Praia do Vao, Coruxo
A praia do Vao é un areal vigués, situado na parroquia de Coruxo, no concello de Vigo, pertencente á provincia de Pontevedra. A praia é unha das de maior sona da cidade despois da de Samil, conta cun paseo que atrae a numerosos turistas. Chégase a través da estrada de Coruxo a Canido. Salienta a súa area branca e moi fina, e por estar unida á illa de Toralla pola ponte do mesmo nome. Nun dos laterais do areal atópase o eido-arboredo Mirambell, onde hai unha escavación-museo (Vila romana de Toralla). O areal áchase entre as praias de Canido e a caliña nudista de Breadouro ou do Baluarte.
Praia do Vao, Coruxo | |
---|---|
Praia do Vao. | |
Características xerais | |
Lonxitude | 0,8 km |
Largo medio | 45 m |
Grao de ocupación | Alto |
Grao de urbanización | Semiurbana |
Paseo marítimo | |
Características específicas | |
Composición | granítica clara |
Tipo de area | Moi fina |
Condicións do baño | |
Praia nudista | Si |
Aspectos medioambientais | |
Presenza de vexetación | Si |
Bandeira Azul | Si |
Seguridade | |
Equipo de vixilancia | Si |
Sinalización do perigo | Si |
Policía local | Si |
Equipo de salvamento | Si |
Accesibilidade | |
Tipo de acceso | Estrada |
Sinalización do acceso |
Etimoloxía
editarA praia recibe o nome do Vao, por que hai poucos anos era posíbel o acceso á illa a pé grazas a un vao natural no mar formado por unha lingua de area que conectaba Toralla con terra firme.
Características
editarO tamaño do areal é de 800 metros de longo cunha media de 45 metros de largo. É unha das praias máis frecuentadas de Vigo, xunto coa praia de Samil. A area granítica é extremadamente fina e branca. A auga é fría e clara.
A finais da década de 1990 retirouse o paseo que se construirá nos anos 60 recuperando parte das dunas orixinais (actuación que continuou nos anos 2000 logo de desfacer as pistas de fútbol); nesa actuación construíuse un paseo máis apartado e reducido (en parte cunha pasarela de madeira) e se plantou un pequeno piñeiral de especies foráneas, ademais dalgunhas palmeiras illadas. Hoxe en día, ademais da vexetación das dunas, conta cun bo número de chopos negros naturalizados entre as areas. Nos aparcadoiros plantáronse castiñeiros das bruxas e carballos sen éxito, por mor á falla de preparación dos solos.
A mocidade adoitaba practicar unha actividade de risco que consistía en saltar dende a Ponte de Toralla, tornando á praia a nado. Esta actividade prohibiuse polo concello en 2006, instalándose uns sinais de prohibición na mesma ponte.
Á beira da praia atópase a capela da virxe do Carme de Coruxo, que celebra a súa festa no mes de xullo.
Servizos
editarO areal é unha praia semiurbana con todos os servizos. Ten dous aparcadoiros con catro prazas para eivados. Os accesos á praia fanse grazas ás saídas da pasarela de madeira. Nos meses de verán (xullo e agosto) está operativo o sistema de vixilancia e socorrismo así coma o posto da Cruz Vermella todos os días de 10:00 a 21:00 horas. En xuño e setembro durante as fins de semana (2 socorristas).
Ademais ten outros servizos coma: tres fontes, sete duchas, tres teléfonos públicos, megafonía, campo de fútbol, bares, base náutica, servizos para público en xeral e eivados, zonas verdes etc.
Dende a cidade de Vigo pódese chegar á praia en transporte público ( autobuses Vitrasa) coas liñas L10, L11 e C15 A, B e C. A liña C3 prolóngase até as praias as fins de semana.
Historia
editar- Artigo principal: Toralla.
A zona estivo poboada dende a prehistoria. Seguramente a praia foi cuberta de salinas na época romana, xa que xusto ao lado da praia, no arboredo de Mirambell, atópase unha villa galaico-romana dedicada á salga. O Concello de Vigo escavou os últimos anos estes restos no que hoxe é o museo da Vila romana de Toralla. Na achegada illa de Toralla, ademais do castro, atoparíase a necrópole da tal villa.