Colexiata de Santa María do Campo
A Real Colexiata de Santa María do Campo é un templo católico situado na Coruña.[1] Tamén foi coñecida cos apelativos do Mar e do Portal.[2] Foi declarada Ben de Interese Cultural o 3 de xuño de 1931.[3]
Colexiata de Santa María do Campo | |
---|---|
Fachada da colexiata. | |
Datos xerais | |
País | España |
Tipo | Igrexa parroquial |
Advocación | Santa María |
Localización | A Coruña |
Coordenadas | 43°22′15″N 8°23′34″O / 43.370833333333, -8.3927777777778 |
Culto | |
Culto | Católico |
Diocese | Santiago de Compostela |
Arquitectura | |
Construción | Séculos XII-XIX |
Estilo | Románico |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarExiste constancia documental da existencia dun templo románico en 1208 dedicado á Asunción da Virxe. Deste edificio só se conserva a capela maior.[1] Segundo as inscricións que se conservan, a igrexa actual debeu construírse a finais do século XIII e principios do XIV,[2] quedando constituída en parroquia no 1302. Chámaselle "do Campo" porque primitivamente estaba fóra dos muros da cidade. Desde moi antigo foi igrexa dos gremios do mar e do comercio.[2]
No ano 1441 o arcebispo de Santiago Lope de Mendoza erixiu a igrexa como colexiata, pasando o reitor e os capeláns a constituír un cabido colexial formado por un prior e catro cóengos en 1476. O 24 de marzo de 1494 o papa Alexandre VI concedeulle o título de abadía mediante unha bula.[2]
No século XVI construíronse a capela da Estrela e a capela do Portal e no XVIII a de San Xosé. As obras de ampliación e alargamento do templo comezaron a finais dese século, coa construción da sancristía polo mestre canteiro José Elenalde en 1796. O baptisterio rematouse en 1812.[2]
En 1879 o cabido encargoulle ao arquitecto Juan de Ciórraga a restauración da fachada. Ese mesmo ano comezaron as demolicións das capelas da Estrela e do Portal e mais do soportal e as dependencias capitulares. As obras, paralizadas en 1890 por falta de fondos, concluíron en 1899, incorporando á fachada nova a orixinal. Porén, o pórtico que tamén deseñara Ciórraga non chegou a construírse.[2]
Descrición
editarA colexiata está composta por tres naves rematadas nunha ábsida semicircular con tendencia oxival que mostra a persistencia do románico galego até ben entrado o gótico. A súa fachada principal, do século XIX, situada fronte ao pazo de Cornide, presenta un rosetón e sobre a súa portada románica orixinal levántase unha arcada cuxo tímpano está decorado cunha escena da epifanía.
Os tímpanos das outras dúas portas están decoradas cunha imaxe de Santa Catarina na porta norte e cunha imaxe que pode ser o apóstolo Santiago[4] ou unha escena monástica[1] na sur.
A torre das campás é oxival do século XV.[5]
No interior destacan as imaxes da Anunciación[6] e maila talla de Santa María a Magdalena. Consérvanse ademais os sepulcros de Xoán Afonso de Prabio (1512) e de Xoán de Andeiro. Na capela maior está a tumba do primeiro abade da colexiata, Fernando Bermúdez de Castro (1494) e na outra nave atópanse os dous sartegos góticos de Fernán Moula e Sancha Martínez (século XIV).[4]
Levántase sobre unha escalinata e está precedida por un dos cruceiros máis antigos de Galicia (s. XV).
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes da Real Colexiata de Santa María do Campo.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Colexiata de Santa María do Campo en Turgalicia.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Fernández Fernández, Xosé. La Iglesia Colegiata de Santa María del Campo de La Coruña. Recortables de La Coruña.
- ↑ Ministerio de Cultura, Patrimonio Histórico
- ↑ 4,0 4,1 Laredo Verdejo, Xosé Luis (1990). Galicia Enteira 7. Edicións Xerais.
- ↑ Colexiata de Santa María do Campo
- ↑ Museo de Arte Sacra da Colexiata
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Colexiata de Santa María do Campo |
A Galipedia ten un portal sobre: A Coruña |
Bibliografía
editar- Villa-amil y Castro, José (facsímile: 2005) 1904. Imprenta de San Francisco de Sales (facsímile: Ed. Órbigo, A Coruña), ed. Iglesias gallegas de la Edad Media, colección de artículos publicados por (en castelán). Madrid. p. 410. ISBN 84-934081-5-8.