Pensamento (planta)

Este artigo trata sobre a planta de flor, para a actividade psíquica véxase o artigo Pensamento.

Pensamento

Pensamento en Galiza
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Violales
Familia: Violaceae
Xénero: 'Viola'
Especie: V. x wittrockiana
Nome binomial
'Viola x wittrockiana'
Pensamento azul

Os pensamentos[1] son plantas híbridas ornamentais, cultivadas polas súas vistosas flores, obtidas da especie brava, o pensamento bravo ou herba da trindade[2] (Viola tricolor); aínda que ás veces se lle chama Viola tricolor hortensis, en rigor o nome científico correcto para os híbridos é Viola x wittrockiana. Pertencen ao xénero das violetas, dentro da familia das violáceas.

Desenvolvemento do pensamento

editar

Durante o século XIX, xardineiros afeccionados de toda Europa do norte cruzaron unha e outra vez o pensamento bravo (V. tricolor) con outra especie nativa de violetas (V. lutea) e, en ocasións, cunha do Oriente Próximo (V. altaica), para producir un padrón de flores máis atractivas. Como resultado destes cruzamentos intensivos durante as décadas de 1820-30, as novas variedades fixéronse máis coñecidas. Contra o 1835, existían xa 400 e para 1841 o pensamento se convertera nunha planta de cultivo popular.

Durante o pulo da construción de invernadoiros na época vitoriana (debido en gran parte á dispoñibilidade e ó baixo custo do aceiro), xurdiron estas atractivas flores, agora habituais na xardinería moderna.

Descrición e cultivo

editar
 
Pensamento de cor vermella.
 
Pensamento de cor amarela.

As flores, que saen illadas e son bastante grandes en relación á mesma planta (arredor de 6 cm de diámetro), posúen pétalos aveludados desiguais, moito máis longos ca o cáliz. As cores son moi variadas: dende o dourado até o branco, amarelo, vermello, violeta, os azuis máis suaves ou intensos... xaspeados en tan diversas tonalidades e gamas que poden formar un arco da vella de cores no xardín. Son plantas bianuais, que durante o primeiro ano unicamente producen follaxe, dando flores e sementes no seguinte e muchando despois coma calquera anual. Porén, en óptimas condicións de cultivo poden se converter en perennes aínda que teñen tendencia a desenvolveren longos talos e estenderse logo dalgúns anos. As plantas adultas acadan uns 23 cm de altura e incluso poden chegar aos 30 cm, aínda que a media estea arredor dos 20. A etapa que corresponde á súa floración é a que abrangue os meses outonizos mais continúa até ben entrada a primavera. Coa chegada do verán, o seu aspecto será decaído e mucho, o mellor será logo cortalas pola parte do talo máis baixa para ollar de novo as tonalidades alegres no inverno a seguir.

Estas plantas comezan a florear na primavera no norte de Europa e no norte dos Estados Unidos, en climas cálidos fano até no inverno. A miúdo cultívanse xunto á Lobularia maritima, xa que producen unha agradábel combinación de cores ao xurdiren as súas flores á vez. Tamén polo seu colorido e gran resistencia, colócasena entrada de moitas cidades e vilas en glorietas e rotondas. Resulta perfecta se se quere enfeitar xardineiras nos balcóns e soleiras, combinándose, por exemplo con petunias e con begonias.

Pensamentos como cubrición

editar

Os pensamentos son axeitados para plantar debaixo de arbustos, xa que actúan como cubrición natural inhibindo o desenvolvemento de herbas daniñas. Son moi comúns plantadas en parterres, xardíns urbanos e rotondas e gran número, formando superficies de cores.

Riscos e coidados

editar

Gustan de solos ricos en nutrientes para o bo crecemento. Sempre deben estar ao sol e necesitan de alumeado natural. O chan debe estar sempre húmido mais non anegado. Mellor plantalos polo outono, utilizando un substrato novo cos nutrientes para alimentar as plantiñas uns meses. Pasado ese tempo, podemos engadir algún fertilizante ou adubo de flor seguindo as indicacións do fabricante. Esta flor é moi propensa a ser atacada polos pulgóns. Para evitar este ataque, pódese botar un insecticida caseiro. Outro ataque á flor é un fungo chamado oídio que fará que a planta colla unha cor abrancazada, neste caso é mellor facer unha nova plantación, xa que non é doada a eliminación cun funxicida. Outra peste son os bugallos que poden saír nas follas polas larvas do mosquito da violeta (Dasyneura affinis) que pode ter 5 xeracións. No interior de cada bugallo pódense atopar até 25 ou 30 larvas rosadas. As da última xeración pasan o inverno dentro do bugallo abeiradas por un casulo. Para loitarmos contra isto cómpre tirar e queimar as follas deformadas. Esta praga, porén, pódese confundir coa dun ácaro eriófido, causante da chamada erinose. Neste caso as follas engúrranse polo bordo, mais sen o típico engrosamento típico dos bugallos. Tamén algúns miriápodos coma os diplópodos poden producir ás veces danos rillando as raíces e as follas baixas, cortando a planta polo colo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pensamento.
  2. Marcial Valladares Núñez (1884): Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar

Véxase tamén

editar