Poética (Aristóteles)

obra de Aristóteles

Poética (grego antigo: Περὶ ποιητικῆς, Perì poiêtikês; literalmente "Da poética") é unha obra de Aristóteles sobre as normas que rexen a creación artística. Foi escrita no século IV a.C., entre a fundación da súa escola en Atenas o 335 a.C. e a súa marcha definitiva da cidade no 323 a.C., un ano antes do seu pasamento. A obra consta de dúas partes, unha centrada na traxedia e outra, hoxe perdida, na comedia. É o traballo de teórica dramática máis antigo que se conserva e o primeiro tratado filosófico sobre teoría literaria.[1]

Poética
Portada dunha edición de 1780
Título orixinalΠερὶ Ποιητικῆς
Autor/aAristóteles
LinguaGrego antigo
Tema(s)Poética
Xénero(s)Filosofía
Data de pub.Século IV a.C.
Na rede
BNE: XX2367045
editar datos en Wikidata ]

A súa tradución ao galego, realizada por Fernando González-Múñoz, publicouse pola Universidade da Coruña no ano 2007.[2]

Transmisión

editar

Actualmente, o códice grego conservado máis antigo que contén o texto é o Códex Parisinus 1741, redactado a finais do século X ou principios do XI.[3] Este manuscrito atopábase en Bizancio no 1427, e probablemente foi trasladado a Florencia por algún erudito bizantino que fuxía da invasión turca.[3] Porén, a editio princeps da Poética é a de Aldo Manuzio, publicada en Venecia no 1508, coñecida como a "aldina".[3] O propio Manuzio editaría no 1536 a primeira edición bilingüe da Poética, con tradución latina de Guillerme de Pazzi.[3]

O manuscrito da Poética perdeuse no mundo occidental, e durante a Idade Media só se coñecía pola tradución latina de Hermán Alemán, da Escola de Tradutores de Toledo, feita a partir da versión árabe de Averroes.[3][4] Non obstante, a primeira tradución directa do grego ao latín foi a de Guillerme de Moerbeke do 1278.[3] A primeira versión en lingua vernácula foi a de Bernardo Segni do 1549, feita "in lingua vulgare fiorentina", seguida pola italiana de Lodovico Castelvetro do 1570, publicada en Viena.[3] Xa no 1671 saíu do prelo a primeira tradución francesa, da man do señor de Norville; no 1753, M.C. Curtius editou o texto en alemán.[3]

No referido ás edicións peninsulares, a primeira versión en castelán foi a de Alonso Ordóñez das Seijas y Tobar, publicada no 1625.[3] No 1778, Casimiro Flórez Canseco reeditouna con diversas modificacións.[3] Houbo varias traducións directas do grego, obra de Joseph Goya y Muniain (1798) e de Vicente Mariner (1830).[3] Xa no século XX, viron a luz varias versións do texto, entre as que destaca a edición trilingüe (en grego, latín e castelán) de Valentín García Yebra, do 1974.[3] Do 1990 foi a tradución do historiador e filósofo arxentino Ángel Cappelletti.[3]

O texto aristotélico foi traducido por primeira vez ao galego no 2007, da man de Fernando González-Muñoz, nunha edición da Universidade da Coruña.[2]

Concepción da arte

editar

Segundo Aristóteles, a arte, e máis concretamente a literatura, baséase na mimese ou imitació da realidade e o seu obxectivo é conseguir a catarse do receptor, que se identifica cos acontecementos que veu pasar aos personaxes que producen emocións reais, así e todo presenciar feitos de ficción. Estas emocións serven de purificación, xa que actúan como desabafo e como aprendizaxe para saber como reaccionar en situacións semellantes que se puideran presentar na vida. Por este motivo é fundamental a verosimilitude da obra literaria, xa que se non é crible non se pode producir a necesaria identificación. Polo tanto, a diferenza do que pensaba Platón a arte ten unha función social.

A traxedia

editar

Para Aristóteles a arte que explora máis a fondo é a da traxedia. Trátase dunha arte do teatro que imita personaxes nobres ou elevados, pero que padecen maluras, habitualmente ligadas ao destino, que provocan a catarse das emocións do medo e da piedade no espectador, xa que non quere sufrir o que está a presenciar (temor), sentindo pola contra compaixón polos infortunios dos protagonistas da obra.

editar

O perdido segundo tomo da Poética de Aristóteles, dedicado á comedia, forma parte da trama da célebre novela O nome da rosa (1980), do escritor e filósofo italiano Umberto Eco, así como da película homónima do 1986.

Traducións

editar
  • Aristóteles (2007). Poética. Tradución ao galego de Fernando González-Muñoz. Universidade da Coruña/Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor.[2]
  1. Janko, R. (1984) Aristotle on Comedy, Londres, páx. ix
  2. 2,0 2,1 2,2 Aristóteles; González-Muñoz, Fernando (2007). Poética. Biblioteca-Arquivo Teatral "Francisco Pillado Mayor". ISBN 978-84-9749-266-9. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 Aristóteles (2004). Villar Lecumberri, Alicia, ed. Poética (en castelán). Alianza Editorial. ISBN 9788420658094. 
  4. Habib, M.A.R. (2005). A History of Literary Criticism and Theory: From Plato to the Present. Wiley-Blackwell. p. 60.ISBN 0-631-23200-1.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar