Ludwig Boltzmann
Ludwig Eduard Boltzmann, nado en Viena o 20 de febreiro de 1844 e finado en Duino o 5 de setembro de 1906, foi un físico austríaco coñecido por ser, xunto con James Clerk Maxwell, pai da Distribución de Maxwell-Boltzmann na que se basea a Teoría cinética dos gases; a cal sería a primeira teoría enmarcada na disciplina da mecánica estatística.
Traxectoria
editarInfancia e educación
editarBoltzmann naceu en Viena cando esta inda era a capital do Imperio Austrohúngaro. Seu pai, Georg Ludwig Boltzmann, era funcionario do estado. Seu avó, que se mudara a Viena dende Berlín, era reloxeiro. Recibiu a educación primaria dun titor particular en casa de seus pais, e a secundaria en Linz. Perdeu a seu pai con 15 anos.
Pasaría a estudar física na Universidade de Viena, onde acadou o seu doutoramento en 1866 cunha tese supervisada por Joseph Stefan e que versaba sobre a Teoría cinética dos gases.
Carreira académica
editarÓs 25 anos, en 1869, e grazas a unha carta de recomendación do seu director de tese, sería nomeado catedrático de física matemática na Universidade de Graz. Nese ano colaboraría varios meses con Robert Bunsen e mais Leo Königsberger en Heidelberg. Dous anos máis tarde colaboraría con Gustav Kirchhoff e Hermann von Helmholtz en Berlín.
De 1873 a 1876 exerceu o rol de profesor de matemáticas na Universidade de Viena.
En 1872 coñecería a Henriette von Aigentler, unha aspirante a profesora de Graz. O 17 de xullo de 1876 casaríanse, e tiveron tres fillas e dous fillos. Debido a nova situación familiar, ese ano volve a Universidade de Graz a ocupar a cátedra de Física Experimental. Entre os seus alumnos estarían Svante Arrhenius e Walther Nernst.
En 1885 convértese en membro da Academia das Ciencias de Austria e en 1887, en presidente da Universidade de Graz. Un ano máis tarde, en 1888 sería elixido como membro da Real Academia Sueca de Ciencias. Boltzmann sería nomeado en 1890 para a cátedra de Física Teórica da Universidade de Múnic. En 1893 sucedería o seu profesor Joseph Stefan como profesor de Física Teórica na Universidade de Viena.
Últimos anos
editarBoltzmann gastou moitos esforzos na defensa da teoría atómica, nunha época na que esta inda non era moi aceptada. Isto granxeoulle a inimizade de personaxes importantes como Ernst Mach, o cal entraría en 1895 na universidade como profesor de Filosofía e Historia da Ciencia.
Boltzmann, invitado por Wilhelm Ostwald, marcharía en 1900 para a Universidade de Leipzig. Despois de que Mach se xubilase volvería a Viena, en 1902.
En 1903 fundaría, xunto con Gustav von Escherich e Evin Müller, a Sociedade Matemática de Austria.
Entre os estudantes máis sinalados que tivo, estiveron Karl Przibram, Paul Ehrenfest e Lise Meitner.
Boltzmann pasou toda a súa vida con fortes cambios de ánimo, no que posiblemente foi un trastorno bipolar non diagnosticado. Meitner relatou que quen estaba ó lado de Bolztmann coñecía estes episodios e sabía dos seus intentos de suicidio. El, en ton de broma, atribuía os seus cambios de humor a ter nacido a noite entre martes de entroido e mércores de Cinsa.
En 1906, en Duino, Trieste, durante as vacacións, aforcouse durante un episodio de depresión. Foi enterrado en Zentralfriedhof, e na súa lápida pode lerse a inscrición , a ecuación que descubriría sobre a natureza estatística da entropía.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Max Planck (1914). The Theory of Heat Radiation (Teoría da radiación por calor), P. Blakiston Son & Co. Dover (1959) e (1991). ISBN 0-486-66811-8
- Richard C. Tolman (1938). The Principles of Statistical Mechanics (Os principios da mecánica estatística), Oxford University Press. Dover (1979). ISBN 0-486-63896-0
- Ernst Cassirer, El problema del conocimiento en la filosofía y en la ciencia modernas, México, FCE, tomo IV, 1979.
- J. Willard Gibbs (1901). Elementary Principles in Statistical Mechanics (Principios elementais de mecánica estatística), Ox Bow Press (1981). ISBN 0-918024-19-6.
- David Lindley. Boltzmann's Atom: The Great Debate That Launched A Revolution In Physics (O átomo de Boltzmann: O gran debate que xerou unha revolución na física). ISBN 0-684-85186-5
- A. J. Lotka (1922). "Contribution to the energetics of evolution" (Contribución a enerxética da evolución). Proceedings of the National Academy of Sciences, 8: 147–151.
- J. Bronowski (1973). El ascenso del hombre (The Ascent of Man) (cap. 10, "Un mundo dentro del mundo"). Bogotá: Fondo Educativo Interamericano. No. 853 (Alejandro Ludlow Wiechers, trad.).