Morgause, tamén coñecida nas obras mais temperás como Gwyar ou Anna, é a irmá ou medio irmá do Rei Artur na Materia de Bretaña. Na súa primeira aparición, ela é a irmá de Artur e filla de Uther Pendragon e Igraine; chámase Gwyar e é a nai de Gwalchmei. En Historia Regum Britanniae de Geoffrey de Monmouth (1136), ela é Anna, nai de Gauvain e de Mordred. En obras máis tardías xa aparece como Morgause, filla de Igraine e de Gorlois. Máis tarde, Morgause queda en estado de Mordred despois de deitarse con Artur cando aínda non estaban ó tanto da súa relación familiar. O seu marido é o Rei Lot, un inimigo de Artur nas rebelións que seguiron a súa coroación.

Tamén se lle atribúen como irmás a Elaine e Morgana. Os traballos tardíos outórganlle cinco fillos, todos homes, mentres que as primeiras obras tamén falan dalgunha filla. Do máis vello ó máis novo, os fillos de Morgause son Gauvain, quen chegou a ser un dos mellores cabaleiros da Táboa Redonda, Agravain, un traidor miserable, Gaheris, Gareth, un cabaleiro amábel e cariñoso, e Mordred, o seu fillo con Artur. Os seus fillos desempeñan papeis fundamentais na historia de Artur e o seu reino. Tamén aparece como un personaxe activo en Le Morte D'Arthur de Thomas Malory, en Lancelot-Graal e no Ciclo da Pos-Vulgata.

En Le Morte D'Arthur e no Ciclo da Pos-Vulgata, o seu marido morre en combate a mans do Rei Pellinore, o que fixo que comezase unha vinganza de sangue entre as familias de Pellinore e Lot. Gauvain e Gaheris matan a Pellinore, e máis tarde, Morgause ten un romance con Lamorak, fillo de Pellinore e un dos mellores cabaleiros da Táboa Redonda. O seu fillo Gaheris descóbreos xuntos, e mata á súa nai na cama mentres que deixa marchar a Lamorak. Pensando que fora Lamorak quen matara á súa nai, Gauvain, Agravain e Mordred únense a Gaheris para emboscar a Lamorak e matalo. Os irmáns eventualmente descobren que Gaheris fora o asasina da súa nai e este é desterrado da corte (aínda que logo aparece na narrativa posterior).

Morgause no audiovisual

editar

Ó ser un personaxe recorrente da Materia de Bretaña, aparece en varios filmes que relatan as aventuras do Rei Artur. Porén, é frecuente que se combinen os personaxes de Morgana e de Morgause como unha soa persoa. Algúns dos filmes nos que aparece son Excalibur (1981) e The Mists of Avalon (2001). Tamén aparece na serie de televisión Merlin (1998).

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar