Raíña de Saba
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2024.) |
A raíña de Saba[1] é unha personaxe que aparece en varios documentos literarios da antigüidade. Tería reinado sobre o reino de Saba, sito aproximadamente entre o Iemen e Etiopía.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século X a. C. valor descoñecido |
Morte | século X a. C. |
Residencia | Reino de Saba |
Relixión | Mitoloxía árabe |
Actividade | |
Ocupación | líder relixioso, monarca |
Enaltecemento | |
Outro | |
Título | Raíña Tsarina |
Parella | Salomón |
Fillos | Menelik I |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Enciclopedia Bíblica de Archimandrita Nicéforo Enciclopedia Xudía de Brockhaus e Efron |
Sonlles atribuídos nomes persoais diferentes segundo as fontes. Así as tradicións abisinias chámana Makeda, as do Iemen Balqama; as do islam Bilqis e Balkis e as etíopes Makedda, Magda, Maqda ou Makera, que significa "grandeza". Na Biblia non se menciona o seu nome.
Os diferentes relatos
editarAs fontes non contan as mesmas anécdotas, nin os mesmos detalles sobre o encontro en Xerusalén entre a raíña de Saba e Salomón, rei de Israel. Mais a raíña é, en tódolos casos, descrita como unha muller sublime e considerada unha persoa de profunda sabedoría, en casos dotada dunha elevada intelixencia, en noutros casos, como unha meiga tentadora.
Cabe lembrar, polo demais, que os nomes moi antigos son a miúdo transcricións, podendo varia-la súa ortografía bastante segundo as fontes. Así, na tradución francesa da Biblia, de Louis Segond, lese Seba en vez de Saba.
Relato bíblico
editarSegundo a Biblia hebrea, a raíña do país de Saba sente falar da grande sabedoría do rei Salomón e decide viaxar para pólo a proba con preguntas, levándolle agasallos en especias, ouro e xemas. A raíña fica abraiada polo saber e riqueza de Salomón, e recita unha bendición do Deus de Salomón. Salomón responde con agasallos e "todo o que ela desexe". Logo a raíña torna ó seu país. A raíña semella ser moi rica, e entrega 4.500 quilos de ouro a Salomón. Este relato está recollido no primeiro Libro dos Reis, 10:1-13, e amplamente copiado no segundo Libro das Crónicas, 9:1-12.
O Cantar de Salomón contén algunhas referencias que teñen sido varias veces interpretadas como alusións ó amor entre Salomón e maila raíña de Saba. Así, a namorada en 1:15 declara: "Son moura, pero fermosa". Porén, en opinión dos eséxetas o Cantar refírese á viúva de Salomón, a filla do Faraón, da que se descoñece tamén o nome.
Lendas xudías
editarO historiador Flavio Xosefo (Antigüidades, 8.6.2ff) subliña o desexo da raíña por aprender. Dálle o nome de "Nikaule", evidentemente facendo conxecturas sobre unha conexión coa Nitocris de Heródoto (2.100).
Lendas xudías tardías enchen moitos dos detalles narrativos. A galantería de Salomón de darlle "todo o que ela desexe", é concretado nun encontro sexual. Foron feitos tamén afanosos esforzos para escolmar unha lista de adiviñas cás que a raíña de Saba probaría a verdadeira sabedoría de Salomón. Outra tradición relata que cando a raíña atopou a Salomón, este estaba nunha casa de cristal; crendo que estaba na auga, a raíña ergueu a saia, ensinando unhas pernas peludas. O noxo de Salomón converteuse nunha historia etiolóxica sobre da orixe da depilación.
Fontes etíopes
editarNo Kebra Negast, ou "As Gloriosas Memorias do Imperio", un libro sagrado da Etiopía, dise que a propia Makeda tería criado unha regra segundo a cal "só unha muller pode reinar". Aparentemente, Saba era unha sociedade matriarcal na que o poder era pasado aos descendentes pola vía feminina. No mesmo libro afírmase que a dinastía dos reis da Etiopía provén do fillo do rei Salomón e de Makeda e que desta unión a lei mosaica foi levada para Etiopía.
Relato coránico
editarO Corán endexamais menciona á Raíña de Saba polo nome, aínda que outras fontes árabes chámana Bilqis ou Balkis. A historia ten algunhas semellanzas cá bíblica. O Corán presenta ó rei Salomón tendo novas dun reino gobernado por unha raíña cuxos súbditos renden culto ao Sol. Envíalle unha mensaxe convidándoa a visitalo. Ela replica cun agasallo, logo de consultar ó seu pobo. Salomón resposta tentando unha invasión. Entón un "jin", un xenio, servente do rei, proponlle levalo polo aire ata o trono de Saba "nun pestanexo de ollos" (27:40). A raíña chega á súa Corte, veo no trono, e cando ela entra no seu pazo de cristal, a raíña acepta a fe de Abraham e a crenza nun único deus.
Outras fontes islámicas
editarSegundo Ibn Kathir, Historias dos Profetas, Salomón viaxou en peregrinación á Mesquita Sagrada da Meca (construída polo profeta Abraham). Logo, continuou a viaxe cara ó Sur ata a cidade de Sanaa, a actual capital do Iemen, onde quedou abraiado polo complexo sistema de canles de rego (Sanaa está próxima a Ma'arib, a suposta capital de Saba). Salomón envía unha bubela a explora-lo país, para logo poder detectar auga subterránea, con vistas a poder construír un sistema de canles semellante no propio país. A bubela volveu onde un amargado rei, canso de esperar, con novas dun reino (Saba) gobernado por unha raíña (Bilqis) adoradora do Sol.
O Corán non indica por onde se estendía exactamente o reino de Saba, pero moitas fontes islámicas menciona a cidade de Ma'arib, no Iemen, como a capital de Saba. Indagacións arqueolóxicas atoparon un templo, Ma'abed Bilqis, "o templo de Bilqis", xusto en Ma'arib. Hai centos de anos unha praga de ratos furaran o dique dun encoro en Ma'arib, provocando unha chea que aniquilou a cidade e mailos seus habitantes. O Corán menciona na azora 34, 15-16 como o reino de Saba fora destruído séculos despois de Bilqis, por mor de que a xente se volvera politeísta.
Fontes, non islámicas contan que Bilqis era a "irmá do sol", ou tamén, que era filla dun "jin" (espírito, xenio). É unha crenza corrente que Bilqis estaba solteira cando se atopou con Salomón e que casou con el decontado.
A raíña de Saba na arte
editarÓperas
editar- Georg Friedrich Händel, Solomon (1749)
- Charles Gounod, Reine de Saba (1862)
- Karl Goldmark, Die Königin von Saba (1875)
Ballets
editar- Ottorino Respighi, Belkis, regina di Saba (1930-31)
Audiovisuais
editarFilmes
editar- The Queen of Sheba (1921), con Betty Blythe
- Solomon and Sheba (1959), con Yul Brynner e Gina Lollobrigida
- The Queen of Sheba Meets the Atom Man (1963), dirixida por Ron Rice
- Solomon and Sheba (1995), con Halle Berry
Series
editar- American Gods (2017), serie baseada na novela de Neil Gaiman. O personaxe de Bilquis, a raíña de Saba, foi representado por Yetide Badaki.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sabeo.