Photobacterium é un xénero de bacterias gramnegativas da familia Vibrionaceae. Os membros deste xénero son bioluminescentes, é dicir, teñen a capacidade de producir a súa propia luz.

Moitas especies, como Photobacterium leiognathi e Photobacterium phosphoreum, viven en simbiose con organismos mariños. Outras son patóxenas para os peixes.

Especies como Photobacterium profundum están adaptadas a un crecemento óptimo nos mares profundos fríos, polo que son psicrófilas (viven e reprodúcense a baixas temperaturas) e piezófilos (viven a altas presións).

Taxonomía

editar

Actualmente recoñécense 16 especies con numerosas subespecies no xénero Photobacterium.[1] O desenvolvemento da secuenciación do ARNr 16S fixo que moitas especies fosen movidas fóra e dentro deste xénero.[2]

Caracterísrticas identificativas

editar

Ecoloxía

editar

Os Photobacterium son principalmente organismos mariños (de aí que necesiten o sodio para crecer). Poden ser de vida libre ou formar colonias asociadas con certas especies de peixes. Estes organismos non teñen ningunha pigmentación, polo que teñen cor branca ou son incoloros. Cando hai unha alta densidade de células forman colonias, e mostran fluorescencia. Porén, a fluorescencia está baseada na acumulación de autoindutores, a cal é proporcional á densidade de células e, por tanto, as fotobacterias de vida libre non son fluorescentes. A súa asociación con peixes pode ser: (1) crecemento simbiótico dentro do peixe, onde forman parte de órganos bioluminescentes, (2) como entidades neutras na superficie ou nos intestinos dos peixes, (3) como descompoñedores de peixes mortos, ou (4) como axentes patóxenos que producen doenzas.[2]

Patoxenicidade

editar

Algunhas das especies de Photobacterium evolucionaron a patóxenos de seres vivos mariños. Algunhas das doenzas que producen afectan a peixes importantes comercialmente e poden ter un impacto indirecto na saúde humana ao consumiren as persoas os peixes. Especies deste xénero poden degradar a quitina do cangrexo Chionoecetes tanneri. A especie Photobacterium damselae está entre as máis virulentas e está dividida en dúas subespecies: piscicida e damselae.[3]

Patoxenicidade de P. damselae subespecie piscida

editar

P. damselae subespecie piscicida é o axente causante da chamada pasteurelose dos peixes. As colonias bacterianas desta especie crecen no bazo e riles do peixe infectado, ao que finalmente lle producen a morte. Esta enfermidade produce grandes perdas nalgunhas empresas de acuicultura que crían algúns dos peixes máis susceptibles como o atún de aleta amarela (Thunnus albacares), certos espáridos (Sparus spp.), e os Morone saxatilis, e Morone americana. Esta subespecie non é patoxénica para os humanos.[4]

Patoxenicidade de P. damselae subespecie damselae

editar

As cepas virulentas para os peixes da subespecie damselae causan septicemia en peixes Pomacentridae, anguías (Anguilla anguilla), tiburóns grises (Carcharhinus plumbeus), en Sparus spp., Seriola quinqueradiata e rodaballos (Scophthalmus spp.). Esta subespecie é patóxena para os humanos, xa que foi illada en feridas humanas e causa septicemia primaria en persoas sas.[5]

Os peixes infectados pola subespecie damselae experimentan inicialmente unha redución de apetito acompañada de letargo e lesións ulcerativas ao longo dos seus flancos e zona cefálica. Os seus estómagos disténdense e teñen extensas hemorraxias, especialmente nos ollos, boca, e musculatura. Tamén presentan petequias nas branquias e fígado xunto cunha característica acumulación de moco arredor das branquias. Os peixes infectados nadan violentamente poucos minutos antes de morreren.

As probas de gromos epizoóticos obtidos a partir da observación dun incremento nas úlceras detectadas nas poboacións de peixes parecen correlacionarse coas estacións cálidas, o que suxire unha distribución estacional na incidencia da enfermidade, dependente da temperatura e salinidade das augas e dunha diminución da resistencia causada polos cambios fisiolóxicos do hóspede durante a madurez sexual.

A forma máis probable de transmisión das células virulentas do patóxeno é a través da auga do mar. A bacteria, unha vez que entra en contacto coa superficie externa do peixe, pode adherirse á súa pel e resistir a acción bactericida da capa mucosa da pel, o que indica que a pel é o sitio de entrada da bacteria no hóspede. Esta bacteria pode, por tanto, supoñer unha significativa ameaza para as especies de peixes de acuicultura, especialmente se viven en condicións de estrés e en recintos ateigados, onde a enfermidade podería espallarse facilmente por contacto directo, e podería ser unha ameaza para as persoas.[6]

  1. "Results for "Photobacterium"". Catalogue of Life. University of Reading, Reading, UK: The Species 2000 & ITIS. December 5, 2011. Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019. Consultado o January 23, 2012. 
  2. 2,0 2,1 "Photobacterium Species". Arquivado dende o orixinal o 24 de decembro de 2014. Consultado o 31 de agosto de 2014. 
  3. Osorio; Toranzo, Romalde, Barja (2000). "Multiplex PCR assay for ureC and 16S rRNA genes clearly discriminates between both subspecies of Photobacterium damselae". Diseases of Aquatic Organisms (en inglés) 40. 
  4. Zhao; Sun, Liu, Zhao, Wang, Liang, Liu, LI (2009). "Characterization of Two Phenotypes of Photobacterium damselae subsp. damselae Isolated from Diseased Juvenile Trachinotus ovatus Reared in Cage Mariculture". Journal of the World Aquaculture Society (en inglés) 40 (2). 
  5. Austin (2012). Bacterial Fish Pathogens:Disease of Farmed and Wild Fish; 4th Edition. 
  6. Fouz, B; Toranzo, Milan, Amaro (2000). "Evidence that water transmits the disease caused by the fish pathogen Photobacterium damselae subsp. Damselae". Journal of applied Microbiology 88 (3): 531–535. PMID 10747234. doi:10.1046/j.1365-2672.2000.00992.x. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar