Plátano común

especie de árbore
(Redirección desde «Platanus x hispanica»)
Plátano común

Bóla coas sementes do plátano
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Angiospermae
(sen clasif.): Eudicots
Orde: Proteales
Familia: Platanaceae
Xénero: Platanus
Especie: P. × acerifolia
Nome binomial
Platanus × acerifolia
(Aiton) Willd.
Sinonimia[1]
  • Platanus × hispanica auct. non Mill. ex Münchh., nom. dub.
  • Platanus orientalis var. acerifolia Aiton [basionym]
  • Platanus × acerifolia f. pyramidalis (Bolle ex Janko) C.K.Schneid.
  • Platanus × acerifolia f. suttneri (Jaennicke) C.K.Schneid.
  • Platanus × acerifolia var. hispanica auct. non Mill. ex Münchh., nom. dub.
  • Platanus × acerifolia var. kelseyana (Jaennicke) C.K.Schneid.
  • Platanus × hybrida Brot.

O plátano común (Platanus × acerifolia ou Platanus × hispanica) é unha árbore do xénero Platanus. É a variedade máis común de plátano na Europa Occidental, especialmente na Península Ibérica, onde tamén se lle coñece coma plátano de sombra. É moi común nos parques e xardíns urbanos de zonas temperadas. En Galicia abunda nos espazos públicos de moitas vilas e cidades, empregado para dar sombra, moitas veces substituíndo os carballos das vellas carballeiras dos campos de feira. Moitas das veces pódase deixando só o toro, outras déixase medrar acadando alturas considerábeis coma no parque de Castrelos en Vigo. Salienta o plátano do Pazo de Dompiñor, no Incio (Lugo), que figura no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Plátanos en Batalha (Portugal).
Plátanos no outono (Carintia (Austria).
Platanus x hispanica

Tamén se coñece coma plátano híbrido, plátano europeo ou plátano de Londres (especialmente en inglés). A especie ten outras designacións científicas, o máis común é Platanus x hispanica; na literatura anglosaxoa, o nome científico máis común é Platanus × acerifolia, mais tamén son usados Platanus × hybrida, Platanus × acerifolia var. hispanica, Platanus orientalis var. acerifolia, Platanus × acerifolia f. pyramidalis e Platanus × acerifolia var. kelseyana.

A orixe da especie é supostamente unha hibridación entre Platanus orientalis e Platanus occidentalis (ou americano). Suponse que a hibridación se produciu na Península Ibérica no século XVII, onde as dúas especies estiveron por vez primeira unha coa outra. Os nomes hispanica (Mill. e Münchh.) e hybrida (Brot.) reflicten esa suposición.

Con anterioridade á aparición do coche, esta árbore empregouse profusamente polos peóns camiñeiros para a súa plantación nos foxos das estradas, co fin de que desen sombra aos lentos carros de transporte de mercadorías, carruaxes e dilixencias (todos eles transportes con tiro de cabalaría), durante os duros veráns mediterráneos. Con posterioridade a estas plantacións, algúns exemplares xurdiron de xeito natural nos terreos próximos ás estradas antigas, en especial en zonas de arroios, onde aínda poden verse e se seguen a reproducir.

Descrición e uso

editar

É unha árbore caducifolia hermafrodita de grande envergadura, cuxa altura pode acadar os 35 ou 40 metros, co tronco xeralmente dereito, alto, cun diámetro que pode chegar aos 3 metros. A casca é delgada, de cor pálida cinsenta esverdeada ou amarelada, despréndese en pequenas placas. A copa é ampla, arredondada, aínda que, coa poda, poida asumir diversas formas (atura moi ben a poda). Florea na primavera; os froitos son aquenios rodeados de pelos de cor pardenta, acastañada ou amarelada, cuxa maduración ocorre no final do verán. Os froitos permanecen na árbore até a primavera seguinte e serven de alimento a algunhas aves (pimpíns e Frinxílidos en xeral) ou esquíos.

É moi tolerante á polución atmosférica e á compactación das raíces, o que o fai moi popular para árbore de beirarrúas ou de beira das estradas. Resiste relativamente be no vento e é máis resistente ao frío invernal ca Platanus orientalis.

Malia a súa popularidade como árbore urbana, presenta algúns problemas. As follas novas e as sementes liberan pelos curtos que son irritantes cando se inhalan, provocando alerxias e problemas respiratorios a persoas con asma. Outro problema é a acumulación de follas no outono; por seren resistentes, poden demorar máis dun ano a descomporse se non se limpa o chan. As raíces poden causar problemas nas edificacións e nos lastrados das rúas e paseos.

A madeira, de cor clara, dura e resistente, é usada para quecemento e en ensambladura. É semellante á faia, mais é máis resistente á humidade e máis vulnerábel aos ataques dos insectos. O sámago (partes mais próximas da casca) en pouco se distingue da cerna (parte interna e xeralmente máis dura).

  1. Synonymy - Platanus ×acerifolia. Northern Ontario Plant Database. Accessed online: 9 January 2011.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar