Nevada
Nevada (i/nɪˈvædə/)[1] é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado ao oeste do país. Linda co estado de California ao oeste, co de Oregón ao noroeste, Idaho ao nordés, con Utah ao leste e co de Arizona ao sueste. Cun total de 286.380 km2 de superficie, Nevada é o 7.o estado máis extenso, así coma o 32.o máis poboado e o 9.o que posúe a densidade de poboación máis baixa. Case os tres cuartos da poboación do estado vive en Clark County, que contén a área metropolitana da cidade de Las Vegas.
State of Nevada (en) | |||||
Himno | Home Means Nevada (1933) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «All For Our Country (mul) » | ||||
Símbolo oficial | Sialia currucoides (pt) (aves) | ||||
Alcume | Silver State | ||||
Epónimo | Serra Nevada | ||||
Localización | |||||
| |||||
Estado | Estados Unidos de América | ||||
Capital | Carson City | ||||
Contén a división administrativa | Carson City Condado de Churchill (pt) Condado de Douglas (pt) Condado de Elko (pt) Condado de Esmeralda (pt) Condado de Eureka (pt) Condado de Humboldt (pt) Condado de Lander (pt) Condado de Lyon (pt) Condado de Mineral (pt) Condado de Pershing (pt) Condado de Storey (pt) Condado de Washoe (pt) condado de Clark (pt) condado de Lincoln (pt) condado de Nye (pt) condado de White Pine (pt) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 3.104.614 (2020) (10,84 hab./km²) | ||||
Número de fogares | 1.130.011 (2020) | ||||
Lingua oficial | sen valor | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 286.380 km² | ||||
Auga | 0,72 % | ||||
Bañado por | Humboldt River (en) , Walker Lake (en) e Pyramid Lake (en) | ||||
Altitude | 1.676 m | ||||
Punto máis alto | Pico Boundary (pt) (4.007 m) | ||||
Punto máis baixo | Río Colorado | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Creación | 31 de outubro de 1864 | ||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | Government of Nevada (en) | ||||
• Governor of Nevada (en) | Joe Lombardo (pt) (2023–) | ||||
Órgano lexislativo | Nevada Legislature (en) , | ||||
Máxima autoridade xudicial | Supreme Court of Nevada (en) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | US-NV | ||||
Identificador GNIS | 1779793 | ||||
Sitio web | nv.gov | ||||
Nevada posúe as maiores taxas de crecemento de poboación de todos os Estados Unidos, en gran parte grazas á grande inmigración de mexicanos na rexión. O crecemento de poboación do Estado entre 1990 e 2000 foi do 66,3%, en canto a poboación do país como un todo creceu 13,1%. Porén, a maior parte está escasamente poboada: a poboación do Estado concéntrase en dous núcleos urbanos distintos, Las Vegas e Carson City-Reno.
Os primeiros exploradores europeos en exploraren a rexión foron os españois. Estes deron o nome de Nevada á rexión, pola neve que era común nos meses de inverno. Nevada foi unha colonia española ata 1821, cando México se tornou independente, e Nevada pasou a formar parte de México. En 1848, co final da Guerra Mexicano-Americana, Nevada pasou a formar parte dos Estados Unidos. O 31 de outubro de 1864, Nevada elevouse á categoría de Estado dos Estados Unidos, durante a Guerra Civil Americana. Por iso, o Estado chamouse The Battle Born State.
Na década de 1870 atopáronse grandes reservas de prata en Nevada; isto deu a Nevada o cognome de The Silver State. Hoxe en día, a economía aínda posúe a minería como unha fonte de renda primaria, e o estado é un gran produtor de prata, ouro, petróleo e area. Porén, no presente, a maior fonte de renda do Estado é o turismo. Nevada é famoso polos seus casinos, que están primariamente concentrados en Las Vegas e mais en Reno.
Historia
editarOs nativos americanos vivían na rexión onde hoxe por hoxe se localiza Nevada, milleiros de anos antes da chegada dos primeiros exploradores europeos. Todas as tribos indíxenas que vivían na rexión formaban parte da familia dos aztecas. O primeiro explorador europeo na rexión foi o español Francisco Garcés, en 1776, partindo de Novo México en dirección a California. Nevada era entón parte das colonias españolas nas Américas. Coa excepción dalgúns postos comerciais para a realización de cambios comerciais con nativos indíxenas, ningún asentamento permanente se instalou na rexión durante décadas.
En 1821, México fíxose independente de España e Nevada pasou a ser controlada por México. Porén, os mexicanos interesáronse pouco en colonizar a rexión da actual Nevada, polo seu clima desértico, impropio para a práctica da agricultura. Nevada continuou a estar habitado só por nativos indíxenas. Durante a década de 1820 chegaron diversos exploradores británicos, principalmente comerciantes a mando da Compañía da Baía de Hudson. Durante a década de 1830 algúns estadounidenses foron explorar a rexión de Nevada. En 1830 Joseph Walker partiu de Santa Fe (Texas) en dirección aos Ánxeles, en California. No medio da viaxe, na desértica rexión de Nevada, creou unha estrada rústica, para mellor orientación. Esta estrada foi moi usada durante a carreira do ouro de California de 1848, que atraeu milleiros de americanos do leste do país en dirección ao oeste.
En 1848, México foi derrotado polos Estados Unidos na Guerra Mexicano-Americana, que se iniciara en 1846. Como consecuencia, toda a rexión de Nevada pasou a formar parte dos Estados Unidos. En 1850, foi creado o territorio de Utah, que incluía a rexión centro-norte da actual Nevada. O restante era parte do Territorio do Novo México, creado tamén en 1850.
Colonos americanos pasaran a instalarse gradualmente na rexión de Nevada. O primeiro asentamento americano foi Virginia City. Os primeiros asentamentos urbanos creáronse principalmente como centro de fornecemento de materias ás persoas do leste americano que viaxaban en dirección ao oeste. Porén, estes materiais- alimentos, roupas, armas e utensilios básicos -eran moi caros, unha vez que estes produtos eran na súa maioría comprados en California, ata o final da década de 1860. En 1859, atopáronse grandes depósitos de prata en Virginia City, atraendo diversas empresas de minería e miles de persoas de California e do leste americano. A poboación da rexión pasou dalgunhas poucas centenas de habitantes en 1850 a 6.857 en 1860. En marzo de 1861, creouse o territorio de Nevada, que incorporaba só as actuais rexións de Nevada que formaban parte anteriormente do Territorio do Novo México.
En 1861, comezou a Guerra Civil Americana, dividindo o país en dous: a Unión, que eran os Estados Unidos propiamente ditos, e os rebeldes Estados Confederados de América. A maioría da poboación estaba a favor da Unión. Abraham Lincoln, presidente dos Estados Unidos nese momento, quería aprobar unha serie de Emendas Constitucionais que prohibisen dunha vez o uso do traballo escravo no país. A aprobación da maioría dos membros da Casa dos Representantes e no Senado sería necesaria. Daquela, Nevada tiña apenas 10 mil habitantes. En novembro de 1863, celebrouse unha convención constitucional para tentar crear unha constitución do futuro Estado de Nevada. Esta constitución contiña unha emenda que propuña impostos sobre calquera mineral extraído no estado. A economía entón estaba baseada en gran parte na minería, e esta constitución non se aprobou. Unha segunda convención constitucional realizouse en xullo de 1864, desta volta con éxito e esta constitución aprobouse. A constitución americana entón dicía que só os territorios con máis de 127.381 habitantes poderían converterse en Estados da Unión. Mais Abraham Lincoln ignorou a Constitución Americana, e tanto el como o Congreso americano aprobaran a elevación de Nevada á categoría de Estado. Así, Nevada converteuse no 36º Estado americano en 31 de outubro de 1864.
En 1866, o goberno americano dividiu o entón Territorio de Novo México (que incluía os actuais estados de Novo México e de Arizona, así como a rexión sur de Nevada) en tres. O Territorio de Novo México pasou a ocupar a porción oriental. A porción central pasou a ser o Territorio de Arizona, e o extremo noroeste do Territorio de Novo México anexouse a Nevada. Esta adquiriu entón as súas actuais fronteiras políticas.
Nevada prosperou economicamente durante a década de 1860 grazas á minería da prata. Nunha década a poboación aumentou de 6.857 habitantes en 1860 a 42.491 en 1870. Porén, durante mediados da década de 1870, o goberno americano impuxo límites ao uso da prata no sistema económico do país, diminuíndo moito a demanda deste metal. Alén diso, o mineral de prata entón extraído nas minas da rexión era de baixa calidade, mesturada con outros elementos químicos. Antes das restricións sobre o uso da prata na economía do país, os prezos da prata eran altos, posibilitando así a cara purificación do mineral. Como consecuencia, moitas das empresas que operaban minas no estado se foron, en tanto outras tiveron que despedir a centenas de traballadores. A taxa de desemprego subiu drasticamente, e moita da poboación saíu do estado en busca de emprego. A poboación caería gradualmente ata o inicio do século XX. A gandería tornouse entón a principal fonte de renda de Nevada, aínda que os invernos rigorosos e a falta de infraestruturas de transportes impediron que a gandería se desenvolvese axiña.
Na década de 1900, foron descubertas novas reservas de prata en Nevada, próximas a Tonopah. O mineral de prata extraído nestas minas era de maior calidade, e os custos de purificación, menores. Así, a minería de prata tornouse novamente unha importante fonte de renda. Alén diso, tamén foron descubertas reservas de cobre en 1900. Porén, o máis importante descubrimento ocorreu en 1902, cando se atoparon grandes reservas de ouro. Máis reservas de ouro atopáronse en 1903. A industria de minería pasou a prosperar novamente. Diversas vías ferroviarias foron construídas para transportar o mineral extraído no estado a outras rexións do país, axudando a desenvolver o comercio urbano e a gandería de Nevada. Durante a década de 1900, Nevada aprobou unha lei que permitiu a calquera persoa divorciarse se levaba 6 meses vivindo no Estado, buscando atraer máis persoas á rexión.
En 1907, o goberno federal, en parcería con Nevada, finalizou o Nevada's Newlands Irrigation Project, o primeiro proxecto de irrigación artificial en grande escala realizado polo goberno americano. Este proxecto consistiu principalmente na construción de encoros ao longo dos ríos Carson e Truckee, o que permitiu a xeración de electricidade e a práctica da agricultura en Fallon.
Os Estados Unidos entraran na primeira guerra mundial en 1917. Entón, a maioría das reservas de ouro e de prata xa se esgotaran. Porén, o Estado aínda posuía grandes reservas de cobre, así como de tungsteno e de cinc, metais que tivero gran demanda durante a guerra. Estas reservas foran descubertas a mediados da década de 1910. Moitas minas inauguráronse para atender á demanda. Porén, co fin da guerra en 1918, a demanda e os prezos de minerais en xeral caeron drasticamente. Diversas minas fecháronse en Nevada, e o Estado entrou nunha recesión económica.
En 1927, o goberno diminuíu o tempo necesario para que unha persoa se divorciara de 6 a 3 meses, e en 1931, apenas 6 semanas. Millares de persoas instaláronse no Estado para obter axiña certificados de divorcio. Aínda en 1931, Nevada legalizou a práctica do xogo de azar no estado. Ata entón, estas xogos estaban prohibidos. Nevada legalizara a práctica destes xogos en 1869, mais os habitantes do Estado premeron para que o goberno estatal prohibise a práctica de xogos en Nevada, o que se aprobou en 1909. Porén, tales xogos continuaran a seren practicados ilegalmente. O goberno esperaba a prohibición dos xogos de azar despois dunha melloría nas condicións económicas do Estado, mais desde entón, esta posibilidade nunca se considerou seriamente polo goberno do estado. Diversos casinos inauguráronse en Nevada e a economía do Estado comezou a prosperar.
Durante o final da década de 1930, considerábeis reservas de ferro, cinc e chumbo foron descubertas en Nevada. A segunda guerra mundial fixo con que a industria de minería florecese no Estado. A produción de material bélico e outros materiais necesarios na guerra fixo que a demanda de cobre, tungsteno, ferro, cinc e chumbo crecese enormemente.
O goberno americano construíu diversas bases aéreas na rexión. Entre elas, destaca a Área 51, hoxe en día coñecida mundialmente.
Despois do fin da guerra, en 1945, a caída da demanda doméstica e internacional de metais causou o declive da industria de minería de Nevada. Durante a década de 1950, Nevada instituíu unha lei onde obrigaba a todo casino (ou calquera outro estabelecemento con xogos de azar) a ter unha licenza, que sería dada despois dunha rigorosa inspección e investigación do estado das instalacións.
Entón, o turismo xa era unha fonte de renda primaria do Estado. A importancia do turismo na economía aumentou axiña durante a década de 1950 e de 1960. En 1970, preto de 15 millóns de turistas visitaron o Estado. No presente, o turismo é a principal fonte de renda de Nevada.
Ao longo da década de 1950 e de 1960, militares americanos realizaran diversos testes de bombas nucleares nunha rexión totalmente illada, no sur de Nevada, a apenas 100 quilómetros de Las Vegas. Diversas bombas nucleares detonaron.
En 1963, rematou unha disputa xudicial entre Nevada, California e o Arizona no Tribunal Supremo dos Estados Unidos, de máis de 4 décadas de duración. Esta disputa era sobre as reservas de auga do río Colorado, importantes para o fornecemento de auga potábel en Arizona e Nevada (estados cuxo clima é desértico na maioría) e na rexión suroeste de California (rexión de clima desértico). A resolución do Tribunal Supremo instituíu cotas máximas de auga potábel que poderían ser extraídas do Colorado anualmente por cada estado. A prioridade deuse a Arizona. En 1967, creouse un proxecto estatal co intento de atopar novas reservas de auga potábel para Las Vegas, entón en rápido crecemento de poboación. En 1983, este proxecto tivo fin, coa inauguración dun grande acueduto que trae auga potábel do Lago Mead.
Desde a década de 1980, a economía do estado tornouse gradualmente máis variada, e aínda que o turismo siga sendo a maior fonte de renda de Nevada, a industria de manufacturación e de construción tornáronse importantes fontes de renda. En 2002, o presidente americano George W. Bush aprobou a creación dun depósito de lixo nuclear en Nevada, en Yucca Mountain, unha rexión illada e de propiedade do goberno federal, fronte ás protestas do goberno do estado e de organizacións ambientalistas.
Durante anos, os habitantes de Wendover (Nevada) e Wendower (Utah), cidades veciñas mais en estados diferentes, premeron ao goberno dos seus respectivos Estados a realizaren a fusión. Con esta fusión a vila de Utah pasaría a formar parte da de Nevada, que posúe case o triplo de habitantes. No presente, o goberno de Nevada e mais o de Utah están discutindo esta fusión. Para concretala, terá que ter a aprobación do Lexislativo de ambos os Estados e o aval do Congreso americano.
Xeografía
editarNevada limita ao norte con Oregón e Idaho, ao leste con Utah e Arizona, e ao oeste con California. O río Colorado serve como unha fronteira natural entre Nevada e Arizona.
Posúe poucos ríos e lagos permanentes, aínda que varios ríos temporais flúan durante a estación húmida. Os dous principais ríos son o Humboldt e o Colorado. O Humboldt desemboca no Humboldt Sink, un pequeno lago localizado nun solo areoso que xa foi o leito dun lago. Os principais lagos son o Maid e o Pyramid. Menos de 2% do estado é cuberto por bosques. A maior parte da rexión é desértica.
A maior parte domínase pola Basin and Range Region. Esta rexión xeográfica posúe gran variación de altitude, variando entre 146 metros no extremo sueste do estado (xunto ao Colorado) a 4.005 metros (Monte Boundary) no suroeste. Estes dous puntos son respectivamente o punto máis baixo e máis alto do Estado. A Basin and Range Region caracterízase polo seu solo rochoso e accidentado. Ao longo desta rexión, existen diversos xeisers e piscinas de augas quentes. No extremo nordeste de Nevada localízase a Meseta de Columbía, caracterizada pola presenza de vales profundos e estreitos, e polo seu solo pouco accidentado. A Sierra Nevada é unha cadea de montañas localizada no centro-oeste do Estado.
Clima
editarNevada posúe un clima desértico, con dúas estacións ben definidas. Os invernos do estado son longos e moi fríos, en canto que os veráns son quentes na maior parte do estado. Por causa do seu clima desértico, rexistra grandes variacións de temperaturas entre o día e a noite. Por exemplo, Reno por veces rexistra diferenzas entre a máxima e a mínima dun día dado maiores de 25 °C. A rexión sur posúe as maiores temperaturas medias no ano, grazas á súa baixa altitude e á súa menor latitude, en relación ao resto do Estado.
No inverno, as menores temperaturas medias rexístranse no nordeste, e as maiores no sur. A temperatura media é de -4 °C no nordeste, -3 °C no norte e de 6 °C no sur. A media das mínimas é de 2 °C no sur e de -10 °C no nordeste, e a media das máximas é de 13 °C no sur e de 4 °C no nordeste. Os extremos varían entre -40 °C e 22 °C. A menor temperatura rexistrada foi de -46 °C, o 8 de xaneiro de 1937.
No verán, as maiores temperaturas medias anuais rexistráronse no sur, e as menores, nas rexións de maior altitude e no norte en xeral. A temperatura media no sur é de 30 °C, e de 21 °C nas rexións de maior altitude e no norte. A media das mínimas é de 21 °C no sur e de 7 °C en rexións de maior altitude e no norte. A media das máximas é de 40 °C no sur e de 29 °C nas rexións de maior altitude e no norte. A maior temperatura rexistrada foi de 52 °C, rexistrada en Laughin o 29 de xuño de 1994.
Nevada posúe a menor taxa de precipitación media anual de choiva dos Estados Unidos. Só as rexións de maior altitude reciben máis de 60 centímetros anuais de choiva; porén, a maior parte recibe menos de 30 centímetros. O norte en xeral posúe unha precipitación media anual de 35 centímetros, en canto que as rexións de menor altitude, que ocupan todo o sur e moito do oeste de Nevada, reciben menos de 20 centímetros por ano. As taxas de precipitación media anual de neve varían desder os 750 centímetros en Sierra Nevada a menos de 2,5 centímetros no sur.
Política
editarA actual Constitución adoptouse en 1864. As emendas á constitución son propostas polo Poder Lexislativo e, para aprobarse, precisan ao menos do 51% do Senado e da Casa dos Representantes do Estado, en dúas votacións sucesivas, e por 51% ou máis da poboación electoral de Nevada, nun referendo. A poboación do Estado tamén pode propor emendas á Constitución a través da recollida dun certo número de sinaturas. En Nevada, son necesarios ao menos a sinatura de 10% das persoas que votaron na última votación xeral ou elección estatal para gobernador realizada no Estado. Se a emenda for aprobada polo 51% ou máis dos votantes en dous referendos consecutivos, é automaticamente aprobada. As emendas tamén poden ser propostas e introducidas por convencións constitucionais, que precisan recibir ao menos a aprobación do 67% dos votos de ambas as cámaras e o 51% dos electores do Estado nun referendo.
O principal oficial do Poder Executivo de Nevada é o gobernador. Este é electo polos electores do estado para mandatos de ata 4 anos de duración. Unha persoa determinada pode exercer o cargo de gobernador só dúas veces.
O Poder Lexislativo consta do Senado e da Asemblea. O Senado posúe 21 membros e a Asemblea 42. Nevada está dividido en 21 distritos lexislativos. Os electores de cada distrito elixen un senador e dous membros da Asemblea. O mandato dos senadores é de catro anos, e dos membros da Asemblea, de 2 anos. Como para gobernador, unha persoa pode exercer o cargo de senador só dúas veces. Para os membros da Asemblea, o límite é de 6 mandatos.
O tribunal máis alto do Poder Xudicial é o Tribunal Supremo de Nevada, composto por sete xuíces, elixidos pola poboación do Estado para mandatos de 5 anos. Nevada tamén posúe 9 tribunais de distrito, que empregan un total de 51 xuíces, electos pola poboación dos seus respectivos distritos xudiciais para mandatos de ata 6 anos de duración.
Politicamente, a maior parte do Estado está dominada polo Partido Republicano. Porén, o Partido Demócrata posúe gran forza no Condado de Clark, condado que acolle a metade da poboación do Estado. En xeral, en Nevada non destaca politicamente ningún dos dous partidos. Nas eleccións a gobernador, os demócratas obtiveron máis gobernadores que republicanos, aínda que nas últimas décadas eleccións gobernamentais teñan sido acirradas, con cifras similares de demócratas e republicanos elixidos para gobernador. En eleccións presidenciais, Nevada apoia maioritariamente aos republicanos, aínda que eleccións presidenciais no estado sexan acirradas, con ningún partido político claramente dominando a elección.
Nevada está dividido en 17 condados. Estes condados gobérnanse por consellos compostos por 3, 5 ou 7 membros. A maior parte das cidades gobérnase por un prefecto e por un consello municipal.
Cerca de 70% do orzamento do Estado vén de impostos estatais, dos cales os principais son impostos de venda e impostos cobrados de estabelecementos de xogo de azar. O 30% restante vén de partidas recibidas do goberno federal e de empréstitos. Nevada non cobra imposto de renda dos seus habitantes. En 2002, o goberno do Estado gastou 7.348 millóns de dólares, tendo xerado 6.888 millóns de dólares. A débeda gobernamental é de 3.668 millóns de dólares. A débeda per capita é de 1.693 dólares, o valor dos impostos estatais per capita é de 1.821 dólares, e o valor dos gastos gobernamentais per capita é de 3.391 dólares.
Nevada é o único estado americano onde a prostitución é legal. A prostitución legalizouse só en condados con menos de 400 mil habitantes - hoxe en día, só o condado de Clark posúe máis de 400 mil habitantes. Calquera condado é libre de prohibir a práctica da prostitución; en condados que a permiten, as cidades posúen o poder de prohibila dentro dos límites da cidade. As prostitutas precisan ser maiores de 18 ou 21 anos de idade (dependendo do condado), e soamente poden traballar en bordeis. Estes precisan ser censados polos seus respectivos condados, e pagar unha taxa anual que varía co condado (de 200 a 100 mil dólares). As prostitutas precisan realizar semanalmente probas médicas para a detección de diversas doenzas sexualmente transmisíbeis, e mensualmente para a detección do HIV, e os bordeis poden ser considerados culpables no caso de que os seus clientes contraeran algunha DST. O uso da condón é obrigatorio. Os bordeis non poden realizar publicidade en condados onde a práctica estea prohibida.
Nevada é tamén o único Estado americano que posúe diferentes idades mínimas para diferentes prácticas sexuais. Un adulto pode ter "relacións sexuais con calquera persoa maior de 16 anos de idade", porén, unha segunda lei torna ilegal a demanda, estimulación ou incitación de calquera persoa con menos de 18 anos de idade a realizar o que a propia lei en cuestión describe como "o infame crime contra a natureza".
Demografía
editar
|
|
De acordo co censo nacional de 2000, a poboación era de 1.998.257 habitantes. Unha estimación realizada en xullo de 2004 aumenta este número a 2.334.771. O crecemento de poboación do estado entre 1990 e 2000 foi do 66,3%, mentres que a poboación do país como un todo creceu un 13,1%. Entre 1990 e 2000, a poboación creceu o 93,5%, e entre 2000 e 2004, o 17%. Nevada posúe as maiores taxas de crecemento de poboación de todos os Estados Unidos, en gran parte, grazas á grande inmigración de mexicanos na rexión.
A maior parte do estado esta escasamente poboado. Cerca do 96% da poboación concéntrase nas dúas rexións metropolitanas de Nevada: Las Vegas e Carson City-Reno, as maiores cidades do Estado. Só outras 8 cidades posúen máis de 25 mil habitantes. O Estado está marcadamente urbanizado: máis do 92% da poboación moran en cidades.
Etnias
editarComposición racial da poboación de Nevada:
- 65,2 % brancos
- 19,7 % hispanos
- 6,8 % afroamericanos
- 4,5 % asiáticos
- 0,9 % nativos americanos
- 1,4 % dúas ou máis etnias
Os cinco maiores grupos étnicos do Estado son alemáns (que forman o 14,1% da poboación do estado), mexicanos (12,7%) irlandeses (11%), ingleses (10,1%) e italianos (6,6%).
Relixión
editarPercentaxe da poboación por afiliación relixiosa:
- Cristianismo: 78 %
- Protestantes: 44 %
- Igrexa Batista: 15 %
- Igrexa Metodista: 5 %
- Luteranismo: 3 %
- Outras afiliacións protestantes: 21 %
- Igrexa católica: 24 %
- Mormóns: 9 %
- Outras afiliacións cristiás: 1 %
- Protestantes: 44 %
- Outras relixións: 2 %
- Non-relixiosos: 20 %
Principais cidades
editarEconomía
editarO produto interior bruto de Nevada en 2003 foi de 88.000 millóns de dólares. A renda per cápita do Estado, pola súa vez, foi de 31.910 dólares, o décimo noveno maior do país.
O sector primario responde do 1% do PIB. Nevada posúe 3 mil facendas, que ocupan preto do 12,5% do Estado. Moito deste terreo só se usa para a práctica da gandería. Por causa do clima desértico de Nevada, a práctica da agricultura é imposíbel sen irrigación artificial. Xuntas, a agricultura e a gandería representan o 1% do PIB do Estado, e empregan aproximadamente 19 mil persoas. O Estado posúe grandes rabaños bovinos e ovinos. Os principais produtos agropecuarios producidos no estado son carne e leite bovino e ovino. O principal produto cultivado nas facendas irrigadas artificialmente é palla, usada como alimento do gando. Outros produtos cultivados son alfalfas, patacas, cebolas e trigo. A pesca e a industria madeireira son responsábeis de menos do 0,01% do PIB do Estado.
Ao sector secundario corresponde o 16% do PIB de Nevada. A industria de manufactura responde do 10% e emprega aproximadamente a 103 mil persoas. O valor total dos produtos fabricados no estado é de 4.500 millóns de dólares. Os principais produtos industrializados fabricados no estado son alimentos industrializados, cemento e material publicitario. A industria de construción responde do 4% do PIB, empregando aproximadamente 48 mil persoas. A minería, co 2% do PIB, emprega preto de 13 mil persoas. O principal mineral extraído no Estado é ouro: Nevada é o maior produtor nacional de ouro (o 76% do ouro producido anualmente no país). Outros minerais importantes son prata, tungsteno e magnesio.
O sector terciario responde do 83% do PIB de Nevada. Cerca de 32% do PIB vén de servizos comunitarios, persoais e comerciais. Este sector emprega máis de 530 mil persoas. Servizos financeiros e inmobiliarios representan preto do 18% do PIB, empregando aproximadamente 125 mil persoas. O comercio é moi auxiliado polo turismo - en 2000, os turistas gastaran preto de tres mil millóns de dólares nos casinos do Estado. Os servizos gobernamentais representan o 12% do PIB, e empregan unhas 130 mil persoas. Transportes, telecomunicacións e utilidades públicas empregan a 62 mil persoas, e representan o 8% do PIB. A maior parte da electricidade consumida no estado xérase en centrais de carbón. Centrais hidroeléctricas, centrais de gas natural e petróleo, así como centrais xeotérmicas, xeran a maior parte restante da electricidade consumida no estado.
Educación
editarO goberno comezou a planear un sistema estatal de escolas públicas en 1861. Catro anos despois, en 1865, xa elevado á categoría de Estado, o Poder Lexislativo estabeleceu un sistema público estatal de escolas públicas, e os primeiros distritos escolares do estado. Porén, houbo grandes dificultades na área de educación básica por causa da súa pequena poboación e pola presenza de vastas rexións onde cidades e comunidades rurais ficaban illadas do resto do estado. Nestas áreas, xa existían escolas, mais atendían xeralmente a tan só de 3 a 10 alumnos. Estes alumnos, á súa vez, moitas veces vivían lonxe das escolas, e eran obrigados a percorrer longas distancias para poderen frecuentar a escola. En 1900, o estado inaugurou a súa primeira escola secundaria (high school).
Hoxe por hoxe, todas as institucións educativas en Nevada precisan seguir regras e padróns ditadas polo Consello Estatal de Educación de Nevada. Este consello controla directamente o sistema de escolas públicas do Estado, que está dividido en diferentes distritos escolares. O Consello está composto por 11 membros electos pola poboación do Estado. Nas cidades, a responsabilidade de administrar as escolas é do distrito escolar municipal, en tanto que en rexións menos densamente habitadas, esta responsabilidade é dos distritos escolares operando en todo o condado en xeral. Todos os nenos e adolescentes entre 7 e 15 anos de idade deben asistir á escola.
En 1999, as escolas públicas do Estado atenderan preto de 325,6 mil estudantes, empregando aproximadamente 17,4 mil profesores. As escolas privadas atenderan preto de 13,9 mil estudantes, empregando aproximadamente mil profesores. O sistema de escolas públicas do Estado consumiu preto de 1.738 millóns de dólares, e o gasto das escolas públicas por estudante é de aproximadamente 5,9 mil dólares.
Nevada posúe preto de 80 bibliotecas públicas. A maioría delas concéntrase en Las Vegas e en Reno. O Estado posúe dúas institucións de educación superior, a Facultade de Sierra Nevada e o Sistema de Universidades e Facultades Comunitarias de Nevada. Esta última administra unha serie de universidades e facultades espalladas polo estado.
Transportes e telecomunicacións
editarO principal centro aeroportuario, ferroviario e de autoestradas é Las Vegas. Nevada posúe preto de 60 mil quilómetros de estradas e autoestradas. A Amtrak e a Greyhound fornecen servizo de transporte de pasaxeiros interurbano a través do uso de ómnibus. O principal aeroporto do Estado é o Aeroporto Internacional McCarran. É un dos aeroportos con máis movementos dos Estados Unidos e do mundo, atendendo a preto de 41 millóns de pasaxeiros por ano. En 2002, Nevada posuía 1.931 quilómetros de vías ferroviarias. En 2003, o Estado posuía 54 681 quilómetros de estradas e autoestradas, dos cales 901 quilómetros eran considerados parte do sistema federal de autoestradas interestatais.
O primeiro xornal publicado en Nevada foi o Territorial Enterprise, publicado en Xenoa, en 1858. No presente, publícanse preto de 40 xornais no Estado, dos cales 10 son diarios. Varios destes xornais son impresos en español e dirixidos especialmente á comunidade hispánica do Estado. A primeira emisora de radio inaugurouse en Reno, en 1928. Hoxe en día, o Estado posúe preto de 50 emisoras de radio, varias delas coa súa programación en español. A primeira emisora de televisión do Estado, á súa vez, fundouse en 1953, en Las Vegas. Hoxe por hoxe, Nevada posúe 15 emisoras de televisión.
Cultura
editarSímbolos do Estado
editar- Árbores: Pinus monophylla e Pinus balfouriana
- Cores: Azul e prata
- Flor: Artemisia tridentata
- Fósil: Ichthyosauria
- Gramo: Oryzopsis hymenoides
- Lema: All for our country (Todo polo noso país)
- Mamífero: Ovis canadensis nelsoni
- Metal: Prata
- Música: Home Means Nevada (O fogar quere dicir Nevada)
- Paxaro: Sialia currucoides
- Pedra preciosa: Ópalo
- Pedra semipreciosa: Turquesa
- Peixe: Troita
- Réptil: Gopherus agasicii
- Rocha: Arenita
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Nevada |