p. 11.
- ↑ 14,0 14,1 Speller 2007, p. 5.
- ↑ Bakari 2001, p. 204.
- ↑ 16,0 16,1 Sheriff & Ferguson 1991, p. 239.
- ↑ Speller 2007, pp. 5–6.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 Petterson 2004, p. 12.
- ↑ 19,0 19,1 Petterson 2004, p. 41.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 Petterson 2004, p. 40.
- ↑ 21,0 21,1 Speller 2007, pp. 27–28.
- ↑ Petterson 2004, pp. 25–26.
- ↑ Petterson 2004, pp. 26–27.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 Petterson 2004, p. 49.
- ↑ Clayton 1999, p. 109.
- ↑ 26,0 26,1 Speller 2007, pp. 6–7.
- ↑ 27,0 27,1 27,2 27,3 Conley, Robert (13 de xaneiro de 1964). "African Revolt Overturns Arab Regime in Zanzibar". The New York Times (en inglés). p. 1. Consultado o 30 de novembro de 2022.
- ↑ 28,0 28,1 Petterson 2004, p. 52.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 Petterson 2004, p. 64.
- ↑ 30,0 30,1 30,2 Petterson 2004, p. 65.
- ↑ 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 31,5 Speller 2007, p. 7.
- ↑ Petterson 2004, pp. 66–67.
- ↑ Petterson 2004, p. 68.
- ↑ 34,0 34,1 Petterson 2004, pp. 3–4.
- ↑ Petterson 2004, p. 76.
- ↑ Speller.
- ↑ 37,0 37,1 37,2 Lofchie 1967, p. 37.
- ↑ Lofchie 1967, p. 38.
- ↑ Petterson, Don (2002). Revolution in Zanzibar: An American's Cold War Tale (en finés). Nova York: Basic Books. pp. 74–75.
- ↑ Petterson 2004, p. 75.
- ↑ 41,0 41,1 Petterson 2004, p. 94.
- ↑ 42,0 42,1 Petterson 2004, pp. 94–95.
- ↑ 43,0 43,1 Plekhanov 2004, p. 91.
- ↑ 44,0 44,1 44,2 Sheriff & Ferguson 1991, p. 241.
- ↑ Daly 2009, p. 42.
- ↑ 46,0 46,1 Dispatch of The Times London (4 de febreiro de 1964). "Zanzibar Quiet, With New Regime Firmly Seated". The New York Times (en inglés). p. 9. Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2012. Consultado o 16 November 2008.
- ↑ 47,0 47,1 Speller 2007, p. 15.
- ↑ 48,0 48,1 48,2 Sheriff & Ferguson 1991, p. 242.
- ↑ 49,0 49,1 49,2 49,3 49,4 49,5 Speller 2007, p. 17.
- ↑ Conley, Robert (12 de marzo de 1964). "Zanzibar Regime Expels Okello". The New York Times (en inglés). p. 11. Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2013. Consultado o 6 de novembro de 2023.
- ↑ 51,0 51,1 Conley, Robert (27 de abril de 1964). "Tanganyika gets new rule today". The New York Times (en inglés). p. 11. Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2013. Consultado o 6 de novembro de 2023.
- ↑ 52,0 52,1 52,2 52,3 Speller 2007, p. 19.
- ↑ 53,0 53,1 Petterson 2004, p. 207.
- ↑ 54,0 54,1 54,2 Speller 2007, p. 8.
- ↑ 55,0 55,1 Speller 2007, pp. 8–9.
- ↑ 56,0 56,1 56,2 56,3 56,4 Speller 2007, p. 9.
- ↑ Franck, Thomas M. (26 de xaneiro de 1964). "Zanzibar Reassessed". The New York Times (en inglés). p. E10. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2018. Consultado o 8 de decembro de 2023.
- ↑ Speller 2007, p. 18.
- ↑ Guevara 1968, p. 347.
- ↑ "Israeli spymaster found himself embroiled in Iran-Contra". The Sydney Morning Herald (en inglés). 16 de marzo de 2010. Arquivado dende o orixinal o 5 de novembro de 2012. Consultado o 8 de decembro de 2023.
- ↑ Pateman, Roy (2003). Residual Uncertainty: Trying to Avoid Intelligence and Policy Mistakes in the Modern World (en inglés). University Press of Kentucky. p. 161.
- ↑ Speller 2007, p. 10.
- ↑ Parsons 2003, pp. 109–110.
- ↑ 64,0 64,1 Speller 2007, p. 12.
- ↑ 65,0 65,1 65,2 Speller 2007, p. 13.
- ↑ 66,0 66,1 Speller 2007, pp. 13–14.
- ↑ Speller 2007, pp. 9–10.
- ↑ Speller 2007, p. 11.
- ↑ Speller 2007, pp. 18–19.
- ↑ 70,0 70,1 Speller 2007, p. 20.
- ↑ Speller 2007, p. 24.
- ↑ Speller 2007, p. 25.
- ↑ Speller 2007, p. 26.
- ↑ 74,0 74,1 74,2 74,3 Triplett 1971, p. 612.
- ↑ Speller 2007, p. 1.
- ↑ 76,0 76,1 Sadallah, Mwinyi (23 de xaneiro de 2006). "Revert to single party system, CUF Reps say". The Guardian (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2 de agosto de 2007. Consultado o 8 de xaneiro 2024.
- ↑ Myers 1994, p. 453.
- ↑ Triplett 1971, p. 613.
- ↑ Triplett 1971, p. 614.
- ↑ Triplett 1971, p. 616.
- ↑ Said, Salma (8 de abril de 2009). "Thousand attend Karume memorial events in Zanzibar". The Citizen, Tanzania (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2020. Consultado o 14 de abril de 2009.
- ↑ Freedom House (2008). "Freedom in the World – Tanzania" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2018. Consultado o 8 de xaneiro de 2024.
- ↑ Freedom House (2011). "Freedom in the World – Tanzania" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2018. Consultado o 8 de xaneiro de 2024.
- ↑ Kuper 1971, pp. 87–88.
- ↑ Kuper 1971, p. 104.
- ↑ Kalley, Schoeman & Andor 1999, p. 611.
- ↑ Secretariado da Commonwealth (2005). "Tanzania" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 1 de decembro de 2008. Consultado o 10 de febreiro de 2009.
- ↑ "Simba face Tusker in Mapinduzi Cup" (en inglés). supersport.com. Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2021. Consultado o 8 de xaneiro de 2024.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Bakari, Mohammed Ali (2001). The Democratisation Process in Zanzibar (en inglés). GIGA-Hamburg. ISBN 978-3-928049-71-9. Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2023. Consultado o 15 de xaneiro de 2024.
- Clayton, Anthony (1999). Frontiersmen: Warfare in Africa Since 1950 (en inglés). Taylor & Francis. ISBN 978-1-85728-525-3.
- Daly, Samuel (2009). "Our Mother is Afro-Shirazi, Our Father Is the Revolution" (PDF) (en inglés). Nova York: Columbia University. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de decembro de 2011.
- Fouéré, Marie-Aude; William C. Bissell, eds. (2018). Social Memory, Silenced Voices, and Political Struggle: Remembering the Revolution in Zanzibar (en inglés). Dar es Salaam: Mkuki na Nyota. ISBN 978-9987-08-317-6. Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2023.
- Glassman, Jonathon (2011). War of Words, War of Stones: Racial Thought and Violence in Colonial Zanzibar (en inglés). Bloomington, Ind.: Indiana University Press. ISBN 978-0-253-22280-0.
- Guevara, Ernesto (1968). Venceremos!:The speeches and writings of Ernesto Che Guevara (en inglés). Macmillan. ISBN 978-0-297-76438-0. Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2023.
- Hernon, Ian (2003). Britain's Forgotten Wars: Colonial Campaigns of the 19th century (en inglés). Stroud, Gloucestershire: Sutton Publishing. ISBN 978-0-7509-3162-5.
- Ingrams, William H. (1967). Zanzibar: Its History and Its People (en inglés). Abingdon: Routledge. ISBN 978-0-7146-1102-0. OCLC 186237036.
- Kalley, Jacqueline Audrey; Schoeman, Elna; Andor, Lydia Eve (1999). Southern African Political History (en inglés). Greenwood Publishing Group. ISBN 978-0-313-30247-3. Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2023.
- Kuper, Leo (1971). "Theories of Revolution and Race Relations". Comparative Studies in Society and History (en inglés) 13 (1). pp. 87–107. JSTOR 178199. doi:10.1017/S0010417500006125.
- Lofchie, Michael F. (Outubro–Novembro 1967). "Was Okello's Revolution a Conspiracy?". Transition (en inglés) (33). pp. 36–42. JSTOR 2934114. doi:10.2307/2934114.
- Mwakikagile, Godfrey. The Union of Tanganyika and Zanzibar: Formation of Tanzania and Its Challenges (en inglés). ISBN 978-9987160464.
- Mwakikagile, Godfrey. Why Tanganyika united with Zanzibar to form Tanzania (en inglés). ISBN 978-9987-16-045-7.
- Mwakikagile, Godfrey. The Union of Tanganyika and Zanzibar: Product of the Cold War (en inglés). ISBN 978-0981425856.
- Myers, Garth A. (1994). "Making the Socialist City of Zanzibar". Geographical Review (en inglés) 84 (4). pp. 451–464. Bibcode:1994GeoRv..84..451M. JSTOR 215759. doi:10.2307/215759.
- Parsons, Timothy (2003). The 1964 Army Mutinies and the Making of Modern East Africa (en inglés). Greenwood Publishing Group. ISBN 978-0-325-07068-1. Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2023.
- Petterson, Don (22 de setembro de 2004). Revolution in Zanzibar: An American's Cold War Tale (en inglés). Nova York: Basic Books. ISBN 9780813342689.
- Plekhanov, Sergey (2004). A Reformer on the Throne: Sultan Qaboos Bin Said Al Said (en inglés). Trident Press Ltd. ISBN 978-1-900724-70-8.
- Sheriff, Abdul; Ferguson, Ed (1991). Zanzibar Under Colonial Rule (en inglés). James Currey Publishers. ISBN 978-0-85255-080-9.
- Shillington, Kevin (2005). Encyclopedia of African History (en inglés). CRC Press. ISBN 978-1-57958-245-6. Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2023.
- Speller, Ian (2007). "An African Cuba? Britain and the Zanzibar Revolution, 1964". Journal of Imperial and Commonwealth History (en inglés) 35 (2). pp. 1–35. doi:10.1080/03086530701337666. Arquivado dende o orixinal o 4 de decembro de 2012. Consultado o 15 de xaneiro de 2024.
- Triplett, George W. (1971). "Zanzibar: The Politics of Revolutionary Inequality". The Journal of Modern African Studies (en inglés) 9 (4). pp. 612–617. JSTOR 160218. doi:10.1017/S0022278X0005285X.